Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4109

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo acadado entre a representación empresarial e o comité intercentros do Convenio colectivo da empresa Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A., relativo á nova redacción do artigo 16 do dito convenio.

Visto o acordo polo que se aproba a nova redacción do artigo 16 do Convenio colectivo da empresa Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A., que se subscribiu entre a representación empresarial e o comité intercentros, na xuntanza do 30 de novembro de 2011, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2012.

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO
Acta da reunión mantida entre a representación da empresa e o comité intercentros

Na Coruña, ás 9.30 horas do día 30 de novembro de 2011, reúnense nas oficinas centrais da empresa Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A., as persoas que a seguir se relacionan:

Dunha parte, en representación dos traballadores:

Ángel Alonso Alonso Lesta.

Amador Durán Núñez.

Antón González Delgado.

Juan Carlos Iglesias Couce.

Dolores López Suárez.

Jesús M. Marcos Hidalgo.

Vicente Matos Barros.

Rogelio Míguez Blanco.

Ramón Rial Mallou.

Xosé Lois Rodríguez Figueiroa.

E da outra, en representación da empresa:

Constantio Castro Campos.

F. Javier Fernández Andrade.

María Pillado Mosquera.

Fulgencio Represa Lloves.

Asisten á reunión Salustiano Guerra García, en calidade de asesor dos traballadores en representación da CIG, Manuel Rodríguez Casar, en calidade de asesor dos traballadores por CC.OO., e Francisco Viqueira Noya, como delegado da sección sindical de UGT.

A reunión está convocada pola representación da empresa coa finalidade de confirmar para a súa publicación no BOP ou/e DOG o contido do acordo adoptado na reunión do día 30 de xuño de 2011 da comisión mixta de interpretación do Convenio colectivo da empresa Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A., que está publicado nos taboleiros da empresa desde o 1 de xullo de 2011, coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no segundo parágrafo do artigo 16 do vixente convenio colectivo, e adaptar a redacción do referido precepto ás novidades introducidas polo proxecto de Lei de reforma das pensións e a disposición adicional décima do Estatuto dos traballadores.

Para tal efecto, as representacións de ambas as partes acordan a seguinte redacción para o artigo 16 do convenio colectivo.

Artigo 16. Xubilación.

Acórdase a xubilación obrigatoria dos traballadores á idade de 65 años, sen prexuízo das disposicións legais vixentes en cada momento, coas seguintes condicións:

O límite da xubilación obrigatoria aos 65 anos adaptarase automaticamente aos requisitos de idade mínima establecidos en cada momento pola normativa legal vixente para acceder á xubilación.

Exceptúanse aqueles casos en que non se reúnan as cotizacións suficientes para poder xubilarse co 100% da base reguladora da prestación, suposto en que a xubilación sería voluntaria ao facer aquela idade e obrigatoria ao reunir as ditas cotizacións.

Como medida para garantir a estabilidade e o sostemento do emprego a empresa deberá contratar, no prazo máximo de dous meses, un novo empregado para cubrir a vacante deixada polo traballador xubilado, xa sexa no mesmo posto ou naquel que corresponda se con motivo da xubilación se levase a cabo unha reasignación de postos entre o persoal.

Se se tratase de postos directivos, de responsabilidade ou de especial cualificación, entenderase cumprido o requisito establecido no parágrafo anterior cando a contratación do traballador que deba substituír o xubilado se realice dentro dos vinte e catro meses anteriores á data de efectos da xubilación obrigatoria nos postos de traballo ou categorías laborais de titulado de grao superior, titulado de grao medio e xefe de área, doce meses nos postos de traballo ou categorías laborais de xefe de sección e xefe de negociado e seis meses nos postos de traballo ou categorías laborais de xefe de quenda e coordinador de comunicacións, coa finalidade de permitir o revezamento gradual, ordenado e eficiente no posto.

Para aplicar a xubilación obrigatoria, será requisito necesario que os traballadores soliciten o certificado de vida laboral da Seguridade Social e o faciliten á empresa con carácter previo á súa xubilación.

No suposto de que se produzan modificacións legais que alteren o contido deste acordo, a cuestión deberá someterse á comisión mixta de interpretación deste convenio con obxecto de adecualo ao novo marco legal, quedando a aplicación da xubilación obrigatoria en suspenso ata que non se alcance un acordo no seo da dita comisión.

Así mesmo, facilitaranse os acordos entre a empresa e os traballadores que soliciten a xubilación parcial con idade comprendida entre 60 e 65 anos de idade, que serán substituídos mediante un contrato de revezamento para cubrir a xornada que deixan de traballar.