Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2012 Páx. 2934

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 253/2011, do 12 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes.

O Consello da Xunta aprobou o 10 de decembro de 2010 o Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, a través do que se pretende avanzar na consecución da plena participación das persoas con discapacidade na sociedade e na integración das cuestións que máis afectan este colectivo en todos os ámbitos de actuación. Segundo expón o documento, o ámbito do transporte é un dos que máis dificultades lle xera a este colectivo, que non atopa nel unha resposta axeitada ás súas necesidades de mobilidade. Así, segundo a enquisa de discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia (EDAD 2008), o 71% das persoas que padecen algunha discapacidade teñen dificultades para desprazarse fóra do fogar, basicamente para poder utilizar algún medio de transporte público e para desprazarse polo seu propio pé.

A mellora da accesibilidade ao sistema de transporte público é, pois, un dos eixes principais do dito plan, como ferramenta indispensable para favorecer a mobilidade e integración dese colectivo. Esa mellora pasa pola adaptación ás súas particulares circunstancias tanto dos medios como das infraestruturas do transporte, pero tamén pola sensibilización e a presenza das súas necesidades en todos os campos de decisión.

Para estes efectos, non se pode esquecer un órgano tan relevante como o Consello Galego de Transportes, creado e regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo, e que ten como funcións, entre outras, a elaboración de informes e ditames en materia de transportes, a realización de estudos de planificación e coordinación en materia de transporte, a información de proxectos de disposicións de carácter xeral que afecten a ordenación e coordinación dos transportes e, en xeral, o asesoramento da Administración autonómica neste ámbito.

A presenza nese órgano, pois, do colectivo de persoas con discapacidade resulta especialmente interesante, como mecanismo para que as súas achegas se incorporen á ordenación do transporte e melloren así os servizos que se lle prestan. Ademais, respóndese así non só a un dos obxectivos específicos contidos no mencionado plan de acción integral, senón tamén ás demandas que o colectivo viña facendo con anterioridade.

Para garantir a representatividade, intégranse tres representantes das persoas con discapacidade no Pleno e un na Comisión Permanente do Consello Galego de Transportes. Estes membros serán designados polo Consello Galego de Persoas con Discapacidade -ou órgano que, de ser o caso, o substitúa regulamentariamente-, como órgano que canaliza a colaboración e participación deste colectivo nas políticas públicas de atención, inserción social e calidade de vida que os afectan. Porén, e dado que no momento actual o dito consello está pendente de entrar en funcionamento como consecuencia do desenvolvemento da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no decreto establécese un réxime transitorio consonte o cal será o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) de Galicia o que, na súa condición de entidade aglutinante das principais organizacións neste ámbito, designe aqueles representantes.

Alén do anterior, a modificación aprovéitase para introducir o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes no funcionamento do Consello Galego de Transportes, de acordo coas exixencias da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Por outra parte, a modificación complétase cunha nova formulación do artigo 13 f), relativo ás funcións da secretaria ou secretario, que vén corrixir un erro na redacción orixinaria sen que por iso se alteren substancialmente as súas atribucións. Finalmente, incorpórase a remisión aos artigos da recente Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos ao funcionamento dos órganos colexiados. Ben que esta modificación non sería precisa, posto que a regulación actual do Consello Galego de Transportes non entra en contradición co a lei e que, por outra banda, o simple xogo do principio de xerarquía normativa asegura a aplicación supletoria desta en todo o non previsto para o seu réxime de funcionamento, razóns de sistemática e de seguridade xurídica aconsellan recoller expresamente unha mención á lei na norma de peche do artigo 19.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes.

O Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, queda modificado como segue:

Un. Introdúcese un novo parágrafo final no artigo 2, coa seguinte redacción:

«As funcións do Consello Galego de Transportes desenvolveranse, cando proceda, incorporando a perspectiva de xénero».

Dous. Introdúcese un novo parágrafo final no artigo 3, coa seguinte redacción:

«A composición e organización do Consello Galego de Transportes e das súas comisións farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes».

Tres. A letra e) do artigo 5 queda redactada do seguinte modo:

«e. Polas organizacións de persoas consumidoras e usuarias e de persoas con discapacidade:

– Tres representantes das persoas consumidoras e usuarias, designadas polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios de entre as organizacións de persoas consumidoras e usuarias representadas nel.

– Tres representantes das persoas con discapacidade, designadas polo Consello Galego de Persoas con Discapacidade ou, de ser o caso, polo órgano que regulamentariamente o substitúa, de entre as organizacións de persoas con discapacidade representadas nel».

Catro. O punto ii) do artigo 6 queda redactado do seguinte modo:

«ii. Dous representantes das organizacións de consumidores e usuarios designados polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios e un representante das organizacións de persoas con discapacidade designado polo Consello Galego de Persoas con Discapacidade ou, de ser o caso, polo órgano que regulamentariamente o substitúa».

Cinco. A letra f) do artigo 13 queda redactada do seguinte modo:

«f) Actuar como persoa asesora tanto no Pleno como na Comisión Permanente; redactar as actas, ser o seu depositario e expedir certificacións sobre elas».

Seis. O artigo 19 queda redactado do seguinte modo:

«As convocatorias, o funcionamento e réxime de sesións e acordos regularanse polos preceptos básicos do capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e pola sección 3.ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

Disposición transitoria única. Designación dos representantes ata a posta en funcionamento do Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

Mentres non estea en funcionamento efectivo o Consello Galego de Persoas con Discapacidade ou o órgano que, de ser o caso, o substitúa regulamentariamente, a designación das persoas representantes das persoas con discapacidade no Pleno e mais na Comisión Permanente do Consello Galego de Transportes corresponderalle ao Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) de Galicia.

Disposición final. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas