Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2011 Páx. 36010

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 223/2011, do 17 de novembro, polo que se desenvolven as normas básicas de ordenación das explotacións porcinas extensivas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A explotación de porcino en extensivo representa unha clara opción na diversificación da actividade gandeira cun potencial económico de indubidable valor para o desenvolvemento do medio rural galego.

Galicia conta entre o seu acervo de recursos zooxenéticos autóctonos coa raza do porco celta, perfectamente adaptada ao manexo en réxime de liberdade. Por outra banda, Galicia conta tamén cunhas condicións bioclimáticas especiais que permiten o desenvolvemento dun sistema de explotación extensivo, no ámbito dunha perfecta simbiose con soutos e carballeiras, cunha notable produtividade de froitos por unidade de superficie, que, desta forma, poden ser aproveitados directamente. Ademais, o gando porcino en extensivo exerce un control eficaz sobre o mato do sotobosque. Por tanto, é conveniente crear as condicións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento deste particular sistema produtivo, impulsando a un tempo o aproveitamento ordenado dos recursos produtivos naturais do medio rural galego.

Co transcurso dos anos, os novos conceptos de desenvolvemento sustentable, extensividade, benestar animal, protección agroambiental, condicionalidade, e calidade e sanidade pecuaria debuxan un escenario máis complexo para a produción porcina en sistema extensivo, asociado ao aproveitamento dos recursos naturais mediante pastoreo, vinculado principalmente ás razas autóctonas propias.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, ten por obxecto o establecemento das normas básicas e de coordinación en materia de sanidade animal e establece a competencia das administracións no relativo á ordenación sanitaria das explotacións gandeiras.

O Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións porcinas, establece as normas básicas polas cales se regula a aplicación de medidas de ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións porcinas, incluídas, entre elas, a capacidade máxima produtiva, as condicións mínimas de localización, infraestrutura zootécnica, sanitaria, equipamentos conforme a normativa vixente en materia de hixiene, sanidade animal, benestar dos animais e ambiente. Deste real decreto foron exceptuadas as explotacións porcinas en sistemas de produción extensivo.

En agosto de 2009 publicouse o Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, que estableceu as normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo, modificado polo Real decreto 1089/2010, do 3 de setembro.

Por outra banda, e ditado ao abeiro do disposto no artigo 38.1 da antedita Lei de sanidade animal, o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, ten por obxecto establecer e regular o dito rexistro (Rega), así coma os datos necesarios para desenvolver as inscricións nel e a caracterización do código de identificación de cada explotación; este real decreto é de aplicación en todo o territorio nacional.

Con estas premisas, cómpre desenvolver a normativa estatal e proceder á ordenación das explotacións de gando porcino extensivo na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía, corresponde a aquela o exercicio da competencia, entre outras, en materia de agricultura e gandaría.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, consultados os sectores interesados de empresas e organizacións profesionais, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezasete de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

É obxecto deste decreto:

a) A creación do Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas.

b) O desenvolvemento do Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, nos aspectos abertos á súa regulación por parte das comunidades autónomas.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas neste decreto son de aplicación a todos os animais da especie porcina e ás explotacións de gando porcino en sistema de produción extensivo radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Clasificación das explotacións porcinas extensivas.

A clasificación que resulta aplicable neste decreto é a establecida no artigo 3 do Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, que establece as normas de ordenación das explotacións cunícolas.

CAPÍTULO II
Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas

Artigo 4. Creación do Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas.

Créase o Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas, integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), creado polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, no cal figurarán inscritas a totalidade das explotacións porcinas extensivas situadas en Galicia, atendendo aos datos mínimos que por explotación e especie exixe o anexo II do dito real decreto.

Artigo 5. Inscrición das explotacións no rexistro.

1. Para poderen exercer a súa actividade as explotacións de nova creación deberán inscribirse no Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas, adscrito á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e produción animal. Para estes efectos, deberán acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto, no Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real decreto 1574/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas e en calquera outra normativa de aplicación.

2. A inscrición no rexistro realizarase por instancia do titular da explotación ou do seu representante, mediante a presentación dunha solicitude dirixida á consellería competente en materia de gandaría, de acordo co modelo establecido no anexo II deste decreto. Este mesmo modelo utilizarase para a solicitude de baixa ou de modificación dos datos.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do NIF/CIF do titular da explotación.

– Memoria da actividade que se pretende realizar e das infraestruturas con que conta a explotación.

– Plano de situación e das construcións da explotación.

– Certificado asinado por técnico competente especificando as distancias existentes segundo o requirido pola lexislación vixente.

– Descrición e referencia catastral das parcelas da explotación.

– Programa sanitario básico e programa de manexo e benestar dos animais da explotación, asinado polo técnico veterinario.

– Programa de selección ou de multiplicación (para granxas de selección ou multiplicación, respectivamente).

– Documentación acreditativa do pagamento das taxas que correspondan.

3. As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais correspondentes ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os formularios de solicitude para iniciar telematicamente os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos deberán estar dispoñibles a través da devandita sede (http://sede.xunta.es).

Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ou as unidades que, se for o caso, teña as competencias actuais delas, implementarán os formularios e mecanismos axeitados no ámbito deste decreto.

No caso de utilización da Oficina Agraria Virtual (OAV), dispoñible a través de http://emediorural.xunta.es/oav, determinaranse os oportunos mecanismos de comunicación para facer accesible a información da OAV a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de gandaría deberá ditar resolución o xefe territorial correspondente. A inscrición no rexistro implica a concesión da autorización da explotación solicitada e leva consigo a asignación do código de identificación da explotación, segundo o establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

6. A persoa titular da explotación, sen menoscabo da necesaria comunicación relativa aos movementos, deberá comunicar á consellería competente en materia de gandaría os cambios nos datos consignados no rexistro nun prazo máximo dun mes desde que se produzan.

CAPÍTULO III
Ordenación das explotacións porcinas extensivas

Artigo 6. Condicións mínimas das explotacións porcinas extensivas.

As condicións mínimas das explotacións porcinas extensivas son as establecidas no artigo 4 do Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, que establece as normas de ordenación das explotacións cunícolas, salvo o establecido no apartado seguinte.

En relación coa densidade gandeira, a carga gandeira das explotacións porcinas extensivas non superará os límites establecidos no rexistro de explotacións e non excederá a densidade de 15 porcos de ceba/hectárea (2,4 UGM/ha), ou o seu equivalente de acordo coa seguinte táboa:

a) Porca con leitóns de ata 23 kg: 0,30 UGM.

b) Porca de reposición: 0,14 UGM.

c) Porco de 20 a 50 kg: 0,10 UGM.

d) Porco de máis de 50 kg: 0,16 UGM.

e) Verrón: 0,30 UGM.

f) Porca en ciclo pechado: 1 UGM.

Artigo 7. Condicións especiais de funcionamento das explotacións porcinas extensivas de ceba.

1. No caso das explotacións de ceba que estean dedicadas á recría e á engorda en réxime extensivo de animais con destino ao matadoiro, poderase autorizar a saída dos animais a outra explotación extensiva de ceba exclusivamente para o aproveitamento estacional de recursos naturais, nun período de dous a catro meses antes do seu sacrificio, sempre que se considere que non existe risco sanitario e que desde a nova explotación os animais se trasladen directamente ao matadoiro.

2. Considérase causa de forza maior, para efectos do establecido no artigo 3.7 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, a concorrencia de circunstancias climatolóxicas que imposibiliten que se poidan aproveitar os recursos naturais para alimentación dos animais durante un período superior a 3 anos consecutivos, a criterio da consellería competente en materia de gandaría. Nestes casos poderán manterse rexistradas como explotacións porcinas extensivas, previo o correspondente procedemento en que se dará audiencia ao interesado.

Artigo 8. Programa de manexo e rotación.

1. As medidas de manexo que se aplicarán nas explotacións porcinas extensivas deberán garantir unha adecuada utilización da totalidade do medio físico, o aproveitamento dos recursos naturais da explotación e o establecemento de sistemas de rotación e utilización racional do terreo, evitando fenómenos de sobreexplotación que supoñan a deterioración do ecosistema de soporte. Para tal fin, establecerase un programa de manexo e rotación que deberá ser aprobado especificamente para cada explotación pola consellería competente en materia de gandaría.

2. O programa de manexo e rotación presentarase conforme o recollido no anexo I deste decreto, con periodicidade anual ou no caso de que as condicións do medio físico e dos recursos naturais non cambien, poderá ser plurianual. O programa declarará a superficie total da explotación porcina extensiva, detallando as parcelas de que consta, mediante a declaración de superficies da última campaña da PAC. O prazo de presentación do programa finalizará o 1 de marzo do ano en curso, e deberá dirixirse ao xefe correspondente da consellería competente en materia de gandaría, que deberá ditar resolución no prazo máximo de 3 meses desde a súa entrada no rexistro. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

3. As explotacións da raza de porco celta poderán propor un programa de manexo e rotación común, desenvolvido pola entidade xestora do libro xenealóxico e supervisado polos seus servizos técnicos, conforme o recollido no anexo I. O dito programa de manexo deberá ser aprobado anualmente pola consellaría competente en materia de gandaría.

4. A consellería competente en materia de gandaría establecerá un procedemento de control do cumprimento dos programas de manexo aprobados, e realizará as comprobacións e inspeccións sobre o terreo que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos, da documentación presentada e do cumprimento in situ do programa.

Artigo 9. Inspección e control.

A dirección xeral competente en materia de gandaría programará a realización das inspeccións necesarias para comprobar o cumprimento das condicións e requisitos exixidos nesta disposición.

CAPÍTULO IV
Réxime sancionador

Artigo 10. Réxime sancionador.

1. No caso de incumprimentos das obrigas establecidas neste decreto, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable de acordo co establecido na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, así como a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. En caso de incumprimento do disposto no artigo 4.1.g) do Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable de acordo co establecido na Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio.

3. En caso de incumprimento do disposto no artigo 4.1.h) do Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable de acordo co establecido na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos ou, se for o caso, no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

4. O disposto nos puntos anteriores aplicarase sen prexuízo das responsabilidades ambientais, civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.

Disposición transitoria primeira. Explotacións porcinas extensivas existentes.

Os titulares das explotacións porcinas extensivas existentes con anterioridade á entrada en vigor deste decreto deberán solicitar á consellería competente en materia de gandaría, antes do mes seguinte á entrada en vigor deste decreto, a regularización da súa situación no Rexistro Galego de Explotacións Porcinas Extensivas.

Disposición transitoria segunda. Raza porcina porco celta.

En canto a raza porcina porco celta se atope catalogada en situación de perigo de extinción no Catálogo Oficial de Razas de Gando de España establecido no Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, e co obxecto de facilitar a recuperación de animais reprodutores, os servizos veterinarios oficiais poderán autorizar o traslado de posibles reprodutores, aínda que non procedan de explotacións de selección, multiplicación ou recría de reprodutores, para a súa incorporación a outras explotacións, sempre que estas estean ao día no cumprimento das obrigas derivadas da inscrición e mantemento dos seus exemplares no libro de rexistro da raza e se respecten as garantías sanitarias establecidas pola consellería competente en materia de gandaría.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase o conselleiro da consellería competente en materia de gandaría para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publiación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I
Contido mínimo do programa de rotación e manexo das explotacións

O programa de rotación e manexo de explotacións conterá, con carácter xeral, os seguintes datos:

1. Aspectos ambientais:

a) Medidas que se adoptarán para evitar a contaminación por nitratos, a degradación e erosión do solo e a perda de arborado nos terreos.

b) Estudo en detalle da xeomorfoloxía e edafoloxía da superficie en cuestión, con indicación dos seguintes parámetros: textura, estrutura, densidade aparente e porosidade do solo; así como a pendente media das diferentes parcelas e a orografía do terreo.

c) Estudo hidrolóxico, con especificación de distancias a puntos e cursos de auga, e descrición dos posibles acuíferos que puideren verse afectados polo réxime de manexo proposto.

d) Implantación de sistemas de xestión da calidade e/ou de xestión ambiental.

2. Densidade gandeira. Se é o caso, número total de porcos, desagregado por categorías, que se aloxarán en cada parcela.

3. Raza ou razas dos animais da explotación.

4. Extensión da explotación.

5. Descrición dos recursos alimenticios da explotación con indicación da produción media en quilos de materia seca de restroballos, pastos etc.

6. Descrición do sistema de rotación dos animais polas distintas parcelas. Período de permanencia dos animais por parcela e orde de rotación entre parcelas. Alimentación complementaria que se subministrará e puntos de subministración.

7. Cercados perimetrais.

a) Número e tipo de cercados, localización, superficie útil, e características construtivas.

b) Manexo dos cercados: número de animais por cada unha delas, duración da estadía e época do ano en que quedarán recluídos dentro deles.

missing image file
missing image file