Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 30 de novembro de 2011 Páx. 35265

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

O artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación, sen prexuízo do establecido no artigo 149 da Constitución española. Así mesmo, o artigo 30.1 do Estatuto establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de fomento da actividade económica en Galicia, sen prexuízo das bases e a ordenación da actuación económica xeral do Estado.

As tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), polas súas características e a súa rápida implantación a escala global, están a provocar cambios significativos en moitos ámbitos e, de maneira especial, nos institucionais. O Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014 define un novo modelo socioeconómico dirixido á modernización de Galicia. As TIC deben servir como catalizadoras dos eixes marcados no Plan Estratéxico, ademais de como mecanismos facilitadores da cohesión social, da calidade de vida da cidadanía galega e da xeración de emprego de calidade, impulsando, así mesmo, unha administración austera, eficiente e próxima á cidadanía. En resposta a esta estratexia aprobouse no Consello da Xunta, do 17 de xuño de 2011, a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal.

Por medio deste decreto, e en desenvolvemento da liña estratéxica L3: Cidadanía dixital, no seu punto L3-P3: Programa de acreditación de competencias dixitais, da Axenda Dixital 2014.gal, créase a certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Esta certificación ten como obxectivo fundamental o fomento do uso das tecnoloxías da información e as comunicacións mediante o apoio e recoñecemento dos esforzos realizados para a adquisición de capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

O decreto regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, como mecanismo normalizado de certificación por parte da Administración pública, e garante a calidade dos coñecementos, destrezas e capacidades que as persoas precisan no manexo de aplicacións informáticas na xestión da información e a documentación. Ademais, crea o Rexistro das certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática, co fin de simplificar a xestión da certificación e facilitar o seu arquivo e control.

Estrutúrase en doce artigos, agrupados en tres capítulos, cunha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I regula as disposicións xerais.

O capítulo II regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

O capítulo III regula o Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular a certificación galega de competencias dixitais en ofimática e establecer os requisitos para a súa obtención. Así mesmo, crea o Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática co fin de simplificar a xestión da certificación e facilitar o seu arquivo e control.

2. Para os efectos deste decreto enténdese por certificación galega de competencias dixitais en ofimática (en diante, certificación) o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

Artigo 2. Finalidade.

As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade:

a) Dispoñer dun mecanismo normalizado de certificación de competencias dixitais en ofimática por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Valorar a competencia dixital das persoas nas habilidades instrumentais en ofimática, independentemente do produto ou software informático específico empregado.

c) Ofrecer un estándar de referencia á hora de avaliar o nivel de competencia en ofimática das persoas empregadas e das que aspiran a un posto de traballo.

d) Mellorar a formación continua e simplificar, se é o caso, o proceso de provisión de prazas na Administración pública.

e) Fomentar o uso eficiente e eficaz das tecnoloxías da información e as comunicacións na cidadanía galega e no persoal das administracións públicas.

f) Entender as competencias dixitais como unhas capacidades xenéricas a partir das cales o suxeito pode aprender constantemente e adaptarse de maneira dinámica a un contorno cambiante.

g) Incorporar o coñecemento de conceptos básicos relativos á sociedade da información, a cultura dixital e as boas prácticas neste ámbito.

Artigo 3. Órganos competentes.

Corresponde á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia outorgar a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, así como a xestión do Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática.

Artigo 4. Función pública.

A certificación poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia.

Capítulo II
Obtención da certificación

Artigo 5. Solicitude.

1. As persoas interesadas en obter a certificación presentarán unha solicitude dirixida á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na cal fagan constar, ademais dos seus datos identificativos, a documentación xustificativa dos seus coñecementos en ofimática, segundo o indicado no artigo seguinte.

2. A solicitude realizarase a través do formulario electrónico normalizado, aprobado pola consellería con competencias en administracións públicas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Competencias en ofimática necesarias para a obtención da certificación.

1. Obterán a certificación galega de competencias dixitais en ofimática as persoas que acrediten as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan Formativo Ofimático de Galicia, mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. Non obstante, non terán que superar esta proba para obter igualmente a certificación galega de competencias dixitais en ofimática as persoas que xa teñan acreditados os seus coñecementos en ofimática por calquera dos medios seguintes:

a) Título oficial de formación profesional inicial ou certificado de profesionalidade que inclúa a unidade de competencia UC0233_2 «Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación», expedidos pola autoridade competente.

b) Certificación da autoridade competente que acredite estar en posesión da unidade de competencia UC0233_2 «Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación», obtida de acordo cos procedementos que se desenvolvan ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral ou de vías non formais de formación.

c) Certificación da autoridade competente que acredite ter superado algún dos seguintes programas de formación:

i. O módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 «Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación», cursado en centros autorizados pola Administración laboral competente dentro da programación de accións formativas de formación profesional para o emprego, correspondentes a certificados de profesionalidade.

ii. O módulo profesional MP0440 «Tratamento informático da información», incluído en títulos de formación profesional, ou cando menos as súas unidades formativas MP0440_23: «Ofimática» (160 horas) e MP0440_33: «Multimedia» (38 horas), cursados en centros públicos ou privados autorizados pola consellería con competencias en materia de educación, ou ben doutros departamentos análogos das administracións estatais ou autonómicas.

iii. O certificado expedido pola Escola Galega de Administración Pública que acredite a superación das actividades formativas que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, na modalidade presencial, teleformación ou acceso libre, desenvolvidas pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración desta con organismos ou entidades de formación do persoal ao servizo das administracións públicas, baixo a supervisión e o control da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

3. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia elaborará o Plan Formativo Ofimático de Galicia. Ata que se elabore o primeiro plan, o seu contido será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 «Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación», do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Artigo 7. Características da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

1. A certificación galega de competencias dixitais en ofimática identificarase cun código que conterá o ano de expedición e o número correlativo que corresponda en función do número total de certificados expedidos.

2. A certificación terá o seguinte contido:

a) O seu código.

b) Os datos identificativos da persoa titular da certificación.

c) A documentación presentada para xustificar os coñecementos, aptitudes e destrezas en ofimática e a súa data de obtención, segundo o indicado no artigo 6, con expresa indicación, se é o caso, do centro formador e/ou avaliador autorizado.

d) A data da certificación.

Artigo 8 . Actualización da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Unha vez obtida a certificación, poderase acreditar a actualización dos coñecementos en ofimática nos termos previstos no artigo 6, isto é:

a) Ben mediante a superación dunha nova proba convocada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ou

b) Ben mediante a presentación de calquera dos certificados ou títulos indicados no apartado segundo do artigo 6, sempre que a súa data sexa posterior á certificación xa obtida.

Neste caso, expedirase unha nova certificación e deixarase constancia da devandita circunstancia no rexistro, tanto na inscrición da primeira certificación como na da nova.

Capítulo III
Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática

Artigo 9. Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática.

1. Créase o Rexistro de certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática (en diante, Rexistro), co fin de simplificar a xestión da certificación e facilitar o seu arquivo e control.

2. O Rexistro está adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que asume todas as funcións asociadas á xestión do Rexistro e, en particular, as seguintes:

a) Informar, asesorar e orientar sobre a certificación e o Rexistro.

b) Xestionar o proceso de inscrición e consulta das certificacións rexistradas.

c) Resolver as reclamacións presentadas polas persoas usuarias do Rexistro.

d) Preparar e emitir informes de seguimento relativos á certificación e ao funcionamento do Rexistro e realizar propostas de mellora.

e) Elaborar periodicamente estatísticas dos datos reflectidos no Rexistro en coordinación co órgano estatístico sectorial que corresponda. Estas estatísticas faranse públicas a través do portal institucional http://www.xunta.es

f) Garantir a imposibilidade da manipulación do Rexistro.

Artigo 10. Contido e funcionamento do Rexistro.

1. O Rexistro organizarase en función do código das certificacións. Cada certificación recollerá, ademais do contido previsto no artigo 7.2 deste decreto, os datos relevantes para o funcionamento do Rexistro, entre outros, os previstos nos artigos 8 e 11.

2. A obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática suporá a inscrición de oficio no Rexistro.

Artigo 11. Duplicado da certificación.

1. No caso de perda do certificado poderase emitir, de acordo cos datos que figuren no Rexistro, un duplicado da certificación, no cal se fará constar expresamente a palabra «duplicado».

2. Esta circunstancia farase constar no rexistro da certificación.

Artigo 12. Acceso aos datos do Rexistro.

1. Os datos contidos no Rexistro poderán ser consultados:

a) Polo sector público autonómico de Galicia.

b) Por outras administracións públicas ou entidades instrumentais vinculadas a estas ou dependentes delas.

c) Polas persoas titulares da certificación ou as que elas autoricen, respecto da súa certificación.

Neste caso, o acceso exercerase mediante solicitude motivada en que se concrete a certificación respecto da cal se formula a consulta. A solicitude presentarase a través do formulario electrónico normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixido á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que resolverá no prazo máximo de oito días hábiles desde a data da solicitude.

2. Os datos de carácter persoal que consten na documentación de cada certificación e no Rexistro protexeranse conforme o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición adicional única. Actualización.

Atendendo aos cambios nas necesidades do sistema produtivo, ás posibles demandas sociais e á evolución dos coñecementos en materia de ofimática, avaliarase a conveniencia de actualizar o proceso para a obtención da certificación cando sexa necesario e, en todo caso, antes de transcorrido o prazo de cinco anos desde a súa publicación.

Disposición transitoria primeira. Formularios electrónicos normalizados.

No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto, a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas ditará a orde pola cal se aprobarán os formularios electrónicos normalizados para a súa tramitación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Exercicio de funcións pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

No caso de que este decreto entre en vigor antes da posta en funcionamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, as funcións atribuídas nel á Axencia serán exercidas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Disposición derrogatoria única. Quedan derrogadas cantas normas regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento e execución.

A persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá ditar cantas disposicións normativas sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto, por proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza