Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 717

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co fin de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, fundamentadas nos criterios de eficacia, economía e austeridade que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, procede agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

a) Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

2. Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

3. Secretaría Xeral de Medios, á cal estará adscrito o ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

3.1. Dirección Xeral de Comunicación.

4. Secretaría Xeral da Igualdade.

5. Secretaría Xeral da Emigración.

6. Secretaría Xeral para o Deporte.

7. Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

8. Secretaría Xeral para o Turismo.

Disposición adicional.

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión da persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia polo presente decreto.

Disposición transitoria primeira.

Os órganos dependentes da Secretaría Xeral para o Turismo manterán a súa estrutura e funcións ata que se regule por decreto a nova estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, debendo entenderse que as referencias contidas nas disposicións adicionais primeira e segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación á Secretaría Xeral para o Turismo. Os órganos periféricos da Secretaría Xeral para o Turismo dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral e organicamente do Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición transitoria segunda.

As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguiranse utilizando ata que se esgoten, sen prexuizo da correcta identificación nos actos administrativos da autoridade de procedencia.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira terceira.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza