Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Venres, 30 de marzo de 2012 Páx. 11435

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2012 pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novos centros educativos á Rede de Centros Plurilingües de Galicia para o curso 2012-2013.

A Orde do 12 de maio de 2011 (DOG do 20 de maio) regula os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

Na sección quinta da citada orde descríbese o procedemento de incorporación á rede: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación e selección dos novos centros.

Ademais, na disposición derradeira primeira autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos á Rede de Centros Plurilingües de Galicia, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2012-2013 de incorporación dos centros educativos de educación primaria e de educación secundaria sostidos con fondos públicos á Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

Artigo 2. Solicitude e documentación.

Os centros que decidan formar parte da Rede de Centros Plurilingües deberán dirixir a súa solicitude, segundo se recolle no anexo I da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia (DOG do 20 de maio), á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, achegando a seguinte documentación:

Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a cal se propoña, con indicación do curso ou cursos de aplicación no curso 2012-2013 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos.

Relación de áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

Información relativa á experiencia en plans e/ou programas relacionados coas linguas estranxeiras en que participou o centro.

Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, oído o claustro de profesores e profesoras.

Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

A inspección educativa emitirá informe sobre a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e demais documentación presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15780 Santiago de Compostela, así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de abril de 2012.

Artigo 4. Selección dos centros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dous asesores ou asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un dos cales realizará as funcións de secretaría.

A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

A comisión de selección elevaralle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5. Seguimento e avaliación.

Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

Correspóndelle á Inspección educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, prestándolle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

A persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado no programa, deberá elaborar unha memoria ao remate do curso escolar para a súa integración na memoria anual do centro. A inspección educativa achegará, antes do 5 de xullo de cada curso escolar, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a memoria do programa co seu informe.

Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa