Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2012 Páx. 4981

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2012 pola que se convoca a Xornada sobre normativa urbanística para cargos electos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2012 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, a Xornada sobre normativa urbanística para cargos electos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar información aos cargos electos e directivos das entidades locais en materia de ordenación do territorio e urbanismo, con especial incidencia na normativa recentemente promulgada.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Distribución de competencias urbanísticas entre as administracións públicas implicadas. O planeamento municipal e a colaboración coas entidades locais.

– As novidades lexislativas en materia urbanística e de ordenación do territorio: especial referencia ás instrucións da Lei de ordenación urbanística de Galicia (LOUG).

–Réxime urbanístico da propiedade do solo: principios xerais. Os conceptos de clasificación, cualificación urbanística e as situacións básicas do solo.

– As obras sen licenza ou sen autorización autonómica. A suspensión de obras en execución. A acción de reposición da legalidade urbanística. O procedemento administrativo. Outras actividades sen licenza ou sen autorización autonómica.

– As infraccións e sancións urbanísticas. Persoas responsables. Sancións. Prescrición. Procedemento administrativo sancionador.

– Medios de reacción penal contra as irregularidades urbanísticas. As condenas penais, tipos e repercusións.

3. Destinatarios.

Alcaldes, concelleiros e persoal directivo das entidades locais.

4. Desenvolvemento.

Esta xornada desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o día 15 de febreiro de 2012.

Duración: 6 horas lectivas, en horario de mañá e tarde.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números 981 54 62 41 - 881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 10 de febreiro de 2012.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final da xornada, a aquelas persoas inscritas que participen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización desta xornada.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2012.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

FOLLA DE INSCRICIÓN

1. SOLICITANTE

Apelidos Nome DNI

2. DATOS PROFESIONAIS

Posto de traballo/Profesión Corpo, subgrupo ou escala (1) Nivel (2)

Entidade na que presta servizos (3)

Enderezo do posto de traballo: Rúa n.º Localidade Provincia CP Tfno.

Correo electrónico:

3. ACTIVIDADE SOLICITADA

Solicita asistir á Xornada sobre normativa urbanística para cargos electos que se desenvolverá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o día 15 de febreiro de 2012.

Sinatura,

.................................................., ......... de....................................... de 2012.

Os datos de carácter persoal contidos no impreso poderán ser incluídos nun ficheiro para o seu tratamento por este órgano administrativo, como titular responsable deste, no uso das funcións propias que teñen atribuídas e no ámbito das súas competencias. Así mesmo, infórmase da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo isto de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro)

(1, 2 e 3): cubrir só en caso de ser funcionario ou funcionaria

DIRECTOR da EGAP. Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)