Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 27 de outubro de 2011 Páx. 31556

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de outubro de 2011 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Festival Internacional Rías Baixas.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Festival Internacional Rías Baixas, con domicilio na Rúa Quince de Outubro, número 1, en Mondariz-Balneario (Pontevedra).

Feitos:

1. Celestino Aranda Torres, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Festival Internacional Rías Baixas, foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid o 14 de setembro de 2011, ante o notario Luis A. Garay Cuadros, co número de protocolo 1.366, Celestino Aranda Torres e Miguel Narros Barrios, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a divulgación e o fomento da cultura a través de actividades teatrais, musicais, de danza u outras expresións que contribúan á formación e coñecemento das artes, particularmente, a promoción, fomento e difusión da lingua e cultura galegas e aqueles outros fins de interese xeral para Galicia de análoga natureza.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Celestino Aranda Torres como presidente; Miguel Narros Barrios como secretario; e José Casero Pérez como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Festival Internacional Rías Baixas, conforme as materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de outubro de 2011,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Festival Internacional Rías Baixas e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter potestativo pódese interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza