A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional da enerxía callou de forma importante no enfoque das administracións públicas que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética se están a desenvolver na actualidade.
O Instituto Enerxético de Galicia contén xa na súa lei de creación, Lei 3/1999, do 11 de marzo, unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada a través do impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.
En consonancia con todo isto, o Consello de Ministros, o 20 de xullo de 2007, aprobou un Plan de Acción para o período 2008-2012, para o desenvolvemento da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España 2004-2012 (PAE4+), cumprindo así cos compromisos internacionais na materia.
Para o desenvolvemento dos referidos plans, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) deseñaron mecanismos de colaboración con todas as comunidades autónomas, que facilitan a articulación das medidas en todo o territorio estatal, tendo en consideración, ademais, as necesidades e obxectivos de cada comunidade en razón ás súas propias peculiaridades e ao seu ámbito competencial. Neste senso, asinouse entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia, con data do 3 de xullo de 2008, o convenio de colaboración para a execución das actuacións de aforro e eficiencia enerxética establecidas no marco do Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAE4+).
No caso de Galicia e segundo se establece no plan de traballo aprobado polo Consello da Xunta o 28 de xullo de 2011, a cantidade asignada para esta actuación cífrase en 2.500.000 €.
As subvencións reguladas nesta resolución tramitaranse como anticipadas de gasto.
Os efectos da trasformación do Instituto Enerxético de Galicia en axencia non afectan as obrigas contraidas por este para a convocatoria destas axudas.
Como un dos órganos encargado de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia considera do máximo interese potenciar as actuacións de renovación das fiestras que supoñan un aforro enerxético significativo en Galicia.
Artigo 1. Obxecto.
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas á rehabilitación dos ocos acristalados da fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís, co fin de acadar melloras significativas na demanda enerxética do edificio e os conseguintes aforros en termos económicos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas.
Artigo 2. Réxime das subvencións.
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
2. As subvencións reguladas nesta resolución totalizan un orzamento de 2.500.000 €, tramitándose este como expediente anticipado de gasto. En todo caso a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión. O total do orzamento destas subvencións, 2.500.000 €, impútase á partida orzamentaria 733A.08.2A.7.8.0.1 e atópanse financiadas ao 100% con fondos procedentes do convenio de colaboración subscrito entre o IDAE e o Inega con data do 3 de xullo de 2008, dentro do Plan de Acción 2008-2012 (PAE4+) da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España.
3. As axudas reguladas nesta resolución, agás aquelas cuxos beneficiarios sexan particulares, entidades e institucións sen ánimo de lucro que non poidan levar a cabo actividades económicas que repercutan en terceiros, atópanse sometidas aos requisitos e cos límites establecidos no Regulamento comunitario núm. 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28.12.2006), en virtude do cal a contía global de axudas de minimis non poderá superar o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector do transporte por estrada, este límite debería fixarse en 100.000 €. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.
Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas.
1. Será subvencionable a renovación de fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio pola compra de novas fiestras que cumpran coas seguintes especificacións técnicas:
• Dispor de marcación CE conforme a norma UNE EN 14351-1:2006.
• Exixencias mínimas de eficiencia enerxética:
a) Opción A: carpintaría de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos:
a.1. Dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior para vidros normais.
a.2. Dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
b) Opción B: carpintaría metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con acristalamento baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
A renovación consistirá na substitución dunha fiestra existente por outra de igual ou inferior tamaño.
Será subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos citados.
Tamén será subvencionable a renovación de portas que separen estancias calefactadas do exterior, sempre e cando cumpran coas especificacións técnicas deste artigo e teñan marco por todo o perímetro.
Considéranse custos subvencionables a retirada das fiestras existentes, a fabricación das novas fiestras e a súa instalación, sempre e cando veña detallado na factura.
Non son subvencionables:
• Os cerramentos acristalados que se instalen coa finalidade de pechar ambientes exteriores (terrazas e/ou tendedeiros), por non tratarse dunha renovación senón de modificacións na envolvente da vivenda.
• Ocos acristalados non situados na fachada como, por exemplo, as fiestras tipo velux.
• As fiestras que se atopen nas particións interiores das vivendas (fiestras interiores, fiestras de cuartos de baño interiores,...), é dicir, aquelas que non separan estancias calefactadas do exterior.
• Escaparates.
En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a actuacións que xa foran obxecto de subvención nas anteriores campañas do «Plan Renove de Fiestras».
Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día seguinte da reserva de fondos e o derradeiro día do prazo de xustificación.
2. O IVE (imposto sobre o valor engadido) será subvencionable para os particulares, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, para o cal será necesario realizar unha declaración responsable (opción establecida na solicitude-anexo II) indicando que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional ou, no caso de ser Administración pública, que non pode repercutir o IVE.
3. A contía da axuda ascenderá a un máximo de 100 €/m2 de oco, cuns límites de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso e 50.000 € en edificios do sector terciario. Para o caso de comunidades de propietarios ou edificios de vivendas, a axuda máxima será de 3.000 € por vivenda unifamiliar/piso co máximo de 50.000 € por edificio. No caso de que o beneficiario obtivera outras axudas relativas ao cambio de fiestras na mesma vivenda/piso ou edificio para a que solicita a axuda a través de convocatorias anteriores de plans renoves de fiestras, o límite máximo será de 10.000 € por vivenda unifamiliar/piso tendo en conta o sumatorio de todas as axudas outorgadas e solicitadas e 300.000 € en edificios do sector terciario ou edificios de vivendas, agás axudas outorgadas a empresas, cuxo límite será de 200.000 € (Regulamento (CE) núm. 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis).
En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do custo total da obra.
Soamente se concederá unha subvención por solicitante e vivenda ou edificio do sector terciario, a excepción da renovación de fiestras en vivendas ou edificios que foran obxecto de axuda en plans renove de fiestras de anos anteriores, e sempre que o solicitante execute unha actuación non subvencionada anteriormente. Neste caso a nova actuación si poderá ser subvencionable. Non será necesario presentar o recibo do imposto de bens inmobles.
4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Artigo 4. Concorrencia con outras axudas.
1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable. En todo caso deberanse respectar as condicións establecidas para cada réxime de axudas na normativa que resulte de aplicación.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Enerxético de Galicia tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.
3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.
Artigo 5. Vixencia do Plan.
O Plan entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de outubro de 2012.
Artigo 6. Financiamento.
A cantidade inicial destinada para esta convocatoria de axudas ascende a 2.500.000 €. Eventualmente, esta cantidade poderá incrementarse como consecuencia da maior dispoñibilidade orzamentaria co fin de atender todas as solicitudes, e con partidas sobrantes da xestión do «Convenio marco de colaboración entre o Inega e o IDAE, para a definición e posta en práctica das actuacións previstas no Plan de Acción 2008-2012, (PAE4+) da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España». En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.
O Inega informará as entidades colaboradoras adheridas, mediante un anuncio inserido na súa páxina web, da data en que finalicen os fondos asignados para este programa de axudas.
De producirse esta ampliación de fondos unha vez esgotado o orzamento inicial, reabrirase o prazo de presentación das solicitudes, e informarase as entidades colaboradoras adheridas mediante o correo electrónico de contacto, unha nota de prensa na páxina web www.inega.es, e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario, e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia e tamén na páxina web do Inega a devandita circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:
a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.
Artigo 7. Entidades colaboradoras.
1. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e o Inega. Serán as encargadas da venda, da promoción, da substitución e da instalación dos equipamentos indicados no artigo 3.
Na súa relación co Instituto Enerxético de Galicia, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:
• Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.
• Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.
• Desenvolvemento das accións vinculadas ao plan.
• Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Inega.
2. Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web do Inega (www.inega.es).
3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican no artigo 8, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas das sinaladas no punto 2 deste artigo, nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.
5. As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 8 destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.
De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Instituto Enerxético de Galicia, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, que figuran no anexo III desta resolución. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.
6. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica así como coa Seguridade Social.
b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Inega poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na liña d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través do Inega e, se é o caso, o cofinanciamento con fondos do IDAE no marco do convenio do 3 de xullo de 2008.
d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.
7. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:
a) Mostrar nun lugar visible o logotipo da iniciativa e os soportes publicitarios facilitados e informar sobre ela, así como o de retirar os logos e a publicidade unha vez que peche o Plan. Así mesmo, poderán incorporar na súa publicidade os logotipos do Plan que se lle facilitarán para tal efecto. Na información comercial e publicitaria deben figurar obrigatoriamente de forma diferenciada o prezo antes e despois da subvención con cargo ao plan.
b) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo II) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto. Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.
c) Instalar as fiestras nos casos que corresponda e dentro do prazo de 180 días naturais desde o día seguinte ao da solicitude de reserva de fondos, e nunca máis alá do 30 de setembro de 2012.
d) Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido nas bases.
e) Facilitarlle ao Inega canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.
f) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do Plan.
Artigo 8. Adhesión de entidades colaboradoras.
1. Procedementos de adhesión.
a) Adhesión simplificada (renovación de entidades colaboradoras).
Esta forma de adhesión vai dirixida exclusivamente a entidades colaboradoras adheridas ao convenio do Plan Renove de Fiestras do ano 2010 e que desexen adherirse ao convenio deste Plan Renove de Fiestras.
As entidades colaboradoras interesadas deberán entrar na aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es) para cubrir obrigatoriamente a solicitude (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo III); xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos. Por defecto a aplicación xa cubrirá os anexos cos datos dispoñibles do ano 2010. A entidade colaboradora poderá actualizar os datos, se é o caso.
Para acceder a aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizarán o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na adhesión do ano 2010. No caso de que algunha entidade non lembre estes datos, poderá solicitalos. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para poder facer as reservas de fondos e para ver o seu estado.
A entidade colaboradora terá que imprimir o documento que contén os dous anexos cubertos (unha copia da solicitude e dúas do convenio de colaboración), e remitilos asinados polo representante legal da entidade ao Inega. Se modificou algún dato deberá xuntar a documentación necesaria para xustificar estes cambios, cos mesmos documentos que se requiren no proceso de adhesión ordinaria. Esta documentación presentarase en soporte papel ante o rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
b) Adhesión ordinaria (alta de novas entidades colaboradoras).
Esta forma de adhesión vai dirixida ás entidades colaboradoras que non estivesen adheridas ao convenio do Plan Renove de Fiestras do ano 2010.
As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es) para cubrir obrigatoriamente a solicitude (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo III); xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.
A entidade colaboradora recibirá no enderezo de correo electrónico facilitado para o contacto un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para facer as reservas de fondos e para ver o seu estado.
A entidade colaboradora terá que imprimir o documento que contén os dous anexos cubertos (unha copia da solicitude e dúas do convenio de colaboración), e remitilos asinados polo representante legal da entidade ao Inega xunto coa seguinte documentación:
1. Copia orixinal ou compulsada do documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.
2. Copia orixinal ou compulsada da certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os ingresos á entidade colaboradora.
3. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, de ser o caso, declaración xurada de exención de pagamento (poderase consultar un modelo na web do Inega).
Esta documentación presentarase en soporte papel ante o rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. Autorizacións ao órgano xestor (Inega).
A presentación da solicitude asinada polo representante da entidade colaboradora no rexistro do Inega autoriza a este a solicitar a seguinte información:
– Autorización ao órgano xestor para coñecer se a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social ou con Facenda da administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar certificados emitidos polos organismos mencionados anteriormente onde se comprobe que a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas tributarias.
– Autorización para solicitar información necesaria en relación ao NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar copia do NIF en vigor.
3. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.
O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión simplificada e ordinaria será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
4. Emenda.
De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.
Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos seguintes: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos, así como na verificación do NIF.
De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 2 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.
A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:
a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.
b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.
5. Instrución do procedemento e audiencia.
Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.
Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
6. Competencia.
É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras o director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega e, para a súa resolución, o director do Inega, que resolverá por delegación do Consello de Administración.
7. Resolución.
O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 15 días hábiles, contados desde a presentación da documentación no Inega. Pasado o devandito prazo os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao Plan Renove de Fiestras.
O convenio de colaboración asinado polo director do Inega remitiráselle a entidade colaboradora unha vez resolta a solicitude de adhesión.
8. Notificación das resolucións.
Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 2 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.
A devandita adhesión será notificada a través da aplicación informática establecendo a seguinte mensaxe: «entidade colaboradora adherida».
Na páxina web do Inega (www.inega.es) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao plan.
Ademais, a adhesión destas entidades colaboradoras será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
9. Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante o director do Inega no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas.
Artigo 9. Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e terciario, comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 3 se realice en vivendas ou edificios do sector terciario sitos na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de persoas xurídicas de dereito público ou privado, deberán ter o domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
Non será subvencionable a actuación en edificios de natureza pública ou dos seus organismos ou sociedades dependentes, se teñen unha facturación enerxética e de mantemento das instalacións consumidoras de enerxía superior a 200.000 €/ano.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.
Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Inega no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:
a) As descritas no artigo 7, letras a), b), c) e d), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.
b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.
c) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.
d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data de xustificación establecida no artigo 10. O pagamento corresponderá ao investimento total da renovación descontando a axuda outorgada polo Inega. Este pagamento debe estar debidamente xustificado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 10.b destas bases.
A presentación da solicitude de axuda asinada polo representante da entidade colaboradora e polo solicitante da axuda no rexistro do Inega, autoriza a este a requirir a seguinte información:
– Autorización ao órgano xestor para coñecer se o solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social ou coa Facenda da administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar certificados emitidos polos organismos mencionados anteriormente onde se comprobe que a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas tributarias.
– Autorización para solicitar información necesaria en relación ao NIF do solicitante da axuda. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar copia do NIF en vigor.
Artigo 10. Procedemento para acceder ás axudas.
As entidades colaboradoras do Plan Renove de Fiestras son as encargadas de tramitar a solicitude (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
O procedemento estrutúrase en dúas fases:
a) Reserva dos fondos.
1. O comprador dirixirase a unha entidade colaboradora e elixirá unha carpintaría que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 destas bases.
Na páxina web do Inega (www.inega.es) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do Plan Renove de Fiestras.
2. Unha vez elixida a carpintaría, a entidade colaboradora terá que:
a) Comprobar que o comprador cumpre cos requisitos establecidos no artigo 9 para poder ser beneficiario da axuda.
b) Reservar os fondos para ese comprador cubrindo obrigatoriamente o «Formulario de solicitude de axuda» (anexo II), mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e dispoñible na web do Inega (www.inega.es). Cando a aplicación informática reflicte o estado de «Reservada» significa que existen fondos reservados, indicando a contía da axuda reservada. No caso de cometer algún erro ao cubrir a solicitude, pode borrala e cubrila de novo sempre e cando existan fondos. Do mesmo xeito, a entidade colaboradora poderá rectificar a solicitude no caso de comisión dalgún erro na descrición das carpintarías de tipo aritmético ou tipográfico, accedendo á aplicación informática durante os 5 días hábiles seguintes á data de peche desta e sempre e cando, coa corrección do erro, a contía reservada sexa a mesma ou diminúa.
As entidades colaboradoras accederán a aplicación informática co usuario e contrasinal proporcionados na adhesión. So se será posible unha conexión con cada usuario e contrasinal.
A aplicación informática informará en tempo real sobre os fondos económicos dispoñibles.
3. Co obxecto de executar o máximo do orzamento, unha vez que a contía reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria, poderán seguirse cubrindo formularios de solicitude de axuda ata o límite de 200.000 €. Estas solicitudes aparecerán no estado «Listaxe de espera (núm. na listaxe)» e, de ser o caso, segundo se vaian liberando fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas, pasarán ao estado «reservada». Nestes casos o prazo máximo de xustificación será de 180 días naturais desde o día seguinte a aquel en que apareza a solicitude co estado de «reservada», e nunca máis alá do 30 de setembro de 2012.
4. Poderán reservarse os fondos a partir dos 25 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG do presente Plan ata o 29 de marzo de 2012 ou ata que se esgote o crédito.
b) Solicitude da axuda e xustificación da actuación.
1. Nos 180 días naturais desde o día seguinte á data da reserva de fondos a través da aplicación informática, e nunca máis alá do 30 de setembro de 2012, a entidade colaboradora ten que realizar a obra e presentar a solicitude xunto coa documentación xustificativa da actuación que se indica neste artigo.
2. A solicitude (anexo II) imprímese por triplicado desde a aplicación informática da reserva de fondos. Tanto o comprador como a entidade colaboradora asinarán os exemplares dando a súa conformidade. Un exemplar é para o comprador, outro para a entidade colaboradora e o terceiro para remitir ao Inega.
3. A entidade colaboradora adherida cobrará o prezo resultante de restarlle ao prezo do actuación subvencionable (IVE incluído) o desconto da axuda establecida no artigo 3, tal e como se especifica na solicitude (anexo II).
4. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Inega xunto coa solicitude e a seguinte:
• A solicitude da axuda (anexo II) asinada polo comprador e pola entidade colaboradora.
• No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica, deberá presentar copia compulsada das escrituras de constitución da entidade, así como o poder do seu representante legal.
• No suposto de que o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, presentarase un documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Ademais, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario,corresponden á agrupación (consultar modelo na web do Inega). Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
• Documentación xustificativa da marcación CE.
• Orixinal ou copia compulsada da factura xustificativa.
A factura debe reflectir con claridade os seguintes datos:
– Data de emisión.
– Nome e o NIF do beneficiario.
– Enderezo onde se realiza a obra.
– Número de fiestras.
– Descrición da carpintaría (dimensións, tipoloxía do marco e do acristalamento, prezo unitario de cada fiestra) acorde coa solicitude.
– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.
– Desconto do Plan Renove Fiestras do Inega.
– Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total menos o desconto do plan).
A factura deberá estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.
• Orixinal ou copia compulsada perfectamente lexible, sen emendas nin riscaduras, de xustificante bancario do pagamento realizado polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo por portelo ou certificación bancaria) en que conste a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación da persoa, empresa ou entidade que recibe o pagamento, e o concepto do pagamento e o número de factura. No caso da banca electrónica deberá vir selado pola entidade financeira.
• Ademais, no mesmo prazo de xustificación deberá subirse á aplicación informática un documento que recolla as fotografías de todas as fiestras obxecto da renovación, antes e despois de levala a cabo. As fiestras deben de vir numeradas co mesmo número a antiga e a nova, co fin de facilitar a súa identificación. As fotografías deberán facerse por fachada, das fiestras antigas e, dende a mesma posición, das novas. Se isto non é posible faranse as fotografías desde o interior que conteñan algún elemento da estancia para deixar constancia de que se trata da mesma fiestra.
As fotografías das portas deben reflectir a existencia de marco en todo o perímetro.
No caso de que non se poida acreditar mediante as fotografías a existencia das fiestras antigas, poderase remitir certificado asinado por un técnico competente en que se declare que os ocos das fiestras existían antes da renovación e que non son de nova apertura.
5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
6. A presentación da documentación xustificativa será ante o rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
7. De conformidade co establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.
Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do NIF.
De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, utilizaranse medios electrónicos para a notificación da emenda, de xeito que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación da emenda, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.
A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:
a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.
b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación informática do plan co seu usuario e contrasinal.
Artigo 11. Xestión informática das axudas.
As entidades colaboradoras poderán visualizar na aplicación informática o estado das súas solicitudes de axuda, así como a súa posterior validación polo persoal do Inega, cando se reciba integramente neste ente público a documentación xustificativa para a percepción da axuda.
A aplicación informática con que se xestiona o Plan indicará, polo menos, as seguintes posibles situacións da solicitude de axuda co significado que se indica en cada caso:
Reservada: están reservados os fondos que se indican, os cales foron calculados pola aplicación informática no momento de cubrir a solicitude. Está pendente de que a entidade colaboradora imprima a solicitude e a envíe asinada por ela e polo solicitante ao Inega xunto coa documentación xustificativa. Se transcorrido o prazo de 180 días naturais non se presenta a documentación xustificativa (ou nos 10 días adicionais en caso de requirimento de emenda) a reserva de fondos será cancelada e liberaranse os fondos tal e como establece o artigo 10.b).
Listaxe de espera (X): non existen fondos dispoñibles. A reserva de fondos está en listaxe de espera co número XXX. Cando existan fondos dispoñibles pasará ao estado de reservada.
Recibida Inega: a solicitude chegou ao Inega e está pendente de revisión.
Validada: a solicitude xa foi validada polo Inega e iníciase o procedemento de pagamento.
Documentación incompleta ou errónea: a documentación recibida polo Inega atópase incompleta ou é errónea, de xeito que, se non se emenda no prazo de 10 días hábiles dende o día seguinte ao da recepción da notificación de emenda, a solicitude cancelarase.
Pagamento en trámite: a solicitude está en proceso de pagamento. Nos próximos días recibirá o ingreso na súa conta.
Cancelada: a reserva de fondos da solicitude foi cancelada por petición da entidade colaboradora ou por incumprimento das bases.
Cancelada por prazo: a solicitude cancelouse por non presentarse a documentación establecida no artigo 10.b) unha vez transcorrido o prazo de 180 días naturais dende o día seguinte á data da reserva dos fondos, ou por non atender o requirimento de emenda no prazo de 10 días nos termos establecido no artigo 10.b)7.
Artigo 12. Instrución do procedemento de concesión das axudas.
A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da reserva de fondos efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.
As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quedase libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas.
Unha vez que os fondos reservados acaden a contía máxima destinada a esta convocatoria, se un solicitante renuncia aos fondos reservados da súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante comunicando este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.
Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario, e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Inega a devandita circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:
a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.
Artigo 13. Audiencia.
Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.
Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
Artigo 14. Competencia.
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de axudas será o director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega, e a súa resolución corresponderá ao director do Inega, que resolverá por delegación do Consello de Administración.
Artigo 15. Prazo máximo de resolución.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de nove (9) meses contados desde a data da reserva de fondos na aplicación informática. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Resolución e notificación das resolucións.
Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadans aos servizos públicos, e segundo o establecido no artigo 7 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou a instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.
As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificar aos beneficiarios das axudas.
Artigo 17. Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao amparo da presente resolución de convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante o director do Inega no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas.
Artigo 18. Pagamento ás entidades colaboradoras.
Cando se atope completa e correcta a documentación referida no artigo 10, o Inega aboará á entidade adherida o importe correspondente na conta bancaria facilitada para tal efecto na súa solicitude de adhesión.
Artigo 19. Incumprimento, reintegro e sancións.
1. O Inega reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se estimen oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Plan Renove de Fiestras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrarlle ao Inega as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.
2. Cando se realizasen descontos por parte dos instaladores adheridos en concepto de axuda obxecto deste Plan a titulares dunha solicitude e se comprobase posteriormente por parte do Inega, que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, de ser o caso, que houbo incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos e non llos poderá reclamar ao Inega.
Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que o Inega llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias previstas neste artigo.
3. Efectuado o pagamento das subvencións polo Inega, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.
5. Ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 20. Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 21. Control.
1. O Instituto Enerxético de Galicia poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 22. Publicidade.
De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia, (www.inega.es), nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.
Artigo 23. Protección de datos de carácter persoal.
De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa física solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ao IDAE, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.
O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Instituto Enerxético de Galicia sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña).
Artigo 24. Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como no resto da normativa que resulte de aplicación.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2011.
Eliseo Diéguez García
Director do Instituto Enerxético de Galicia

