Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7828

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de marzo de 2012 pola que se determinan os servizos mínimos esenciais durante a folga convocada na empresa Ambulancias do Atlántico, S.L.U. que se levará a efecto os días 6, 8 e 13 de marzo de 2012, desde as 12.00 ata as 16.00 horas.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG n.º 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada polo Comité de Empresa de Ambulancias do Atlántico, S.L.U. e afecta os traballadores da dita empresa, que realiza os servizos que ten concertados coa Consellería de Sanidade.

Despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións sanitarias no ámbito da folga, con base no anterior, a Consellería de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1.

A convocatoria de folga que afecta o persoal da empresa Ambulancias do Atlántico, S.L.U., e que se levará a efecto os días 6, 8 e 13 de marzo de 2012, desde as 12.00 ata as 16.00 horas, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

Para a determinación dos servizos mínimos tense en conta os servizos concertados na área de Vigo que poidan ser demandados, co fin de asegurar unha correcta atención sanitaria.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial a través da empresa afectada pola folga para evitar que se produzan graves prexuízos para a saúde; tendo en conta, fundamentalmente, a urxencia das patoloxías, a inaprazabilidade dos tratamentos e as necesidades de coidados específicos que presenten. Así mesmo tómase en consideración que as horas de folga coinciden coa previsión de maior actividade de transporte sanitario na xornada.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E, para garantir os servizos esenciais, requírese:

– Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través das ambulancias asistenciais do 061.

– No ámbito do transporte hospitalario, o 100% do transporte secundario urxente.

– O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos ambulatorios continuados de oncoloxía e diálise. Para o resto de pacientes, os vehículos necesarios para os casos en que necesiten padiola ou o seu estado xeral así o aconselle, a xuízo do facultativo prescritor. O número de vehículos non será inferior ao 50% dos que realizan a cobertura habitual.

Artigo 2.

A determinación dos efectivos necesarios será realizada pola empresa aplicando os criterios do artigo 1, coa designación nominal e individual, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos. A xustificación deberá constar no expediente do centro e deberán publicarse os efectivos en servizos mínimos nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE n.º 58, do 9 de marzo).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e aos usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira.

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Servizos mínimos

De 12.00 a 16.00 horas

Vehículos

Efectivos

061 Ambulancias asistenciais (SVB)

8

16

061 Ambulancias medicalizadas (SVA)

1

2

Transporte CHUVI

Transporte programado

13*

15

*Incluída 1 UVI móbil