Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 728

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de decembro de 2011 pola que se establece o procedemento de expedición de certificados das persoas que manipulen os gases fluorados e os equipamentos baseados neles.

O Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, establece os procedementos de certificación do persoal que realiza determinadas actividades na distribución e na manipulación de gases fluorados. Así mesmo, encoméndalles ás comunidades autónomas a designación do órgano competente para a expedición, a suspensión e a retirada das certificacións persoais.

O Decreto 100/2011, do 19 de maio, polo que se regula a distribución de competencias en materia de expedición de certificados para a comercialización e a manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, establece que a consellería con competencias en materia de educación será o órgano competente para a certificación que se obteña como consecuencia dunha formación regrada. Así mesmo, será competente para convocar as probas teórico-prácticas necesarias para a obtención de determinadas certificacións.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a expedición das certificacións do persoal que realiza determinadas actividades de distribución e manipulación de gases fluorados,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a expedición das seguintes certificacións persoais:

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación en equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de sistemas frigoríficos que empreguen refrixerantes fluorados destinados a confort térmico de persoas instalados en vehículos.

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos de protección contra incendios que empreguen gases fluorados como axente extintor.

– Certificado acreditativo da competencia para a manipulación de disolventes que conteñan gases fluorados e equipamentos que os empregan.

– Certificado acreditativo da competencia para a recuperación de hexafluoruro de xofre de equipamentos de conmutación de alta tensión.

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes.

As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos establecidos no anexo I do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

Artigo 3. Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas deberán solicitar a expedición da certificación persoal mediante instancia, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. No caso de solicitar diferentes tipos de certificacións deberán presentar unha solicitude por cada unha delas, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

O modelo de solicitude poderase obter na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e presentaranse nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na oficina de Rexistro Xeral, no complexo administrativo de San Caetano, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A solicitude poderá realizarse tamén por vía electrónica na páxina web:

https://www.xunta.es/sede-electronica

4. Nos casos de títulos de formación profesional expedidos na Comunidade Autónoma de Galicia, e para cando fose suficiente para obter a certificación persoal dispor dun título de formación profesional, a persoa interesada fará a solicitude segundo o modelo do anexo I, no centro educativo onde solicitase o título.

5. Xunto coa solicitude cumprirá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta de datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade).

b) Copia compulsada do título ou certificación oficial da titulación requirida na cal conste ter efectuado o depósito do título.

No caso de títulos de formación profesional, obtidos a partir de 2008 nun centro público dependente da consellería con competencias en materia de educación da Xunta de Galicia, non cumprirá achegalo.

No caso de que se pretenda a certificación mediante título universitario, deberá presentarse documentación que acredite os coñecementos mínimos establecidos nos programas formativos do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

c) Copia compulsada do carné profesional, de ser o caso.

d) Cando así o estableza o Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, acreditación de ter superado un curso de formación cos contidos dos programas formativos especificados para o devandito certificado impartido por unha entidade autorizada pola Administración competente da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Cando así o estableza o Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, acreditación de ter superada unha proba teórico-práctica.

f) No caso de exixencia de acreditación da experiencia laboral:

– Informe de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificación das empresas en que se exercera a actividade, segundo o modelo que figura no anexo II.

Artigo 4. Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes poderanse presentar en calquera momento do ano.

Artigo 5. Resolución de solicitudes.

1. Nos casos en que se comprobe que as solicitudes cumpren cos requisitos establecidos no anexo I do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, expedirase certificación de acordo co formato establecido no anexo II do citado real decreto. Denegaranse de xeito motivado nos restantes casos.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa das solicitudes de certificación será dun mes, contado desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase e notificase a resolución, a solicitude entenderase desestimada.

Artigo 6. Rexistro.

Para garantir a transparencia do mercado de traballo, manterase un rexistro que será accesible a través da internet, e que permitirá coñecer os certificados expedidos, así como as suspensións temporais e as retiradas definitivas derivadas da comisión de infraccións. Así mesmo, rexistrarase información sobre as persoas inhabilitadas temporalmente para a obtención do devandito certificado.

Artigo 7. Certificados persoais con convocatoria de probas teórico-prácticas.

O Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, establece a obtención de determinadas certificacións persoais pola vía da realización de probas teórico-prácticas para os seguintes casos:

O certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados poderá acreditarse mediante o cumprimento de todas as condicións seguintes:

– A superación dun curso de formación cos contidos do programa formativo 1 do anexo II do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

– A superación dunha proba teórico-práctica de coñecementos sobre os contidos do programa formativo 2 do anexo II do citado real decreto.

– A xustificación de ter unha experiencia anterior a 2009 de polo menos cinco anos de actividade profesional en montaxe e mantemento de equipamentos ou instalacións con sistemas frigoríficos de calquera carga en empresas autorizadas.

O certificado acreditativo da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados poderá acreditarse mediante o cumprimento de todas as condicións seguintes:

– Superación dunha proba teórico-práctica de coñecementos sobre os contidos do programa formativo 3.B. do anexo II do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

– Acreditación de ter superado un curso de formación cos contidos do programa formativo 3.A do anexo II do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

– A xustificación de ter experiencia anterior a 2009 de polo menos cinco anos de actividade profesional en materia de instalacións de refrixeración e aire acondicionado de menos de tres quilogramos.

O certificado acreditativo da competencia para a manipulación en equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados poderá acreditarse mediante o cumprimento de todas as condicións seguintes:

– A superación dunha proba teórico-práctica de coñecementos sobre os contidos do programa formativo 3.B. do anexo II do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, aplicables a transporte refrixerado de mercadorías.

– A acreditación de ter superado un curso de formación cos contidos do programa formativo 3.A do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

Artigo 8. Convocatoria das probas teórico-prácticas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento e a convocatoria para a realización destas probas teórico-prácticas.

Disposición adicional.

O persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considérase habilitado para a manipulación de gases fluorados tanto durante a impartición das ensinanzas de formación profesional como durante a impartición dos programas formativos do Real decreto 795/2010, do 16 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file