Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2012 Páx. 1447

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a convocatoria de doce bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A dita Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece como prioridade en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento a potenciación dos axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Así mesmo, o II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010, subliña que as actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa básica que a Xunta levará a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

Así, coa aprobación das bases reguladoras para a convocatoria de bolsas preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica dos/as titulados/as universitarios/as con estadías na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, nos proxectos que, co apoio da Xunta de Galicia, se executen nos países prioritarios da cooperación galega, nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia, ou noutros organismos internacionais, de acordo co previsto nos acordos subscritos para o efecto.

Pola súa vez, procede convocar a concesión das bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 e aos correspondentes para o ano 2013, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento que se inclúe no anexo á presente orde.

2. Convocar a concesión de doce bolsas de acordo coas ditas bases reguladoras. O importe total que se habilita para a presente convocatoria ascende a 196.600 euros (139.400 para o ano 2012 e 57.200 para o ano 2013) que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 05.06.331A.480.0 e 05.06.331A.484 que se destinarán ao pagamento das bolsas e das cotas da seguridade social, respectivamente. A distribución do dito crédito entre as dúas aplicacións farase, unha vez que se coñezan os datos relativos ás bases de cotización que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado, de acordo co procedemento establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1.º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2011 e cumprirse os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda.

A concesión das bolsas de formación reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 05.06.331A.480.0 e 05.06.331A.484 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2012.

Disposición derradeira primeira.

A todo o non previsto na presente orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira terceira.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira cuarta.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento

Primeira. Obxecto.

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de doce bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (en diante Dirección Xeral), as oficinas técnicas de cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (OTC) ou algunha organización internacional multilateral, nalgún dos países onde desenvolven os seus proxectos.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

c) Ter nado o 1 de xaneiro de 1980 ou con posterioridade a esa data.

d) Estar en posesión de título universitario de licenciado/a, diplomado/a, grao ou equivalente.

e) Non ser ou ter sido beneficiario dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.

f) Non manter relación laboral vixente co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

g) Durante o período de desfrute da bolsa, non colaborar con ningún axente da cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

h) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as que se convocan as bolsas.

Terceira. Solicitude, documentación e prazo de presentación.

1. Os formularios da solicitude estarán dispoñibles no enderezo electrónico:

https://sede.xunta.es/portada

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para os efectos informativos, e é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE a través do teléfono 981 54 10 21; do número de fax 881 99 90 29 ou do enderezo de correo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es

Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Unha vez cubertos e confirmados os formularios na forma indicada nos parágrafos anteriores, as solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do solicitante. Para isto o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509v3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma.

Ademais do formato electrónico admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro Xeral da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou por calquera das formas previstas na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de presentar a solicitude en papel nun rexistro que non sexa o da dirección xeral ou de remitila por correo, o/a interesado/a deberá comunicarlle á dita dirección xeral esta circunstancia, no mesmo día, a través de fax (ao número 881 99 90 29) e remitirán copia da solicitude co correspondente selo de presentación no prazo establecido nun rexistro válido.

Os/as solicitantes deberán indicar un enderezo de correo electrónico permanente, persoal e intransferible para efectos de notificacións.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, a seguinte documentación, orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Título universitario ou xustificación de pagamento dos dereitos de expedición.

b) Currículum vitae do solicitante con foto, no cal se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Memoria sobre as accións internacionais de cooperación para o desenvolvemento. A dita memoria debe presentarse en soporte dixital e/ou en papel en formato A4 mecanografada a dobre espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a dez nin superior a vinte páxinas.

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo III.

e) Declaración responsable de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo IV.

f) Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta bolsa, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo IV.

Esta documentación deberá presentarse ordenada segundo o esquema da epígrafe anterior, debidamente paxinada e acompañada dun índice.

Os documentos presentados en lingua distinta ao español ou ao galego deberán acompañarse dunha tradución xurada.

2. Ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a presentación da solicitude polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para comprobar os datos de identidade e de residencia.

Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá entregar a fotocopia compulsada do documento de identidade correspondente e do certificado de empadroamento necesario.

3. Ao abeiro do establecido no artigo 20.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para solicitar, se é o caso, as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11.e) da dita lei.

4. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG n.º 153, do 9 de agosto).

5. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación ao ficheiro denominado «Bolseiros/as de cooperación exterior» creado pola Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG n.º 238, do 14 de decembro).

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será a tramitación do expediente correspondente á selección e xestión dos/as bolseiros/as de cooperación exterior e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Así mesmo, a presentación da solicitude polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE á cesión dos seus datos persoais a terceiros, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, co fin de realizar os trámites administrativos de xestión da bolsa. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude polo interesado implicará tamén a autorización á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para a transferencia dos datos persoais dos solicitantes ás oficinas territoriais dos organismos en que se van desenvolver as bolsas, todo iso de acordo co establecido na dita Orde do 1 de decembro de 2010.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Secretaría Xeral Técnica, edificio administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na guía do cidadán da páxina web da Xunta.

6. O prazo para a presentación da solicitude e da documentación sinalada no parágrafo 1 da base terceira será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación presentada contivese erros ou fose incompleta, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición procedendo ao arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Cuarta. Duración das bolsas, obrigas dos/as bolseiros/as, plan formativo e contía.

1. Duración das bolsas.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2012 e 2013 cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de maio de 2012 e o 30 de abril de 2013, logo de aceptación por parte do/da solicitante que resulte seleccionado/a.

2. Obrigas dos/as bolseiros/as.

A aceptación da bolsa xera a obriga do/a bolseiro/a de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional para o caso dos/as bolseiros/as destinados/as no exterior, e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da dita cobertura.

Así mesmo, o/a bolseiro/a deberá presentar certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

O/a bolseiro/a tamén se obriga pola aceptación a:

● Obter pola súa conta o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de desfrute da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

● Presentarse persoalmente ante o responsable da súa formación no destino adxudicado, no prazo máximo de dez días naturais para os/as bolseiros/as destinados/as no exterior e de tres días naturais para os/as bolseiros/as destinados/as na sede da dirección xeral, a partir do día sinalado para o comezo da bolsa. No caso de atraso na súa incorporación, a mensualidade da bolsa verase reducida proporcionalmente.

● Residir no lugar de destino durante o período da bolsa e non ausentarse sen previa comunicación e autorización do/a responsable da formación do/a bolseiro/a, no caso dos/as bolseiros/as destinados/as no exterior.

● Desempeñar as actividades de formación obxecto da bolsa, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a dirección xeral xunto co responsable do organismo/proxecto onde o/a bolseiro/a realice as súas prácticas.

● Levar a cabo o plan de formación acordado xunto co responsable da dirección xeral e o responsable do organismo/proxecto onde realiza as prácticas e cumprir coas normas de funcionamento e actividades que sexan determinadas.

● Desprazarse cando así se acorde co responsable da dirección xeral e o do organismo/proxecto onde realiza a formación.

● Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde se estea a desenvolver a bolsa para a realización das actividades formativas.

● Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

● Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

● Mencionar a súa condición de bolseiro nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación en que participe.

3. Plan formativo.

Unha vez incorporado/a no seu destino, o/a bolseiro/a acordará o seu plan formativo xunto co titular do servizo de formación e coordinación institucional da dirección xeral e o coordinador xeral da OTC ou o responsable do proxecto de que se trate, segundo corresponda. O dito plan formativo incluirá, polo menos, unha primeira parte en que o/a bolseiro/a se formará na estrutura, estratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitirá ao/á bolseiro/a formarse na práctica das fases do ciclo dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

De ser o caso, os/as bolseiros/as seleccionados/as desprazaranse á sede do organismo onde realicen as súas prácticas durante un período que establecerá a dirección xeral, co fin de coñecer aos responsables nos países onde se van realizar as estadías de formación, así como a estrutura, as estratexias e programas do organismo correspondente.

4. Contía.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da dirección xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Enténdese incluído neses importes o pagamento dos custos sociais. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

Os/as bolseiros/as destinados/as no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, seguros ou gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos internos necesarios no desenvolvemento da bolsa, previa xustificación documental, unha contía máxima de 3.000 euros para cada un dos destinos propostos. Os ditos gastos deben ser realizados e xustificados antes do 15 de decembro de 2012.

Así mesmo, os/as bolseiros/as, no caso de consideralo necesario a dirección xeral, polo seu desprazamento temporal á sede principal de calquera dos organismos onde realizan as súas prácticas ou a algunha misión específica nos seus destinos, percibirán, no caso de existir dispoñibilidade orzamentaria, en concepto de aboamento dos gastos da viaxe (transporte, aloxamento e manutención), e logo da súa xustificación documental, unha contía máxima de 100 euros diarios se o desprazamento ten lugar fóra de Galicia e de 50 euros diarios, se o desprazamento ten lugar en Galicia.

De ser o caso, e existindo dispoñibilidade orzamentaria, poderase facilitar aos bolseiros/as a asistencia a cursos de formación que a dirección xeral considere convenientes, mediante o aboamento dos gastos ocasionados con motivo destas actividades.

Os gastos sinalados nos parágrafos anteriores acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Quinta. Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de avaliación, que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

A comisión de valoración adaptará o seu funcionamento ao previsto na presente convocatoria e, supletoriamente, aos regulamentos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión compoñerase polos seguintes membros:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior ou a persoa en quen delegue.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, un experto en cooperación para o desenvolvemento designado pola presidencia da comisión avaliadora e unha persoa designada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

A composición da comisión de avaliación farase pública no portal web:

http://www.cooperaciongalega.org/ e no taboleiro de anuncios da dirección xeral.

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo, ata un máximo de 20 puntos:

a) Estudos de posgrao relacionados coas materias obxecto das bolsas de formación. Por ter cursado un máster universitario ou curso completo de posgrao que teña relación directa coas materias obxecto das bolsas de formación: 6 puntos.

b) Outras titulacións. Por estar en posesión doutros títulos universitarios de grao ou posgrao ou tese doutoral: 0,5 puntos por titulación cun máximo de 1 punto.

c) Por coñecemento do idioma galego, ata un máximo de 1 punto:

● Por estar en posesión do certificado Celga 4, Celga 5 ou equivalentes: 1 punto.

● Por estar en posesión do certificado Celga 2, Celga 3 ou equivalentes: 0,5 puntos.

d) Por coñecemento do idioma inglés, francés e/ou portugués: ata un máximo de 3 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel avanzado ou intermedio dunha lingua exclúe a do certificado de nivel intermedio ou básico, respectivamente, da mesma lingua:

● Por certificado de aptitude de nivel avanzado dunha lingua estranxeira: 1 punto.

● Por certificado de aptitude de nivel intermedio dunha lingua estranxeira: 0,50 puntos.

● Por certificado de aptitude de nivel básico dunha lingua estranxeira: 0,25 puntos.

e) Por cada curso de formación relacionado coa cooperación internacional para o de-senvolvemento, de 18 ou máis horas ata un máximo de 3 puntos.

● Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

● Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

● Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 por curso.

f) Por cada curso de formación relacionado coa informática, de 18 ou máis horas ata un máximo de 2 puntos.

● Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

● Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

● Cursos de duración igual ou superior a 18 horas e ata 39 horas: 0,25 por curso.

g) Pola participación en proxectos de cooperación para o desenvolvemento, calquera que fose a relación xurídica do participante coa entidade executora do proxecto: 0,5 puntos por cada 3 meses, ata un máximo de 2,5 puntos.

h) Pola realización de tarefas de voluntariado social debidamente acreditadas, non relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento: 0,5 puntos por cada 6 meses, ata un máximo de 1,5 puntos.

Forma de acreditación dos méritos: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas, Instituto Británico, Alianza Francesa ou institucións ou centros recoñecidos oficialmente.

As tarefas de voluntariado e a participación en proxectos de cooperación para o de-senvolvemento acreditaranse por certificado expedido pola correspondente entidade onde se realizasen estas ou fotocopia compulsada do contrato ou contratos de traballo e certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, no seu caso.

A comisión non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente, nin aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

3. Unha vez rematado o proceso de avaliación dos méritos dos solicitantes, a comisión de avaliación confeccionará a lista provisional de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Esta lista provisional exporase no taboleiro de anuncios da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, sita na rúa Feáns, 3 baixo, Santiago de Compostela. Tamén estará á disposición dos interesados/as na páxina web da cooperación galega http://www.cooperaciongalega.org/

4. Abrirase un prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte do da data de publicación da lista provisional, co fin de realizar consultas e reclamacións sobre esta. Seguidamente, a comisión de valoración resolverá as reclamacións, expoñéndose a seguir a lista definitiva de posibles bolseiros/as, nos mesmos lugares e forma citados anteriormente, xunto coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

5. Entrevista persoal.

A comisión realizará unha entrevista persoal presencial cos/coas aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/das candidatos/as, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista.

Na entrevista valoraranse as aptitudes e actitudes persoais dos/as aspirantes para a realización das actividades que van desenvolver, o coñecemento dos temas de cooperación, a súa motivación e iniciativa, así como a facilidade de expresión oral, podendo, se é o caso, incluír unha proba de aptitude psicolóxica. A dita entrevista será valorada de 0 a 10 puntos. Será necesario para poder acceder a unha das bolsas convocadas acadar unha puntuación mínima de 4 puntos na mesma.

A comisión facilitará aos aspirantes antes da realización da entrevista os criterios específicos que se avaliarán nela.

6. A comisión valorará, unha vez realizada a entrevista e tendo en conta a formación e o perfil dos/as aspirantes e o coñecemento dos idiomas dos países en que o español non sexa a lingua predominante, a idoneidade de cada un dos/as candidatos/as en función dos destinos propostos.

7. No caso de empate, terá preferencia a solicitude con maior puntuación na alínea a) do baremo, e en segundo lugar a de maior puntuación na alínea g). De persistir o empate resolverase atendendo á data de presentación da solicitude e, de ser a mesma, a preferencia será polo candidato de maior idade.

8. A comisión proporá unha listaxe de adxudicatarios/as entre os/as solicitantes que acaden unha maior puntuación, indicando os destinos propostos para cada un deles, facéndoa pública mediante a inserción no taboleiro de anuncios e na páxina web da dirección xeral http://www.cooperaciongalega.org/. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polos solicitantes valorados cun mínimo de 4 puntos na fase de entrevista segundo orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos/as adxudicatarios/as.

9. A comisión elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá, de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Segundo o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

11. No suposto de que, unha vez adxudicadas as bolsas, os/as beneficiarios/as non declarasen a súa aceptación ou renunciasen unha vez aceptada, a bolsa poderá ser adxudicada ao/á seguinte aspirante con maior puntuación procedéndose, do mesmo xeito, no caso de non aceptación ou renuncias sucesivas.

12. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de avaliación dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. Publicidade, aceptación, renuncia e reintegro.

1. A resolución de concesión das bolsas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web http://www.cooperaciongalega.org/, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

2. De acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE publicará a relación de beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento destes datos.

3. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos/as beneficiarios/as, no prazo máximo de dez días, estes deberán comunicar á dirección xeral a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, achegarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa, certificado médico oficial e acreditación de dispoñer da cobertura asistencial segundo o sinalado na base cuarta, parágrafo dous. Transcorridos os sinalados 10 días, se os/as beneficiarios/as non se declarasen en ningún sentido, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5.º da Lei de subvencións de Galicia.

No caso das renuncias á bolsa, procederase a adxudicala, se é o caso, ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva confeccionada inicialmente.

Seguirase este mesmo procedemento, se é o caso, cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producise algunha vacante por calquera circunstancia, incluída a renuncia.

4. A renuncia durante a vixencia da bolsa, que deberá comunicarse mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE con polo menos un mes de antelación á data na que se desexa facela efectiva, dará lugar á devolución das cantidades percibidas, salvo causas xustificadas debidamente acreditadas e aceptadas polo órgano concedente da bolsa, e determinará, en todo caso, a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

Sétima. Natureza xurídica da relación.

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o/a beneficiario/a, sen prexuízo da alta no réxime xeral da Seguridade Social de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nas presentes bases reguladoras.

Oitava. Aboamento das bolsas.

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, tras a correspondente certificación da dirección xeral do bo aproveitamento das prácticas, de acordo coa emitida polo responsable do proxecto ao que está adscrito o/a bolseiro/a.

No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, o/a bolseiro/a percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que desfrute da bolsa.

Novena. Causas de extinción e revogación da bolsa.

1. A condición de bolseiro/a extínguese por:

● Expiración do período de duración da bolsa.

● Renuncia.

● Enfermidade ou accidente que o incapacite para o desenvolvemento das tarefas obxecto da bolsa de formación.

2. Darán lugar á revogación da bolsa, sen prexuízo das causas xerais establecidas na normativa de axudas públicas, logo de instrución de procedemento contraditorio:

● O incumprimento por parte do/a bolseiro/a das obrigas relacionadas na base cuarta, contraídas coa aceptación da bolsa.

● A ausencia inxustificada.

● Obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará o beneficiario/a, se é o caso, ao reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima. Información aos órganos fiscalizadores.

Os/as beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo primeira. Modificación das condicións. Incompatibilidades.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Estas bolsas son incompatibles co desfrute doutras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Décima segunda. Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos/ás interesados/as farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da cooperación galega http://www.cooperaciongalega.org/. Esta forma de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución de concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992.

Décimo terceira. Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Décimo cuarta. Memoria final.

No prazo máximo dun mes desde a finalización do período de formación, os/as bolseiros/as presentarán á dirección xeral unha memoria resumo das actividades realizadas no seu destino así como certificación do responsable do proxecto de que se trate/coordinador xeral da OTC/responsable da oficina do organismo correspondente, que será avaliada pola dirección xeral, expedíndose, de ser estas avaliadas positivamente, certificado acreditativo do bo aproveitamento do período formativo, con indicación da súa duración.

missing image file
missing image file
missing image file