Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 18 de outubro de 2011 Páx. 30427

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 5 de outubro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 11 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas e actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e parte do 2012.

Con data do 13 de xuño de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia n.º 112, a Orde do 11 de maio de 2011, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas e actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e parte do 2012.

Con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos.

Ao abeiro do sinalado nos parágrafos anteriores, cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Déixase sen efecto a Orde do 11 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas e actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e parte do 2012.

Disposición adicional primeira.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Cultura e Turismo, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo