Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7873

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se valida a utilización de determinados cartóns de bingo.

A Orde do 22 de febreiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se fixan as porcentaxes e contías dos premios do xogo do bingo, apróbase baixo o amparo da habilitación contida na disposición derradeira segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, e o Decreto 116/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na devandita orde modifícase a porcentaxe do 61%, que pasa a ser o 66,875% das cantidades xogadas, aplicable unicamente para o xogo do bingo explotado por aquelas empresas que, acolléndose ao que sinala a disposición transitoria segunda da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para o 2012, non reduzan o cadro de persoal medio da sala de bingo durante o exercicio do 2012.

Esta revisión das porcentaxes entrará en vigor o día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia da antedita Orde do 22 de febreiro de 2012. Será necesario, polo tanto, para os cartóns actualmente existentes e que utilicen a partir desa data as empresas que se acollan á disposición transitoria segunda, darlles validez para a súa legal utilización.

En consecuencia,

resolvo:

Primeiro. Os cartóns de bingo actualmente existentes poderán seguir sendo utilizados polas empresas que se acollan ao disposto na disposición transitoria segunda da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a partir da entrada en vigor da Orde do 22 de febreiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se fixan as porcentaxes e as contías dos premios do xogo do bingo, nas salas de bingo de Galicia, e durante a vixencia da disposición transitoria segunda citada. Deberá entenderse que a porcentaxe do 6% correspondente ao premio da prima, que figura no reverso dos cartóns, será do 11,875%, neste caso.

Segundo. Esta resolución deberá estar exposta, de forma clara e visible para as persoas xogadoras, nas instalacións das salas de bingo.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2012.

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos