Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 187

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2011, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, en favor do Facho de Donón, no termo municipal de Cangas (provincia de Pontevedra).

O Facho de Donón sitúase no extremo occidental da península do Morrazo. Ocupa un promontorio que sobresae na paisaxe, elevado sobre o mar nun cantil de máis de 180 metros, e cun gran dominio visual sobre o océano e as illas Cíes e Ons, próximo da aldea de Donón e pertencente á parroquia de Santo André do Hío. Este lugar alberga unha zona arqueolóxica excepcional e única no contexto peninsular. O seu grande valemento xustifícase, principalmente, pola existencia dun notable santuario. Este santuario adquire a súa calidade de sobranceiro pola grande cantidade de aras-estela dedicadas a un mesmo deus céltico indíxena; polas características únicas destas e pola cronoloxía verificada para o culto. Ademais, o lugar acolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico e tipolóxico moi amplo: inclúe petróglifos e asentamentos humanos, desde o século X a.C ao século V d.C, que se corresponden co Bronce Final, Idade do Ferro, Época Romana e comezos da Alta Idade Media.

O deus a que se dedican as máis de 150 aras recibe o apelativo de Lar Berobreo e non se coñece outro lugar en que exista tan alta concentración de aras dedicadas a un mesmo deus indíxena. Asemade, estas aras teñen a particularidade de seren ao mesmo tempo estelas fincadas, con connotacións funerarias, e ergueitas por dedicantes anónimos. Finalmente, en relación ás aras, consta que comezaron a ser colocadas a finais do século II d.C, durante, polo menos, cinco ou seis xeracións, ata que a comezos do século V d.C. aparecen indicios de cristianización e o lugar é abandonado. Porén, existen evidencias de actividade cultural anterior ao comezo da colocación das aras-estela, como é a existencia no lugar dun lacus; isto pode retrotraer o uso do lugar como santuario ata finais da Idade do Bronce.

Ao santuario acudían en peregrinación romeiros para agradecerlle ao deus a protección prestada fronte a unha enfermidade grave, de xeito semellante ás romaxes tradicionais e das cales é o antecedente máis antigo coñecido; así, as aras-estelas actúan do mesmo xeito que tradicionalmente desenvolven os exvotos.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural é o órgano competente para incoar os procedementos de declaración de ben de interese cultural, segundo o disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica, en favor do Facho de Donón, no termo municipal de Cangas.

Para os efectos previstos no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a delimitación da zona afectada pola declaración figura como anexo á presente resolución.

Segundo. Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva, así como ao Concello de Cangas, segundo dispón o artigo 10 da Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día 15 de xaneiro de 2012, co fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente nas dependencias administrativas do Servizo de Planeamento e Inventario da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, situadas no edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 3.º, 2.º andar, en Santiago de Compostela, logo da petición de cita.

Cuarto. Consonte o disposto polo artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a presente resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como dos efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, tivesen que se realizar con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Turismo.

Quinto. En aplicación do disposto polo artigo 12 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, o expediente terá que resolverse no prazo máximo de 20 meses contados a partir da data en que se incoou. Transcorrido este, producirase a caducidade do expediente se for solicitado o arquivo das actuacións ou se dentro dos sesenta días seguintes non se ditar resolución.

Sexto. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2011.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Delimitación literal

Descrición da delimitación da zona arqueolóxica do Facho de Donón.

A zona arqueolóxica do Facho de Donón parte dun punto do litoral situado ao noroeste do monte do Facho, nun con ou illote, seleccionado nas coordenadas de referencia. A descrición do seu límite segue a dirección das agullas do reloxo:

P1.- 511.519-4.681.467. Parte dun con situado na faixa intermareal. Desde aquí, punto 1, o límite da zona arqueolóxica traza unha liña recta en dirección leste ata chegar ao cruzamento dun camiño coa corredoira que discorre en sentido norte-sur, onde se sitúa o punto 2.

P2.- 511.818-4.681.456. Partindo do cruzamento de camiños a estrema discorre en liña recta en dirección sueste ata o punto 3, que é un cruzamento de camiños.

P3.- 512.054-4.681.153. Desde este cruzamento segue polo carreiro en dirección sueste ata empatar coa pista que leva a Donón. No punto de empate atópase o punto 4.

P4.- 512.165-4.680.949. A estrema segue en dirección suroeste pola pista que leva a Donón, ata chegar a unha curva pronunciada, onde a pista vira ao norte. Nesta curva está o punto 5.

P5.-511.760-4.680.468. Desde aquí toma dirección suroeste e atravesa a parcela 8:130 ata o seu extremo sur, onde se sitúa o punto 6. P6.- 511.735-4.680.407. Toma dirección suroeste pola estrema que separa as parcelas 8:70 e 8:88, ao nordés, da 8:71 e 8:89, ao sueste, ata chegar ao camiño veciñal que atravesa o núcleo de Donón, punto onde se sitúa o vértice 7.

P7.- 511.687-4.680.348. O límite toma dirección oeste polo camiño veciñal ata a intersección co extremo suroeste da parcela 8:55, onde se sitúa o punto 8.

P8.- 511.651-4.680.369. Desde aquí toma dirección norte pola estrema que separa as parcelas 8:55, 8:56 e 8:59, ao leste, das parcelas 8:54, 8:41 e 8:42, ao oeste, ata o extremo noroeste da parcela 8:59, onde se sitúa punto 9.

P9.- 511.655-4.680.432. Toma a dirección oeste atravesando o predio 8:42 para continuar pola estrema que separa a parcela 8:45, ao sur, da 8:44, ao norte, ata o extremo suroeste da parcela 8:44 onde se sitúa o punto 10, a carón da pista que bordea o núcleo de Donón.

P10.- 511.590-4.680.450. Toma a dirección sur pola pista que bordea Donón e continúa por ela arredor duns 70 metros ata a estrema sur da parcela 9:798 en intersección co camiño, onde se sitúa o punto 11.

P11.- 511.545-4.680.373. Parte en dirección suroeste atravesando a parcela 9:7 ata un pequeno penedío en que se sitúa o punto 12, na estrema entre a parcela 9:7, ao leste, e a parcela 9:800, ao oeste.

P12.- 511.504-4.680.349. Toma dirección oeste e atravesa a parcela 9:800 ata un pequeno entrante do mar, onde se sitúa o punto 13.

P13.- 511.372-4.680.332. Vira en dirección norte e segue toda a beiramar ata chegar novamente ao punto de partida, o n.º 1.

ANEXO II

Delimitación gráfica

missing image file