Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 28 de marzo de 2012 Páx. 11013

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 8 de marzo de 2012 pola que se notifica a resolución do expediente de reposición da legalidade urbanística IU3/16/2011, devolta polo órgano notificador por resultar o seu destinario ausente na repartición.

A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ditou, o 14 de febreiro de 2012, resolución pola que se declaran ilegalizables as obras realizadas en solo rústico, sen autorización urbanística autonómica, consistentes en escavación e explanación de parcela e construción de muros de contención de pedra para instalar unha edificación para exposición de edificacións de madeira, no lugar de Fondo de Cea, no concello de San Cristovo de Cea.

Ao non poderse realizar a notificación persoal daquela resolución á Sociedade Promotora de Inversiones Igonal XXI, S.L., como propietaria dos terreos onde se sitúan as obras, mediante esta cédula, e ao amparo do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícase ao interesado a devandita resolución.

Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, comunícase ao interesado que o texto íntegro da resolución que se notifica se atopa ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no edificio Witland, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de 10 días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula. Transcorrido o devandito prazo a notificación entenderase producida.

Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, o interesado pode interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se teña producido a notificación, ante a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exerce o seu dereito de presentar recurso potestativo de reposición, pode interpoñer directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para que conste, e lle sirva de notificación ao citado interesado en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da LRXPAC, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2012.

María Martínez Allegue
Directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística