O Concello de Cortegada remite o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
I. Antecedentes.
I.1. Planeamento municipal vixente.
O Concello de Cortegada carece na actualidade de planeamento xeral municipal, polo que son de aplicación as normas subsidiarias e complementarias de planeamento da provincia de Ourense aprobadas no ano 1991.
Encóntrase aprobados o Plan especial do parque termal, con data 27.4.2010; e o expediente de delimitación do solo do núcleo rural de Abelenda, con data 18.2.2009.
I.2. Avaliación ambiental estratéxica.
Con data 9.9.2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aprobar a memoria ambiental do PXOM de Cortegada.
I.3. Tramitación.
Con data do 24.9.2009 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG.
Os servizos municipais emitiron informes con datas 18.12.2009 e 3.11.2011 (xurídico) e con data 21.12.2009 (técnico).
O Concello de Cortegada aprobou inicialmente o plan no Pleno do 29.12.2009; e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais La Región do 31.12.2009 e La Voz de Galicia do 5.1.2010, así como no Diario Oficial de Galicia n.º 17, do 27.1.2010. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Arnoia, Gomesende, Pontedeva, Ribadavia e Crecente.
En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse e emitíronse os seguintes informes:
a) En materia de estradas, informe da Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI, favorable, do 28.6.2010, e informe da Deputación Provincial de Ourense do 8.2.2010.
b) En materia de patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo emite informe favorable o 1.9.2010.
c) En materia de augas, informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño do 3.3.2010 e 23.2.2011.
f) En materia de ambiente, informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre residuos urbanos, do 29.1.2010.
g) En materia de infraestruturas enerxéticas: informe da Secretaría de Estado de Enerxía do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, do 8.2.2010.
h) En materia de telecomunicacións, informe do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, do 3.2.2010.
i) En materia de montes, o Concello de Cortegada solicitou informe á Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural con data 17.10.2011, sen que se emitise, segundo certificación da secretaria municipal do 19.12.2011.
i) En materia de minas, o Concello de Cortegada solicitou informe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria con data 17.10.2011, sen que se emitise, segundo certificación da secretaria municipal do 19.12.2011.
O Pleno do Concello de Cortegada aprobou provisionalmente o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal o 16.11.2011.
Con data 3.2.2012, o Pleno do Concello aprobou de novo o documento modificado, co fin de corrixir erros que se detectaron na Estratexia de actuación e estudo económico-Informe de sustentabilidade económica.
O documento foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva en data 7.2.2012.
II. Análise e consideracións.
Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva debe analizarse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.
Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cortegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, non se encontran obxeccións á documentación presentada nin ao seu contido.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.
III. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVE:
Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cortegada, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.
Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2012.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas