Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 970

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

Mediante Orde do 29 de xuño de 2010 (DOG n.º 126, do 5 de xullo), a Consellería do Medio Rural estableceu as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Con data do 28 de xaneiro de 2011 publicouse o Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 que derroga o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Ante a proximidade do inicio do exercicio 2012 procede adaptar as ditas bases reguladoras ao novo marco legal, introducir algunhas modificacións tras a experiencia adquirida na xestión e convocar as axudas para ese ano.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3.º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 29 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 e convocar as axudas para o exercicio orzamentario 2012.

Sección 1.ª Modificación das bases reguladoras das axudas aos produtores
que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios
galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 29 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 (DOG n.º 126, do 5 de xullo de 2010).

Primeiro. Modificación do punto 3 do artigo 7 da Orde do 29 de xuño de 2010.

O punto 3 do artigo 7 da Orde do 29 de xuño de 2010 (Solicitude e prazo de presentación) queda redactado como segue:

«3. O lugar de presentación das solicitudes será preferentemente no Rexistro Xeral do edificio administrativo San Caetano en Santiago de Compostela. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data da súa admisión. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes».

Segundo. Modificación do artigo 9 da Orde do 29 de xuño de 2010.

O artigo 9 da Orde do 29 de xuño de 2010 (Tramitación do pagamento das axudas) queda redactado como segue:

«1. Realizados os gastos, presentarase preferentemente no Rexistro Xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, e sempre destinada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, a seguinte documentación:

No caso de solicitudes colectivas, cada entidade colaboradora remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo IV Solicitude de pagamento da axuda para produtores inscritos en consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración).

– Relación numerada de beneficiarios inscritos no programa de calidade que solicitan pagamento da axuda (anexo IV-B).

– Xustificantes dos gastos efectuados por cada produtor: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Sen prexuízo do disposto anteriormente, as entidades colaboradoras presentarán certificación de que o gasto está realizado e pagado e que consta no seu poder os xustificantes dos gastos de cada produtor.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no que se acredite que todas as explotacións obxecto da solicitude están inscritas no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e están sometidas aos controis pertinentes.

No caso de solicitudes individuais cada produtor remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo V Solicitude de pagamento para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración).

– Xustificantes dos gastos efectuados: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indica a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no que se acredite que a explotación obxecto da solicitude está inscrita no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e está sometida aos controis pertinentes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co establecido no parágrafo 3 do citado artigo, poderase aceptar a xustificación de pagamentos mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros».

Terceiro. Modificación do artigo 10 da Orde do 29 de xuño de 2010.

Modifícase o punto 4 e engádese un punto 5 no artigo 10 da Orde do 29 de xuño de 2010 (Seguimento e control) co seguinte texto:

«4. Así mesmo, seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) 65/2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

5. Conforme o disposto no artigo 75.1.º.c) do Regulamento (CE) 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada».

Cuarto. Modificación do artigo 11 da Orde do 29 de xuño de 2010.

Modifícase o parágrafo 3 do punto 2 e o punto 3 do artigo 11 da Orde do 29 de xuño de 2010 (Modificación da resolución, incumprimento e reintegro) que quedan redactados como segue:

«– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas sen prexuízo de aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión do 27 de xaneiro polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

3. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao produtor, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente».

Quinto. Modificación da disposición adicional segunda da Orde do 29 de xuño de 2010.

Modifícase a disposición adicional segunda da Orde do 29 de xuño de 2010 que queda redactada como segue:

«En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde, haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior; no Regulamento (UE) 65/2011, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural; no Real decreto 1825/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei».

Sección 2.ª Convocatoria 2012

Artigo 3. Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2012, en réxime de concorrencia competitiva polo sistema de rateo, as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada. As súas bases reguladoras serán as contidas na Orde do 29 de xuño de 2010 coas modificacións introducidas no artigo 2 da presente orde.

A finalidade desta liña de axudas é fomentar a participación dos agricultores e gandeiros nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, que poñan en valor a produción de alimentos de calidade diferenciada, mediante a contribución ao financiamento dos custos fixos que esta participación ocasiona.

Artigo 4. Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 29 de xuño de 2010, pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas e na sección primeira de esta orde. Como anexos a esta orde de convocatoria para 2012, inclúense os modelos de solicitude de axuda (anexos I, II, III, IIIB) e solicitude de pagamento (anexo IV, IV-B, V).

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 15 de xuño de 2012 inclusive.

Artigo 6. Gastos atendibles na convocatoria de 2012.

Para a convocatoria de 2012, serán atendibles os gastos imputados á campaña anual que comprende o período que vai do 1 de xuño de 2011 ata o 31 de maio de 2012.

Artigo 7. Financiamento das axudas.

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2012, na aplicación orzamentaria 13.04.713D.770.1, cunha dotación de 747.965,00 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2012, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

Disposición derradeira primeira. Disposición de desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file