Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Mércores, 4 de abril de 2012 Páx. 12160

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2012 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de febreiro de 2012.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de febreiro de 2012 do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo, sometido a información pública mediante anuncio do 27 de febreiro de 2009 (DOG n.º 61, do 30 de marzo).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas do plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo, para a súa entrada en vigor:

Normativa do plan sectorial:

6.1. Marco legal, ámbito e alcance do plan sectorial.

6.2. Vixencia e modificación do plan sectorial.

6.3. Vinculación das propostas.

6.4. Desenvolvemento do plan sectorial:

6.5. Directrices para a redacción dos proxectos sectoriais

6.6. Relación co planeamento municipal.

6.7. Cumprimento da lexislación sectorial.

6.1. Marco legal, ámbito e alcance do plan sectorial.

O Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA en Vigo redáctase no marco da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, así como do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que a desenvolve, fundamentándose nos principios de coordinación, cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación.

Para os efectos de garantir a eficiencia do plan sectorial e de acordo co indicado no artigo 8 do Decreto 80/2000, establécense as seguintes determinacións:

– As determinacións contidas no plan sectorial terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

– O Concello de Vigo, onde se asenta o plan sectorial deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do citado plan, no prazo que se determina e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico.

– A execución de cada unha das actuacións obxecto do plan sectorial requirirá a previa aprobación dos correspondentes proxectos sectoriais.

O presente documento ten o alcance de plan sectorial no referido ao establecemento dos ámbitos territoriais das diferentes dotacións, infraestruturas, solo destinado a vivendas e instalacións, indicación do organismo promotor, da descrición das características xerais e das ditadas para o seu desenvolvemento.

A clasificación urbanística é a correspondente ao solo urbano.

6.2. Vixencia e modificación do plan sectorial.

A vixencia do plan sectorial será indefinida e as súas modificacións realizaranse de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

6.3. Vinculación das propostas.

As propostas de ordenación do plan sectorial:

– Definen o ámbito de cada actuación, que poderá ser reaxustado polos proxectos sectoriais que o desenvolvan, en razón do cambio de escala desta determinación, atendendo á pormenorización dos programas de usos, ou por outras causas debidamente xustificadas, sempre que non supoña unha alteración superior ao 10% do ámbito delimitado no plan sectorial.

– Predefinen as características funcionais das conexións exteriores, establecendo, se é o caso proposta orientativa de trazados que xerarán unha reserva viaria ou infraestrutural. Os proxectos sectoriais de desenvolvemento poderán reaxustar os trazados e mesmo propoñer –por razóns xustificadas– un cambio do trazado das conexións exteriores fóra do dito ámbito. Coa aprobación do proxecto sectorial entenderase que a reserva prevista no plan sectorial pasa a ser a correspondente á traza definitiva nas condicións definidas polo proxecto sectorial.

– Definen para cada dotación os parámetros urbanísticos referidos á intensidade edificatoria e altura máxima das edificacións, que serán de aplicación para os proxectos sectoriais.

– Predefinen criterios xerais para a ordenación incluíndo criterios de integración ambiental e outros. Estes criterios entenderanse como orientativos para a redacción de proxectos sectoriais como corresponde á súa escala. Os proxectos sectoriais deberán xustificar na súa memoria a cumprimentación dos criterios xerais de ordenación, incluso os axustes ou rectificacións que se poidan derivar da escala de análise propia do seu pormenor ou motivados por razóns de carácter funcional ou material debidamente xustificados atendendo ás necesidades propias das dotacións, infraestruturas, vivendas ou instalacións que se van implantar.

6.4. Desenvolvemento do plan sectorial.

O plan será promovido e desenvolvido pola iniciativa pública. O seu promotor será a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. As actuacións que o requiran, por non terse accedido á titularidade dos inmobles por adquisición de carácter voluntaria a título oneroso ou gratuíto, desenvolveranse por expropiación forzosa. Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o impulso dos expedientes expropiatorios como Administración actuante e os demais procedementos de desenvolvemento do plan sectorial, en colaboración coa Consellería de Facenda.

Para os efectos da execución do plan sectorial prevese a posible intervención como órganos xestores de distintos operadores públicos.

De acordo co establecido no artigo 8.3. do Decreto 80/2000, o plan sectorial desenvolverase mediante proxectos sectoriais, e cada un deles deberá xustificar a compatibilidade e coordinación co resto de proxectos sectoriais.

A redacción e contido dos proxectos sectoriais observarán o disposto na lexislación sectorial, Decreto 80/2000, do 23 de marzo, que desenvolve a Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e á lexislación urbanística, Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que regula as determinacións do planeamento especial.

No que se refire á lexislación sectorial os proxectos sectoriais teñen establecidas as súas determinacións no artigo 9 do Decreto 80/2000 abarcando os seguintes puntos:

a) Localización exacta das infraestruturas, dotacións, solo destinado a uso residencial, instalacións e demais usos complementarios obxecto do proxecto, así como de todas as obras e usos do solo previstas para o seu xusto funcionamento e delimitación do ámbito territorial de incidencia do proxecto.

b) Xustificación do interese público ou utilidade social da infraestrutura, dotación, vivendas ou instalación prevista.

c) Xustificación, se é o caso, do cumprimento dos estándares urbanísticos de acordo co disposto no artigo 5 do Decreto 80/2000.

d) Descrición detallada das características técnicas das infraestruturas, solo destinado a vivendas, dotacións ou instalacións.

e) Medidas de corrección e minimización dos impactos producidos sobre o territorio físico e a paisaxe.

f) Medidas de articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

g) Prazo de inicio e remate das obras.

h) Identificación completa da entidade promotora do proxecto sectorial e responsable da súa execución.

En canto á súa documentación, esta regúlase no artigo 10 do Decreto 80/2000 establecendo o seguinte contido:

a) Memoria descritiva detallada das características técnicas da dotación obxecto do plan, así como do ámbito territorial afectado.

b) Memoria xustificativa do interese público ou utilidade social da infraestrutura, solo destinado a vivendas, dotación ou instalación, así como da idoneidade da localización elixida, da viabilidade económico-financeira da actuación e do acomodo do proxecto sectorial ao plan sectorial.

c) Estudo da incidencia territorial da infraestrutura, solo destinado a vivendas, dotación ou instalación prevista, especialmente sobre os núcleos de poboación, usos do solo, infraestruturas, equipamentos e servizos, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais e medios de corrección ou de minimización de impactos.

d) Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

e) Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente, determinando as posibles discrepancias e xustificando as medidas que impliquen a necesaria modificación do dito planeamento.

f) Regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ao ambiente das infraestruturas, dotacións e instalacións obxecto do proxecto sectorial.

g) Planos de situación a escala axeitada, que reflicta os usos, vías, servizos e edificacións existentes no seu contorno.

h) Planos de clasificación e cualificación dos terreos, obtidos do planeamento urbanístico vixente así como novos planos en que se reflicta a ordenación proposta.

i) Planos de situación e localización, a escala adecuada, das infraestruturas, solo destinado a usos residenciais, dotacións ou instalacións e demais usos complementarios obxecto do proxecto sectorial, así como determinacións gráficas do trazado e das características dos accesos viarios, das redes de condución e distribución e das edificacións e usos do solo necesarios para o axeitado funcionamento de aquela.

Este contido documental e de determinacións debe complementarse coas determinacións establecidas na lexislación urbanística, para acadar o pormenor documental e o nivel de determinacións de ordenación urbanística propio do planeamento especial.

Conterá, en consecuencia, as seguintes determinacións:

a) Cualificación dos terreos con asignación detallada dos usos pormenorizados previstos e intensidades de edificación para cada zona.

b) Trazado e características das redes de comunicacións propias do ámbito e dos seus enlaces exteriores previstos no plan sectorial, con sinalización de aliñacións, rasantes e zonas de protección de toda a rede viaria.

c) Características e trazado das redes de abastecemento de auga, de sumidoiros, enerxía eléctrica, iluminación pública e telecomunicacións, así como de gas e daqueloutros servizos que, se é o caso, prevexa o plan ou o proxecto.

d) Medidas para garantir as adecuadas conexións exteriores e, se é o caso, a ampliación, reforzo ou creación ex novo das redes de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicación, así como gas e outras, de ser o caso.

e) Determinacións necesarias para a integración da ordenación cos elementos valiosos da paisaxe, a vexetación e a edificación preexistente merecedores de catalogación.

Así mesmo incluirá entre a súa documentación os planos de ordenación urbanística e as ordenanzas reguladoras necesarias para a súa execución e para regular a intervención na edificación e uso de solo que corresponde ás administracións urbanísticas competentes. Tamén incluirá na memoria a xustificación da cumprimentación das determinacións do plan sectorial para a actuación de que se trate.

Os proxectos sectoriais que desenvolvan o presente plan sectorial observarán ao disposto na Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu regulamento de desenvolvemento, así como ás maiores limitacións que puidese introducir a Orde VIV/561/2010 pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

6.5. Directrices para a redacción dos proxectos sectoriais.

O Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA en Vigo comprende sete actuacións que se desenvolven mediante os correspondentes proxectos sectoriais.

Cada actuación, atendendo ás súas singulares características, ordenarase cos criterios particulares que se detallan neste punto. Isto non é óbice para que todas elas compartan unha serie de trazos xerais á hora de abordar a súa ordenación.

Estes criterios xerais de ordenación pódense resumir nas seguintes determinacións:

– A ordenación de cada ámbito dará resposta ao carácter de cada actuación establecido polo plan sectorial.

– En cada actuación deberán identificarse aqueles elementos que non deberán ser alterados polo seu valor patrimonial ou ambiental, incorporándoos ao proxecto como elementos de recualificación da actuación.

Así mesmo, realizarase unha valoración dos edificios inventariados existentes en función dos seus valores intrínsecos de carácter histórico, artístico ou arquitectónico, sinalando para cada un –de ser o caso– o seu grao de protección, obras permitidas e demais aspectos que se van ter en conta desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural.

– As actuacións integraranse na estrutura urbanística das instalacións preexistentes.

– A ordenación incidirá na creación dun proxecto ambiental de calidade apoiado na apertura da cidade ao mar e na revalorización dos elementos existentes no ámbito.

– O deseño das diferentes ordenanzas que regulen as condicións de edificación, uso, urbanización e actividade en cada proxecto sectorial debe estar en sintonía cos criterios e directrices de ordenación descritas neste punto, axustándose tanto ás determinacións referidas á lexislación territorial ou urbanística como a aquelas que deveñen da aplicación da lexislación sectorial ou do propio planeamento municipal vixente en canto á regulación de aspectos xerais.

– As reservas de aparcadoiro desenvolveranse atendendo ás previsións mínimas pormenorizadas nesta normativa para cada proxecto sectorial, baixo o criterio de minimizar o impacto do tránsito rodado nos espazos interiores de maior calidade.

Estas ordenanzas, que formarán o corpo normativo de cada un dos proxectos sectoriais de desenvolvemento, deben abarcar, cando menos, os seguintes aspectos:

– Normas xerais referidas á natureza, ámbito e vixencia do proxecto. Alcance normativo dos documentos e desenvolvemento obrigatorio. Cumprimento da lexislación vixente e condicións xerais de uso.

– Normas comúns de edificación referidas a parámetros e determinacións reguladoras das edificacións.

– Normas particulares de edificación referidas á regulación detallada de cada unha das áreas en que se cualifique cada ámbito.

– Normas particulares de uso referidas ao pormenor dos permitidos en cada unha das áreas en que se cualifique cada ámbito.

– Normas de urbanización referidas ás condicións da urbanización e implantación das diferentes infraestruturas técnicas.

– Condicións ambientais e hixiénicas referidas ás condicións de funcionamento das diferentes actividades que se poidan desenvolver no ámbito e á súa relación co ambiente e a lexislación sectorial.

– Condicións estéticas referidas tanto ás edificacións como ao espazo público.

En canto ás directrices particulares para a redacción de cada proxecto sectorial, serán as seguintes:

PS-1. Proxecto sectorial área de vías, espazos libres e infraestruturas.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-1 cunha superficie de 20.029 m2.

Cumprido as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial resolverá a urbanización deste ámbito e a conexión coas redes xerais de infraestruturas.

Terase especial coidado co proxecto e urbanización da praza de Beiramar, mantendo o seu carácter de gran explanada.

A urbanización da praza permitirá o tráfico rodado restrinxido polo perímetro da plataforma para o acceso aos peiraos e á zona de actividades da área científico-tecnolóxica.

No deseño da sección das vías principais preverase o estreitamento da calzada no treito norte, para favorecer o seu uso peonil nesta zona do ámbito onde se concentran as actividades do Campus Científico-Tecnolóxico.

A urbanización deste espazo recollerá a execución de galerías de servizos ao longo das vías principais das instalacións da ETEA destinadas a acoller a rede principal de servizos técnicos do Complexo Científico-Técnico, desde a conexión coa Avenida da Mariña Española ata a praza de Beiramar, resolvendo as conexións exteriores ao ámbito.

Este proxecto sectorial deberá prever a apertura da praia do Areal da Punta para o seu uso público acondicionando espazos para o uso público na traspraia, ordenando e facilitando ao mesmo tempo o acceso desde o barrio da Guía ás novas instalacións e a comunicación pola costa co barrio de Ríos.

O proxecto integrará na ordenación os elementos vexetais de interese e a valoración dos elementos pétreos. O seu deseño e dimensión preverá as reservas necesarias para a implantación de novos servizos incluso os relacionados coa actividade científica.

Conservarase a torreta de vixilancia localizada ao norte do peirao como elemento simbólico para a súa posible utilización en relación coa vixilancia da praia.

Baixo o criterio de primar a peonalidade das vías e minimizar a intrusión do tránsito rodado e o impacto no ambiente urbano do vehículo privado, a reserva de aparcadoiro vinculada ao dominio público acadará as 80 prazas.

PS-2. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 1.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-2 cunha superficie de 16.042 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará detallada e pormenorizadamente o ámbito, para a localización das construcións que sirvan de soporte ás actividades e servizos relacionados coa investigación e o desenvolvemento e os seus servizos complementarios, incluíndo a determinación en concreto do destino de edificio Gauss a usos socioculturais.

A edificabilidade do ámbito non superará os 22.000 m2 construídos.

O proxecto sectorial determinará o trazado e características da rede de comunicacións propia da área e do seu enlace coas vías principais previsto no proxecto sectorial PS-1 e, de ser o caso, coas instalacións portuarias e coas redes exteriores; igualmente, determinará as características e trazado das infraestruturas e solucionará as súas conexións coas redes principais previstas no proxecto sectorial PS-1, e de ser o caso, as conexións exteriores.

No punto 2.2.3. do presente plan sectorial incorpórase informe orientativo sobre disposición e características das redes.

A ordenación procurará a integración no conxunto dos novos usos e contedores, e moi en particular a integración arquitectónica dos edificios de interese patrimonial que deben conservarse.

Os novos usos localizaranse ben nos edificios existentes ou ben nos espazos vacantes que resulten da derruba daqueles que carecen de interese patrimonial.

En todo caso, as novas edificacións deberán adaptarse ás condicións topográficas da parcela, procurando a súa integración paisaxística no conxunto do Complexo Científico-Tecnolóxico, evitando alteracións na topografía e respectando os elementos patrimoniais (Edificios Kelvin) e vexetais que se catalogan no plan. O proxecto sectorial pormenorizará a catalogación e graos de protección destes elementos en función da ausencia de valores arquitectónicos no interior dos edificios e dos seus valores históricos, artísticos e arquitectónicos.

A altura das novas edificacións non superará o baixo e tres plantas salvo con aqueles elementos ou instalacións que precisen de alturas superiores polas actividades que desempeñen.

As zonas axardinadas deberán ordenarse no conxunto do proxecto sectorial para a súa posta en valor.

O proxecto sectorial resolverá dentro do seu ámbito as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro nun mínimo de 42 prazas.

PS-3A. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 2.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-3A cunha superficie de 4.180 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará detallada e pormenorizadamente o ámbito, para a localización das construcións que sirvan de soporte ás actividades e servizos relacionados coa investigación e o desenvolvemento e os seus servizos complementarios.

A edificabilidade do ámbito non superará os 5.750 m2 construídos.

O proxecto sectorial determinará o trazado e características da rede de comunicacións propia da área e do seu enlace coas vías principais previsto no proxecto sectorial PS-1 e, de ser o caso, co parque urbano; igualmente solucionará as súas conexións coas redes principais previstas no proxecto sectorial PS-1 e, de ser o caso, as conexións exteriores.

No punto 2.2.3. do presente plan sectorial incorpórase informe orientativo sobre disposición e características das redes.

Os novos usos localizaranse nos edificios existentes.

Respectaranse os elementos patrimoniais e vexetais catalogados. O proxecto sectorial pormenorizará a catalogación e graos de protección destes elementos en función da ausencia de valores arquitectónicos no interior da edificación e dos seus valores históricos, artísticos e arquitectónicos.

As zonas axardinadas deberán ordenarse no conxunto do proxecto sectorial para a súa posta en valor.

O proxecto sectorial resolverá, fóra do seu ámbito, as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro nun mínimo de 50 prazas que se localizarán, preferentemente, no ámbito do PS-4.

PS-3B. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 3.

O ámbito deste Proxecto Sectorial defínese en planos de ordenación como PS-3B cunha superficie de 14.684 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará detallada e pormenorizadamente o ámbito para a localización das construcións que sirvan de soporte ás actividades e servizos relacionados coa investigación e o desenvolvemento e os seus servizos complementarios.

A edificabilidade do ámbito non superará os 7.000 m2 construídos.

O proxecto sectorial determinará o trazado e características da rede de comunicacións propia da área e do seu enlace coas vías principais previsto no proxecto sectorial PS-1; igualmente, solucionará as súas conexións coas redes principais previstas no proxecto sectorial PS-1 e, de ser o caso, as conexións exteriores.

No punto 2.2.3. do presente plan sectorial incorpórase informe orientativo sobre disposición e características das redes.

A ordenación debe procurar a integración no conxunto dos novos usos e contedores, con especial atención á integración arquitectónica respecto dos edificios de interese patrimonial que se conservan.

Os novos usos localizaranse ben nos edificios existentes ou ben nos espazos vacantes que resultan da súa derruba, e nos espazos que determine o proxecto sectorial.

En todo caso, as novas edificacións deberán adaptarse ás condicións topográficas da parcela, procurando a súa integración paisaxística no conxunto do Complexo Científico -Tecnolóxico, evitando alteracións na topografía e respectando os elementos vexetais catalogados. O proxecto sectorial pormenorizará a catalogación e grao de protección destes elementos.

A altura das novas edificacións non superará o baixo e tres plantas salvo con aqueles elementos ou instalacións que precisen alturas superiores polas actividades que desempeñan. Na área ocupada actualmente polo edificio da Residencia do Comandante, dada a súa posición, a edificación non excederá de baixo e unha planta alta.

As zonas axardinadas deberán ordenarse no conxunto do proxecto sectorial para a súa posta en valor.

O proxecto sectorial resolverá dentro do seu ámbito as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro nun mínimo de 30 prazas.

PS-4. Proxecto sectorial área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-4 cunha superficie de 31.291 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará o ámbito para a localización de instalacións deportivas de uso público así como para os posibles usos asociados e complementarios incluíndo a determinación do destino do actual polideportivo a uso deportivo; igualmente, ordenará o espazo verde que, sobre o cantil, separa o barrio da Guía das antigas instalacións da ETEA, para o seu uso como parque público.

A edificabilidade do ámbito non superará os 6.500 m2 construídos.

O proxecto sectorial determinará o trazado e características das vías interiores de acceso ás instalacións deportivas e especialmente as vías de comunicación e acceso público ao parque urbano; igualmente, determinará as características das infraestruturas e solucionará as súas conexións coas redes xerais do ámbito e, de ser o caso, as conexións exteriores e o paso de servizos técnicos para servir ao parque urbano.

No punto 2.2.3. do presente plan sectorial incorpórase informe orientativo sobre disposición e características das redes infraestruturais.

A ordenación preverá a reserva dentro do ámbito dun aparcadoiro soterrado baixo as instalacións deportivas para un mínimo de 465 prazas, resolvendo dentro deste ámbito as reservas necesarias para suplementar as prazas de aparcadoiro requiridas polas dotacións científico-tecnolóxicas, nunha bolsa próxima ao acceso principal que limite o impacto de tráfico e das reservas de aparcadoiro nos espazos dotacionais de menor calidade e maiores esixencias de excelencia ambiental e urbana, segundo os estándares que establece o Plan Xeral de Ordenación Municipal para o uso dotacional.

Igualmente, a actuación acondicionará como parque urbano o grande mirador sobre a ría formado polo espazo situado sobre o cantil, que actualmente separa o barrio da Guía do ámbito, favorecendo a permeabilidade desde a malla urbana, e o seu uso público como elemento de relación en cornixa, creando sendeiros e plataformas estanciais, así como a posible rehabilitación das edificacións existentes na parte sur ou a súa reconstrución na mesma posición, que acheguen este espazo verde público á cidadanía.

Realizarase un estudo da vexetación e do arboredo que permita a toma de decisións en canto a poda, corta ou repoboación de especies.

Terase en conta, ademais, a necesidade de realizar unha actuación arqueolóxica de carácter preventivo que se adecuará ás características técnicas das infraestruturas, dotacións e intalacións previstas, especialmente nos terreos incluídos na zona VIII do Estudo de elementos arbóreos e ornamentais da Área da ETEA, no terraplén sobre o cantil e na zona onde se prevé a construción dun aparcadoiro soterrado. Esta actuación será levada a cabo por técnicos competentes, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

PS-5. Proxecto sectorial Área de Usos Recreativos.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-5 cunha superficie de 7.625 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará o ámbito para a localización de usos relacionados coa potenciación do desfrute e uso público do litoral e a apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía mellorando a súa capacidade estancial, coas instalacións e servizos necesarios para tal finalidade.

A edificabilidade deste ámbito non superará os 2.150 m2 construídos, cunha superficie de ocupación total igual que a actualmente existente.

O proxecto sectorial deberá ter en conta as limitacións e servidumes establecidas pola vixente lexislación de costas e, particularmente, a servidume de protección.

As novas edificacións non superarán a altura de baixo e dúas plantas e deberán adaptarse á súa localización na primeira liña en relación ao litoral, facilitando a permeabilidade peonil e visual e resolvendo o contacto co cantil natural mediante a fragmentación ou permeabilidade dos seus volumes.

Este proxecto sectorial deberá prever a apertura da praia do Areal da Punta para o seu uso público acondicionando espazos para o uso público na traspraia, ordenando e facilitando ao mesmo tempo o acceso desde o barrio da Guía ás novas instalacións e a comunicación pola costa co barrio de Ríos.

O proxecto sectorial resolverá, dentro do seu ámbito, as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro debendo localizarse no espazo público un mínimo de 20 prazas.

PS-6. Proxecto sectorial Área de Usos Complementarios.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-6 cunha superficie de 21.199 m2.

Cumprindo as determinacións e documentación previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de reforma interior dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto sectorial ordenará detallada e pormenorizadamente o ámbito para a localización de usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socio-asistenciais socio-culturais, residenciais, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento e os seus servizos.

Ordenará, así mesmo, o ámbito destinado a instalacións e dotacións en cumprimento das determinacións da LOUGA.

A edificabilidade do ámbito non superará os 14.600 m2 construídos.

Os novos usos localizaranse ben nos edificios existentes, contiguos a eles ou nos espazos vacantes que resulten da súa derruba, e nos espazos que determine o proxecto sectorial.

O proxecto sectorial determinará o trazado e características da rede de comunicacións propia da área e do seu enlace coas vías principais previsto no proxecto sectorial PS-1, e de ser o caso, coa zona deportiva do proxecto sectorial PS-4; igualmente, determinará as características e trazado das infraestruturas e solucionará as súas conexións coas redes principais previstas no proxecto sectorial PS-1 e, de ser o caso, as conexións exteriores.

A ordenación procurará a integración no conxunto dos novos usos e contedores, e moi en particular, de ser o caso, a integración arquitectónica dos edificios de interese patrimonial que deben conservarse. No caso de novas edificacións, estas localizaranse evitando a formación de apantallamentos.

En todo caso, as novas edificacións deberán adaptarse ás condicións topográficas da parcela, procurando a súa integración paisaxística no conxunto desta área de usos complementarios, evitando alteracións na topografía e respectando os elementos patrimoniais e vexetais que se cataloguen no plan. O proxecto sectorial pormenorizará a catalogación e graos de protección destes elementos en función da consideración de valores arquitectónicos no interior dos edificios, dos seus valores históricos, artísticos e arquitectónicos e dos valores naturais e ambientais dos elementos naturais.

A altura das novas edificacións non superará o baixo e catro plantas.

As zonas axardinadas deberán ordenarse no proxecto sectorial para a súa posta en valor.

O proxecto sectorial resolverá dentro do seu ámbito as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro debendo localizarse no espazo público un mínimo de 67 prazas.

Cadro resumo de características da ordenación

Proxecto sectorial

Usos

Superficie solo m2

Superficie construída m2

PS-1

Área de vías, espazos libres e infraestruturas

20.029 m2

0 m2

PS-2

Área Científico – Tecnolóxica 1

16.042 m2

22.000 m2

PS-3A

Área Científico – Tecnolóxica 2

4.180 m2

5.750 m2

PS-3B

Área Científico – Tecnolóxica 3

14.684 m2

7.000 m2

PS-4

Área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano

31.291 m2

6.500 m2

PS-5

Área de usos recreativos

7.625 m2

2.150 m2

PS-6

Área de usos complementarios

21.199 m2

14.600 m2

Total

115.050 m2

58.000 m2

6.6. Relación co planeamento municipal.

O concello adaptará o planeamento municipal ás determinacións do plan sectorial de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Xa que a proposta de ordenación do plan sectorial non difire substancialmente da clasificación de sistema xeral dotacional establecida polo plan xeral a adaptación realizarase nun prazo non superior a tres anos desde a súa entrada en vigor. A dita adaptación referirase á caracterización dos usos dotacionais do sistema xeral, á determinación das súas condicións de edificabilidade, á incorporación das determinacións físicas da conexión exterior viaria, e demais determinacións complementarias.

En iguais prazos incorporaranse ao planeamento municipal as determinacións dos proxectos sectoriais que desenvolvan o plan sectorial, a medida que estes acaden a súa aprobación.

6.7. Cumprimento da lexislación sectorial.

As determinacións contidas no presente documento non prexulgan as competencias exclusivas que, pola lexislación de aplicación, estean atribuídas ás distintas administracións sectoriais, tanto en orde autonómico como estatal.

En concreto, os proxectos sectoriais que desenvolven o presente plan sectorial observarán o establecido na vixente lexislación de costas e cumprirase, en particular, o establecido nas súas disposicións transitorias terceira e cuarta, na medida que lles sexa de aplicación, para as edificacións catalogadas existentes nos ámbitos dos proxectos sectoriais PS-2 e PS-3A, afectadas parcialmente pola servidume de protección, así como o establecido no artigo 44.6 da Lei de costas e artigo 95.2 do seu Regulamento en relación á implantación de novos colectores e instalación de tratamento de augas residuais nos primeiros 20 metros da zona de servidume de protección.

Así mesmo, no referente á zona de servizo aeroportuaria ou aos seus espazos circundantes suxeitos a servidumes aeronáuticas establecidas ou por establecer para preservar as competencias estatais en materia aeroportuaria, observarase o establecido na normativa sectorial aplicable:

– Lei 48/1960, do 21 de xullo (BOE n.º 176, do 23 de xullo) sobre navegación aérea, modificada pola Lei 55/1999, sobre medidas fiscais, administrativas e de orde social, do 29 de diciembre (BOE n.º 312, do 30 de decembro).

– Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea (BOE n.º 162, do 8 de xullo).

– Artigo 166 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orden social (BOE n.º 315, do 31 de decembro).

– Decreto 584/1972, do 24 de febreiro (BOE n.º 69, do 21 de marzo) de servidumbres aeronáuticas, modificado polo Decreto 2490/1974, do 9 de agosto (BOE n.º 218, do 11 de setembro), polo Real decreto 1541/2003, do 5 de decembro (BOE n.º 303, do 19 de decembro) e polo Real decreto 1189/2011, do 19 de agosto (BOE n.º 204, do 25 de agosto).

– Real decreto 2591/1998, do 4 de decembro, de ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo (BOE n.º 292, do 7 de decembro), modificado polo Real decreto 1189/2011, do 19 de agosto (BOE n.º 204, do 25 de agosto).

– Real decreto 2278/1986, do 25 de setembro, polo que se establecen as novas servidumes aeronáuticas do Aeropuerto de Vigo (BOE n.º 261, do 31 de outubro, con corrección de erros no BOE n.º 288, do 2 de decembro de 1986).

– Orde FOM/2385/2010 do Ministerio de Fomento do 30 de xuño, pola que se aproba o Plan director do aeroporto de Vigo (BOE n.º 223, do 14 de setembro).

En canto ás servidumes aeronáuticas, a normativa aplicable e os criterios de referencia serán os seguintes:

– Servidumes aeronáuticas establecidas conforme a Ley 48/1960, do 21 de xullo (BOE n.º 176, do 23 de xullo) sobre navegación aérea, e Decreto 584/1972, do 24 de febreiro (BOE n.º 69, do 21 de marzo) de servidumbres aeronáuticas, modificado polo Decreto 2490/1974, do 9 de agosto (BOE n.º 218, do 11 de setembro), polo Real decreto 1541/2003, do 5 de decembro (BOE n.º 303, do 19 de decembro) e polo Real decreto 1189/2011, do 19 de agosto (BOE n.º 204, do 25 de agosto).

– Real decreto 2278/1986, do 25 de setembro, polo que se establecen as novas servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo (BOE n.º 261, do 31 de outubro, con corrección de erros en BOE n.º 288, do 2 de decembro de 1986).

– Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeropuerto de Vigo aprobado pola Orde FOM/2385/2010 do Ministerio de Fomento do 30 de xuño de 2010 (BOE n.º 223, do 13 de setembro), definidas con base no decreto de servidumes aeronáuticas e os criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

No referente ás afeccións sobre o territorio, o ámbito do Plan sectorial de ordenación territorial atópase incluído parcialmente nas zonas de servidumes aeronáuticas legais correspondentes ao aeroporto de Vigo, e está afectado, en particular, pola superficie cónica e a superficie de aproximación frustrada correspondente á manobra NDB-L. Os planos de ordenación do plan sectorial representan as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que afectan o dito ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non debe superar ningunha construción (incluídos todos os seus elementos como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.), modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como as luces de delimitación dos vehículos.

En todo caso, ao atoparse o ámbito incluído nas zonas de servidumes aeronáuticas legais, a execución de calquera construción ou estrutura (postes, antenas, aeroxeradores –incluídas as pas– etc.), e a instalación dos medios necesarios para a súa construción (incluídos os guindastres de construción e similares), requirirá resolución favorable previa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 29 e 30 do Decreto 584/1972 sobre servidumes aeronáuticas, circunstancia que deberá recollerse nos proxectos sectoriais e documentos de planeamento.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2012.

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades