Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2012 Páx. 8112

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 16 de febreiro de 2012 pola que se convocan as probas específicas para a obtención dos diplomas das especialidades da escala técnica de finanzas polo persoal funcionario pertencente a ela.

O artigo 17 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, ao abeiro do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, creou a escala técnica de finanzas, que se estrutura nas especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria, de xestión tributaria e de contabilidade e intervención.

Pola súa parte, o artigo 16 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo unificou as especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria e de xestión tributaria nunha única especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria, asumindo as funcións que anteriormente tiñan asignadas aquelas.

O Decreto 369/1992, do 17 de decembro, establece no seu artigo 5 a posibilidade de que os funcionarios que pertenzan a algunha das especialidades da escala técnica de finanzas poderán obter os diplomas que os habiliten para ocupar postos de traballo reservados á outra especialidade da dita escala.

Por Orde da Consellería de Economía e Facenda do 22 de outubro de 2003 convocáronse probas específicas para a obtención dos diplomas das especialidades da escala técnica de finanzas. Polo tanto, considérase necesario proceder á nova convocatoria das mencionadas probas para permitir a cobertura ordinaria dos postos de traballo reservados á escala polo persoal funcionario que acredite a súa pertenza ás especialidades dela, mediante a posesión dos correspondentes diplomas.

En virtude do exposto, e facendo uso da autorización prevista no artigo 5 do Decreto 369/1992, do 17 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Convócanse as probas específicas para a obtención dos diplomas das especialidades da escala técnica de finanzas co obxecto de que o persoal funcionario que as supere poida acceder, se é o caso, aos postos de traballo correspondentes ás ditas especialidades.

As probas desenvolveranse en dúas modalidades, na forma en que se establece nos anexos I e II desta orde, e consistirán na superación dunha proba escrita ou ben na realización dun curso, relacionados coas materias recollidas no anexo III.

2. A obtención, como consecuencia da superación das probas establecidas nesta orde, da especialidade adicional da escala técnica de finanzas non suporá cambio de situación administrativa nin, se é o caso, do posto de traballo desempeñado.

Artigo 2. Solicitantes.

Poderá solicitar a súa participación nas probas o persoal funcionario que, con referencia ao último día do prazo de presentación de solicitudes, pertenza a algunha especialidade da escala técnica de finanzas da Xunta de Galicia e desexe obter o correspondente diploma que o habilite para ocupar postos de traballo reservados á outra especialidade da escala.

Artigo 3. Solicitudes.

O persoal funcionario que reúna os requisitos exixidos e desexe participar nas probas deberá presentar a súa solicitude conforme o modelo do anexo IV desta orde, facendo constar nela a modalidade de proba que desexa realizar. As solicitudes, dirixidas á persoa titular da Consellería de Facenda, presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Á instancia unirase a certificación a que fai referencia o anexo V.

O prazo de presentación de instancias será de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Relación de admitidos.

Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Consellería de Facenda aprobará as listaxes provisionais do persoal funcionario admitido e excluído a través dunha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, das causas da súa exclusión e do lugar en que estarán expostas.

O persoal funcionario excluído disporá dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola que se publique a listaxe definitiva do persoal funcionario admitido e excluído.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a persoa titular da Consellería de Facenda ditará unha nova resolución que aprobe as listaxes definitivas do persoal funcionario admitido e excluído, contra a cal se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da dita publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5. Convocatoria dos aspirantes.

O persoal funcionario admitido, no prazo de tres meses desde a publicación da lista de admitidos, será emprazado para a realización do exame ou ben para o inicio do curso, segundo a modalidade elixida por eles, nos cales se determinará o grao de coñecemento das materias correspondentes á especialidade que pretenden obter.

Artigo 6. Cualificacións.

As probas cualificaranse como apto ou non apto.

Finalizado o exame ou o curso, segundo proceda, a persoa titular da Consellería de Facenda ditará resolución definitiva coa relación do persoal funcionario que as superaron. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

A cualificación de apto orixinará a expedición do correspondente documento acreditativo da superación das probas e da pertenza á especialidade correspondente da escala técnica de finanzas.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2012.

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Modalidade A: realización dunha proba escrita

I. Realización da proba.

O persoal funcionario que opte por esta modalidade será convocado para a realización dunha proba escrita, nun tempo máximo de catro horas, que consistirá na resolución dun cuestionario teórico e un suposto práctico que versará sobre as materias que para cada especialidade da escala técnica de finanzas están relacionadas no anexo III desta orde.

II. Comisión de avaliación.

Para a avaliación das probas establécese una comisión para cada unha das especialidades, que será designada por resolución da persoa titular da Consellería de Facenda.

III. Cualificación.

Tras a cualificación das probas por parte da comisión de avaliación anteriormente citada, elevarase a relación do persoal funcionario que as superarou á persoa titular da Consellería de Facenda para que dite resolución para o efecto.

ANEXO II
Modalidade B: realización dun curso

I. Realización do curso.

O persoal funcionario que opte por esta modalidade será convocado para a realización dun curso en que se impartirán as materias que para cada especialidade da escala técnica de finanzas están relacionadas no anexo III desta orde.

II. Comisión de avaliación.

Para a avaliación das probas establécese una comisión para cada unha das especialidades, que será designada por resolución da persoa titular da Consellería de Facenda.

III. Duración e horarios.

O curso articúlase como mixto de 100 horas, combinando a formación presencial (50 horas lectivas) coa formación a distancia ou non presencial (50 horas). A persoa titular da Consellería de Facenda poderá modificar a duración, datas e horarios dos cursos, para adaptalos ás necesidades administrativas e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento do curso.

IV. Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada pola persoa designada para a dirección do curso. A inasistencia, aínda que sexa xustificada, en máis do 10% das horas lectivas da formación presencial determinará a cualificación de non apto do curso.

V. Avaliación do curso.

Ao longo do curso efectuarase unha avaliación do traballo realizado considerando, para tal efecto, o grao de dedicación e o aproveitamento obtido no contido dos diversos módulos mediante a realización, se é o caso, das oportunas probas.

Ao remate do curso realizarase, nun tempo máximo de catro horas, unha proba escrita, que consistirá na resolución dun cuestionario teórico e un suposto práctico sobre as materias obxecto do curso, a cualificación do cal será apto ou non apto.

Finalizado o curso, a persoa designada para a dirección do curso trasladará á comisión citada no punto II a proposta de cualificacións obtidas polo persoal funcionario participante nel. Efectuada a avaliación pola dita comisión, esta elevaralle á persoa titular da Consellería de Facenda a relación do persoal funcionario que o superou, para que dite resolución para o efecto.

ANEXO III
Materias correspondentes a cada unha das especialidades da
escala técnica de finanzas

1. Especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria.

– Política financeira.

– Tributos xestionados pola Comunidade Autónoma.

– Tributos xestionados polo Estado.

– Procedementos de xestión, inspección, recadación, sancionador e de revisión.

2. Especialidade técnica de contabilidade e intervención.

– Contabilidade pública.

– Función interventora.

– Auditoría e control financeiro.

– Xestión orzamentaria.

ANEXO IV
Solicitude de participación nas probas para a obtención dos diplomas
das especialidades da escala técnica de finanzas convocadas pola
Orde do 16 de febreiro de 2012

SOLICITANTE:

Apelidos e nome:

DNI:

Especialidade da escala técnica de finanzas:

Antigüidade na escala:

SOLICITA: ser admitido á realización das probas convocadas pola dita orde para a obtención dos diplomas da especialidade que a continuación se sinala:

□ Especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria

□ Especialidade técnica de contabilidade e intervención

MODALIDADE ELIXIDA:

□ Proba específica

□ Curso

..., ... de ... de ...

CONSELLEIRA DE FACENDA

ANEXO V

Nome do/a funcionario/a que certifica:

Cargo:

CERTIFICO: que segundo os antecedentes que constan neste centro directivo, e á vista da documentación achegada polo/a funcionario/a:

D./D.ª ..................................................................................................... ten acreditados os seguintes datos administrativos:

NRP

CORPO/ESCALA

GRUPO

SITUACIÓN ADMINISTRATIVA

DATA DO PASE Á SITUACIÓN ADMINISTRATIVA

POSTO DE TRABALLO

DATA DA TOMA DE POSESIÓN

FORMA DE PROVISIÓN

CÓDIGO DO POSTO

UNIDADE ORGÁNICA DE QUE DEPENDE

CONSELLERÍA

LOCALIDADE

PROVINCIA