Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2011 Páx. 37168

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 228/2011, do 24 de novembro, polo que se modifica o Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

O Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, creou un rexistro informativo de explotacións leiteiras de calidade diferenciada no cal se inscribiron as explotacións leiteiras que, no marco do plan de controis oficiais do leite cru de vaca efectuados polos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, superaban os parámetros de calidade exixidos.

Logo de ano e medio de mantemento deste rexistro público constatouse, por unha banda, a súa utilidade para os axentes do sector lácteo que queren amparar a súa produción e comercialización dentro de esquemas de calidade diferenciada recoñecida e, por outra, o cumprimento xeneralizado por parte das explotacións galegas dos parámetros de calidade establecidos polo Decreto 57/2010.

Co obxecto de atender a crecente demanda dos consumidores de produtos de calidade e fomentar a presenza do leite galego de calidade recoñecida nos mercados, é aconsellable modificar as exixencias dos parámetros de calidade requiridos para a inscrición e mantemento no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 14 e 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e catro de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Decreto 228/2011, polo que se modifica o Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Un. As alíneas a) e b) do artigo 2 quedan redactadas do seguinte modo:

«a) A explotación deberá estar en posesión da carta verde e, polo tanto, non poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR).

b) Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos seguintes parámetros de calidade no leite:

– Colonias de xermes a 30ºC (por ml) ≤ 50.000 (media xeométrica móbil observada durante un período de dous meses).

– Contido de células somáticas (por ml) ≤ 350.000 (media xeométrica móbil observada durante un período de tres meses).

– Non se ter detectados nos últimos seis meses, nin en mostras oficiais nin en mostras de autocontrol, residuos de antibióticos ou doutros inhibidores do crecemento bacteriano.».

Dous. O parágrafo 1 do artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

1. Producirase a baixa dunha explotación no rexistro, logo de tramitación do oportuno procedemento, por calquera dos seguintes motivos:

a) Cando a partir da información do resultado das mostras oficiais, ou por outro procedemento, se coñeza que unha explotación rexistrada incumpre algún dos parámetros establecidos no artigo 2 deste decreto, recibirá unha comunicación da dirección xeral competente en materia de gandaría relativa ao incumprimento detectado. Se o incumprimento se refire a células somáticas ou xermes, agardarase tres meses para comprobar a súa evolución. De se manter o incumprimento, iniciarase o expediente de baixa no rexistro. Se o incumprimento é dalgún dos demais requisitos, o inicio do expediente de baixa será inmediato.

b) De oficio pola administración no caso de comprobarse o cesamento da produción leiteira na explotación.

c) A solicitude do interesado.

Tres. Substitúese o anexo I polo que aparece neste decreto.

Catro. Inclúese unha nova disposición adicional, que pasa a ser disposición adicional segunda e a disposición adicional única pasa a ser disposición adicional primera.

Disposición adicional segunda. Presentación telemática de solicitudes.

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os formularios de solicitude para iniciar telematicamente os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos deberán estar dispoñibles a través da devandita sede (https://sede.xunta.es).

2. Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ou as unidades que, se for o caso, tiveren as competencias actuais delas, implementarán os formularios e mecanismos axeitados no ámbito deste decreto.

3. No caso de utilización da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible a través de http://emediorural.xunta.es/oav, determinaranse os oportunos mecanismos de comunicación para facer accesible a información da OAV a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file