Conforme o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11 e 13 da Constitución española.
O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 29 de decembro de 2010 e entrou en vigor o 18 de xaneiro de 2011.
O artigo 21 da devandita lei recolle a constitución da mesa local do comercio como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial.
A correspondente deputación provincial asumirá as funcións da Administración local na mesa local do comercio naqueles concellos que non conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou cando non existan asociacións de comerciantes.
Esta nova regulación legal responde á demanda do pequeno comercio de manter un diálogo aberto, continuo e permanente coa Administración local.
Con este obxectivo prevese a existencia dunha mesa local do comercio en cada un dos concellos de Galicia, ben a través da creación de mesas locais do comercio de ámbito municipal ben mediante a creación de mesas locais de comercio nas deputacións provinciais, que representen aqueles concellos que non cumpran os requisitos previstos para que se constitúan neles.
Por outra banda, a norma persegue que todas as asociacións locais de comerciantes e de consumidores estean representadas, con voz e voto, nas mesas locais do comercio do respectivo concello, buscando a máxima participación comercial.
Porén, este obxectivo modúlase cando o número de asociacións locais existentes impide alcanzar a necesaria operatividade, eficacia e axilidade da mesa local do comercio en cuestión, polo elevado número de membros. Por isto, a norma establece indirectamente un número máximo de membros das mesas locais do comercio ao limitar a sete o número de representes do comercio.
Así, nos concellos en que existan máis de sete asociacións de comerciantes, co fin de acadar unha maior eficacia no cumprimento dos seus obxectivos e funcións, regúlase unha composición específica, de tal forma que, sen minguar a representatividade das persoas comerciantes e consumidoras, se reduza o seu número para dotar a estes órganos colexiados dunha maior capacidade operativa.
A disposición derradeira primeira faculta o Goberno galego para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desa lei. Con este decreto faise uso da devandita habilitación, regulando as funcións, a composición e o funcionamento do referido órgano colexiado con suxeición, así mesmo, á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de setembro de dous mil once,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
Este decreto ten por obxecto regular os obxectivos, as funcións, a composición, o funcionamento e a constitución das mesas locais do comercio, en desenvolvemento do disposto no artigo 21 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
Artigo 2. Natureza e obxectivos.
1. As mesas locais do comercio constitúense como órganos colexiados de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial.
2. Os obxectivos das mesas locais do comercio son os seguintes:
a) Lograr un maior dinamismo e modernización do comercio.
b) Erixirse en foro de debate plural e eficaz.
c) Actuar como órgano consultivo e de coordinación local co obxectivo de consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial do municipio.
Artigo 3. Funcións.
As mesas locais do comercio terán as seguintes funcións:
a) Participar no deseño das campañas de promoción do comercio que poña en marcha o correspondente concello.
b) Emitir informe nas campañas de promoción do comercio postas en marcha por comerciantes que se financien con fondos públicos.
c) Emitir informe, con carácter preceptivo, nas solicitudes presentadas polas persoas comerciantes para a realización das feiras de oportunidades.
d) Actuar como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten o comercio retallista do municipio.
e) Propoñer ao concello cantas medidas, iniciativas e propostas considere convenientes para o desenvolvemento e a mellora do sector.
f) Ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana.
g) Emitir informe en todos aqueles asuntos en que, pola súa relevancia para o comercio retallista do concello, lle sexa solicitado pola consellería competente na materia.
h) Exercer cantas outras funcións lle sexan atribuídas pola Administración local no correspondente regulamento orgánico en desenvolvemento das funcións de participación, coordinación, cooperación e colaboración atribuídas legalmente.
Artigo 4. Constitución das mesas locais do comercio.
1. As mesas locais do comercio constituiranse en todos aqueles concellos de Galicia, que teñan un número mínimo de vinte comercios retallistas ou dispoñan de asociacións de comerciantes.
2. En cada deputación provincial constituirase unha mesa local do comercio, que asumirá as funcións da Administración local nas mesas locais do comercio naqueles concellos que non conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou cando non existan asociacións de comerciantes.
3. A composición das mesas locais do comercio tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.
Artigo 5. Composición das mesas locais do comercio nos concellos que conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou con asociacións de comerciantes.
1. As mesas locais do comercio nos concellos que conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou con asociacións de comerciantes estarán compostas por:
a) O/a presidente/a, ou a persoa en quen delegue, de cada unha das asociacións locais de persoas comerciantes.
b) Unha persoa representante de cada unha das asociacións locais de persoas consumidoras.
c) O número de representantes da Administración local que sexa necesario para igualar a representación municipal coa das asociacións de persoas comerciantes e consumidoras, entre os cales figurará o/a alcalde/sa ou persoa en quen delegue, que exercerá as funcións da presidencia das mesas locais do comercio.
d) Unha persoa representante da Administración autonómica, que será designada con carácter voluntario pola consellería competente en materia de comercio.
e) Secretaría: actuará como secretario/a a persoa designada para o efecto polo concello, con voz pero sen voto.
2. No caso de concellos que non teñan asociacións de persoas comerciantes e que conten cun mínimo de vinte establecementos comerciais, o concello convocará as persoas titulares destes a unha asemblea para elixiren a súa representación.
3. No suposto de que non existan asociacións locais de persoas consumidoras, o concello convocará unha persoa representante dunha asociación ou federación de consumidores de carácter provincial ou autonómico.
4. Poderán formar parte das mesas locais das grandes cidades de Galicia, ademais das persoas anteriores, unha persoa representante das federacións de asociacións de comerciantes máis representativas da correspondente provincia e unha persoa representante da cámara oficial de comercio da correspondente demarcación. Neste suposto, incrementarase o número de representantes do concello ata igualar as representacións do sector comercial nas correspondentes mesas locais.
Para estes efectos considéranse grandes cidades de Galicia os municipios a que sexa de aplicación o réxime de organización dos municipios de gran poboación, de conformidade co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e na Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación.
5. Naqueles concellos en que existan máis de sete asociacións de persoas comerciantes, formarán parte das mesas locais de comercio:
a) Un representante de cada unha das asociacións de comerciantes que teñan a consideración de centro comercial aberto.
b) As asociacións de vendedores e/ou vendedoras das prazas de abastos, cuxo ámbito de actuación se desenvolva no respectivo concello.
c) As restantes vogalías de comerciantes das mesas locais do comercio, ata completar o número de sete, serán cubertas por asociacións exclusivamente de comerciantes dos barrios ou distritos da cidade que non estean representados polos vogais recollidos nas letras a) e b) deste número. De ser o caso, de existiren máis asociacións de comerciantes que vogalías para cubrir, realizaranse sorteos por barrios ou distritos ata cubrir as sete vogalías das mesas locais do comercio co fin de establecer unha alternancia na rotación que permita a participación de todas as asociacións de comerciantes e a representación de todos os barrios.
En calquera outro suposto diferente dos anteriores, resolverase por sorteo a cobertura de postos das mesas locais do comercio.
6. No caso de que exista máis dunha asociación local de consumidores e usuarios, realizarase un sorteo en que se determine a rotación e alternancia nas mesas locais do comercio procurando a participación de todas as asociacións locais de consumidores.
Artigo 6. Composición das mesas locais do comercio nos concellos que non conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou con asociacións de comerciantes.
1. Nos concellos que non conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou nos cales non existan asociacións de comerciantes, a mesa local do comercio será a constituída na deputación provincial correspondente.
2. As mesas locais do comercio nas deputacións provinciais estarán compostas por:
a) O/a presidente/a, ou a persoa en quen delegue, de cada unha das federacións de asociacións de comerciantes da correspondente provincia.
b) Unha persoa representante de cada unha das federacións provinciais de persoas consumidoras.
c) O número de representantes da correspondente deputación provincial que sexa necesario para igualar a representación local coa das federacións de persoas comerciantes e consumidoras. Entre os/as representantes da deputación provincial figurará o/a presidente/a dela ou persoa en quen delegue, que exercerá as funcións da presidencia da mesas locais do comercio.
d) Unha persoa representante da Administración autonómica, que será designada con carácter voluntario pola consellería competente en materia de comercio.
e) Secretaría: actuará como secretario/a a persoa designada para o efecto pola correspondente deputación provincial, con voz pero sen voto.
Artigo 7. Participacións.
Por petición de calquera dos/das integrantes da mesa e logo do acordo dela, tamén poderá participar de maneira puntual, en relación cos temas que se van tratar na orde do día correspondente, calquera outra persoa, con voz pero sen voto, sempre que sexa comunicado con antelación ao comezo da sesión.
Artigo 8. Substitución, mandato e cesamento.
1. Todas as organizacións e institucións representadas designarán as persoas encargadas de suplir aos seus representantes no caso de inasistencia, por escrito, e con antelación ao inicio das sesións.
2. O mandato das persoas integrantes da mesa será de catro anos renovables.
3. As persoas membros da mesa cesarán cando se produza algunha das seguintes causas:
a) Incapacidade permanente ou falecemento.
b) Incorrer en penas que as inhabiliten para o exercicio de funcións ou cargos públicos.
c) Renuncia.
d) Por proposta da entidade que as designou.
e) Cando deixen de concorrer os requisitos que determinaron a súa designación.
f) No suposto de renovación da corporación local, para o suposto dos membros designados polo concello ou pola correspondente deputación provincial.
Artigo 9. Funcionamento.
1. As mesas locais do comercio reuniranse como mínimo unha vez ao ano en sesión ordinaria, e en cantas sesións extraordinarias se convoquen, conforme o disposto no número 2 deste artigo.
2. As mesas locais do comercio reuniranse en sesións extraordinarias por orde do/a presidente/a, por iniciativa propia ou por petición de, polo menos, unha cuarta parte das súas persoas membros. A convocatoria notificarase cunha antelación mínima de 48 horas, coa indicación do lugar e hora da reunión, a orde do día e os puntos propostos por quen instase a dita convocatoria extraordinaria.
3. Para a válida constitución das mesas locais do comercio en primeira convocatoria requirirase a presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, se for o caso, dos que os/as substitúan e, polo menos, da metade das persoas integrantes, entre as cales estará unha persoa representante do sector comercial e outra en representación das persoas consumidoras.
4. En segunda convocatoria, a sesión comezará trinta minutos despois da hora fixada para a primeira, e requirirá, nos mesmos termos do número anterior, a presenza de polo menos, unha terceira parte das persoas integrantes da mesa, entre as cales estará necesariamente unha persoa representante do sector comercial.
5. Os acordos tomaranse por maioría de votos e o/a presidente/a contará con voto de calidade.
6. As persoas que integran a mesa local do comercio poderán delegar o seu voto en calquera integrante dela para unha sesión concreta, sempre que non puideren asistir as designadas como as súas substitutas de acordo co establecido no artigo 8.1. Esta delegación realizarase por escrito, que se presentará á secretaría da mesa antes do comezo da sesión para que o comunique ao resto das persoas integrantes ao constituírse a mesa. Entenderase que a persoa delegante está presente para os efectos da consecución de quórum.
7. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non estea incluído na orde do día, a non ser que estean presentes todas as persoas membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. As persoas membros da mesa poderán propoñer temas para incluír na orde do día, sempre que sexan recibidos polo/a secretario/a cunha antelación de vinte días naturais.
8. De cada sesión levantará acta o/a secretario/a, na cal relacionará necesariamente os/as asistentes a ela, a orde do día, o lugar e a data de realización, os puntos principais das deliberacións e os acordos adoptados, especificando o número de votos emitidos, a favor, en contra e abstencións. Por solicitude das persoas membros indicarase o sentido do seu voto favorable ou os motivos de súa abstención ou voto en contra.
Calquera persoa membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que a presente por escrito no acto ou no prazo de cinco días hábiles, contado desde a data de realización da sesión, facéndose constar así na acta ou uníndose a esta unha copia do escrito coa transcrición da intervención.
9. O/a secretario/a remitirá unha copia dixital da acta de cada sesión á dirección xeral competente en materia de comercio no prazo do mes seguinte á celebración da sesión.
10. Despois de transcorrer un ano desde a última sesión ordinaria ou extraordinaria sen que o respectivo concello ou deputación provincial convoque a mesa local do comercio, esta poderá ser convocada pola consellería competente en materia de comercio. Neste caso, a convocatoria será efectuada polo/a secretario/a da mesa, por orde da persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio, logo de dar audiencia ás súas persoas integrantes.
Disposición transitoria única.
Os concellos disporán dun prazo de dous meses a partir da entrada en vigor deste decreto para a constitución e adecuación, se é o caso, das mesas locais do comercio ao disposto nel.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento do decreto.
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de comercio para ditar as normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.
Disposición derradeira segunda.
A regulación do funcionamento das mesas locais do comercio que se establece neste decreto aplicarase en defecto das normas internas de funcionamento que poida aprobar a correspondente corporación local.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil once.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria