Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 10 de outubro de 2011 Páx. 29778

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 190/2011, do 22 de setembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o Castro de Baroña, no termo municipal de Porto do Son, na provincia da Coruña.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 6 de abril de 2011, incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, en favor do Castro de Baroña, no termo municipal de Porto do Son, na provincia da Coruña, e dispón a apertura dun período de información pública durante o prazo dun mes desde a publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, que se produce o día 25 de abril de 2011 (DOG n.º 79).

Con posterioridade, vistos os informes da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, da Real Academia Galega de Belas Artes, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, e do Consello da Cultura Galega, todos eles favorables á declaración, así como os emitidos polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, introdúcense algúns cambios no expediente. En concreto, atendendo ás recomendacións dos órganos consultivos, e de acordo cos informes dos técnicos da consellería, proponse declarar o Castro de Baroña ben de interese cultural segundo a categoría de zona arqueolóxica, por entender que se axusta perfectamente á tipoloxía, entidade e especialidade deste conxunto arqueolóxico ampliar cara ao mar o seu contorno de protección cunha liña equidistante de 200 metros medidos desde a beira da costa, e determinar os criterios básicos que deberán rexer as futuras intervencións.

Á vista de todo anterior, finalizada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o Castro de Baroña, no termo municipal de Porto do Son, na provincia da Coruña, consonte a descrición, xustificación e criterios básicos de intervención que constan no anexo I.

Segundo. A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación segundo a descrición literal e o plano recollidos no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil once.

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente (Decreto 181/2011, do 20 de setembro)

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I
Caracterización, xustificación e criterios básicos para futuras intervencións

I. Caracterización e xustificación da declaración como BIC.

O xacemento do Castro de Baroña érguese na paraxe coñecida como Punta do Castro, pertencente á parroquia de San Pedro de Baroña, no concello de Porto do Son. É un asentamento prototípico dos enclaves castrexos situados na beira do mar, encabezando a tipoloxía dos denominados habitualmente pola bibliografía ao uso como «castro marítimo». O conxunto, formado por estruturas de carácter defensivo, arquitectura doméstica e espazos urbanos libres, constitúe un xacemento altamente valioso para o estudo diacrónico do grupo social que o habitou, presuntamente entre os séculos IV a.C. e I d.C., que practicaba unha economía baseada na combinación do aproveitamento agropecuario coa explotación dos recursos marítimo-pesqueiros.

Ten un carácter senlleiro como castro costeiro representativo dun tipo de hábitat prehistórico da costa atlántica galega, amplamente investigado ao longo do século XX. En total ocupa unha superficie de 53.733 metros cadrados.

Trátase dun poboado fortificado localizado nunha punta que se interna no mar e que aproveita o relevo abrupto dos cantís rochosos e a liña da costa como defensas naturais. Os seus construtores reforzaron o istmo cun foxo de catro metros de fondo, que hoxe en día figura moi colmatado, e unha muralla de 35 metros de longo e 6 metros de largo. O asentamento foi construído ao abeiro dun grande afloramento rochoso que o protexe do vento nordés, sobre sucesivas plataformas reforzadas con murallas que conteñen as terras. Estrutúrase nun primeiro espazo delimitado no istmo por unha muralla e foxo e tres recintos habitacionais que se adaptaron na súa configuración ás condicións topográficas da península sobre a cal se asenta. Resulta así unha morfoloxía de socalcos graduados separados por dúas potentes liñas de muralla, e comunicadas por dúas portas, unha das cales dá acceso ao segundo recinto habitacional ou plataforma intermedia a través dunha monumental escalinata feita en bloques de pedra.

A monumentalidade das súas estruturas defensivas e a existencia de importantes restos de arquitectura doméstica xa postos ao descuberto no seu interior, véñense sumar aos valores presentes na súa contorna máis próxima, tanto en terra como no mar. Rodea o castro un espazo humanizado desde antigo como evidencia a rede de camiños e parcelario existentes, que engaden un indubidable valor etnográfico e arqueolóxico ao resto dos valores culturais preexistentes e ao interese científico que suscita. Asemade, son de destacar os valores que como enclave natural posúe o lugar e mais a presenza no seu contorno da área de lecer da praia de Area Longa, que posibilita unha visualización especial do xacemento, todo o cal aumenta o seu valemento como recurso cultural e turístico. De feito, a zona xa rexistra hoxe en día un gran número de visitas ao longo do ano e goza dun amplo recoñecemento social.

II. Criterios básicos de intervención.

A práctica totalidade da área delimitada, incluíndo o contorno de protección, conta cun Plan Especial de Protección aprobado polo concello de Porto do Son con informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no cal figuran determinacións en relación á protección das antigas vías, criterios de futuras intervencións no Castro de Baroña e a ordenación das edificacións que, se for o caso, se permitan.

De todos os xeitos, considérase oportuno recoller a seguir os criterios básicos que deberán rexer as futuras intervencións, e cuxa aplicación resulta compatible co réxime de protección derivado do devandito plan especial. Son os seguintes:

– En tanto non se redacte un plan director da zona do Castro de Baroña que estableza unha estratexia e unha orde de prioridades de intervención neste xacemento arqueolóxico, as actuacións arqueolóxicas que se poidan realizar deberán orientarse a traballos de acondicionamento e consolidación para a súa conservación e posta en valor, remitindo o resto das actuacións á redacción do citado plan director.

– Na totalidade da zona arqueolóxica e no seu contorno deberá manterse a estrutura territorial e as características xerais do ambiente natural e da paisaxe en que se integra o xacemento, protexendo aqueles elementos do patrimonio cultural que contribúen á conformación e caracterización da paisaxe actual desta (vías tradicionais, rueiros, valados, etc.).

– Non se poderá instalar publicidade comercial, cables, antenas e todo aquilo que menoscabe a apreciación do xacemento dentro do seu contorno.

– Calquera remoción de terras ou actuación que se pretenda realizar no ámbito da zona arqueolóxica e o seu contorno de protección, deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura e Turismo, con independencia da existencia dun instrumento urbanístico de protección.

Por outra banda, o litoral está incluído dentro da Rede Natura 2000 e parte dos terreos afectados son de dominio público marítimo-terrestre, todo o cal reforza o grao de protección que este singular enclave arqueolóxico sen dúbida merece.

ANEXO II

I. Descrición da delimitación da zona arqueolóxica do Castro de Baroña.

Comezando polo norte xusto no litoral e seguindo en dirección das agullas do reloxo, a delimitación parte do P1.

P1. (497.578-4.727.255). Desde o litoral, cóllese en dirección leste cruzando a parcela de costa 9200, e continuando pola estrema que separa a parcela 95 do polígono 12, do predio 12:93 ao sur ata chegar ao vértice noreste da parcela 12:93, onde atopa o P2.

P2. (497.649-4.727.269). Desde aquí séguese en dirección sueste atravesando as parcelas 92, 86 e 85 ata chegar ao vértice noreste da parcela 84, onde se atopa o P3.

P3. (497.753-4.727.087). Desde aquí séguese cara ao sur pola estrema que deixa a parcela 84 ao oeste e o predio 81 ao leste, ata chegar ao vértice oeste da parcela 105, onde se atopa o P4.

P4. (497.751-4.727.001). Continúase en dirección suroeste atravesando a parcela 9200 ata chegar ao litoral onde se atopa o P5.

P5. (497.718-4.726.988). Desde aquí cóllese cara ao norte polo litoral beireando a Punta do Castro ata chegar ao P1.

II. Descrición da delimitación do contorno de protección da zona arqueolóxica do Castro de Baroña.

Comezando polo norte xusto no litoral e seguindo en dirección das agullas do reloxo a delimitación parte do P1.

P1. 497.718-4.727.476. Atópase xusto no litoral, desde aquí cóllese en dirección sueste ate chegar ao remate do camiño do Agro da Cova, xusto no vértice noroeste da parcela 1057, onde se atopa o punto P2.

P2. 497.755-4.727.474. Desde aquí cóllese en dirección leste polo camiño empedrado de Agro da Cova en dirección á estrada AC-550, que vai de Noia a Ribeira, ate chegar á intersección deste camiño co vértice suroeste da parcela 1266 do polígono 11, onde se atopa o P3.

P3. 498.045-4.727.489. Desde aquí cóllese por un camiño actual que sae cara ao sur ata chegar á intersección deste camiño co canto noroeste da parcela 1144, do polígono 11, onde se atopa o P4.

P4. 498.062-4.727.405. Desde aquí cóllese o camiño que sae en dirección leste ata chegar a estrada AC-550, Noia-Ribeira onde se atopa o P5.

P5. 498.152-4.727.385. Cóllese pola estrada en dirección a Ribeira ata chegar á confluencia desta estrada co camiño de Fonte Mariña, onde se atopa o P6.

P6. 498.257-4.726.626. Desde aquí continúase polo camiño de Fonte Mariña cara ao sur ata chegar á primeira intersección, onde o camiño vira cara ao oeste, xusto no P7.

P7. 498.253-4.726.490. Desde aquí séguese polo camiño de Fonte Mariña, cara ao oeste, cara ao mar, para logo virar cara ao sur ata chegar á intersección deste camiño con outro abandonado que sae cara ao sueste, xusto na intersección entre este camiño e a estrema norte da parcela 246, do polígono 12, onde se atopa o P8.

P8. 497.890-4.726.452. Desde aquí cóllese polo camiño que vai cara ao litoral facendo límite co predio 246 ata chegar ao P9.

P9. 497.839-4.726.405. Desde aquí cóllese en liña recta en dirección oeste, cara ao litoral, ata chegar ao P10.

P10. 497.736-4.726.417. Desde aquí establécese unha liña equidistante de 200 metros medidos desde a beira da costa que se interna no mar e vai beireando a costa cara ao norte ata a Punta Cabra de Enmedio, onde vira cara ao sur seguindo a liña do borde costeiro ata enlazar co P1.

III. Descrición gráfica.

missing image file