Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2228

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se determinan as titulacións requiridas para a redacción dos proxectos técnicos exixidos en materia de inspección técnica de vehículos.

Antecedentes de feito.

O Real decreto 866/2010, do 2 de xullo, polo que se regula a tramitación das reformas de vehículos, establece no artigo 7 entre a documentación que se vai presentar, cando así veña exixido polo Manual de Reformas de Vehículos: «proxecto técnico detallado da reforma a efectuar e certificación final de obra na que indique que esta se realizou segundo o establecido en devandito proxecto, subscritos ambos por técnico titulado competente».

O artigo 3 do Real decreto 866/2010 contén varias definicións para os efectos previstos neste real decreto, se ben que non define «técnico titulado competente». É, pois, de interese para esta dirección xeral proporcionar seguridade xurídica aos axentes económicos regulando quen é técnico titulado competente para a redacción e sinatura dos proxectos técnicos a presentar na tramitación das reformas de vehículos.

Fundamentos de dereito.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver de acordo co disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e co disposto no Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Determinar as titulacións de enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, como as requiridas para a redacción e sinatura dos proxectos técnicos a presentar en calquera das Estacións I.T.V. integradas dentro da Rede Galega de Estacións de Inspección Técnica de Vehículos, cando así os exixa a lexislación aplicable.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas