Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 4 de novembro de 2011 Páx. 32313

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2011 de aprobación do Plan de Aproveitamento Específico de Anguía no Río Miño nos concellos de Portomarín, O Páramo, Paradela e Guntín.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 1 de agosto de 2011 a asociación O Carrual presentou os anexos I e II do Decreto 130/2011, debidamente cubertos, e solicitou que se estudase a viabilidade dun plan de aproveitamento de anguía presentado con anterioridade.

Segundo. O 24 de agosto de 2011 iniciouse o correspondente expediente administrativo e fíxose unha valoración inicial do plan presentado, e o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo entendeu que carecía dalgúns elementos. Así, o 21 de setembro de 2011 solicitóuselle á asociación O Carrual que completase a documentación no prazo de dez días, o que realizou de xeito satisfactorio o 26 de setembro de 2011.

Terceiro. O expediente sométese a trámite de información pública durante un prazo de 15 días segundo o disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta resolución foi publicada no DOG núm. 184, do 26 de setembro de 2011, polo que o prazo de información pública remataba o 14 de outubro de 2011, sen que se teña constancia da presentación de ningunha alegación ata a data da sinatura deste documento.

Cuarto. O artigo 7.3 do Decreto 130/2011 establece a necesidade de que o plan que se aprobe sexa sometido a informe do Comité Provincial de Pesca. Para executar este trámite incluíuse na orde do día dun comité ordinario, que tivo lugar o 17 de outubro de 2011, a proposta para emitir informe sobre o plan, e na invitación os membros do comité eran informados da existencia do plan e da posibilidade de consultalo no Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo. A reunión ordinaria do Comité Provincial de Pesca tivo lugar na data prevista, e tras a exposición do plan por parte de membros do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo, procedeuse á súa valoración e á consulta das dúbidas existentes. Tras estes trámites, o presidente fixo a proposta de emitir informe favorable sobre o plan, o que os membros do comité resolveron en votación coa aprobación desta moción por unanimidade.

Quinto. Segundo establece o artigo 7.5 do Decreto 130/2011 cómpre ter en conta para a aprobación de calquera plan de aproveitamento específico os criterios establecidos pola Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, os cales cumpre segundo informe técnico do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Resolución:

Visto o exposto nos antecedentes e no informe emitido polo técnico do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo acórdase a aprobación do Plan de Aproveitamento Específico de Anguía no Río Miño nos concellos de Portomarín, O Páramo, Paradela e Guntín.

O ámbito desta proposta de resolución é o seguinte:

Condicións xerais de aproveitamento: segundo o plan de explotación e o anexo presentados e aprobados.

Especie obxecto de captura: Anguía (Anguilla anguilla) en fase amarela.

Período autorizado: desde a aprobación ata febreiro. É posible o peche anticipado se non se dan as condicións adecuadas para a pesca e o ecosistema.

Vixencia: un ano, renovable, segundo establece o Decreto 130/2011.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2011.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza