Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 22 de marzo de 2012 Páx. 10010

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 15 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2012.

A gandaría baseada nas nosas razas autóctonas foi tradicionalmente fonte dunha incalculable riqueza desde diversos puntos de vista, tanto económicos coma sociais e ambientais. Actualmente, debemos destacar tamén a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que supoñen e polo seu papel fundamental na conservación de ecosistemas e pastos.

Trátase tamén dunha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos produtos.

Por este motivo establécense axudas dirixidas ás asociacións de criadores das razas gandeiras autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma, e que desenvolven actuacións destinadas ao fomento destas razas.

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01), no Regulamento 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE L 358/3, do 16.12.2006), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado e das axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e o establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde.

1. A presente orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2012.

Artigo 2. Obxecto da axuda.

A presente axuda, tramitada en réxime de concorrencia competitiva, ten como finalidade:

1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

4. A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Estar oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma galega para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas.

c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, para poder acceder a estas axudas, debendo ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.

d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, de ser o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (CE) n.º 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado.

e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.

Artigo 4. Actuacións obxecto de subvención.

1. As axudas só poderán ser concedidas ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación da solicitude, que deberá axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.

2. As actividades subvencionables, que realizarán as entidades beneficiarias desde a presentación da solicitude, serán:

a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. Os conceptos subvencionables serán os gastos derivados da dita actividade, incluídos os do local ou oficinas, ordenadores e material informático e o seu mantemento ou actualización, adquisición de material de oficina non inventariable e contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

b) As que deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no cal se recollerán as actividades destinadas á súa conservación in situ, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. As axudas irán dirixidas a sufragar os gastos relativos á implantación e desenvolvemento dos programas de mellora oficialmente aprobados e os controis de rendementos para a realización das avaliacións xenéticas dos animais e os programas de difusión da mellora.

Artigo 5. Contía e compatibilidade das axudas.

1. As subvencións serán compatibles con outras que poidan conceder as administracións públicas, entes públicos adscritos ou dependentes destas, tanto nacionais como internacionais, e outras persoas físicas ou xurídicas de natureza privada.

2. Non obstante, a contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

3. Así mesmo, a contía da subvención non poderá superar nin o custo total da actividade obxecto da subvención, nin os límites establecidos no Regulamento (CE) n.º 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) n.º 70/2001, nin as seguintes contías e porcentaxes máximas estimadas para as subvencións, sen prexuízo de límites más estritos previstos para cada ano na respectiva convocatoria:

a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. A porcentaxe máxima da axuda é do 100%, de acordo co artigo 16.1.a) do Regulamento (CE) n.º 1857/2006, da Comisión, do 26 de decembro.

b) Probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. A porcentaxe máxima da axuda é do 70% do gasto, de acordo co artigo 16.1.b) do Regulamento (CE) n.º 1857/2006, da Comisión, do 26 de decembro.

Artigo 6. Solicitudes e prazos de presentación.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán ser presentadas telematicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo: http://sede.xunta.es

No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

2. Á solicitude de axuda, segundo o modelo do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do código de identificación fiscal.

b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

c) Copia compulsada dos estatutos que permita verificar que carece de ánimo de lucro e que se garante a participación democrática dos seus membros.

d) Acreditación da representatividade do solicitante.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante o modelo de declaración que figura no anexo II.

f) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende desenvolver (en soporte informático e impresa en papel), obxectivos e prazo de execución.

g) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar.

h) Acreditación de que dispoñen dos medios técnicos e de persoal adecuados para a realización das actividades subvencionadas e descrición deles.

i) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.

j) Acreditación ou certificación da acta de reunión da xunta directiva, pola que se acorda a exixencia, a todos os socios ou integrantes, do cumprimento das normas mínimas en materia sanitaria, identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

3. De acordo co artigo 4, número 2, da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos das alíneas a), b), c) e d) que xa fosen presentados. Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se presentaron.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

6. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 7. Autorización.

A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 8. Criterios de adxudicación.

1. Na concesión de axudas previstas nesta orde, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Solicitudes das asociacións de segundo grao que agrupen a asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción: 3 puntos.

b) Solicitudes de asociacións que xestionan razas autóctonas en perigo de extinción: 2 puntos.

c) Capacidade da organización ou asociación de criadores para desenvolver as actuacións que se financien, especialmente as actividades relacionadas co programa de mellora, coa maior eficacia, eficiencia e economía de medios persoais e materiais, tendo en conta os censos e explotacións: 1 punto.

d) A entidade solicitante para cada unha das razas que agrupe o maior número de explotacións sobre as cales se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención: 2 puntos.

e) A entidade solicitante para cada unha das razas que agrupe o maior censo en UGM sobre as cales se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención: 2 puntos.

2. Non obstante, se as dispoñibilidades orzamentarias son insuficientes para atender o importe total das solicitudes, poderase efectuar un rateo do importe que se vai conceder entre elas.

Artigo 9. Tramitación e resolución.

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do expediente correspóndelle ao secretario xeral do Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta do director xeral de Produción Agropecuaria.

2. A baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 8, será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría. Á vista deste informe o director xeral de Produción Agropecuaria elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A falta de notificación no dito prazo poderase entender desestimatoria da petición de axuda.

Artigo 10. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, segundo o modelo do anexo II desta orde.

2. En calquera caso, coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 11. Control da execución dos programas.

O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12. Pagamento das axudas.

1. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde e das xustificacións de gasto e pagamento correspondentes.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.k) e 34.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, poderán concederse anticipos de pagamento das axudas de ata o 75% da cantidade concedida, sen xustificación previa, tras a sinatura da resolución da concesión, e logo de previa petición por parte do interesado. Neste caso, o beneficiario deberá presentar o seguinte réxime de garantías:

a) A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

b) A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

A cantidade restante aboarase unha vez finalizada a actividade subvencionada, logo de xustificación da realización da actividade para a cal foi concedida, e a realización dos controis administrativos ou sobre o terreo que sexan precisos.

Artigo 13. Modificación das axudas.

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15. Infraccións e sancións.

No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 16. Xustificacións.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse tal como recolle o artigo 10 do Decreto 191/2011, nos rexistros dos órganos, servizos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais; nos rexistros das entidades da Administración local, universidades públicas e institucións estatutarias da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das entidades públicas con independencia funcional ou cunha autonomía especial recoñecida por lei, sempre que opten pola súa inclusión no Sistema Único de Rexistro mediante o asinamento dun convenio de colaboración coa consellería competente en materia de administracións públicas; nas oficinas de Correos, segundo a normativa específica; no portelo único establecido no artigo 18 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, para aqueles que estean incluídos no seu ámbito de aplicación; en calquera outro rexistro que establezan as disposicións vixentes.

As solicitudes, escritos e comunicacións, que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos das administracións públicas en xeral, poderán presentarse nos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables, poderanse presentar ata o 15 de decembro, dirixidas á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, e terán que acreditar o ingreso na AEAT dos importes retidos aos traballadores/as.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falla de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais acompañadas dos documentos que verifiquen o seu pagamento efectivo. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida os beneficiarios deberán presentar os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas que probe a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. As acreditacións de gasto e de pagamento realizaranse consonte o artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

5. De acordo co punto 4 do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa axuda, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

6. De acordo co artigo 29, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Conforme o disposto no artigo 18 do Regulamento 1857/2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado e das axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, no cal se establecen as condicións previas á concesión de axudas, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da solicitude da axuda presentada.

7. Deberá achegarse na xustificación unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante o modelo de declaración que figura no anexo II.

8. De acordo co artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá subcontratar con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. A actividade subvencionada que o beneficiario subcontrate con terceiros realizarase cumprindo as obrigas referidas no dito artigo.

Artigo 17. Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado, e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria para o ano 2012:

Aplicación 2012.16.22.713C.781.1, dotada para esta finalidade cun importe máximo de trescentos vinte e cinco mil euros (325.000 euros).

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Disposición adicional primeira.

Estas axudas enmárcanse dentro do Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas.

Disposición adicional segunda.

O outorgamento das axudas reguladas nesta orde queda condicionado á publicación do número de rexistro da solicitude de exención na páxina web da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, non sendo aplicables antes da dita data.

Disposición adicional terceira.

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO III
Contido anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión,
do 25 de febreiro de 2004

Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas adoptada
pola Comisión

Artigo 1. Empresa.

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 2. Os efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas.

1. A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das pemes, defínese unha pequena empresa como unha empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das pemes, defínese unha microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3. Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros.

1. É unha «empresa autónoma» a que non pode cualificarse nin como empresa asociada para efectos do número 2, nin como empresa vinculada para efectos do número 3.

2. Son «empresas asociadas» todas as empresas ás cales non se pode cualificar como empresas vinculadas para efectos do número 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas para os efectos da definición do número 3, o 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, non obstante, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se acade ou se supere o límite máximo do 25%, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no número 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais, business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, desde que o investimento dos devanditos business angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son empresas vinculadas as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

Hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no segundo parágrafo do número 2 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de asociados.

As empresas que manteñan calquera das relacións determinadas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no número 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

4. A excepción dos casos citados no segundo parágrafo do número 2, unha empresa non pode ser considerada como peme, se o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas.

5. As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o posúe conxuntamente con empresas vinculadas entre elas ou a través de persoas físicas ou dun grupo de persoas físicas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou comunitarias.

Artigo 4. Datos que hai que ter en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia.

1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable pechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Tense en conta a partir da data en que se pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de mediana ou pequena empresa, ou de microempresa, se esta superación se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5. Os efectivos.

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta da devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízanse as categorías seguintes:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariadas conforme o dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6. Determinación dos datos da empresa.

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre bases das contas consolidadas da empresa ou das contas consolidadas en que a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos mencionados no primeiro parágrafo débenselles agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (á máis elevada destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos mencionados no primeiro e segundo parágrafo engadiráselles o 100% dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non sexan incluídas nas contas por consolidación.

3. Para aplicar o número 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas, consolidadas se existen, e dos demais datos, aos cales se deberá engadir o 100% dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, a non ser que os seus datos xa se incluísen por consolidación.

Para aplicar o devandito número 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben proceder das súas contas, consolidadas se existen, e dos demais datos. A estes deberáselles agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, a non ser que se incluísen xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no segundo guión do número 2.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularase incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas con que a empresa estea asociada, e engadindo os relativos ás empresas coas que estea vinculada.

missing image file
missing image file