Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2012 Páx. 8147

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2012 pola que se convocan dúas edicións do curso de perfeccionamento de xefes de sección para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

En execución do programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública, convócanse dúas edicións do curso de perfeccionamento de xefes de sección para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxas bases, características e contido están detallados a seguir.

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes.

Poderán participar na acción formativa convocada por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e pertencentes aos grupos A1, A2 e C1. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral, que disporán das súas propias e exclusivas convocatorias.

Cada solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluído/a da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Prazas, duración, datas e modalidade de impartición.

Edicións: dúas.

Prazas: para cada edición convócanse 45 prazas.

Duración: o curso terá unha duración de 120 horas cada edición.

Modalidade de impartición: o curso desenvolverase integramente na modalidade de teleformación.

Datas de desenvolvemento:

Primeira edición: do 9 de abril ao 15 de outubro.

Segunda edición: do 9 de abril ao 15 de outubro.

Terceira. Programa do curso e datas de realización.

O curso consta de sete módulos que se desenvolverán nas seguintes datas:

1.º módulo. Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos, do 9 de abril ao 30 de abril.

2.º módulo. Xénero e igualdade nas administracións públicas. Do 2 de maio ao 16 de maio.

3.º módulo. Función pública de Galicia. Do 22 de maio ao 4 de xuño.

4.º módulo. Subvencións. Do 5 de xuño ao 25 de xuño.

5.º módulo. Negociación e traballo en equipo. Do 26 de xuño ao 10 de xullo.

6.º módulo. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos. Do 3 de setembro ao 17 de setembro.

7.º módulo. Contratación administrativa. Do 19 de setembro ao 10 de outubro.

As dúas edicións do curso desenvolveranse simultaneamente.

Cuarta. Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>, e non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos, dado que o curso se impartirá integramente na modalidade de teleformación:

– Ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula, unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

f) O documento que acredite estar desempeñando un posto de xefatura de sección, así como calquera outra documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, remitirase, xunto co formulario da matrícula, á EGAP, por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo <xestion.egap@xunta.es>, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

g) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de encontrárense varias solicitudes dunha mesma persoa, só serán considerados os datos achegados a través da internet.

h) O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de marzo de 2012 ás 14.00 horas

i) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á EGAP a través dos números de teléfono 981 54 62 57 ou 981 54 63 35, fax: 981 54 63 39 ou do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta. Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia n.º 7, do 10 de xaneiro).

Terán preferencia as persoas que no momento da convocatoria estean a desempeñar un posto de xefatura de sección, circunstancia que deberán acreditar documentalmente.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60% estará vencellado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40% restante a antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2012, segundo a Resolución do 7 de febreiro de 2012 (DOG n.º 31, do 14 de febreiro), comezarase pola letra «Z».

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgunha das edicións, poderá completarse o número de alumnos asignados a elas mediante a apertura dun novo prazo na páxina web da EGAP.

Sexta. Publicación da relación do alumnado seleccionado.

a) A EGAP publicará na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es a relación do alumnado seleccionado para participar en cada unha das edicións, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, será informado da súa selección a través do correo electrónico e de mensaxaría telefónica quen facilite os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación, non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A EGAP solicitaralle, de ser o caso, ao centro directivo en que está adscrita a persoa seleccionada a documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude.

c) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así se acrediten documentalmente. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 3 días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente a causa que a produce, suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

d) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima. Realización de probas.

Para poder superar o curso é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– Asistencia a todas as sesións presenciais, se as houber.

– Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

– Lectura detallada dos contidos do curso. Cada módulo do curso terá contidos de lectura obrigatoria no contorno virtual e, adicionalmente, poderá ter outros materiais complementarios de visualización recomendada.

– O alumnado deberá superar as probas que para os efectos se establezan segundo o disposto na base oitava desta resolución e que terán lugar nas dependencias da EGAP en Santiago de Compostela.

Oitava. Desenvolvemento e características das probas.

No curso realizaranse tres probas presenciais, segundo o calendario que se indica a continuación e correspondentes aos seguintes módulos:

1.ª proba: realizarase o día 21 de maio, nas aulas 3, 4 e 202 da EGAP. A proba versará sobre os contidos dos módulos de iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos e xénero e igualdade nas administracións públicas.

2.ª proba: realizarase o día 12 de xullo, nas aulas 3, 4 e 202 da EGAP. A proba versará sobre os contidos dos módulos de función pública de Galicia e subvencións.

3.ª proba: realizarase o día 15 de outubro, nas aulas 3, 4 e 202 da EGAP. A proba versará sobre os contidos dos módulos de negociación e traballo en equipo, técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos e contratación administrativa.

As probas consistirán na realización dun cuestionario tipo test de 50 preguntas, con catro respostas alternativas. Para superar o exame é necesario responder correctamente o 60% das preguntas, isto é, 30 preguntas.

O exame terá unha duración de dúas horas.

Nos módulos de negociación e traballo en equipo, así como no de técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos, a proba poderá consistir na realización de cadanseu caso práctico.

O tempo necesario para o desenvolvemento das probas de avaliación non se computa a maiores do tempo de duración do curso.

Novena. Certificados.

Outorgaráselle o correspondente certificado de aproveitamento ao alumnado que supere cada unha das probas de todos os módulos que integran o contido da actividade formativa.

Os/as profesores/as emitirán informe que indique a avaliación do alumnado para os efectos de obtención do certificado de aproveitamento e declare apto ou non apto.

Décima. Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión do curso, e pode suprimir algún ou ampliar novas edicións da programación, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, corresponde á EGAP dispor canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

b) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

c) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos do curso e as datas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2012.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública