Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2250

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de xaneiro de 2012 pola que se modifica a Orde do 3 de marzo de 2011, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2011.

A Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2011, publicada no Diario Oficial de Galicia do 29 de marzo de 2011 e modificada pola Orde do 25 de abril de 2011 (DOG núm. 82, do 28 de abril) establece, no seu artigo 18, que o prazo para xustificación das subvencións concedidas ás corporacións locais beneficiarias rematará o 3 de febreiro de 2012.

Este ano 2011 implementouse por primeira vez unha aplicación informática para facilitar a tramitación deste procedemento de subvencións, a través da cal as corporacións locais elaboraron, no seu momento, os formularios de solicitude de subvencións. Na actualidade estase a desenvolver a dita aplicación para facilitar que as corporacións locais poidan cubrir os formularios correspondentes para elaborar a documentación requirida para xustificar as subvencións concedidas no ano 2011, tal como se prevé no artigo 18.5 da dita orde de convocatoria.

Non obstante, debido a problemas técnicos e a certo retraso no desenvolvemento da aplicación informática derivado da complexidade deste tipo de subvencións, é posible que esta non estea dispoñible coa antelación necesaria para que as corporacións locais beneficiarias poidan cumprir co prazo establecido na orde de convocatoria. Polo tanto, faise necesario ampliar o prazo de presentación desta documentación xustificativa para os efectos de compensar estas deficiencias e de garantir que as corporacións locais poidan cumprir co dito prazo de xustificación das subvencións consonte o establecido no artigo 45 do regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, garantindo, deste xeito, a dispoñibilidade da aplicación informática coa antelación mínima necesaria para que as corporacións locais poidan elaborar os formularios da documentación xustificativa e presentala dentro do prazo.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, e o Decreto 335/2009, do 11 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo único. Amplíase o prazo de presentación da documentación xustificativa das subvencións concedidas ás corporacións locais ata o 9 de marzo de 2012, incluído. Para estes efectos, a aplicación informática a través da cal deben cubrirse, obterse e validarse necesariamente os formularios para elaboración da documentación xustificativa das ditas subvencións para o financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais estará dispoñible na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar ata as 14.00 horas do día 9 de marzo.

Disposición derradeira única.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar