Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5257

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 24 de xaneiro de 2012 sobre aprobación definitiva do expediente de modificación das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ares.

O Concello de Ares solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizado o documento, e visto o informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ares conta, na actualidade vixentes, cunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo en sesión do 4.12.1978.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter as seis propostas de modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, nas súas respectivas resolucións do 5.10.2009 (catro), 7.10.2009 e 16.10.2009.

3. O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño emitiu o 2.2.2010 e 27.2010 informes favorables sobre a adecuación aos proxectos de recuperación do bordo litoral da praia de Chanteiro e da fachada marítima de Redes.

4. Constan informes conxuntos do secretario e do técnico municipal do 21.5.2010, previamente á aprobación inicial; e do 21.1.2011, previamente á aprobación provisional.

5. A modificación non foi sometida a informe desta consellería previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) ao abeiro das disposicións do artigo 93.4 da LOUG referidas a modificacións que non impliquen a reclasificación do solo, nin incrementen a intensidade de uso, nin alteren os sistemas xerais previstos.

6. O Pleno do concello aprobou inicialmente este conxunto de seis modificacións na sesión do 26.5.2010. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol, La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia, do 9.9.2010) e foi obxecto de dúas alegacións, segundo o certificado do secretario do 19.7.2011.

7. Augas de Galicia emitiu o 1.8.2010 informes favorables sobre as modificacións referidas á delimitación do plan especial de infraestruturas e dotacións en Pedrós, e para axuste de aliñacións na avenida de Mazote.

8. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 8.10.2010 informes favorables en materia de costas, sobre as modificacións relativas á adecuación aos proxectos para a recuperación do bordo litoral da praia de Chanteiro, e na fachada marítima de Redes.

9. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informes o 18.2.2011 (desfavorable) e posteriormente o 10.6.2011 (favorable) sobre a modificación relativa ao proxecto na fachada marítima de Redes.

10. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 29.9.2011.

11. O Concello remitiu (rexistro de saída do 25.10.2011) un exemplar do expediente administrativo, do proxecto de aprobación inicial e tres exemplares do proxecto con dilixencias de aprobación provisional; en solicitude da súa aprobación definitiva.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A primeira modificación refírese a aspectos normativos que regulan aliñacións e rasantes, alturas e outras condicións de edificación; e realízase unha delimitación do ámbito da parte antiga de Redes.

2. A segunda modificación refírese á adecuación das normas ao proxecto da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño para unha actuación integral na fachada marítima de Redes.

3. A terceira modificación ten por obxecto reordenar á vía prevista nos planos de ordenación das normas subsidiarias na zona oeste do núcleo de Redes. Alégase que o trazado previsto nestas normas non respecta os camiños existentes nin se acomoda á topografía e ao parcelario, sen que sirvan para resolver os problemas de tráfico do núcleo. Ademais, interfiren co mencionado proxecto de actuación integral da fachada marítima de Ares da Dirección Xeral de Costas. Elimínanse cinco vías aínda non executadas e substitúense por unha nova vía.

4. A cuarta modificación substitúe a rede viaria recollida nas normas na zona da avenida de Mazote e a súa contorna pola que existe fisicamente na actualidade, de xeito que elimina unhas vías, inclúe outras correspondentes ao plan xeral anulado, e axusta aliñacións de vías das normas.

5. A quinta modificación ten por obxecto prever un plan especial de infraestruturas e dotacións en Pedrós (solo clasificado como solo rústico de protección ordinaria) con delimitación do seu ámbito e outras determinacións, para parque deportivo municipal.

6. A sexta modificación refírese á adecuación das normas ao proxecto da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño para a recuperación do bordo litoral da praia de Chanteiro.

III. Análise e consideracións.

1. En relación coa exixencia do artigo 94.1 da LOUG, a normativa urbanística municipal en vigor (NSPM de 1978) resulta da anulación por sentenza firme do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1999, o que dá lugar a disfuncións que se pretenden corrixir coa primeira, terceira e cuarta das modificacións presentadas. As modificacións segunda e sexta responden ás necesidades de proxectos da Dirección Xeral de Costas para a mellora do litoral, e a modificación quinta prevé a creación dun parque deportivo municipal. Polo tanto, pode considerarse a concorrencia de razóns de interese público.

2. A modificación primeira establece un ámbito para a parte antiga de Redes, cunhas aliñacións e rasantes que non se grafan nos planos correspondentes. Tamén introduce diversos cambios nas súas ordenanzas, nas proximidades da batería da Punta do Castelo, ben de interese cultural, segundo a disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, en relación co Decreto do 22 de abril de 1949 sobre protección de castelos españois. O seu ámbito encóntrase ademais dentro da delimitación da comarca Eumesa como conxunto histórico e lugar pintoresco, que é BIC segundo a disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, en relación co Decreto 2234/1971. Porén, esta modificación non foi sometida a informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como preceptúa o artigo 32 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

3. Na modificación terceira, a nova vía proxectada ao oeste do núcleo de Redes, atravesa un ámbito cualificado como espazo libre nas NSPM vixentes, polo que a aprobación desta modificación precisará de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo (artigo 93.4 da LOUG). En todo caso, previamente cómpre clarexar a súa afectación ao espazo que se proxecta cualificar como dotacional (aparcadoiro público) na modificación segunda. Por outra banda, un tramo desta vía sitúase sobre solo clasificado como rústico de protección de costas (segundo a disposición transitoria primeira da LOUG) sen que se realicen as necesarias previsións sobre a obtención dese tramo de vía.

4. Na modificación cuarta, ao reordenar a vía pública, óbviase a existencia dunha vía paralela ao camiño a Pedrós.

5. Na modificación sexta, a vía traseira de acceso a propiedades privadas, que non admite o informe en materia de costas desta secretaría xeral, continúa a ser reflectido na memoria da modificación e no plano do devandito proxecto que se inclúe entre os planos da modificación (aparentemente como plano de información).

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1.º De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da LOUG, aprobar definitivamente a modificación puntual das NSM do Concello de Ares no relativo aos puntos:

– Modificación segunda, para a actuación integral na fachada marítima de Redes.

– Modificación cuarta, de reaxuste viario na zona da avenida de Mazote, debendo recollerse a vía existente paralela ao camiño a Pedrós.

– Modificación quinta, para a delimitación dun plan especial de infraestruturas e dotacións en Pedrós, suxeito ao establecido nos informes emitidos por Augas de Galicia no trámite de consultas da avaliación ambiental estratéxica.

– Modificación sexta, sen abranguer a vía traseira de acceso a propiedades privadas, que non foi admitida no informe sectorial en materia de costas.

2.º De acordo co punto 7.b) do artigo 85 da LOUG, non aprobar as modificacións primeira e terceira, debéndose reparar as deficiencias reflectidas no punto III anterior; e sometelas de novo a aprobación definitiva.

3.º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4.º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

5.º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas