Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 12 de abril de 2012 Páx. 13047

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2012 pola que se convocan as Xornadas sobre protección xurídica e discapacidade.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2012 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, a Dirección Xeral de Xustiza e a Fundación Gavela, as Xornadas sobre protección xurídica e discapacidade, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo destas xornadas é facilitar aos profesionais vinculados á discapacidade, en maior ou menor medida, desde un ou outro ámbito de actuación, coñecementos actualizados sobre a protección xurídica das persoas con discapacidade conforme a Convención, así como crear un foro de encontro e intercambio das entidades e profesionais que en Galicia dirixen a súa actividade ás persoas con capacidade modificada xudicialmente asumindo medidas de apoio e protección (fundamentalmente, entidades tutelares).

Poden destacarse, por tanto, como principais obxectivos destas xornadas os seguintes:

– Actualizar os coñecementos dos profesionais e entidades vinculadas ao sector con base nas últimas modificacións xurídicas que afectan a discapacidade, en especial, por mor da Convención Internacional de Dereitos de Nova York.

– Mellorar as competencias dos profesionais no ámbito da protección xurídica á discapacidade.

– Facilitar información sobre modelos para o exercicio de medidas de protección xurídica desde entidades tutelares.

– Propiciar un punto de encontro entre o ámbito xurídico e o da discapacidade en que se aborden as cuestións relativas á protección xurídica.

2. Contidos.

Canto aos contidos, o propósito é que se desenvolva unha acción caracterizada pola actualización, calidade, multidisciplinariedade e especialización e serán impartidos por profesionais en activo de recoñecido prestixio.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A Convención internacional de dereitos das persoas con discapacidade.

– O proceso sobre a capacidade das persoas desde o punto de vista xurídico.

– A capacidade das persoas e a súa vinculación no proceso de atención desde os centros e servizos de atención á dependencia.

– O exercicio de medidas de protección para persoas con discapacidade desde institucións tutelares: Fundación Tutelar de Persoas con Enfermidade Mental, FECLEM.

– O exercicio de medidas de protección desde unha institución tutelar pública: Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas, FUNGA.

– Presentación de entidades tutelares en Galicia.

3. Destinatarios.

Profesionais, tanto do ámbito da atención a colectivos desfavorecidos como do ámbito xurídico.

Entidades vinculadas á atención a colectivos desfavorecidos, especialmente ao ámbito da discapacidade.

Entidades e profesionais vinculados ao exercicio de medidas de protección xurídica.

Profesionais e interesados en xeral na materia.

4. Desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolveranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 3 e 4 de maio de 2012.

Duración: 7 horas lectivas, en horario de mañá.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión chamando por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41/881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 30 de abril de 2012.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificar a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia ao final das xornadas a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización destas xornadas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2012.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

FOLLA DE INSCRICIÓN

1. SOLICITANTE.

Apelidos Nome DNI

2. DATOS PROFESIONAIS.

Posto de traballo/profesión Corpo, subgrupo ou escala (1) Nivel (2)

Entidade en que presta servizos: (3)

Enderezo do posto de traballo:

Rúa n.º Localidade Provincia CP Tfno.

Correo electrónico:

3. ACTIVIDADE SOLICITADA

Solicita asistir ás «Xornadas sobre protección xurídica e discapacidade» que se desenvolverán na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 3 e 4 de maio de 2012.

Sinatura

.................................................., ......... de....................................... de 2012.

Os datos de carácter persoal contidos no impreso poderán ser incluídos nun ficheiro para o seu tratamento por este órgano administrativo, como titular responsable del, no uso das funcións propias que teñen atribuídas e no ámbito das súas competencias. Así mesmo, infórmase da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo isto de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de diciembre).

(1, 2 e 3): cubrir só en caso de ser funcionario ou funcionaria.

Director da EGAP. Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).