Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2012 Páx. 2989

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan de modo ordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o ano 2012.

O punto 1 do artigo 3 da Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo establece que a consellería con competencias en materia de educación convocará de modo ordinario e con carácter anual probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ás cales poderán concorrer as persoas que non cumpran os requisitos académicos que permitan o acceso directo aos ciclos formativos.

A disposición derradeira primeira da devandita orde autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as instrucións que cumpran para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nela.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria ordinaria para o ano 2012 de realización das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional inicial, consonte as seguintes disposicións:

Capítulo I
Ciclos formativos de grao medio

Primeiro. Datas das probas de acceso e lugares de inscrición.

1. A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio presentarase por duplicado na secretaría de calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, no prazo comprendido entre os días 27 de febreiro e o 9 de marzo de 2012, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo I recollido na Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo. O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta.

2. Estes centros tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Segundo. Publicación de listaxes provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas, de exención, de probas adaptadas, de cualificacións e de lugares de realización da proba.

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

Terceiro. Relacións provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas para as probas.

1. A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 20 de marzo. Esta listaxe dará información sobre a documentación presentada. No caso das exclusións, farase indicación expresa do motivo que as ocasione.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 21 ata o día 23 de marzo, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. Así mesmo, durante o período de reclamación poderase achegar a documentación pendente de entrega.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 28 de marzo.

Cuarto. Comisións de realización das probas de acceso.

De acordo co establecido nos artigos 3.5, 7.1 e 7.2 da Orde do 2 de decembro de 2008, con anterioridade ao 19 de abril cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicará por escrito á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o seguinte:

– O nome do inspector ou da inspectora responsable provincial das probas de acceso.

– A relación de centros públicos onde se vaian constituír as comisións de realización das probas, así como os centros adscritos. O día 9 de maio farase pública esta listaxe en cada centro onde se realice a inscrición e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

– A relación das persoas integrantes das comisións de realización das probas, con detalle das funcións ou as tarefas que desempeñarán en cada caso.

Quinto. Tramitación e resolución das solicitudes de exención e de proba adaptada.

1. A dirección do centro remitirá á Subdirección Xeral de Formación Profesional, o 12 de marzo, a relación de persoas solicitantes de exención e/ou de proba adaptada, así como calquera outra petición que as persoas solicitantes fagan constar na súa solicitude de inscrición, xunto coa documentación orixinal achegada por cada solicitante (o centro quedará con copia desta). O centro asegurarase de que a devandita documentación chegue á Subdirección Xeral, como data límite, o día 16 de marzo. A documentación das persoas inscritas que non solicitasen exención, proba adaptada nin ningunha outra petición será arquivada no propio centro educativo.

2. A resolución provisoria de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 3 de maio. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

3. Contra estas resolucións provisorias as persoas interesadas poderán presentar reclamación os días 4, 7 e 8 de maio, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador das probas, no centro onde se realizase a inscrición. As secretarías dos centros cargarán na aplicación as referidas reclamacións e remitiranas, por vía de urxencia, xunto coa documentación que as persoas solicitantes acheguen, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 11 de maio.

4. A resolución definitiva farase pública o día 16 de maio.

Sexto. Realización das probas de acceso.

1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 25 de maio de 2012 no horario que se indica a seguir:

– Ás 9.00 horas: presentación.

– Das 10.00 ás 11.00 horas: parte matemática.

– Das 11.30 ás 13.30 horas: parte sociolingüística.

– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.

2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Sétimo. Publicación das cualificacións.

1. Os resultados das cualificacións provisorias das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio publicaranse o día 7 de xuño.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a cualificación provisoria os días 8, 11 e 12 de xuño, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros cargarán na aplicación informática as reclamacións que se realizasen coa finalidade de proceder á súa revisión.

3. A cualificación definitiva publicarase o día 20 de xuño.

Oitavo. Emisións de certificacións.

1. Todas as persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde as realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas.

2. No caso de superación total da proba, a certificación que o acredite dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Ás persoas que non superen a proba na súa totalidade, esta certificación permitiralles manter as cualificacións obtidas nas partes superadas en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, durante un máximo de dous anos, na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A certificación deberá recoller, pola súa vez, as posibles exencións outorgadas, que manterán a súa validez para futuras convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

Noveno. Recursos.

Contra a listaxe definitiva de persoas admitidas, a resolución definitiva de exencións, a resolución definitiva de probas adaptadas e as cualificacións definitivas da proba de acceso poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente listaxe definitiva, ante o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II
Ciclos formativos de grao superior

Décimo. Datas e lugares de inscrición das probas de acceso.

1. A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior presentarase por duplicado na secretaría de calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro), no prazo comprendido entre os días 23 de xaneiro e o 3 de febreiro de 2012, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo II recollido na Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo. O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta.

2. Estes centros tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Décimo primeiro. Publicación de listaxes provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas, de exención, de probas adaptadas, de cualificacións e de lugares de realización da proba.

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

Décimo segundo. Relacións provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas para as probas.

1. A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 7 de febreiro. Esta listaxe dará información sobre a documentación presentada. No caso das exclusións, farase indicación expresa do motivo que as ocasione.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria entre os días 8 e 10 de febreiro, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. Así mesmo, durante o período de reclamación poderase achegar a documentación pendente de entrega.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 15 de febreiro.

Décimo terceiro. Comisións de realización das probas de acceso.

De acordo co establecido nos artigos 3.5, 7.1 e 7.3 da Orde do 2 de decembro de 2008, con anterioridade ao 14 de marzo cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicará por escrito á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o seguinte:

– O nome do inspector ou da inspectora responsable provincial das probas de acceso.

– A relación de centros públicos onde se vaian constituír as comisións de realización das probas, así como os centros adscritos. O día 20 de marzo farase pública esta listaxe en cada centro onde se realice a inscrición e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

– A relación das persoas integrantes das comisións de realización das probas, con detalle das funcións ou as tarefas que desempeñarán en cada caso.

Décimo cuarto. Tramitación e resolución das solicitudes de exención e de proba adaptada.

1. A dirección do centro remitirá á Subdirección Xeral de Formación Profesional, o 6 de febreiro, a relación de persoas solicitantes de exención e/ou de proba adaptada, ou calquera outra petición que a persoa solicitante faga constar na súa solicitude de inscrición, xunto coa documentación orixinal achegada por cada solicitante (o centro quedará con copia dela). O centro asegurarase de que a devandita documentación chegue á Subdirección Xeral, como data límite, o día 10 de febreiro. A documentación das persoas inscritas que non solicitaran exención, proba adaptada nin ningunha outra petición será arquivada no propio centro educativo.

2. A resolución provisoria de exencións e de probas adaptadas farase pública o día 1 de marzo. No caso de resolución denegatoria, figurará na listaxe a causa da denegación.

3. Contra estas resolucións provisorias a persoa interesada poderá presentar reclamación os días 2, 5 e 6 de marzo, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador das probas, no centro onde se realizase a inscrición. As secretarías dos centros cargarán na aplicación as devanditas reclamacións e remitiranas, por vía de urxencia, xunto coa documentación que a persoa solicitante achegue, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 12 de marzo.

4. A resolución definitiva farase pública o día 16 de marzo.

Décimo quinto. Realización das probas de acceso.

1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 30 de marzo de 2012 no horario que se indica a seguir:

– Ás 9.00 horas: presentación.

Parte común da proba.

– Das 10.15 ás 13.45 horas: matemáticas, lingua galega e lingua castelá.

Parte específica da proba.

– Das 16.00 ás 18.30 horas: materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao cal se desexe acceder, segundo o anexo I desta resolución.

2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e folla da solicitude de inscrición.

Décimo sexto. Publicación das cualificacións.

1. Os resultados das cualificacións provisorias das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior publicaranse o día 25 de abril.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a cualificación provisoria os días 26, 27 e 30 de abril e 2 de maio, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros cargarán na aplicación informática as reclamacións que se realizasen coa finalidade de proceder á súa revisión.

3. A cualificación definitiva publicarase o día 14 de maio.

Décimo sétimo. Emisión de certificacións.

1. As persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde as realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas.

2. No caso de superación total da proba, e en función da opción elixida, a certificación incluirá a relación de familias profesionais en que se posibilitará o acceso a ciclos formativos de grao superior, nas condicións de admisión que se establezan.

3. Para as persoas que non superasen a proba na súa totalidade, esta certificación permitiralles manter as cualificacións obtidas nas partes superadas en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao superior, durante un máximo de dous anos, na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As certificacións recollerán, pola súa vez, as posibles exencións outorgadas, que manterán a súa validez para futuras convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

Décimo octavo. Recursos.

Contra a listaxe definitiva de persoas admitidas, a resolución definitiva de exencións, a resolución definitiva de probas adaptadas e as cualificacións definitivas da proba de acceso poderase interpor recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Información e orientación do proceso de realización das probas de acceso.

Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

Disposición adicional segunda. Corrección do documento oficial de identidade.

De se detectaren erros no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade dun Estado da Unión Europea), poderase solicitar a súa
corrección en calquera momento a través dunha reclamación, segundo o modelo de solicitude dispoñible no anexo II desta resolución e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. A esta solicitude deberáselle achegar unha fotocopia do documento de identificación, e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, que enviarán por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Non cumprirá que o centro realice trámite adicional ningún na aplicación informática.

Disposición adicional terceira. Certificación da proba de acceso de grao medio e de grao superior para as persoas que, despois da finalización da convocatoria ordinaria, estean en condicións de obter a exención que permite a superación completa da proba.

1. Certificación de superación da proba de acceso a grao medio.

As persoas que nas convocatorias de 2010, 2011 e 2012 superasen a parte sociolingüística, a parte matemática ou a parte científico-técnica na Comunidade Autónoma de Galicia, e estean en condicións, logo de rematado o proceso, de acreditar nas partes non superadas algunha das causas de exención previstas a continuación, poderán solicitar certificación de superación da proba en calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, desde o día 21 de xuño ao día 28 de setembro de 2012. A emisión de certificados realizarase nos centros designados como lugares de realización das probas ou nos centros designados para emitir certificados.

Posibles exencións:

– Parte sociolingüística: superación dos ámbitos social e de comunicación dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.

– Parte matemática e parte científico-técnica: superación do ámbito científico-tecnolóxico dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas.

– Parte científico-técnica:

• Superación dos módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial. Ao abeiro da Orde do 13 de xullo de 2011, a superación dos módulos obrigatorios (específicos profesionais, con ou sen formación en centros de traballo e os formativos de carácter xeral) do primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial.

• Certificación de profesionalidade de calquera nivel consonte o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

• Acreditación, como mínimo dun ano, de experiencia laboral en xornada completa, con independencia do campo profesional en que se traballase.

2. Certificación de superación da proba de acceso a grao superior.

As persoas que, nas convocatorias de 2010, 2011 e 2012, superasen a parte común ou a específica na Comunidade Autónoma de Galicia e estean en condicións, logo de finalizado o proceso, de acreditar na outra parte algunha das causas de exención previstas a continuación, poderán solicitar certificación de superación da proba en calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, desde o día 15 de maio ata o día 28 de setembro de 2012. A emisión de certificados realizarase nos centros designados como lugares de realización das probas ou nos centros designados para emitir certificados.

Posibles exencións:

– Parte común:

• Superación da proba de acceso a outros ciclos formativos de grao superior de réxime xeral non incluídos na opción pola que se presenta, conforme o anexo I desta resolución.

• Superación da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.

– Parte específica:

• Superación dun ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola cal se presenta, consonte o anexo I desta resolución.

• Superación dun certificado de profesionalidade de nivel dous ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola cal se presenta, conforme o anexo I desta resolución.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Anexo I
Organización en opcións da parte específica da proba a ciclos formativos
de grao superior en función da familia profesional a que se desexe acceder

Opcións segundo familias profesionais derivadas da LOXSE

Opcións segundo familias profesionais derivadas da LOE

Materias de referencia
do bacharelato

Opción A

Administración.

Comercio e Márketing.

Hostalaría e Turismo.

Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Comunicación, Imaxe e Son (só o ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos).

Administración e Xestión.

Comercio e Márketing.

Hostalaría e Turismo.

Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Imaxe e Son (só o ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos).

Materias da opción A:

Economía da Empresa.

Lingua Estranxeira (Francés ou Inglés).

Filosofía e Cidadanía.

Opción B

Actividades Marítimo-Pesqueiras (agás o ciclo de Produción Acuícola).

Artes Gráficas.

Edificación e Obra Civil.

Electricidade e Electrónica.

Comunicación, Imaxe e Son (agás o ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos).

Fabricación Mecánica.

Madeira e Moble.

Informática.

Mantemento e Servizos á Produción. Mantemento de Vehículos Autopropulsados.

Téxtil, Confección e Pel (agás os ciclos de Curtidos e Procesos de Ennobrecemento Téxtil).

Vidro e Cerámica.

Artes Gráficas.

Edificación e Obra Civil.

Electricidade e Electrónica.

Imaxe e Son (agás o ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos).

Enerxía e Auga.

Fabricación Mecánica.

Informática e Comunicacións.

Instalación e Mantemento.

Madeira, Moble e Cortiza.

Marítimo-Pesqueira (agás o ciclo de Produción Acuícola).

Transporte e Mantemento de Vehículos.

Téxtil, Confección e Pel (agás os ciclos de Curtidos e Procesos de Ennobrecemento Téxtil).

Industrias Extractivas.

Vidro e Cerámica.

Materias da opción B:

Debuxo Técnico.

Tecnoloxía Industrial.

Física.

Opción C

Actividades Agrarias.

Actividades Físicas e Deportivas.

Imaxe Persoal.

Industrias Alimentarias.

Actividades Marítimo-Pesqueiras (só o ciclo de Produción Acuícola).

Química.

Téxtil, Confección e Pel (só os ciclos de Curtidos e Procesos de Ennobrecemento Téxtil).

Sanidade.

Agraria.

Actividades Físicas e Deportivas.

Imaxe Persoal.

Industrias Alimentarias.

Marítimo-Pesqueira (só o ciclo de Produción Acuícola).

Química.

Seguridade e Medio Ambiente.

Téxtil, Confección e Pel (só os ciclos de Curtidos e de Procesos de Ennobrecemento Téxtil).

Sanidade.

Materias da opción C:

Ciencias da Terra e Ambientais.

Química.

Bioloxía.

Anexo II

Solicitude de corrección do documento de identificación.

Probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional inicial

Don/Dona _______________________________________________________________, que presentou a solicitude para probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional inicial no IES/CIFP__________________________________________________________ e figura na aplicación informática co seguinte número de DNI/NIE/pasaporte ___________________________, solicita a súa corrección e substitución polo número de identificación __________________________, para o cal achega fotocopia deste.

..................................................., ........... de ................................ de 20.....

Asinado: .......................................................

Visto e prace: o/a director/a do centro

Asinado: .......................................................

Subdirector/a xeral de Formación Profesional