Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2012 Páx. 433

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de conformidade co establecido no artigo 27.23 no Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1.º.20 da Constitución española.

Facendo uso desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se ordenan e regulan os aspectos básicos dun Sistema Galego de Servizos Sociais.

O sistema regulado na devandita lei, tal e como se recolle na súa exposición de motivos, configúrase como un instrumento de materialización efectiva de benestar social, de prevención da discriminación e da exclusión e, en xeral, como medio de realización dos dereitos sociais básicos do pobo galego. Nesta liña, o título terceiro, fai referencia aos órganos consultivos e de participación, e regula nos seus artigos 40, 41 e 42, o Consello Galego de Benestar Social, o Observatorio Galego de Servizos Sociais e a Mesa Galega de Servizos Sociais, respectivamente.

Así mesmo, a disposición adicional cuarta da Lei 13/2008, do 3 de decembro, establece, dunha parte, o compromiso da Xunta de Galicia de constitución do Consello Galego de Benestar Social, que substituirá o actual Consello Galego de Servizos Sociais creado polo Decreto 336/1994, do 27 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, do Observatorio Galego de Servizos Sociais, e, doutra parte, da Mesa Galega de Servizos Sociais.

De acordo co antes exposto, o adecuado funcionamento destes órganos colexiados exixe o desenvolvemento da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que por razóns de axilidade e economía procedemental e dado o carácter de órganos consultivos e de participación de semellante natureza, se efectuará a través dunha única norma regulamentaria, na cal, ademais se regulen polo miúdo os aspectos non concretados naquela sobre a súa composición, estrutura e funcionamento, coa finalidade de axilizar a súa xestión para que sexan órganos colexiados operativos e dinámicos. Para estes efectos, os correspondentes proxectos foron obxecto do acordo acadado na Mesa de Coordinación do Diálogo Social de Galicia constituída no ano 2010.

En consecuencia, en virtude do disposto no título III da Lei 13/2008, procédese a regular a composición e funcionamento do Consello Galego de Benestar Social, nos cales se recolle a creación no seu seo dun Observatorio Galego de Servizos Sociais, e da Mesa Galega de Servizos Sociais. Así, respecto ao Consello Galego de Benestar Social, hai que resaltar as novidades introducidas en relación coa regulación anterior, como son a inclusión na súa composición de representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas a nivel galego, a creación no seu seo dun Observatorio Galego de Servizos Sociais e o procedemento de elección das vogalías representativas das entidades de iniciativa social. En relación coa Mesa, complétase a regulación mínima contida na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, coa atribución de novas funcións.

Por outra parte, o artigo 12 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, establece o órgano competente para a xestión e coordinación do funcionamento do Consello Galego de Benestar Social, e atribúe á Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais o desenvolvemento da competencia anterior.

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta da consellería competente en materia de servizos sociais, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Órganos consultivos e de participación

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto:

a) Establecer a composición, estrutura e funcións do Consello Galego de Benestar Social, previsto no artigo 40 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, como órgano superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais da comunidade autónoma.

b) Determinar a composición e funcionamento do Observatorio Galego de Servizos Sociais, creado no artigo 41 da devandita lei, no seo do Consello Galego de Benestar Social.

c) Establecer a composición, estrutura e funcións da Mesa Galega de Servizos Sociais, previsto no artigo 42 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, como o órgano específico de participación institucional dos axentes sociais para o deseño das políticas públicas no eido dos servizos sociais.

Artigo 2. Normativa aplicable.

No non previsto neste decreto será de aplicación o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como tamén na sección 3.ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Capítulo II
Do Consello Galego de Benestar Social

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 3. Natureza e sede.

1. O Consello Galego de Benestar Social é o órgano colexiado superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais, e adscríbese á consellería competente en materia de servizos sociais, que garantirá o seu funcionamento administrativo e organizativo.

2. Terá a súa sede en Santiago de Compostela, aínda que poderá celebrar as súas reunións en calquera localidade da comunidade autónoma cando así o decida a súa presidencia.

Artigo 4. Funcións.

1. As funcións do Consello Galego de Benestar Social son as seguintes:

a) Avaliar as políticas de servizos sociais e asesorar a Xunta de Galicia na planificación e programación dos servizos sociais, emitindo ditames ou formulando propostas de actuación en cada un dos ámbitos de intervención do sistema galego de servizos sociais, tanto en relación aos servizos sociais básicos específicos, coma ás distintas áreas dos servizos sociais especializados.

b) Emitir informe sobre os proxectos de planificación e programación e a normativa en materia de servizos sociais.

c) Emitir ditames por instancia do Parlamento de Galicia no eido dos servizos sociais.

d) Coñecer da xestión dos servizos sociais comunitarios básicos específicos e dos especializados.

e) Fomentar o establecemento de sistemas de consulta e debate abertos a toda a cidadanía e, de xeito particular, coas administracións públicas e coas persoas usuarias e sectores directamente afectados.

f) O seguimento estatístico, tanto dos procesos de concesión da renda de integración social de Galicia como da correcta aplicación das medidas de fomento de emprego que, vinculadas aos proxectos de inserción, se prevén na normativa de aplicación sobre prestacións ou inclusión social, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística previstas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, e da Mesa Galega de Servizos Sociais.

g) A avaliación global dos resultados da execución dos programas de inserción social previstos na dita normativa, así como a formulación de observacións e proposta de modificación que axuden a melloralos.

h) Elaborar e/ou modificar o seu regulamento de réxime interior.

i) Recibir información sobre os criterios adoptados na elaboración do anteproxecto de orzamentos en materia de servizos sociais.

k) Propoñer actuacións destinadas a mellorar as políticas en materia de servizos sociais e, en especial, a información e intercambio de experiencias entre os e as profesionais e persoas investigadoras.

2. Nos seus informes, ditames, e propostas o Consello terá en consideración a perspectiva de xénero.

Artigo 5. Composición.

1. O Consello Galego de Benestar Social, como órgano consultivo e de participación dos diversos sectores relacionados cos servizos sociais, estará integrado por:

Presidencia. Corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

Vicepresidencia. Corresponderá á persoa titular do órgano superior que teña atribuída a función de coordinación en relación co sistema galego de servizos sociais.

Vogais. Nomearanse 43 vogais tanto da Administración autonómica como da Administración local, así como das empresas prestadoras dos servizos sociais, das organizacións sindicais máis representativas na comunidade autónoma, das entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais, e das demais organizacións e entidades mencionadas no artigo 40.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, coa seguinte distribución:

a) Pola Xunta de Galicia:

Sete en representación das consellerías da Administración autonómica competente nas seguintes áreas, por proposta dos seus respectivos órganos superiores:

1.º Un/unha pola Consellería de Traballo e Benestar da área de traballo.

2.º Un/unha pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3.º Un/unha pola Consellería de Sanidade.

4.º Un/unha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da área de vivenda.

5.º Un/unha pola Presidencia da Xunta de Galicia na área de igualdade.

6.º Dous/dúas pola Consellería de Traballo e Benestar da área de benestar.

b) Seis en representación das entidades locais por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias dos/das cales tres serán en representación dos concellos de máis de 20.000 habitantes e tres en representación dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

c) Tres en representación das organizacións sindicais máis representativas na comunidade autónoma, por proposta das respectivas organizacións sindicais, para o que se aplicará o criterio de maior representatividade de carácter intersectorial no ámbito de Galicia.

d) Tres en representación das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas na comunidade autónoma, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia.

e) Tres en representación das organizacións profesionais agrarias máis representativas a nivel galego, por proposta do Consello Agrario Galego.

f) Doce en representación das entidades prestadoras de servizos sociais definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, que serán elixidos/as entre as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar, de xeito que se garanta unha representación de cada área de actuación, por proposta da Secretaría Xeral de Política Social ou do órgano que teña atribuída a coordinación do funcionamento do Consello Galego de Benestar Social, que resulten do procedemento establecido no artigo 6 deste decreto.

g) Dous en representación das asociacións que velen polos intereses dos usuarios de centros e servizos sociais, propostos/as polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

h) Tres representantes das universidades de Galicia, un/unha por cada unha delas designados polos seus órganos de goberno.

i) Un/unha en representación de cada un dos seguintes colexios profesionais, propostos polo seu órgano de goberno:

1.º Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

2.º Colexio de Politólogos/as e Sociólogos/as de Galicia.

3.º Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

4.º Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

2. Por cada vogal titular nomearase tamén un ou unha suplente que o/a substitúa nos casos de ausencia ou enfermidade. As entidades representativas de intereses sociais, así como as administracións públicas, poderán substituír os seus membros titulares por outros, acreditándoo ante a secretaría do órgano colexiado regulado neste artigo.

3. A Secretaría do Consello Galego de Benestar Social, con voz pero sen voto, corresponderá á persoa titular dunha das subdireccións xerais competentes en materia de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde respectivamente, adscritas ao órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais e será nomeada pola presidencia.

4. A composición e organización do Consello Galego de Benestar Social farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Para estes efectos, e segundo o disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, entenderase por composición equilibrada a presenza de homes e mulleres de forma que as persoas de cada sexo non supere o 60% nin sexan menos do 40%.

Artigo 6. Procedemento de elección para a representación das entidades prestadoras de servizos sociais definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais.

Para os efectos do disposto no artigo 4.1. deste decreto, no referente á representación no Consello Galego de Benestar Social das entidades prestadoras de servizos sociais definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais, seguirase o procedemento seguinte:

1. Os representantes das entidades definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependente da consellería competente en materia de servizos sociais, que desexen postularse para a elección dos/as vogais do Consello Galego de Benestar Social nunha das áreas de actuación que a seguir se especifican, deberán enviar debidamente asinado no prazo dun mes contado desde o día seguinte á entrada en vigor deste decreto o modelo de presentación de candidatura que figura no anexo dirixido á unidade con competencias en materia de inclusión social, no cal constarán os datos do representante xunto co número de rexistro ou CIF da entidade.

Para estes efectos, as áreas de actuación agruparanse nas seguintes tres categorías:

Categoría 1. Atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores: 4 representantes.

Categoría 2. Familia, infancia e menores: 4 representantes.

Categoría 3. Servizos a comunidade e inclusión social, igualdade e outros: 4 representantes.

Só poderán presentarse candidaturas para unha das categorías mencionadas anteriormente. No caso de que se presenten a varias, quedarán excluídas automaticamente do procedemento.

2. No reverso do modelo do anexo antes citado formalizarase a adhesión a unha única candidatura, debidamente asinada polo/a representante legal da entidade adherente. Por cada entidade adherente cubrirase un formulario individual de adhesión en que figurarán os datos do/da representante, o número do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e o CIF.

No caso de omisións ou inexactitude dos datos, concederase un prazo de dez días para a corrección e, transcorrido o devandito prazo sen que se produza a emenda, entenderase excluído o apoio á candidatura da devandita entidade.

Poderanse xuntar grampados á candidatura tantos formularios de adhesión como apoios obteña aquela. Todos os formularios de adhesión deberán ir unidos ao modelo de presentación de candidatura, de maneira que toda a documentación teña unha única entrada a través de calquera dos rexistros públicos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se admitirán formularios de adhesión soltos cun número de rexistro de entrada distinto ao da presentación da candidatura.

3. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, procederase á súa revisión. Para estes efectos, constituirase unha comisión de valoración para examinar as candidaturas presentadas, da cal formarán parte tres funcionarios/as da consellería competente en materia de servizos sociais, dos cales un/unha deles/as actuará como presidente/a e outro/a como secretario/a.

Para a determinación do representante ou representantes de cada categoría teranse en conta o número total de entidades adheridas. No caso de empate, valorarase a información relativa á entidade que figura no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da consellería competente en materia de servizos sociais e, en particular e por esta orde, seguiranse os seguintes criterios de desempate: o número de programas e centros autorizados, a amplitude do ámbito xeográfico de actuación e o número de persoas asociadas. De persistir o empate, a comisión de valoración decidirá en función da ponderación do impacto social dos programas desenvolvidos pola entidade candidata, para o cal se terá fundamentalmente en conta o número de persoas usuarias ou beneficiarias que resulten das actuacións subvencionadas ou concertadas coa Xunta de Galicia.

Como resultado do proceso de valoración anterior, elaborarase por categorías a listaxe de candidaturas propostas por orde de prelación en función da aplicación dos criterios expresados nesta disposición.

4. O/a presidente/a da comisión de valoración proporá os/as vogais que resulten elixidos/as, tendo en conta a listaxe mencionada anteriormente. Esta mesma listaxe utilizarase para proceder á substitución no caso de que se produzan vacantes ou renuncias dalgún/ha dos/as vogais.

Artigo 7. Nomeamento dos membros e duración dos cargos.

1. Os/as vogais do consello titulares e suplentes serán nomeados e cesados polo/a presidente/a, por proposta do órgano administrativo, institución, organización ou entidade a quen represente. Nos supostos de vacante debidamente acreditados, procederase a unha nova designación.

Nos casos de que o/a vogal titular ou suplente designado/a para actuar como tal non asista en máis de tres sesións consecutivas, a presidencia comunicará estas ausencias á institución, organización ou entidade propoñente ao mesmo tempo que solicita a súa substitución.

2. Se algunha persoa membro perde o carácter de representante da institución, organización ou entidade que o propuxo, deberá propoñer outro/a vogal para o seu posterior nomeamento pola presidencia, no prazo máximo dun mes desde a perda da devandita representatividade, e polo período que lle restaba a aquel/a.

3. A proposta de revogación ou subsitución dos vogais titulares ou suplentes seralle comunicada á presidencia do Consello, a través da secretaría deste, xunto coa proposta do novo ou nova representante.

4. A duración do mandato dos/as vogais será de catro anos. Poderán ser nomeados/as por outros catro anos, de xeito que a duración total máxima non exceda oito anos.

Artigo 8. O Pleno do Consello.

1. O Pleno estará integrado por todas as persoas membros do Consello, correspondéndolle, entre outras, as seguintes funcións:

a) Emitir informes e adoptar acordos sobre as materias que constitúen as funcións do consello. Para os efectos de emisión de informes, o Pleno poderá encomendar esta función á Comisión Permanente de conformidade co artigo 9.4.e) desde decreto.

b) Crear e regular a composición e funcións das comisións de traballo, sinalándolle os seus obxectivos.

c) Aprobar e modificar as normas de funcionamento interno do Consello.

d) Coñecer o contido do anteproxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma en materia de servizos sociais.

e) Aprobar a memoria e informe anual sobre as súas actividades.

f) Aprobar, rexeitar ou modificar os proxectos, informes e acordos que lle sometan a comisión permanente e as comisións de traballo.

2. O Pleno reunirase, polo menos, en sesión ordinaria, unha vez ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola presidencia, ben sexa por iniciativa propia, por solicitude da comisión permanente ou da metade dos membros do Consello.

3. Para a súa válida constitución requirirase a presenza das persoas titulares da presidencia e da secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, en primeira convocatoria. Non obstante, considerarase validamente constituído, en segunda convocatoria, coa asistencia dun terzo daqueles, debendo transcorrer trinta minutos entre ambas as convocatorias.

4. Todas as persoas membros do Pleno, agás o/a que exerza de secretario/a, terán dereito a voto, os seus acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes, decidindo o voto do presidente en caso de empate e facendo constar en acta os votos discrepantes, así como o seu fundamento, se así se solicita.

5. Cando a orde do día o requira, a presidencia poderá invitar a participar nas reunións do Pleno, con voz pero sen voto, aquelas entidades ou persoas expertas en servizos sociais que coide oportuno para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debater.

Artigo 9. A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará composta polas persoas titulares da presidencia, vicepresidencia e a secretaría do Consello, o/a representante da Consellería de Traballo e Benestar da área de Benestar, así como por outras nove persoas membros do Consello, representando dúas as entidades locais, dúas as organizacións empresariais, dúas as organizacións sindicais e tres as entidades prestadoras de servizos sociais definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais.

2. A Comisión Permanente reunirase unha vez cada seis meses de forma ordinaria e, ademais, con carácter extraordinario, cantas veces sexa convocada pola presidencia.

3. Para a súa válida constitución será necesario que estean presentes, polo menos, a metade dos seus membros. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes con dereito a voto, decidindo o voto da presidencia no caso de empate.

Se se solicita, faranse constar na acta os votos discrepantes, xunto co seu fundamento.

4. A Comisión Permanente terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Realizar as actuacións necesarias para executar os acordos do Pleno, así como o desenvolvemento das actuacións concretas que lle sexan encomendadas.

b) Actuar como órgano de relación e coordinación das diversas iniciativas presentadas ante o Consello.

c) Elaborar o proxecto das normas de funcionamento interno.

d) Elaborar estudos sobre a posibilidade de creación de comisións e grupos de traballo, así como propoñer ao Pleno a creación dos que considere oportunos.

e) Calquera outra que lle sexa encomendada polo Pleno ou pola normativa de funcionamento interno.

Artigo 10. A Presidencia do Consello.

1. Son funcións da Presidencia:

a) Exercer a máis alta representación institucional do Consello Galego de Benestar Social.

b) Convocar as reunións do Pleno e da Comisión Permanente, formular a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Someter á consideración do Consello todos os asuntos que sexan da súa competencia.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

e) Velar polo cumprimento das normas de réxime interno do Consello.

f) Cantas outras resulten propias da súa condición de presidente/a.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, será substituído/a, por esta orde, polo/a vicepresidente/a e, no seu defecto, pola persoa titular do órgano directivo da mesma consellería con competencias en materia de servizos sociais ou, de non existir esta, polas persoas titulares das subdireccións xerais con competencias en materia de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde, dependentes do órgano superior con competencias de coordinación en materia servizos sociais.

Artigo 11. A Vicepresidencia do Consello.

1. Corresponde á Vicepresidencia:

a) Colaborar co/a presidente/a nas tarefas que lle encomende e substituílo/a nos casos legalmente previstos.

b) Presidir e coordinar, en nome do/a presidente/a, aquelas comisións de traballo que o Pleno constitúa.

c) Aquelas outras que lle sexan encomendadas pola normativa de réxime interno e todas as que sexan inherentes á súa condición de vicepresidente/a.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade será substituído/a pola persoa titular do órgano directivo da mesma consellería con competencias en materia de servizos sociais e, no seu defecto, polas persoas titulares das subdireccións xerais competentes en materia de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde, respectivamente, dependentes do órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais.

Artigo 12. A Secretaría do Consello.

1. A Secretaría levará a cabo as seguintes funcións:

a) Efectuar, por orde da súa Presidencia, a convocatoria das reunións do Pleno, da Comisión Permanente e das comisións que se constitúan.

b) Asistir, con voz pero sen voto, ás reunións do Pleno, da Comisión Permanente e das comisións que se constitúan, redactando as actas correspondentes.

c) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

d) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

e) Coordinar a elaboración do proxecto da memoria anual das actividades e da situación dos servicios sociais para a súa presentación e, se é o caso, aprobación polo Pleno, logo do seu estudo pola Comisión Permanente.

f) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

2. Por motivos de axilidade e eficacia, ou cando o volume do traballo o aconselle, a Secretaría poderá ser auxiliada polo persoal da consellería a que estea adscrito o Consello.

Artigo 13. Comisións e grupos de traballo.

1. O Consello poderá crear comisións e grupos de traballo específicos, con carácter sectorial ou por áreas de xestión, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

2. As comisións de traballo, constituídas para o estudo de temas concretos e coas competencias que para cada caso sinale o Pleno, estarán formadas por un mínimo de tres membros, dos cales un actuará como presidenta/e, actuando como secretario/a o/a do Consello Galego de Benestar Social.

Cando se trate de materias que afecten ou incidan directamente no ámbito local, crearase unha comisión en que participarán os/as vogais que representen os departamentos da Administración autonómica e os representantes das entidades locais, así como aquelas entidades que puideren resultar afectadas polas materias que se van tratar.

3. As conclusións, resolucións e acordos que se poidan adoptar no seu seo deberanse remitir ao Pleno do Consello para o seu debate e aprobación, se procede.

Sección 2.ª Do Observatorio Galego de Servizos Sociais

Artigo 14. Obxecto.

1. O Observatorio Galego de Servizos Sociais créase no seo do Consello Galego de Benestar Social para establecer un sistema de información permanente sobre a situación dos servizos sociais en Galicia, e proporcionará unha visión global da súa realidade, tendo en conta, entre outras, a perspectiva de xénero.

2. Así mesmo, como órgano de carácter técnico emitirá informes facultativos e promoverá e facilitará o diálogo e intercambio entre a Administración competente e as institucións, entidades e organizacións que xeren coñecemento científico e información estatística relevante para a planificación e ordenamento do sistema galego de servizos sociais.

3. O Observatorio propoñerá á persoa titular da Consellería competente en materia de servizos sociais o emprendemento das investigacións específicas que resulten de interese para a planificación e ordenamento do sistema de servizos sociais.

Artigo 15. Composición e funcionamento.

O Observatorio Galego de Servizos Sociais estará formado por un/unha subdirector/a, un/unha xefe/a de servizo e dous/dúas funcionarios/as adscritos/as á consellería competente en materia de servizos sociais, designados/as pola Presidencia do Consello Galego de Benestar Social. Ademais, en función dos asuntos obxecto de investigación ou informe, convocaranse os representantes no Consello das universidades galegas, dos colexios profesionais e das entidades de iniciativa social especializadas na área de actuación de que se trate.

Tamén poderá invitarse a formaren parte deste órgano outros representantes do propio Consello ou expertos/as en servizos sociais, cando se considere oportuno, para o asesoramento nos temas concretos que vaian ser obxecto de estudo.

Reunirase unha vez ao ano e cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento das funcións atribuídas no artigo seguinte.

Artigo 16. Funcións.

O Observatorio Galego de Servizos Sociais ten as seguintes funcións:

a) Actuar como órgano permanente de recolla, análise e intercambio da información cuantitativa y cualitativa en materia de servizos sociais, tendo en conta a perspectiva de xénero.

b) Recompilar, promover e orientar a difusión da información obtida.

c) Promover, elaborar, impulsar e difundir as investigacións, enquisas, estudos e publicacións na materia obxecto de intervención do sistema de servizos sociais.

d) Elaborar informes periódicos específicos cando así se lle requira. Con carácter anual, presentará informes de conxuntura social en que se reflictan as principais variables sociais e se formulen propostas e recomendacións tendentes a promover o desenvolvemento das políticas sociais en Galicia.

Capítulo III
Da Mesa Galega de Servizos Sociais

Artigo 17. Natureza e sede.

1. A Mesa Galega de Servizos Sociais constitúese como un órgano específico de participación institucional dos axentes sociais para o deseño, estudo e posta en funcionamento das iniciativas que melloren a calidade na prestación dos servizos sociais, e para o control e avaliación global dos resultados na execución dos programas desenvolvidos en materia de servizos sociais.

2. As reunións da Mesa Galega de Servizos Sociais, cunha periodicidade anual, terán lugar nas dependencias da consellería competente en materia de servizos sociais na súa sede de Santiago de Compostela, aínda que tamén poderán celebrarse en calquera outra localidade da comunidade autónoma cando así o decida a Presidencia.

Artigo 18. Funcións.

As funcións da Mesa Galega de Servizos Sociais son, entre outras, as seguintes:

a) Coñecer os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias.

b) Recibir información sobre a planificación estratéxica do sistema galego de servizos sociais, a xestión realizada e os resultados acadados nos programas desenvoltos.

c) Propoñer directrices e liñas xerais de actuación en cada un dos ámbitos de intervención do sistema galego de servizos sociais, tanto en relación aos servizos básicos específicos como ás distintas áreas dos servizos sociais especializados.

d) Propoñer a adopción de iniciativas lexislativas ou actuacións concretas en materias relacionadas coa organización e desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios: medidas, prestacións e programas que favorezan a inclusión social; actuacións referidas á atención de persoas en situación de dependencia; actuacións relativas á protección e reeducación de menores e implantación doutras liñas de actuación que desenvolvan os obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais expresados no artigo 3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais.

Artigo 19. Composición.

1. A Mesa Galega de Servizos Sociais, como órgano de participación institucional dos axentes sociais, estará integrado por:

a) Presidencia. Corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais ou persoa en quen delegue e estará auxiliada polo persoal da consellería.

b) Vogais. Nomearanse seis vogais en representación das organizacións sindicais e seis vogais en representación das organizacións empresariais.

Polo que respecta aos/ás vogais en representación das organizacións sindicais aplicarase o criterio de maior representatividade de carácter intersectorial no ámbito de Galicia.

A designación dos/das vogais representantes das organizacións empresariais realizarase por proposta formulada polas organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia a través dos seus órganos de dirección competentes.

Tendo en conta o anterior, a designación debe ser proporcional en canto ao número de representantes sindicais e empresariais, sen que poida producirse exclusión ningunha.

Por cada persoa vogal titular nomearase, ademais, un/unha suplente que o/a substitúa nos casos legalmente previstos.

2. A Secretaría da Mesa Galega de Servizos Sociais, con voz pero sen voto, corresponderá á persoa titular das subdireccións xerais competentes en materias de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde, respectivamente, adscritas ao órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais e será nomeada pola Presidencia.

No caso de ausencia, será substituída polo persoal funcionario adscrito ao departamento en materia de servizos sociais.

3. A composición e organización da Mesa Galega de Servizos Sociais respectará o principio de paridade, referido á existencia do mesmo número de representantes das partes que a compoñen, e procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Para estes efectos, e segundo o disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, entenderase por composición equilibrada, a presenza de homes e mulleres de forma que as persoas de cada sexo non superen o 60% nin sexan menos do 40%.

Artigo 20. Nomeamento dos membros e duración dos cargos.

1. Os/as vogais da Mesa serán nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais ou persoa en quen delegue a Presidencia. Por cada vogal titular nomearase tamén un ou unha suplente que o/a substitúa nos casos de ausencia ou enfermidade. Nos supostos de vacante debidamente acreditados procederase a unha nova designación.

As entidades representativas de intereses sociais poderán substituír os seus membros titulares por outros, acreditándoo ante a Secretaría do órgano colexiado regulado neste artigo.

En todo caso, cando o/a vogal titular ou o/a suplente, designado/a para actuar como tal, non asista en máis de tres sesións consecutivas, a Presidencia comunicará estas ausencias ao órgano que a propón ao mesmo tempo que solicita a súa substitución.

2. Se algunha persoa membro perde o carácter de representante da institución, organización ou entidade que o propuxo, deberá propoñerse outro/a vogal-representante para o seu posterior nomeamento pola persoa titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais ou persoa en quen delegue a Presidencia, no prazo máximo dun mes desde a perda da devandita representatividade, e polo período que lle restaba a aquel/a.

3. A proposta de revogación ou substitución dos/as vogais, titulares ou suplentes deberá serlle comunicada á Presidencia da Mesa, a través da Secretaría, xunto coa proposta do/a novo/a representante.

4. As persoas vogais manterán o seu mandato mentres conserven o carácter de representantes da respectiva institución, organización ou entidade, sen prexuízo dunha nova designación e da posibilidade de revogación ou substitución dos/das titulares e dos/das suplentes durante o dito período, por proposta do órgano a quen represente.

Artigo 21. A Presidencia da Mesa.

1. Son funcións da Presidencia:

a) Exercer a representación da Mesa Galega de Servizos Sociais.

b) Convocar as reunións, formular a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Someter á consideración da Mesa todos os asuntos que sexan da súa competencia.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos da Mesa.

e) Velar polo cumprimento das normas de réxime interno.

f) Cantas outras resulten propias da condición de presidente/a.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade será substituído/a, por esta orde, pola persoa titular do órgano directivo da mesma consellería con competencias en materia de servizos sociais e, no seu defecto, polas persoas titulares das subdireccións xerais competentes en materia de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde, respectivamente, dependentes do órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais.

Artigo 22. A Secretaría da Mesa.

1. A Secretaría, que corresponderá á subdirección xeral competente en materia de servizos sociais comunitarios ou familia, por esta orde, respectivamente, adscrita ao órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais e será nomeada pola Presidencia, levará a cabo as seguintes funcións:

a) Convocar, por orde do/a presidente/a, as reunións da Mesa.

b) Asistir ás reunións da Mesa, con voz pero sen voto, e e redactar as actas.

c) Expedir certificación, visadas pola presidencia, dos acordos, propostas e informes aprobados.

d) Executar os acordos da Mesa, xestionando e coordinando as súas actividades e velando polo seu correcto funcionamento.

e) Preparar o despacho dos asuntos que vaian coñecer nas sesións.

f) Recibir e tramitar as comunicacións dos membros da Mesa.

g) Despachar coa Presidencia os asuntos ordinarios e aqueles outros que lle fosen encomendados.

2. Cando o volume, axilidade e a eficacia do traballo o aconselle, poderá solicitar o nomeamento do persoal necesario que o/a asista.

Artigo 23. Os/as vogais.

1. Correspóndelle aos /ás vogais:

a) Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos naquelas.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer ao seu dereito ao voto.

d) Formular os rogos e preguntas que coiden oportunos.

e) Obter a información necesaria para cumprir as funcións asignadas á Mesa.

f) Cantas outras funcións deriven da súa condición de vogais.

Disposición adicional única. Impacto orzamentario.

A constitución e posta en funcionamento dos órganos colexiados regulados neste decreto non xerará aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de servizos sociais. Por conseguinte, os membros de cada un destes órganos non percibirán indemnizacións pola asistencia ás súas reunións.

Disposición derrogatoria única. Expresa e xenérica.

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) O Decreto 336/1994, do 27 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo aos consellos galegos de servizos sociais.

b) A Orde do 14 de novembro de 1997 pola que se publica o Regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Servizos Sociais.

c) A Orde do 25 de xaneiro de 2000 pola que se establecen normas para a renovación do mandato dos vogais do Consello Galego de Servizos Sociais e dos consellos provinciais de Servizos Sociais.

d) A Resolución do 9 de outubro de 1992, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Servizos Sociais, pola que se lle dá publicidade ás normas de organización e funcionamento interno da Mesa Autonómica da Renda de Integración Social de Galicia.

e) Todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Execución normativa.

A persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais adoptará cantos actos administrativos sexan necesarios para a execución desta norma.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file