Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2011 Páx. 37686

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva relativa ao Plan Renove de Equipamentos de Climatización, se regula a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan as devanditas axudas como anticipadas de gasto.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional da enerxía, influíu de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia contén xa na súa lei de creación (Lei 3/1999, do 11 de marzo), unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada a través do impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente contempla a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

En consonancia con todo isto, o Consello de Ministros no 20 de xullo de 2007 aprobou un Plan de Acción para o período 2008-2012, para o desenvolvemento da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España 2004-2012 (PAE4+), cumprindo así cos compromisos internacionais na materia.

Para o desenvolvemento dos referidos Plans, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) deseñaron mecanismos de colaboración con todas as comunidades autónomas que facilitan a articulación das medidas en todo o territorio estatal, tendo en consideración, ademais, as necesidades e obxectivos de cada comunidade en razón ás súas propias peculiaridades e ao seu ámbito competencial. Neste senso, asinouse entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia, con data 3 de xullo de 2008, o convenio de colaboración para a execución das actuacións de aforro e eficiencia enerxética establecidas no marco do plan de acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAE4+).

No caso de Galicia e segundo se establece no plan de traballo aprobado polo Consello da Xunta no 28 de xullo de 2011, a cantidade asignada para esta actuación cífrase en 900.000 euros.

As subvencións reguladas nesta resolución tramitaranse como anticipadas de gasto.

Os efectos da trasformación do Instituto Enerxético de Galicia en axencia non afectan as obrigas contraídas por este para a convocatoria destas axudas.

Como un dos órganos encargado de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia considera do máximo interese potenciar as actuacións de renovación dos Equipamentos de Climatización que conduzan a un aforro enerxético significativo en Galicia.

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto:

1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas a fomentar a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas que se renoven, dos edificios existentes, de forma que cumpran, ao menos, coas exixencias mínimas que fixa a normativa vixente, e reduzan o seu consumo de enerxía.

2. Establecer a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

3. Convocar as devanditas axudas.

Artigo 2. Réxime das subvencións.

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

2. As subvencións reguladas nesta resolución suman un orzamento de 900.000 euros, tramitándose este como expediente anticipado de gasto. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. O total do orzamento destas subvencións (900.000 €), impútanse á partida orzmentaria 733A.08.2A.7.8.0.3 e atópanse financiadas ao 100% con fondos procedentes do convenio de colaboración subscrito entre o IDAE e o Inega con data do 3 de xullo de 2008, dentro do Plan de Acción 2008-2012 (PAE4+) da estratexia de aforro e eficiencia enerxética en España.

3. As axudas reguladas nesta resolución, agás aquelas cuxos beneficiarios sexan particulares, entidades e institucións sen ánimo de lucro que non podan levar a cabo actividades económicas que repercutan en terceiros, atópanse sometidas aos requisitos e cos límites establecidos no Regulamento comunitario núm. 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28.12.2006), en virtude do cal a contía global de axudas de minimis non poderá superar o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector do transporte por estrada este límite debería fixarse en 100.000 euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas.

1. O obxectivo deste plan é mellorar a eficiencia enerxética, a través da renovación de instalacións existentes de equipamentos de produción de calor e frío por outros de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético.

2. Considérase actuacións subvencionables:

Será subvencionable o cambio de caldeiras, equipamentos de climatización ou bombas de calor convencionais de baixa eficiencia enerxética pola compra doutros equipamentos de alta eficiencia enerxética con potencia nominal térmica maior ou igual que 5 kW e menor ou igual a 70 kW (a potencia corresponderá á suma das potencias de todas as caldeiras instaladas e, no caso de equipamentos de frío ou de bombas de calor, corresponderá á suma de todas as potencias térmicas das unidades exteriores).

Tamén será subvencionable a substitución de sistemas de calefacción eléctricos con acumulación e tarifa nocturna por caldeiras de condensación que utilicen combustibles líquidos ou gases.

Os equipamentos novos que se instalen para seren subvencionables teñen que cumprir con algún dos seguintes requisitos técnicos:

– Caldeiras de condensación.

– Equipamentos de aire acondicionado (só frío) aire-aire ou aire-auga (rendemento: clase A e EER superior a 3).

– Bombas de calor (só calor ou reversibles) que teñan como foco frío o aire (rendemento: clase A, COP igual ou superior a 3,5 e EER superior a 3).

As marcas e modelos subvencionables encontraranse incluídas na listaxe do Plan Renove de Equipamentos de Climatización co obxecto de garantir, desde o punto de vista de eficiencia enerxética, a idoniedade dos equipamentos. Esta listaxe poderá consultarse na páxina web do Inega (www.inega.es).

Considéranse custes subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e o IVE, no caso de que este sexa subvencionable. No caso de equipamentos de frío ou bombas de calor, considérase custo da instalación tanto a unidade exterior coma as unidades interiores.

Non son subvencionables:

• A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

• A substitución de instalacións exclusivas de auga quente sanitaria.

• A substitución de caldeiras que utilicen enerxías renovables (biomasa).

• A susbstitución dunha caldeira colectiva ou centralizada que do servizo a varias vivendas por caldeiras individuais situadas en cada unha das vivendas.

• A substitución e a compra de sistemas de conduto único, incluído tipo portátiles ou pingüín.

En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a actuacións que xa fosen obxecto de subvención nas anteriores campañas do Plan Renove de Equipamentos de Climatización.

As exixencias mínimas de eficiencia enerxética que debe cumplir a instalación que se rehabilite son as que figuran no Regulamento de instalacións térmicas dos edificios (RITE).

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día seguinte da reserva de fondos e o derradeiro día do prazo de xustificación.

Os aparellos antigos substituídos deberanse xestionar como residuos conforme a lexislación vixente.

3. O IVE (imposto sobre o valor engadido) será subvencionable para os particulares, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, para o cal será necesario realizar unha declaración responsable (opción establecida na solicitude-anexo II A) indicando que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional ou, no caso de ser Administración pública, que non pode repercutir o IVE.

4. Contía da subvención.

A contía da subvención calcularase atendendo aos límites establecidos que se especifican a seguir segundo a potencia nominal. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 30 % do custo total da actuación.

Sempre que non se supere o limite indicado do 30% do custo total da actuación, a contía da axuda será a que figura no seguinte cadro:

Equipamento

Potencia nominal en modo
calefacción (kW)

Axuda

Caldeiras de condensación

5≤Pn<39

840 euros

Caldeiras de condensación

39≤Pn≤70

1.320 euros

Equipamento

Potencia nominal da unidade exterior en modo frío ou calor (kW)

Axuda

Equipamentos só frío ou bomba de calor

5≤Pn≤6

660 euros

Equipamentos só frío ou bomba de calor

6<Pn≤8

1.080 euros

Equipamentos só frío ou bomba de calor

8<Pn≤12

1.440 euros

Equipamentos só frío ou bomba de calor

12<Pn≤16

2.040 euros

Equipamentos só frío ou bomba de calor

16<Pn≤70

3.840 euros

Potencia nominal: suma de todas as potencias das unidades exteriores.

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas.

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable. En todo caso, deberán respectarse as condicións establecidas para cada réxime de axudas na normativa que resulte de aplicación.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Enerxético de Galicia tan axiña como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado (modelo de declaración de axuda-anexo II B). En todo caso, coa solicitude de axuda solicitarase das empresas-solicitantes que cubran na declaración doutras axudas a información relativa a calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso tal e como se deduce do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L 379).

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 5. Vixencia do plan.

O plan entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de outubro de 2012.

Artigo 6. Financiamento.

A cantidade inicial destinada para esta convocatoria de axudas ascende a 900.000 euros. Eventualmente, esta cantidade poderá incrementarse como consecuencia da maior dispoñibilidade orzamentaria co fin de atender todas as solicitudes, e con partidas sobrantes da xestión do Convenio marco de colaboración entre o Inega e o IDAE para a definición e posta en práctica das actuacións contempladas no Plan de Acción 2008-2012 (PAE4+) da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España; en todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De producirse esta ampliación de fondos unha vez esgotado o orzamento inicial, reabrirase o prazo de presentación das solicitudes, e informarase as entidades colaboradoras adheridas mediante o correo electrónico de contacto, unha nota de prensa na páxina web www.inega.es, e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Inega a devandita circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 7. Entidades colaboradoras.

1. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e o Inega. Serán as encargadas da venda, da promoción, da substitución e da instalación dos equipamentos indicados no artigo 3.

Na súa relación co Instituto Enerxético de Galicia, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

• Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

• Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

• Desenvolvemento das accións vinculadas ao plan.

• Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Inega.

2. Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Será preciso que estas entidades sexan empresas instaladoras de instalacións térmicas en edificios.

Con respecto á solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web do Inega (www.inega.es).

3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican no artigo 8, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas das sinaladas no punto 2 deste artigo nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 8 destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Instituto Enerxético de Galicia, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, que figuran no anexo III desta resolución. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

6. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Inega poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na alínea d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través do Inega e, se é o caso, o cofinanciamento con fondos do IDAE no marco do Convenio do 3 de xullo de 2008.

d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

7. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Mostrar nun lugar visible o logotipo da iniciativa e os soportes publicitarios facilitados e informar sobre ela, así como retirar os logos e a publicidade unha vez que se peche o plan. Así mesmo, poderán incorporar na súa publicidade os logotipos do plan que se lle facilitarán para tal efecto. Na información comercial e publicitaria deben figurar obrigatoriamente de forma diferenciada o prezo antes e despois da subvención con cargo ao plan.

b) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo II A) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto. Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Instalar os equipamentos de climatización nos casos en que corresponda e dentro do prazo de 60 días naturais desde o día seguinte ao da solicitude de reserva de fondos, e nunca alén do 30 de setembro de 2012.

d) Aplicar os descontos correspondentes á subvención conforme o establecido nas bases.

e) Facilitar ao Inega canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

f) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do plan.

Artigo 8. Adhesión de entidades colaboradoras.

1. Procedementos de adhesión.

a) Adhesión simplificada (renovación de entidades colaboradoras).

Esta forma de adhesión vai dirixida exclusivamente a entidades colaboradoras adheridas ao convenio do Plan Renove de Equipamentos de Climatización do ano 2010 e que desexen adherirse ao convenio do Plan Renove de Equipamentos de Climatización.

As entidades colaboradoras interesadas deberán entrar na aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es) para cubrir obrigatoriamente a solicitude (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo III); xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos. Por defecto, a aplicación xa cubrirá os anexos cos datos dispoñibles do ano 2010. A entidade colaboradora poderá actualizar os datos, se é o caso.

Para acceder a aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizarán o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na adhesión do ano 2010. No caso de que algunha entidade non lembre estes datos, poderá solicitalos. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para poder facer as reservas de fondos e para ver o estado destas.

A entidade colaboradora terá que imprimir o documento que contén os dous anexos cubertos (unha copia da solicitude e dúas do convenio de colaboración), e remitilas asinadas polo representante legal da entidade ao Inega. Se modificou algún dato, deberá xuntar a documentación necesaria para xustificar estes cambios, cos mesmos documentos que se requiren no proceso de adhesión ordinaria. Esta documentación presentarase en soporte papel ante o Rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Adhesión ordinaria (alta de novas entidades colaboradoras).

Esta forma de adhesión vai dirixida ás entidades colaboradoras que non estivesen adheridas ao convenio do Plan Renove de Equipamentos de Climatización do ano 2010.

As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es) para cubrir obrigatoriamente a solicitude (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo III); xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

A entidade colaboradora recibirá no enderezo de correo electrónico facilitado para o contacto un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para facer as reservas de fondos e para ver o estado destas.

A entidade colaboradora terá que imprimir o documento que contén os dous anexos cubertos (unha copia da solicitude e dúas do convenio de colaboración), e remitilos asinados polo representante legal da entidade ao Inega xunto coa seguinte documentación:

1. Copia orixinal ou compulsada do documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

2. Copia orixinal ou compulsada da certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os ingresos á entidade colaboradora.

3. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se for o caso, declaración xurada de exención de pagamento (poderase consultar un modelo na web do Inega).

Esta documentación presentarase en soporte papel ante o Rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Autorizacións ao órgano xestor (Inega).

A presentación da solicitude asinada polo representante da entidade colaboradora no Rexistro do Inega autoriza este para obter a seguinte información:

– Autorización ao órgano xestor para coñecer se a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social ou coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar certificados emitidos polos organismos mencionados anteriormente onde se comprobe que a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas tributarias.

– Autorización para recadar a información necesaria en relación ao NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar copia do NIF en vigor.

– Autorización ao órgano xestor para que obteña a información necesaria para coñecer se a entidade solicitante é unha empresa instaladora de instalacións térmicas en edificios. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado anteriormente, deberá xustificar este feito.

3. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión simplificada e ordinaria será de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase á entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non o facer así, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Igual requirimento será efectuado polo Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos seguintes: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social; Consellería de Facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos, así como na verificación do NIF, e tamén se, despois de realizar a consulta oportuna, o Inega non ten constancia de que a entidade sexa unha empresa instaladora de instalacións térmicas en edificios.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 7 canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorreren 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceder.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que o informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

5. Instrución do procedemento e audiencia.

Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

6. Competencia.

É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras o director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega; e para a súa resolución o director do Inega, que resolverá por delegación do Consello de Administración.

7. Resolución.

O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 15 días hábiles, contados desde a presentación da documentación no Inega. Pasado o devandito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao Plan Renove de Equipamentos de Climatización.

O convenio de colaboración asinado polo director do Inega remitiráselle á entidade colaboradora unha vez resolta a solicitude de adhesión.

8. Notificación das resolucións.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 7 canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A devandita adhesión será notificada a través da aplicación informática establecendo a seguinte mensaxe: «entidade colaboradora adherida».

Na páxina web do Inega (www.inega.es) poderá consultarse a lista de entidades colaboradoras adheridas a cada plan.

Ademais, a adhesión destas entidades colaboradoras será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

9. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse recurso contencioso administrativo ante os xulgados do contencioso administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante o director do Inega no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 9. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e terciario, comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 3 se realice en vivendas ou edificios sitos na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de persoas xurídicas de dereito público ou privado, deberán ter o domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Non será subvencionable a actuación en edificios de natureza pública ou dos seus organismos ou sociedades dependentes se teñen unha facturación enerxética e de mantemento das instalacións consumidoras de enerxía superior a 200.000 euros/ano.

Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 y 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Cando o solicitante da axuda sexa unha empresa, esta non poderá ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, alínea h), do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, ás axudas de minimis.

Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Inega no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia as seguintes:

a) As descritas no artigo 7, alíneas a), b), c) e d), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

c) Proporcionar á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data de xustificación establecida no artigo 10. O pagamento corresponderá ao investimento total da renovación descontando a axuda outorgada polo Inega. Este pagamento debe estar debidamente xustificado mediante xustificante bancario tal e como establece o artigo 10.b destas bases.

A presentación da solicitude de axuda asinada polo representante da entidade colaboradora e polo solicitante da axuda no Rexistro do Inega autoriza este a obter a seguinte información:

– Autorización ao órgano xestor para coñecer se o solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería da Seguridade Social ou coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar certificados emitidos polos organismos mencionados anteriormente onde se comprobe que a entidade colaboradora está ao día nas súas obrigas tributarias.

– Autorización para recadar a información necesaria en relación ao NIF do solicitante da axuda. De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentar copia do NIF en vigor.

Artigo 10. Procedemento para acceder ás axudas.

As entidades colaboradoras do Plan Renove de Equipamentos de Climatización son as encargadas de tramitar a solicitude (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

O procedemento estrutúrase en dúas fases:

a) Reserva dos fondos.

1. O comprador dirixirase a unha entidade colaboradora e elixirá un equipamento que cumpra os requisitos mínimos esixidos no artigo 3 destas bases.

Na páxina web do Inega (www.inega.es) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do Plan Renove de Equipos de Climatización.

2. Unha vez elixido o equipamento, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que o comprador cumpre cos requisitos establecidos no artigo 9 para poder ser beneficiario da axuda.

b) Reservar os fondos para ese comprador cubrindo obrigatoriamente o formulario de solicitude de axuda (anexo II-A), mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e dispoñible na web do Inega (www.inega.es). Cando a aplicación informática reflicta o estado de «reservada» significa que existen fondos reservados, indicando a contía da axuda reservada. No caso de cometer algún erro ao cubrir a solicitude, pode borrala e cubrila de novo sempre e cando existan fondos.

As entidades colaboradoras accederán á aplicación informática co usuario e contrasinal proporcionados na adhesión.

A aplicación informática informará en tempo real sobre os fondos económicos dispoñibles.

3. Co obxecto de executar o máximo do orzamento, unha vez que a contía reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria, poderán seguirse cubrindo formularios de solicitude de axuda ata o límite de 100.000 euros. Estas solicitudes aparecerán no estado «Listaxe de espera (núm. na listaxe)» e, se é o caso, segundo se vaian liberando fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas, pasarán ao estado «reservada». Nestes casos o prazo máximo de xustificación será de 60 días naturais desde o día seguinte a aquel en que apareza a solicitude co estado de «reservada», e nunca alén do 30 de setembro de 2012.

4. Poderán reservarse os fondos a partir dos 30 días hábiles contados desde o seguinte á publicación no DOG deste plan ata o 30 de xullo de 2012 ou ata que se esgote o crédito.

b) Solicitude da axuda e xustificación da actuación.

1. Nos 60 días naturais desde o día seguinte á data da reserva de fondos a través da aplicación informática, e nunca alén do 30 de setembro de 2012, a entidade colaboradora ten que realizar a obra e presentar a solicitude xunto coa documentación xustificativa da actuación que se indica neste artigo.

2. A solicitude (anexo II A) imprímese por triplicado desde a aplicación informática da reserva de fondos. Tanto o comprador como a entidade colaboradora asinarán os exemplares dando a súa conformidade. Un exemplar é para o comprador, outro para a entidade colaboradora e o terceiro para remitir ao Inega.

3. A entidade colaboradora adherida cobrará o prezo resultante de restar ao prezo da actuación subvencionable (IVE incluído no caso de que este sexa subvencionable) o desconto da axuda establecida no artigo 3, tal e como se especifica na solicitude (anexo II A).

4. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Inega xunto coa solicitude é a seguinte:

• A solicitude da axuda (anexo II A) asinada polo comprador e pola entidade colaboradora.

• Declaración expresa doutras axudas (anexo II B). No caso das empresas, ademáis, deberá cubrirse a declaración de axudas de minimis segundo o modelo que se xunta coa solicitude de axuda.

• No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica, deberá presentar copia compulsada das escrituras de constitución da entidade, así como o poder do representante legal desta.

• No suposto de que o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, presentarase un documento en que consten os compromisos de execución asumidos, así como o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Ademais, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación (consultar modelo na web do Inega). Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Orixinal ou copia compulsada da factura xustificativa.

A factura debe reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF do beneficiario.

– Enderezo onde se realiza a obra.

– Descrición do equipo acorde coa solicitude.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

– Desconto do Plan Renove Equipamentos de Climatización do Inega.

– Total que pagará o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total menos o desconto do plan).

A factura deberá estar asinada e selada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

• Orixinal ou copia compulsada perfectamente lexible, sen emendas nin riscaduras, de xustificante bancario do pagamento realizado polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo por portelo ou certificación bancaria) en que conste a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación da persoa, empresa ou entidade que recibe o pagamento, e o concepto do pagamento e o número de factura. No caso da banca electrónica, deberá vir selado pola entidade financeira.

• Certificado orixinal que xustifique a correcta xestión do equipamento retirado (certificado do xestor de residuos autorizado ou do punto limpo do concello).

• Ademais, no mesmo prazo de xustificación deberá subirse á aplicación informática unha fotografía da instalación previa e outra da instalación nova desde o mesmo ángulo. No caso de que se cambie a situación do equipamento, ademais de achegar as fotografías deberase xustificar convenientemente a existencia do equipamento inicial, achegando algún dos seguintes documentos: factura de compra, contrato de mantemento, certificado dalgunha revisión. As fotografías pódense subir á aplicación informática en formato jpg e un tamaño máximo de 3 MB.

• Copia da solicitude de rexistro da instalación térmica onde figure o selo coa data de entrada nun rexistro e a memoria técnica da instalación térmica en que se detalle claramente a marca e o modelo, así como as características técnicas do equipamento instalado (procedemento IN622B).

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. A presentación da documentación xustificativa será ante o Rexistro do Instituto Enerxético de Galicia, sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña); ou ben no rexistro de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. De conformidade co establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá á entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do NIF.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, utilizaranse medios electrónicos para a notificación da emenda, de xeito que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación da emenda transcorreran 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviarase á entidade colaboradora ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que a informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación informática do plan co seu usuario e contrasinal.

Artigo 11. Xestión informática das axudas.

As entidades colaboradoras poderán visualizar na aplicación informática o estado das súas solicitudes de axuda, así como a súa posterior validación polo persoal do Inega, cando se reciba integramente neste ente público a documentación xustificativa para a percepción da axuda.

A aplicación informática con que se xestiona o plan indicará, polo menos, as seguintes posibles situacións da solicitude de axuda co significado que se indica en cada caso:

Reservada: están reservados os fondos que se indican, os cales foron calculados pola aplicación informática no momento de cubrir a solicitude. Está pendente de que a entidade colaboradora imprima a solicitude e a envíe asinada por ela e polo solicitante ao Inega xunto coa documentación xustificativa. Se, transcorrido o prazo de 60 días naturais, non se presenta a documentación xustificativa (ou nos 10 dias adicionais en caso de requerimento de emenda) a reserva de fondos será cancelada e liberaranse os fondos tal e como establece o artigo 10.b).

Listaxe de espera (X): non existen fondos dispoñibles. A reserva de fondos está en listaxe de espera co número X. Cando existan fondos dispoñibles pasará ao estado de reservada.

Recibida Inega: a solicitude chegou ao Inega e está pendente de revisión.

Validada: a solicitude xa foi validada polo Inega e iníciase o procedemento de pagamento.

Documentación incompleta ou errónea: a documentación recibida polo Inega atópase incompleta ou é errónea, de xeito que, se non se emenda no prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte á recepción da notificación de emenda, a solicitude cancelarase.

Pagamento en trámite: a solicitude está en proceso de pagamento. Nos próximos días recibirá o ingreso na súa conta.

Cancelada: a reserva de fondos da solicitude foi cancelada por petición da entidade colaboradora ou por incumprimento das bases.

Cancelada por prazo: a solicitude cancelouse por non presentarse a documentación establecida no artigo 10.b) unha vez transcorrido o prazo de 60 días naturais desde o día seguinte á data da reserva dos fondos, ou por non atender o requirimento de emenda no prazo de 10 días nos termos establecido no artigo 10 b)7.

Artigo 12. Instrución do procedemento de concesión das axudas.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da reserva de fondos efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quede libre se se producir algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas.

Unha vez que os fondos reservados acaden a contía máxima destinada a esta convocatoria, se un solicitante renuncia aos fondos reservados da súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por ela e polo solicitante comunicando este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e de liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Audiencia.

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Competencia.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de axudas será o director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega; e a súa resolución corresponderá ao director do Inega, que resolverá por delegación do Consello de Administración.

Artigo 15. Prazo máximo de resolución.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de nove (9) meses contados desde a data da reserva de fondos na aplicación informática. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Resolución e notificación das resolucións.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesa resolución informarase os beneficiarios sobre o carácter de mínimis que teñen estas axudas segundo o Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L 379).

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e segundo o establecido no artigo 7 canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificar os beneficiarios das axudas.

Artigo 17. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao amparo desta resolución de convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición ante o director do Inega no prazo dun mes, desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución ou 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 18. Pagamento ás entidades colaboradoras.

Cando se atope completa e correcta a documentación referida no artigo 10, o Inega aboará á entidade adherida o importe correspondente na conta bancaria facilitada para tal efecto na súa solicitude de adhesión.

Artigo 19. Incumprimento, reintegro e sancións.

1. O Inega reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectar que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Plan Renove de Equipamentos de Climatización, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar ao Inega as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Cando se realizasen descontos por parte dos instaladores adheridos en concepto de axuda obxecto deste plan a titulares dunha solicitude e se comprobase posteriormente por parte do Inega que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, se for o caso, que houbese incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos, non podendo reclamalos ao Inega.

Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que o Inega llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias previstas neste artigo.

3. Efectuado o pagamento das subvencións polo Inega, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

5. Ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Control.

1. O Instituto Enerxético de Galicia poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Sen prexuízo do anterior, as subvencións estarán sometidas ao control da Intervención xeral, nos termos que establece o titulo III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade.

De conformidade, co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.Inega.es) nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 23. Protección de datos de carácter persoal.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa física solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais ao IDAE, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Instituto Enerxético de Galicia sito na rúa Avelino Pousa Antelo, núm. 5, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 24. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2011.

Eliseo Diéguez García
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file