Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Martes, 4 de outubro de 2011 Páx. 29177

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

Preámbulo

O Consello de Ministros, mediante Acordo do 29 de febreiro de 2008, dispuxo a adopción de medidas excepcionais de carácter social a favor dos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

En cumprimento da devandita habilitación aprobáronse o Real decreto 1010/2009, do 19 de xuño, polo que se establecen medidas destinadas a compensar a diminución na cotización á Seguridade Social para estes traballadores, e o Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, que establece as normas polas que se determinan e concretan medidas para facilitar a reinserción laboral, así como os requisitos e o procedemento para a concesión de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego mencionados que se atopen en situación de desemprego.

Ao tratarse, a subvención regulada no Real decreto 196/2010, dunha axuda cuxa xestión e control se transferiu á Xunta de Galicia, faise necesaria a súa adaptación ás peculiaridades organizativas desta, de forma que esta orde recolle as bases establecidas no devandito real decreto.

O financiamento das axudas previstas nesta orde farase con cargo ao crédito da aplicación 12.05.322B.480.2, código de proxecto 2011 00892, cun importe máximo de 33.649 euros, sen prexuízo de posibles ampliacións ou incorporacións procedentes do Servizo Público de Emprego Estatal.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e emitidos os informes preceptivos na tramitación desta orde, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de concesión directa da subvención especial, prevista no Real decreto  196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

Esta orde recolle as bases establecidas polo Ministerio de Traballo e Inmigración no Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001. Neste sentido, para o non previsto nesta orde observarase o regulado no citado real decreto.

As axudas previstas nesta orde teñen a natureza xurídica de subvencións e rexeranse pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Orde TAS/816/2005, do  21 de marzo, pola que se adecuan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003 as normas reguladoras de subvencións que conceda o Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos de emprego e formación profesional ocupacional; o Real decreto  887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003; o Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, así como o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios da subvención especial recollida nesta orde os traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, ou 25/2001, do 31 de xullo de 2001, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter 52 ou máis anos.

b) Atoparse en desemprego e inscrito como demandante de emprego.

c) Non ter tido dereito ao desfrute da prestación por desemprego de nivel contributivo ou, en caso de ter dereito a esta, tela extinguido por esgotamento.

2. Para os efectos previstos nesta orde considéranse traballadores desempregados os demandantes de emprego, non ocupados, rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Artigo 3. Contía e remuneración.

1. A contía da subvención será de 3.000 euros anuais e os períodos inferiores ao ano ratearanse. No caso de traballadores que non puidesen ser recolocados nun prazo de 24 meses desde o comezo da percepción desta subvención, a contía da subvención será de 5.500 euros anuais.

Desde o 1 de xaneiro de 2012 e, con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, estas contías actualizaranse, con respecto ás do ano anterior, na mesma porcentaxe en que varíe a contía do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

2. A subvención percibirase desde que o traballador reúna os requisitos, retrotraendo os seus efectos como máximo desde o día 28 de febreiro de 2010, ata o día inmediato anterior a aquel en que cumpra a idade ordinaria de xubilación conforme o artigo 161.1.a) do texto refundido da Lei xeral da seguridade social, adquira a condición de pensionista de incapacidade permanente ou por xubilación de forma anticipada, conforme a normativa de seguridade social aplicable en cada caso, ou concorra calquera outra causa, das previstas nesta orde, de extinción ou suspensión desta subvención especial.

Artigo 4. Situación de desemprego necesaria para acceder ás subvencións.

1. A subvención establecida nesta orde será de aplicación aos traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2, permanecesen en situación de desemprego desde a extinción dos seus contratos de traballo polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, ou 25/2001, do 31 de xullo. Así mesmo, poderanse beneficiar da devandita subvención os traballadores que, con posterioridade aos citados expedientes de regulación de emprego, realizasen traballos por conta allea ou por conta propia e se producise a extinción do traballo por conta allea ou o cesamento da actividade por conta propia, quedando en situación de desemprego. Se a causa da finalización da actividade por conta propia ou allea fose por vontade do traballador aplicarase, se é o caso, o recollido no punto seguinte.

2. Non se terá dereito á subvención no suposto de que a extinción do traballo ou o cesamento da actividade se producisen por vontade do traballador sen causa xustificada e con posterioridade ao 28 de novembro de 2009.

Artigo 5. Suspensión da percepción da subvención.

A realización polo beneficiario dun traballo por conta allea ou por conta propia dará lugar á suspensión da percepción da subvención durante a realización dos devanditos traballos. Cando se produza a extinción do traballo por conta allea ou o cesamento da actividade por conta propia, poderase continuar a percepción da subvención logo de solicitude do interesado, salvo cando a extinción ou cesamento da actividade se deba a causas imputables á vontade do traballador sen causa xustificada. Esta suspensión interromperá o cómputo do período de 24 meses establecido no número 1 do artigo 3.

Artigo 6. Cómputo de prazos. Vixencia da subvención.

1. O dereito ao recoñecemento da subvención considerada nesta orde estará vixente ata o 27 de febreiro de 2012. Non obstante, unha vez recoñecido o dereito, a aplicación da citada subvención estenderase polo período de tempo que corresponda segundo o previsto nesta orde.

2. Non será de aplicación este prazo en dous supostos:

a) No suposto de suspensión do artigo 5, caso en que se poderá continuar a percepción da subvención, logo de solicitude do interesado.

b) Aos que, en 27 de febreiro de 2012, reúnan os requisitos indicados no artigo 2, salvo a letra c) do número 1 deste, e estean a percibir a prestación contributiva por desemprego. Neste caso poderán ter dereito ao desfrute da subvención a partir do día seguinte ao de extinción da citada prestación.

Artigo 7. Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, que deberán dirixirse ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, formalizaranse en impreso normalizado e presentásense no rexistro das correspondentes xefaturas territoriais da dita consellería, sen prexuízo de poder presentalas segundo o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

2. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que a continuación se relacionan:

a) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, a que fai referencia o artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Certificado da entidade bancaria onde se acredite a titularidade da conta correspondente.

c) Certificado expedido polo Servizo Público de Emprego Estatal, relativo ao recoñecemento e extinción por esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de non ter tido dereito á devandita prestación, certificado neste sentido expedido polo mesmo Servizo Público de Emprego Estatal.

d) Certificado actualizado de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou autorización ao órgano xestor para o acceso a ela.

3. A presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar ou revogar este consentimento, efectuando comunicación escrita en tal sentido. Neste suposto, deberán presentarse ademais certificados orixinais positivos da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Consellería de Facenda e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de estar ao día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, cuxa validez deberá estenderse á data do pagamento da axuda.

4. Cando a solicitude non reúna os requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou non se xunte a documentación que de acordo con esta orde resulte exixible, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8. Procedemento de concesión.

1. A subvención recollida nesta orde outorgarase por solicitude dos traballadores, en réxime de concesión directa, atendendo ao seu carácter singular polo seu interese público, económico e social derivado das particulares circunstancias económicas e sociais do colectivo dos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego mencionados no artigo 1, ao abeiro do disposto nos artigos 22.2. c) e 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 67 do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

2. A instrución do procedemento corresponderá ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, que poderán solicitar dos interesados a achega adicional doutros documentos ou datos aclaratorios que consideren necesarios para resolver sobre a solicitude presentada.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes.

1. A solicitude de recoñecemento do dereito á concesión presentarase no prazo de dous meses desde que se cumpran os requisitos do artigo 2 desta orde.

2. Nos supostos recollidos nas letras a) e b) do número 2 do artigo 6 desta orde, este prazo de dous meses comezará a contar, a partir do día seguinte a aquel en que se produza a extinción do traballo por conta allea ou o cesamento da actividade por conta propia, ou desde a extinción da prestación contributiva por desemprego, respectivamente.

3. No caso de que o cumprimento dos requisitos se producise antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da devandita publicación.

Artigo 10. Resolución de concesión.

1. O recoñecemento do dereito á subvención corresponde, dentro dos seus respectivos ámbitos, ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar. Realizarase, mediante resolución, en que se fará constar que o traballador reúne os requisitos para poder ser beneficiario da subvención. Para os efectos deste recoñecemento poderanse requirir os traballadores beneficiarios para que acheguen a documentación que se considere necesaria.

2. O recoñecemento e percepción destas subvencións requirirá que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 2, que o traballador permaneza desempregado e que siga estando dispoñible para aceptar unha colocación que resulte axeitada á súa capacidade laboral e condicións socioprofesionais e para participar en actuacións dirixidas a favorecer a súa inserción laboral. O rexeitamento inxustificado de accións de inserción laboral supoñerá a perda do dereito á subvención.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución procedente será de tres meses contados desde a publicación anual da resolución que se dite para dar publicidade á liña de crédito e ao importe global máximo destinado a estas axudas, ou desde a presentación da solicitude, se esta é posterior a aquela.

4. Transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase desestimada a pretensión por silencio administrativo, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de resolver sobre a solicitude.

5. A resolución de concesión das axudas fixará expresamente a súa contía e incorporará, se é o caso, as condicións, obrigas e determinacións accesorias a que debe suxeitarse o beneficiario destas, e notificarase aos interesados nos termos previstos no artigo  58 da Lei 30/1992, antes mencionada.

6. As resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria esgotan a vía administrativa, e contra elas poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10.1.a) e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes computado nos termos xa ditos, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. E iso, sen prexuízo da posibilidade de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

7. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Liquidación das axudas.

Recoñecido o dereito á percepción da subvención, o pagamento producirase por períodos mensuais, sempre que se achegue a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2, sen prexuízo de que se liquide dunha soa vez o período transcorrido desde a xeración do dereito ata o seu recoñecemento.

Corresponderá aos/ás xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, o recoñecemento da obriga e a proposta de pagamento destas axudas.

Artigo 12. Resolución de incidencias.

Corresponde aos/as xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar resolver as incidencias que se produzan, tales como prórrogas de prazos, modificacións xustificadas ou calquera outra variación das condicións particulares da concesión.

Artigo 13. Control das axudas.

1. Corresponderá aos/as xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e o seguimento deste programa. Para estes efectos, asignaranse a estas os medios axeitados para o seu cumprimento.

2. Os beneficiarios estarán obrigados a someterse ás actuacións de control financeiro previstas no artigo 45 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que realice a Intervención Xeral e, así mesmo, deberá cumprir coa obriga de colaboración co control financeiro, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e someteranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 14. Obrigas do beneficiario.

1. Os beneficiarios, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Facilitar cantos datos e información, en cuestións relacionadas coas subvencións concedidas, lles sexan requiridos polo SPEG, así como comunicar a este órgano as incidencias e as variacións que se produzan con relación a aquelas.

b) Cumprir as obrigas impostas pola lexislación específica aplicable.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo  5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Xustificación e reintegro das subvencións.

1. A xustificación polos beneficiarios das subvencións percibidas axustarase ao establecido no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no capítulo II do título II do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento.

2. Será de aplicación o artigo 17.3 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Darán lugar á obriga de reintegrar as cantidades percibidas as causas de invalidez da resolución de concesión recollidas no artigo 36 da Lei 38/2003, do 17 de novembro. Tamén procederá o reintegro total ou parcial, e a exixencia do xuro de demora desde a data do pagamento da subvención ata que se acorde a procedencia do reintegro desta, nos supostos recollidos no artigo 37 da citada lei.

Disposición adicional primeira. Financiamento.

1. Para o seu financiamento, a Consellería de Traballo e Benestar, para o exercicio 2011, ten previsto, un crédito para axudas especiais para traballadores afectados por regulación de emprego, na aplicación 12.05.322B.480.2, cunha dotación de 33.649,00 euros, procedente de transferencias de fondos do Servizo Público de Emprego Estatal, que se consigna no seu orzamento, tal e como establece o artigo 3.2 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro.

2. Para os efectos do disposto no número anterior, durante a vixencia do programa darase publicidade ao crédito destinado á concesión das axudas previstas nesta orde para a anualidade correspondente, mediante resolución da directora xeral de Formación e Colocación.

3. As ditas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarias que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado.

Disposición adicional segunda. Compatibilidade co mercado común.

Ás subvencións reguladas nesta orde non lles é de aplicación o previsto no artigo 107, número 1, do Tratado de funcionamento da Unión Europea, por tratarse de axudas que non benefician empresas senón que van dirixidas a particulares que non exercen a título individual ningún tipo de actividade económica, de forma que non cumpren co requisito da vantaxe económica nin co falseamento da competencia que afecte os intercambios comerciais entre os estados membros.

Disposición adicional terceira. Achega de documentación.

No suposto de que os documentos que deben acompañar a solicitude de concesión das axudas xa estivesen en poder de calquera outro órgano da Administración da Xunta de Galicia, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data, o órgano ou a dependencia a que foron dirixidos, a identificación do procedemento en que consten, e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Disposición derradeira única. Facultades de execución e desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas instrucións sexan precisas para a execución e o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file