Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2011 Páx. 37655

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 230/2011, do 7 de decembro, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Como consecuencia do novo marco departamental derivado do Decreto 79/2009, do 19 de abril, e do Decreto 83/2009, do 21 de abril, que fixaron a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e os seus departamentos, respectivamente, dentro do compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Xunta de Galicia, o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cara á necesaria execución das competencias atribuídas a esta consellería.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA), recolle con carácter xeral as competencias dos distintos tipos de órganos que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma, polo que o desenvolvemento e a execución das competencias atribuídas aos diferentes órganos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aconsella introducir modificacións na devandita estrutura, coa finalidade de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa consonte os principios de economía, optimización de recursos e racionalización na xestión pública. A nova ordenación non comporta incremento de gasto.

Pola súa banda, o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, derroga o Decreto 83/2009, do 21 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e adapta a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia á nova regulación establecida pola LOFAXGA.

En consecuencia, cómpre plasmar as modificacións introducidas na Administración xeral da Xunta de Galicia nas diferentes estruturas orgánicas de cada ámbito sectorial correspondente.

No ámbito das competencias dos diferentes órganos dos servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral Técnica, por unha banda, por aplicación da LOFAXGA, adapta a súa denominación á que introduce aquela lei en substitución de Secretaría Xeral e, por outra, reorganiza as funcións atribuídas aos diferentes órganos de dirección e unidades administrativas dependentes dela, coa finalidade de facer fronte ás competencias atribuídas con maior eficacia e eficiencia na xestión pública.

Na reformulación de funcións dos órganos de dirección e unidades administrativas que dependen organicamente da Secretaría Xeral Técnica cobra especial importancia a necesidade de desdobrar as funcións do Servizo de Recursos Educativos Complementarios, que depende funcionalmente da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, en dúas unidades administrativas con nivel orgánico de xefatura de servizo, en consideración ao volume de traballo que concentra e aos recursos orzamentarios que na actualidade xestiona.

O desdobramento de funcións da unidade administrativa referida no parágrafo anterior implica unha reestruturación das súas funcións e, así mesmo, a supresión daquel servizo, para crear, no seu lugar dúas unidades administrativas.

Polo que se refire á Secretaría Xeral de Universidades, en coherencia co Decreto 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, procede incorporar no marco normativo orgánico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as modificacións introducidas no ámbito da I+D+i da Xunta de Galicia, de modo que as competencias en materia de investigación universitaria se inclúen na Secretaría Xeral de Universidades, sen prexuízo das competencias que no futuro asuma de acordo cos seus estatutos a Axencia Galega de Innovación, cuxa creación está prevista na disposición adicional segunda da LOFAXGA.

No ámbito funcional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e dentro da Subdirección Xeral de Política Lingüística, incorpórase unha nova función e, por mor do volume de competencias que esta ten encomendada, considérase necesario reforzala coa creación dunha unidade administrativa con nivel orgánico de servizo dependente dela, que se denomina Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

No ámbito periférico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a LOFAXGA tamén introduciu modificacións que afectan a denominación das unidades administrativas integradas nas correspondentes delegacións territoriais da Xunta de Galicia creadas polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, con dependencia orgánica e funcional das consellerías que correspondan por razón da materia, e que son as correspondentes xefaturas territoriais.

No exercicio das competencias da Administración periférica da Xunta de Galicia en que se integran as xefaturas territoriais, tendo en conta a necesaria cualificación para o desenvolvemento de determinadas funcións, cómpre contar con unidades administrativas, con nivel orgánico de xefaturas de servizos que desempeñen, baixo a dirección do/da xefe/a territorial, funcións de carácter transversal de apoio xurídico e técnico-administrativo en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no respectivo ámbito territorial.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, queda redactado como segue:

Un. Modifícanse o punto primeiro e os subpuntos 1.1, 1.2 do artigo 4, engádase un subpunto 1.2 bis no punto primeiro do artigo 4. Secretaría Xeral Técnica, Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios.

«Punto primeiro do artigo 4. Modifícanse as funcións da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Económicos Complementarios, que serán as seguintes:

Correspóndelle á Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Económicos Complementarios exercer as seguintes competencias:

– Programación e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control.

– Xestión das modificacións orzamentarias.

– Xestión e a elaboración de plans e proxectos normativos en materia de transporte, comedores e cafetarías escolares.

– A supervisión e control dos recursos educativos complementarios en colaboración coa Inspección Educativa da consellería.

– As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da Xunta de Galicia que presta os seus servizos nos centros docentes dependentes da consellería.

– Coordinación das funcións que lles corresponden ás xefaturas territoriais da consellería en materia de bolsas e axudas ao estudo destinadas ao alumnado de ensino non universitario dependente desta consellería.

– Tramitación dos expedientes relativos ás publicacións da consellería ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

«Subpunto 1.1. Engádense dúas novas funcións ao Servizo de Xestión Orzamentaria:

– Exercer as funcións que competan ao administrador do Mupega, nos termos establecidos no decreto de creación deste.

– Aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da consellería.

Subpunto 1.2. Suprímese no subpunto 1.2 do artigo 4 o Servizo de Recursos Educativos Complementarios e no seu lugar créase o Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios.

Ao Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios, baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– Xestión global do servizo de transporte escolar en función das necesidades dos centros docentes non universitarios, en coordinación coas xefaturas territoriais da consellería.

– Programación e seguimento do servizo de acompañamento no transporte escolar.

– Control e seguimento en colaboración cos servizos da Inspección Educativa da consellería sobre o correcto desenvolvemento do servizo de transporte escolar.

– Realización de estudos para a optimización do servizo de transporte escolar e a súa coordinación coa actividade docente.

– Asistir a Secretaría Xeral Técnica da consellería, xunto cos servizos de Inspección Educativa, na supervisión e control do transporte escolar.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Subpunto 1.2 bis. Créase o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios.

Ao Servizo de Xestión dos Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– Xestión global dos servizos de comedor escolar dos centros docentes dependentes desta consellería nas súas diferentes modalidades, en coordinación coas xefaturas territoriais da consellería.

– Xestión global dos servizos de cafetaría dos centros docentes dependentes desta consellería, en coordinación coas xefaturas territoriais da consellería.

– Xestión das axudas ás asociacións de nais e pais e de accións de fomento dirixidas ao alumnado en relación con servizos complementarios.

– Control e seguimento en colaboración cos servizos da Inspección Educativa da consellería sobre o correcto desenvolvemento dos servizos de comedor escolar e de cafetarías escolares.

– A xestión de campañas de mellora do servizo de comedor escolar e de actuacións divulgativas de bos hábitos nutricionais e alimentarios, así como actuacións transversais con outros órganos e institucións públicas e/ou privadas para fomentar as condicións de seguridade alimentaria, salubridade, hixiene e calidade dos menús, que deberán ser axeitados ás etapas de crecemento dos escolares.

– Asistir a Secretaría Xeral Técnica da consellería, xunto cos servizos de Inspección Educativa, na supervisión e control dos comedores escolares e doutros servizos complementarios.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Dous. Modifícase o subpunto 2.1, do punto segundo do artigo 4. Secretaría Xeral Técnica, Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento.

«Subpunto 2.1. Suprímese no subpunto 2.1 do artigo 4 o Servizo de Contratación e Equipamentos e no seu lugar créase o Servizo de Obras e Equipamentos.

Ao Servizo de Obras e Equipamentos baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– A tramitación, xestión e seguimento dos expedientes de contratación dos proxectos e das obras de nova construción, ampliación, rehabilitación e reposición precisas, en execución dos programas de necesidades.

– A tramitación, xestión e seguimento dos expedientes de contratación dos equipamentos para os centros docentes públicos.

– A tramitación, xestión e seguimento dos expedientes de contratación dos servizos relacionados co ámbito da competencia da Secretaría Xeral Técnica.

– A proposta e preparación dos pregos de especificacións técnicas e administrativas dos expedientes de contratación relacionados con obras equipamentos da competencia da consellería.

– O seguimento, a execución, o control e a coordinación dos plans de equipamento nas fases de deseño, adquisición, recepción e distribución.

– A elaboración de informes e actuacións que sexan necesarios cos órganos externos de control, respecto ás ditas actividades contractuais.

– Calquera outra análoga que lle sexa encomendada».

Tres. Modifícanse os subpuntos 4.1 e 4.2 do punto cuarto do artigo 4. Unidades administrativas dependentes directamente da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

«Supunto 4.1. Ao Servizo Técnico Xurídico, baixo a dirección da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, correspóndenlle a realización das seguintes funcións:

– A asistencia e o apoio xurídico nas materias da competencia da consellería.

– Elaboración dos estudos xurídicos e informes legais que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica, así coma o estudo ou formulación das propostas de resolución dos recursos e das reclamacións interpostas contra os actos ditados polos órganos da consellería, que lle encargue o mencionado órgano.

– Tramitación e elaboración de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

– Tramitación dos requirimentos e peticións formuladas polo defensor/a do pobo, valedor/a do pobo e outros órganos e institucións.

– Coordinación da publicación nos diarios oficiais de todas as disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería, así como a súa remisión para ser publicados.

– Mantemento e actualización do Rexistro das Fundacións de Interese Galego adscritas a esta consellería e a realización das actividades propias da súa calidade de protectorado, así como o exercicio das funcións derivadas do Rexistro de Asociacións de Alumnos e do Censo de Federacións e Confederacións de Pais de Alumnos.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Subpunto 4.2. Suprímese o Servizo de Coordinación Administrativa e no seu lugar créase o Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo.

Ao Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo, baixo a dirección da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– A coordinación administrativa de carácter xeral, dos rexistros e arquivos e da información e atención aos/as cidadáns.

– A elaboración, impulso e execución de plans de mellora da calidade dos servizos no ámbito propio da consellería e racionalización dos procedementos administrativos en coordinación cos órganos competentes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Apoio normativo e asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no estudo preparación e tramitación dos expedientes da consellería que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións, así como o traslado dos correspondentes acordos.

– Análise e tramitación en colaboración co Servizo Técnico Xurídico dos proxectos de disposicións xerais desta consellería, así como a elaboración de compilacións e refundicións das normas de interese para a consellería.

– Elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica sobre materias propias da competencia da consellería.

– A xestión e tramitación dos convenios e protocolos de actuación en que sexa parte a consellería e non sexa da competencia doutros órganos desta, así como a coordinación dos trámites para o seu rexistro e publicidade.

– Actuar como secretario/a, sen voz nin voto, nas xuntanzas da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario de acordo coa Orde do 11 de novembro de 1999, de creación do referido órgano colexiado.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Catro. Modifícanse o punto segundo, o subpunto 2.1 e engádese o subpunto 2.2 do artigo 5, como consecuencia das modificacións introducidas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo Decreto 89/2011, do 31 de marzo. –Secretaría Xeral de Universidades, Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.–

«Punto segundo do artigo 5. Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.

Sen detrimento das actuacións que neste ámbito poidan asumir outras unidades da Xunta con competencias en investigación e innovación tecnolóxica, a esta subdirección xeral correspóndenlle as seguintes funcións:

– O desenvolvemento e a xestión dos retos, eixes estratéxicos e liñas de acción do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento no relativo ao sistema universitario de Galicia.

– A coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas científicas e actuacións en materia de investigación.

– A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a fomentar a investigación básica e aplicada no sistema universitario de Galicia.

– A planificación, elaboración, proposta e xestión de accións e mecanismos orientados á consecución da excelencia na produción científica no desenvolvemento da función investigadora do Sistema Universitario de Galicia.

– O establecemento de accións enfocadas á xestión da organización, da calidade e dos recursos humanos no ámbito da investigación, así como a execución de plans específicos de apoio á formación, actualización de investigadores.

– A promoción e coordinación dos servizos, centros e unidades científico-tecnolóxicas no SUG no establecemento de mecanismos de promoción e difusión das liñas de investigación universitaria e a transferencia de resultados.

– A elaboración dos criterios e inclusión no Catálogo de centros e unidades de investigación do Sistema Universitario Galego.

– A promoción da mellora da organización da actividade investigadora no SUG.

– A recolla, tratamento e difusión dos datos relativos a recursos, actividades e resultados de investigación do SUG.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de xefatura de servizo:

– Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica.

– Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.

Subpunto 2.1. Modifícanse as funcións do Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica, en consideración coas previstas polo Decreto 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Ao Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica, baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– A xestión dos programas e accións de apoio á actividade investigadora no SUG.

– A formulación, aplicación e seguimento dos obxectivos e mecanismos en materia de calidade investigadora.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Subpunto 2.2. En substitución do Servizo de Formación e Consolidación de Investigadores e Tecnólogos previsto no artigo 19 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e suprimido polo Decreto 89/2011, do 31 de marzo, créase ao abeiro do citado decreto, e baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.

Ao Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación, baixo a dirección da persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– Coordinación, seguimento e promoción de proxectos e programas singulares no ámbito científico universitario.

– A posta en marcha, execución e seguimento dos programas destinados a captar, formar e reter talento no ámbito universitario galego.

– O impulso da formación de investigadores nas áreas de coñecemento estratéxicas para o SUG.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Cinco. Modifícase o punto primeiro do artigo 6, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Subdirección Xeral de Política Lingüística, engadindo unha nova función, e mais o subpunto 1.1 polo que se crea o Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua, que quedan redactados da seguinte maneira:

«– A habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I».

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Política Lingüística contará cunha unidade administrativa, con nivel orgánico de xefatura de servizo e baixo a dirección da persoa titular dela:

Subpunto 1.1. Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

– Organizar cursos de formación, seminarios ou xornadas formativas.

– Xestionar as validacións e solicitudes de recoñecemento de certificación de cursos e outras actividades de formación de lingua galega.

– Xestionar e administrar as probas de acreditación de niveis de lingua galega.

– Xestionar as solicitudes de tradución ao castelán de títulos oficiais en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

– Planificar e coordinar a promoción exterior da lingua galega, tramitar os convenios de colaboración para a creación e mantemento dos centros de estudos galegos e xestionar a convocatoria para a selección dos lectores.

– Xestionar a promoción do material didáctico para apoio á formación en lingua galega.

– Coordinar as tarefas de avaliación dos proxectos de dinamización lingüística dos centros de ensino non universitarios.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Seis. Suprímese unha función do Servizo de Réxime Xurídico e Recursos no subpunto 2.4 do punto segundo do artigo 8 Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Subdirección Xeral de Recursos Humanos, Servizo de Réxime Xurídico e Recursos.

«Subpunto 2.4. Suprímese do Servizo de Réxime Xurídico e Recursos a seguinte función:

– Tramitación e elaboración de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial».

Sete. Engádese o subpunto 2.5, ao punto segundo do artigo 9 en relación coas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, respectivamente, suprímese no subpunto 3.2 do punto terceiro do artigo 9 o Servizo de Recursos Educativos Complementarios, Progamación e Contratación e no seu lugar créase o Servizo de Recursos Educativos Complementarios, dependente das xefaturas territoriais de Lugo e Ourense e engádese o subpunto 3.2 bis ao punto segundo do artigo 9 no referido ámbito territorial de Lugo e Ourense.

«Subpunto 2.5. Créase o Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo no ámbito competencial das xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na Coruña e Pontevedra.

Ao Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo, baixo a dirección da persoa titular da xefatura territorial correspondente, asígnaselle a realización das seguintes funcións:

– Apoio xurídico e tecnico-administrativo de carácter transversal en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no respectivo ámbito territorial.

– Elaboración de informes e propostas de resolución sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura territorial, en coordinación, de ser o caso, coas unidades administrativas dos servizos centrais competentes. En especial, en materia de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, de conformidade co previsto no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, que imparten as ensinanzas reguladas na Lei organiza 2/2006, do 3 de maio, de educación e, así mesmo, en materia de recursos humanos, servizos de transporte, comedores e outros complementarios e de apoio ao sistema educativo.

– En xeral, calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

Subpunto 3.2. Suprímese o Servizo de Recursos Educativos Complementarios, Progamación e Contratación e no seu lugar créase o Servizo de Recursos Educativos Complementarios, dependente das xefaturas territoriais de Lugo e Ourense.

Ao Servizo de Recursos Educativos Complementarios, baixo a dirección da persoa titular da xefatura territorial correspondente, asígnaselle a realización das seguintes funcións:

– A tramitación dos asuntos relacionados cos servizos de transporte e comedor escolar e coas escolas-fogar, segundo as directrices da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

– Coordinación cos servizos territoriais de transporte das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na verificación da aptitude técnica dos vehículos destinados a transporte escolar e, en especial, do cumprimento cos requisitos exixidos no Real decreto 443/2001, do 27 de abril, modificado polo Real decreto 894/2002, do 30 de agosto, sobre seguridade no transporte escolar.

– A xestión e proposta da concesión de bolsas e axudas ao estudo destinadas ao alumnado de ensino non universitario, así como a tramitación das solicitudes de títulos e libros de cualificación.

– Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Subpunto 3.2 bis. Créase o Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo, Programación e Contratación no ámbito competencial das xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en Lugo e Ourense, respectivamente.

Ao Servizo Xurídico e Técnico-Administrativo, Programación e Contratación, baixo a dirección da persoa titular da xefatura territorial correspondente, asígnaselle a realización das seguintes funcións:

– Apoio xurídico e técnico-administrativo de carácter transversal en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no respectivo ámbito territorial.

– Elaboración de informes e propostas de resolución sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura territorial, en coordinación, de ser o caso, coas unidades administrativas dos servizos centrais competentes. En especial, en materia de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, de conformidade co previsto no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, e en materia de recursos humanos, servizos de transporte, comedores e outros complementarios e de apoio ao sistema educativo.

– A instrución dos expedientes de creación, modificación e supresión de centros públicos e privados non universitarios dependentes da consellería, así como a elaboración de informes dos expedientes de desafectación de centros públicos.

– A xestión dos expedientes de contratación de obras, en colaboración co servizo da unidade técnica adscrita á xefatura territorial.

– A tramitación dos concertos educativos e da concesión de subvencións e axudas a unidades de educación infantil.

– A tramitación dos expedientes de equipamento e dotación artística.

– A xestión da actividade das escolas viaxeiras.

– Calquera outra análoga que lle sexa encomendada».

Oito. Engádese unha disposición adicional cuarta ao Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seguinte contido:

«Disposición adicional cuarta. No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes».

Disposición adicional primeira. As referencias á Secretaría Xeral e aos departamentos territoriais contidas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como en normas de igual ou inferior rango, entenderanse realizadas no sucesivo á Secretaría Xeral Técnica e ás xefaturas territoriais respectivamente, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional segunda.

1. Suprímese o contido do artigo 5 do Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) para adaptar a súa redacción ao Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e a estrutura da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, contida no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, coas modificacións introducidas pola presente regulación orgánica.

O citado artigo queda redactado como segue:

«Artigo 5. Comisión reitora.

1. Constituirase unha comisión reitora do Mupega, de ser o caso, que será presidida polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en que delegue, e que contará cos seguintes vogais:

1) O secretario xeral técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2) O director xeral de Centros e Recursos Humanos.

3) O secretario xeral de Política Lingüística.

4) O representante que designe a Consellería de Cultura e Turismo.

5) O director do Mupega.

6) O representante dun dos órganos consultivos en materia de patrimonio cultural.

2. Actuará como secretario/a desta comisión o administrador/a do Mupega.

3. A Comisión reitora terá as seguintes funcións:

a. Supervisar o Mupega nos seus temas específicos.

b. Emitir informe sobre o regulamento de réxime interno do Mupega, e, de ser o caso, sobre as propostas de proxectos e programas propios deste».

2. Suprímese o contido do artigo 6 do Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) e, no seu lugar, o citado artigo queda redactado como segue:

«Artigo 6. Director do Mupega.

1. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nomeará o director do Mupega entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. O director do Mupega, que será vogal da súa comisión reitora, exercerá as seguintes funcións:

a. A representación ordinaria do Mupega.

b. A coordinación, seguimento e supervisión de todas as actividades científicas propias do Mupega.

c. O impulso e execución dos plans xerais de actuación, logo da proposta e aprobación polo órgano competente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d. A elaboración da memoria anual de actividades e a confección da proposta do anteproxecto de orzamento do Mupega.

e. Dar conta do contido da programación de actividades ante a comisión reitora.

f. Elaborar e proporlles á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á comisión reitora o regulamento interno e de funcionamento do Mupega».

3. Suprímese o contido do artigo 8 do Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Mupega e, no seu lugar, o citado artigo queda redactado como segue:

Artigo 8. Cobertura de prazas.

1. Para a cobertura de prazas do Mupega será de aplicación o Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes, e demais normativa en materia de función pública.

2. O posto de traballo de director do Mupega poderá ser cuberto polo sistema de libre designación, de conformidade co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e percibirá o complemento específico establecido para as direccións dos centros docentes públicos tipo A.

Disposición derradeira primeira. Autorízase a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria