Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 38720

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 234/2011, do 2 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de captación e conexión á rede existente de abastecemento de auga en Fontangordo (Vilaboa) do concello da Pontenova.

O Concello da Pontenova, en sesión celebrada o día cinco de maio de dous mil once, aprobou o proxecto de obras de captación e conexión á rede existente de abastecemento de auga en Fontangordo, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello e o informe do técnico, os veciños do lugar de Fontangordo, na parroquia de Vilaboa, tiñan unha rede de abastecemento particular que daba servizo a catorce veciños do lugar e á gandaría existente. A subministración é escasa e con tempo insuficiente.

En datas recentes executouse un dos tramos do abastecemento de auga. Preténdese coa presente obra conectar o tramo executado co depósito xa existente e, deste xeito, poder dar unha correcta distribución de auga. A obra, incluída no Plan de Obras de Mellora Ambiental 2007-2008 de Augas de Galicia, é necesaria e precisa para o conxunto dos veciños, resultando imprescindible para a súa posta en funcionamento a realización do tramo obxecto da expropiación.

A urxencia vén motivada por tratarse dun servizo mínimo e obrigatorio que o Concello da Pontenova debe prestar aos cidadáns segundo o teor do establecido no artigo 81.a) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Por iso, e coa finalidade de dotar de abastecemento domiciliario de auga potable os veciños de Fontangordo, na parroquia de Vilaboa, é necesaria a declaración de urxente ocupación.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obras de captación e conexión á rede existente de abastecemento de auga en Fontangordo (Vilaboa) do Concello da Pontenova, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza