Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 8955

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de marzo de 2012 pola que se regulamenta a sinalización das limitacións no consumo, venda e subministración de bebidas alcohólicas en locais comerciais de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, establece a competencia da Comunidade Autónoma para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. No seu artigo 33.1 establece as competencias para facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde.

No marco da competencia que se lle atribúe, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 34 como intervencións públicas que poderán ser exercidas polas autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que directa ou indirectamente poidan ter consecuencias para a saúde, a de «establecer prohibicións e requisitos mínimos para o uso e tráfico de bens e produtos cando supoñan un prexuízo ou ameaza para a saúde».

A Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, enmárcase no contexto das políticas de saúde pública que as administracións públicas deben promover e completar con programas de prevención e control, segundo o mandado especificado no seu articulado.

Por todo o dito, en cumprimento do disposto no artigo 14 da citada Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, e 7/2002, do 27 de decembro, e de conformidade co disposto no Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o previsto no artigo 14 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Artigo 2. Sinalización das limitacións ao consumo, venda e subministración de bebidas alcohólicas aos menores de idade.

1. Todos os establecementos en que se vendan ou subministren, de calquera xeito, bebidas alcohólicas deberán estar sinalizados, de conformidade co disposto no artigo 14.1 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, no referente ás prohibicións especificadas no seu artigo 12.

2. Así mesmo, na superficie frontal das máquinas expendedoras figurará unha advertencia sobre a prohibición establecida no artigo 14.3 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

3. Os carteis sinalizadores terán carácter permanente, estarán fixados de xeito visible e deberán incluír obrigatoriamente información en galego e castelán, incluíndo a norma legal a que fai referencia (Lei 11/2010).

4. Os tamaños dos carteis para a súa colocación nos diferentes lugares serán os establecidos nesta orde e poden ser impresos en orientación vertical ou horizontal, de xeito que se poidan adaptar con maior facilidade aos diversos espazos que se sinalicen.

Artigo 3. Responsables da sinalización.

Serán responsables da correcta sinalización as persoas físicas ou xurídicas segundo o establecido no artigo 25.2 e 3 da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Artigo 4. Colocación da sinalización.

Os carteis deberán colocarse:

1. Na entrada dos establecementos: á entrada dos establecementos deberá figurar en lugar que sexa claramente visible desde o exterior do local un cartel alusivo á prohibición de que se trate, con independencia de que as portas de entrada se atopen abertas ou pechadas, e a unha altura de entre 1,5 e 2 metros do chan.

2. No interior: igualmente en lugar/es visible/s figurará, como mínimo, un cartel a unha altura de entre 2 e 2,5 metros do chan.

3. Nas máquinas expendedoras: na superficie frontal da máquina, nun lugar perfectamente visible.

Artigo 5. Características dos formatos das sinalizacións.

1. Lugares con prohibición do consumo, venda ou subministración de alcohol:

Sinalización na entrada e no interior do establecemento, tamaño: DIN-A4 ou superior, coa lenda «Prohibido o consumo, venda ou subministración de alcohol a menores de 18 anos», e tipografía de caixa baixa que permita a súa lexibilidade a unha distancia de 3 metros.

2. Venda e subministración de bebidas alcohólicas a través de máquinas expendedoras: sinalización tamaño DIN-A6 ou superior, coa inscrición «Prohibido facer uso desta máquina para adquirir bebidas alcohólicas aos menores de 18 anos», e tipografía de caixa baixa que permita a súa lexibilidade a unha distancia de 1,5 metros.

3. Ademais das limitacións establecidas no artigo 14, a sinalización poderá facer referencia ás prohibicións determinadas no artigo 15 da mesma lei.

Disposición adicional.

Na páxina web da Consellería de Sanidade estarán ao dispor dos usuarios modelos de sinalización adaptados ao previsto na presente orde.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade