Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2012 Páx. 4315

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

O 14.1.2012 entrou en vigor o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia. Esta entidade instrumental será a responsable de materializar a política en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia e substitúe nestas funcións o organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos que se extinguen coa súa constitución e posta en funcionamento, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A nova organización e a súa complexidade, polo seu amplo ámbito competencial, require efectuar unha delegación de competencias pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

Todo o anterior aconsella, neste momento, acudir á delegación de competencias na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que recolle o artigo 103.1 da Constitución.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

1. En materia de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a resolución dos procedementos polo funcionamento dos servizos públicos cuxa xestión corresponda a Augas de Galicia.

2. En materia de persoal que preste servizos en Augas de Galicia, as facultades que lle corresponden á persoa titular da consellería en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións vixentes, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

3. En materia de expropiación forzosa, as competencias que a Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e demais normativa sobre a materia lle atribúan á persoa titular da consellería, no ámbito das competencias de Augas de Galicia.

4. En materia de xestión patrimonial, o exercicio das facultades que a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa en materia de patrimonio lle atribúan á persoa titular da consellería, en relación cos bens adscritos ou susceptibles de ser adscritos á entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Segundo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avogar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan nesta orde e para, de ser o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

4. As competencias que se delegan por esta orde, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección de Augas de Galicia e mentres persistan aquelas circunstancias, serán exercidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Cuarto. Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Entrada en vigor.

Esta orde producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas