Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13682

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 11 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código de procedemento IN848A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4, que a Consellería de Economía e Industria na súa estrutura conta, entre outros órganos de dirección, coa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, agás as competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na ordenación, planificación e execución en materia de fomento da investigación no Sistema Universitario de Galicia; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT), como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (en diante Plan I2C).

O Plan I2C ten un especial empeño en promover o crecemento empresarial. En relación cos contidos da presente convocatoria, cabe destacar que o plan se estrutura en retos, eixes estratéxicos e liñas de actuación asociadas aos diferentes eixes; o denominado reto 3, de Innovación e valorización, así como o reto 4, de Crecemento empresarial; como eixes estratéxicos cómpre subliñar o eixe estratéxico 5, que recolla a innovación como motor de crecemento, destacando para esta convocatoria o Programa de Acceso á Innovación e o Programa de Crecemento.

Para as empresas, pequenas, medianas e grandes, está prevista a concesión de subvencións para a realización de investimentos innovadores para o crecemento que permitan mellorar a competitividade da empresa incrementando a súa capacidade innovadora. Con esta finalidade as axudas subvencionan os investimentos que permitan a diversificación da produción con novos ou mellorados produtos ou servizos ou supoñan unha transformación fundamental no proceso global de produción, incluídos os dirixidos especificamente a incrementar a capacidade tecnolóxica e innovadora da empresa.

Estas axudas están recollidas no Regulamento (CE) núm. 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE do 9 de agosto de 2008 (en diante Regulamento (CE) núm. 800/2008).

As axudas reguladas nesta orde estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 07 Investimentos nas empresas directamente vinculadas á innovación, actuación 1.07.1 Axudas á innovación estratéxica: apoio específico para que as empresas se doten de estratexias de innovación e tecnoloxías. Polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, incluídas no anexo indicado neste artigo, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para a seguinte finalidade:

Finalidade, código de procedemento e anexo das bases:

Investimentos innovadores para o crecemento empresarial. IN848A. Anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) núm. 800/2008.

4. As subvencións recollidas nesta convocatoria concederanse para a realización dos proxectos e investimentos que se inicien con posterioridade á presentación da solicitude de subvención.

Artigo 2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos desta orde, que irán acompañados dos documentos que se especifican no artigo 4 das correspondentes bases reguladoras, que deberán presentarse en único exemplar.

2. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter, cubrir, aceptar e imprimir necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet https://sede.xunta.es ou http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi. Poderanse cubrir, obter e aceptar os formularios válidos de solicitude ata as 14.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Deberá presentarse unha solicitude para cada proxecto.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es. Tamén poderán presentarse na oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Actividades, axudas, sectores e réximes excluídos.

Segundo o establecido no Regulamento (CE) núm. 800/2008, polo que se regulan as axudas recollidas nesta orde, non se aplicará a axudas en favor das actividades seguintes:

a) Os produtos da pesca e a acuicultura regulados polo Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.

CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases).

b) As actividades relacionadas coa produción primaria de produtos agrarios mencionadas no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e as relacionadas coa transformación, fabricación e comercialización de produtos agrarios cando o importe da axuda se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade de tales produtos comprados aos produtores primarios ou comercializados polas empresas en cuestión; ou cando a axuda se repercuta total ou parcialmente sobre os produtores primarios (agricultores).

CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases).

c) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

d) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

e) O sector do carbón e do aceiro:

CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).

f) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da Comisión do C 160, do 28.10.2006:

CNAE 09: clase 30.11.

g) Tampouco se poderán aplicar as axudas a actividades relacionadas coa exportación, concretamente as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, as axudas ao establecemento e funcionamento dunha rede de distribución ou as axudas a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

Artigo 5. Información aos interesados.

1. Sobre os procedementos recollidos nesta orde poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria:

(http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), na súa epígrafe de «Axudas».

b) Nos teléfonos 981 95 73 92 e 981 95 73 87 da devandita dirección xeral.

c) No enderezo electrónico cei.infosegapi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante Lei 15/1999).

Artigo 6. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2012. A aplicación orzamentaria co que se financia este orde está cofinanciada nun 80% con fondos Feder e nun 20% con FCI.

Aplicación orzamentaria

Crédito 2012

08.02.741A.771.0

3.000.000,00 €

Total

3.000.000,00 €

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das liñas de axudas xestionadas pola Dirección Xeral de I+D+i para o mesmo proxecto. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que o conxunto das axudas acadadas non exceda, en termos de equivalente de subvención bruto (ESB), a porcentaxe fixada no artigo 2.1 do anexo I da convocatoria, e en todo caso que conxuntamente non superen o custo total elixible do proxecto. As entidades deberán presentar unha copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

Artigo 7. Definicións.

Teranse en conta as seguintes definicións:

Equivalente de subvención bruto (ESB): valor actualizado da axuda expresado en porcentaxe do valor actualizado dos custos subvencionables.

Empresa autónoma. Unha empresa é autónoma se:

– É totalmente independente, é dicir, non ten participación noutras empresas e ningunha empresa ten participación nela.

– Se a empresa ten unha participación inferior ao 25% do capital ou dos dereitos de voto (dos dous, o maior) nunha ou máis empresas e non hai terceiros que teñan intereses do 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto (dos dous, o maior).

Empresas asociadas. Pertencen a este tipo as empresas que establecen importantes asociacións financeiras con outras empresas, sen que unha en particular exerza un verdadeiro control directo ou indirecto sobre a outra.

Son empresas asociadas aquelas que non son nin autónomas nin vinculadas entre si.

Unha empresa é asociada se:

– Ten unha participación igual ou superior ao 25% do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa e/ou outra empresa ten unha participación igual ou superior ao 25% nela.

– Non está vinculada a outra empresa, o que significa que, entre outras cousas, os seus dereitos de voto na outra empresa (ou viceversa) non superan o 50%.

Empresas vinculadas. Corresponden a esta situación económica as empresas que forman parte dun grupo, polo control directo ou indirecto da maioría do capital ou dos dereitos de voto (mesmo a través de acordos ou, nalgúns casos, mediante persoas físicas accionistas), ou pola capacidade de exercer unha influencia dominante sobre unha empresa.

Considérase que dúas ou máis empresas están vinculadas se teñen algunha das relacións seguintes:

– Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou os socios doutra empresa.

– Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, de dirección ou de control doutra empresa.

– Un contrato entre as empresas, ou ben unha cláusula estatutaria, permite a unha delas exercer unha influencia dominante sobre a outra.

– Unha empresa, en virtude dun acordo, é capaz de exercer o control exclusivo dunha maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou dos socios doutra empresa.

A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme), está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

Na categoría das pemes, defínese unha pequena empresa como aquela que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Na categoría das pemes, defínese unha microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo destes efectivos e importes financeiros haberá que aterse ao disposto no anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, cos artigos 6.2 b) e 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e co artigo 35 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar e obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal) e as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

No caso específico do DNI e o NIE, o solicitante tamén poderá prestar o consentimento para que o órgano xestor acceda ao sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG número 221, do 13 de novembro).

Así mesmo, cando o solicitante identifique nos formularios normalizados que o documento xa está inscrito nun rexistro mercantil, en lugar de achegar o dito documento, o órgano instrutor accederá á citada información mercantil, sen ningún custo para o solicitante, e comprobará que os datos declarados polo solicitante son exactos e que están en vigor. Será condición necesaria neste caso que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade mercantil tales como a administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Nos formularios de solicitude deberá indicarse entre os citados o tipo de apoderamento, Rexistro Mercantil Provincial da inscrición e o número da inscrición (1.ª no caso da escritura de constitución, 2.ª, 3.ª, etc.).

Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía, dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, e terán que presentar a documentación segundo o indicado no artigo 4 das bases.

Advírtese que con este procedemento as empresas non teñen que presentar á Xunta de Galicia múltiples escrituras que recollen distintos feitos rexistrais ao longo da vida da sociedade, tales como constitución, modificación de obxecto social, cambio de nome ou denominación social, renovación de cargos, etc., xa que a información facilitada polo Rexistro Mercantil está actualizada incluíndo todos os datos vixentes.

Advírtese que o acceso público á información do Rexistro Mercantil non está suxeita a autorización polo interesado, mais a Dirección Xeral de I+D+i só accederá a dita información cando o interesado expresamente identifique que non presenta determinada documentación por xa estar inscrita nun rexistro mercantil, sen menoscabo da posibilidade que ten o órgano xestor para comprobar outras circunstancias que poidan concorrer no expediente como a existencia de declaración concursal, ou outras circunstancias inscritibles que imposibiliten a concesión dunha axuda pública.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2 b), no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no artigo 35 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e no artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

2. Así mesmo, consonte co establecido na alínea f) do artigo 35 da LRXAP-PAC, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data e o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega (en diante Lei 4/2006), esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 9. Órganos competentes.

A Dirección Xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención. Corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1 desta convocatoria resulta que o solicitante non está ao día do pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6 b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas realizadas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como ocultar datos, alteralos ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 11. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 5 do anexo I, así como de emitir o informe ou que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A subdirectora xeral de Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta.

b) O xefe do Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue.

c) Un funcionario da Subdirección Xeral de Innovación Empresarial.

d) Un funcionario da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario con voz pero sen voto.

Artigo 12. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará o informe emitido pola comisión, xunto coa proposta de resolución de concesión en que se especificará de xeito individualizado a avaliación segundo os criterios recollidos no artigo 5 do anexo I e o importe da subvención concedida, de ser o caso, ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria. Esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A relación de denegados e a causa de denegación.

d) A non admisión expresa do resto das solicitudes coa correspondente causa de non admisión.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. De transcorrese este prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), na súa epígrafe de «Axudas». Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrucción do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 14. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poranlle fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circustancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución teñan lugar con posterioridade a esta.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 12 desta convocatoria.

Artigo 16. Anticipos.

1. Para facilitar a xestión das axudas poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007 e no artigo 63 do Decreto 11/2009. En todo caso, os importes anticipados non poderán superar o 25% da subvención concedida.

2. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte do beneficiario, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. Exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías.

Artigo 17. Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a entidade beneficiaria da subvención deberá aceptala expresamente. Transcorridos 10 días sen ter recibido este documento no órgano xestor, entenderase que a entidade acepta a subvención.

2. Non obstante, no caso de que a entidade beneficiaria fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de dez días desde a publicación da resolución na páxina web da Consellería de Economía e Industria, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención. Noutro caso enténdese que renuncia ao anticipo.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi).

3. A aceptación da subvención ou a súa renuncia poderase facer axustándose aos modelos que se inclúen como anexos III e IV, respectivamente, ao modelo que se publicará no web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

4. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos anexos desta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e presentar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á Dirección Xeral de I+D+i a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Manter o investimento asociado ao proxecto de innovación durante un período mínimo de cinco anos, unha vez rematado o proxecto.

e) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

f) Solicitarlle á Dirección Xeral de I+D+i, previamente á súa realización, e, en todo caso, antes de que remate o prazo de xustificación da subvención, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos proxectos aprobados. Terase en conta que a realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a devolución das cantidades desviadas.

g) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web:

(http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/ guia-intervencions-confinanciadas-fe).

i) Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do Programa Operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006.

Artigo 19. Xustificación da subvención.

1. Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria e na data límite do 31 de outubro de 2012, ademais da documentación exixida no artigo 6 das bases reguladoras, a documentación que a continuación se indica:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gasto. Documentación xustificativa do investimento: orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados. Nas facturas da maquinaria adquirida deberá figurar, sempre que sexa posible, o correspondente número de licenza.

b) O período de emisión das facturas será desde a data de presentación das solicitudes das subvencións ata o 31 de outubro de 2012.

c) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior á solicitude da subvención nin posterior ao 31 de outubro de 2012. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, o número de factura a que correspondan, así como o concepto a que se refiren.

2. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o beneficiario non presenta a documentación pertinente segundo o indicado no punto anterior, a Dirección Xeral de I+D+i requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e á exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da LRXAP-PAC.

5. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

6. Cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porase no seu coñecemento e concederáselle un prazo de dez días para a súa corrección.

7. Se o importe da xustificación presentada fose inferior ao do anticipo recibido, ou se a entidade presenta a súa renuncia á subvención concedida, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución destes nos prazos establecidos dará lugar a incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, e no título V do Decreto 11/2009.

8. Co fin de facilitar a presentación e revisión da documentación, os modelos para a xustificación da subvención atoparanse no enderezo da internet :

http://www.economiaeindustria.xunta.es/dxidi (ver en: De interese/Informes e xustificación do gasto). Así mesmo, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos ou arames.

Artigo 20. Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 25% do total do orzamento de gastos da acción subvencionada, en concepto de anticipo, no momento de ditarse a resolución de concesión e despois de achegar os documentos indicados no artigo 17.2 desta orde de convocatoria, no caso de que a entidade así o fixer constar na solicitude da subvención.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións subvencionadas e xustificados os gastos realmente efectuados, de acordo co establecido nesta orde de convocatoria.

2. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao pagamento final da subvención, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Artigo 21. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da subvención, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante Regulamento 11/2009).

2. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a subvención, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou reintegro total da subvención.

3. O incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a perda do dereito ao cobramento ou á devolución das cantidades desviadas.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 22. Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Dirección Xeral de i+d+i, polos medios que considere poderá realizar nas entidades perceptoras de subvencións, en calquera momento, as comprobacións e aclaracións que consideren necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto; se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderán propoñer a suspensión da subvención concedida. Así mesmo, poderá convocar os responsables da entidade beneficiaria, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante DL 1/1999) e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 24. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na normativa básica da Lei estatal 38/2003, de subvencións, do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve e da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) núm. 800/2008, o Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 5 de xullo de 2006 relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) núm.1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006 polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) núm. 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009. A concesión das axudas está supeditada á aprobación da presente orde por parte da Comisión Europea.

Disposición adicional única. Tramitación.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2012 realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, por Resolución do 19 de xaneiro de 2012, que quedará sometida a todos os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007 para obter a condición de entidade colaboradora, asumindo as obrigas previstas no artigo 12 do mesmo texto legal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de I+D+i para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial (código de procedemento: IN848A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións recollidas nestas bases teñen por obxecto incentivar o desenvolvemento de actuacións que incidan na capacidade competitiva das empresas, e que incrementen a súa capacidade tecnolóxica e innovadora mediante a dotación de recursos materiais específicos para desenvolver os seus proxectos de innovación, así como a dotación específica de unidades de I+D como vía de mellora da súa competitividade mediante a posta no mercado de novos ou mellorados produtos ou servizos, e a transferencia de tecnoloxía entre organización densas en coñecemento e orientadas á innovación.

2. Segundo o establecido no artigo 12 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, subvencionaranse os investimentos dirixidos a:

a) Investimentos innovadores.

a.1. Creación dun novo centro produtivo; a ampliación dun establecemento da empresa solicitante coa finalidade de permitir o desenvolvemento de novos produtos e procesos.

a.2. Diversificación da produción dun establecemento para atender mercados de produtos novos e adicionais.

a.3. Unha transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción dun establecemento existente.

b) Dotación de unidades de I+D. Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociados á actividade produtiva.

c) Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións.

3. Terán a consideración de gastos subvencionables, sempre que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, os seguintes:

a) Realización de investimentos en maquinaria necesaria para o proxecto sempre que supoñan unha mellora tecnolóxica significativa e innovadora nos procesos ou na actividade da empresa. No sector do transporte non serán subvencionables os medios e equipamentos de transporte.

b) Adquisición de equipamento específico para o incremento da capacidade tecnolóxica e innovadora da unidade de I+D da empresa.

c) Instalacións e acondicionamentos imprescindibles para o funcionamento dos equipamentos adquiridos. Subvencionaranse aquelas instalacións e acondicionamentos específicas para algún dos investimentos subvencionados nos números 3.a) e 3.b) deste artigo sempre que non sexan xenéricos (exclúense os gastos correspondentes a mobiliario, material de oficina, iluminación e pintura) O custo por este concepto non poderá ser superior o 25% do total do investimento.

d) Custos en concepto de adquisición de dereitos sobre títulos de propiedade industrial relativos a invencións.

4. O custo subvencionable mínimo do proxecto será de 200.000 euros para as axudas que teñen por obxecto os investimentos innovadores descritos no artigo 1.2.a) destas bases e de 30.000 euros para as dotacións de unidades de I+D descritas no artigo 1.2.b) destas bases. Por debaixo destas cantidades non serán atendidas as solicitudes de subvención.

Non se establece custo mínimo para os investimentos de transferencia de tecnoloxía descritos no artigo 1.2.c) destas bases.

Non se admitirán aqueles gastos facturados entre empresas asociadas ou vinculadas atendendo ás definicións do artigo 7 desta orde de convocatoria.

5. Os equipamentos integrados nunha mesma solicitude de axuda deben referirse a unha única solución técnica. Cada unha das solicitudes só poderá ter por obxecto investimentos encadrados en unha das categorías descritas no artigo 1.2 destas bases (1.2.a. Investimentos innovadores; 1.2.b. Dotación de unidades de I+D; ou 1.2.c. Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións).

6. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 3, que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 6 destas bases.

Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

7. Establécense dúas modalidades de axuda, segundo o tipo de empresa solicitante:

a) Investimentos realizados por pemes.

b) Investimentos realizados por grandes empresas.

Artigo 2. Contía das subvencións e concorrencia.

1. De acordo co artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, a intensidade da subvención concedida será do 30% do custo subvencionable para grandes empresas, do 40% para medianas empresas e do 50% para pequenas empresas no caso de ter un único proxecto concedido. As intensidades de subvención se calcularán en termos de equivalente de subvención bruta. Non obstante, as empresas do sector de transporte estarán limitadas a unha subvención do 30% do custo subvencionable.

2. Co obxecto de maximizar a eficiencia dos orzamentos asignados a estas axudas e minorar o risco inherente á propia concesión de anticipos sen garantías, establécese que o número máximo de proxectos que poderán ser subvencionados para un mesmo beneficiario será de tres.

Para o caso de que se subvencione un segundo proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 80% da porcentaxe concedida para o primeiro.

Para o caso de que se subvencione un terceiro proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 60% da porcentaxe concedida para o primeiro.

3. Os proxectos financiables serán subvencionados coa porcentaxe indicada nos parágrafos anteriores deste artigo, por orde decrecente da puntuación acadada, ata o esgotamento do crédito.

4. A subvención concedida para cada solicitude non poderá superar o importe de 500.000 euros, respectando as porcentaxes máximas permitidas.

5. Para os efectos do establecido no artigo 6.2 da convocatoria, establécense como límite máximo para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no punto 1 deste artigo, para cada tipo de empresa, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

De acordo co artigo 1.6.a) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarios da presente convocatoria os solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tiver declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Igualmente, e tendo en conta o establecido no artigo 1.6.c) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarias da presente convocatoria as empresas en crise.

Artigo 4. Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Formulario normalizado de solicitude, en único exemplar, obtido a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscadas no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade solicitante.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de I+D+i de calquera cambio que se produza neles.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas.

c) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

d) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.

e) Declaración do coñecemento do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e de obtención da Axencia Estatal da Admisnistración Tributaria dos datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal).

f) Copia compulsada do NIF da entidade solicitante, ou NIF do empresario individual, de ser o caso, se non presenta a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta orde.

g) Copia compulsada do poder bastante con que actúa o representante legal da entidade solicitante, se non achega a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta orde.

h) Copia compulsada do DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude, se non achega a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta orde. Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

i) Declaración responsable acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignada no formulario normalizado de solicitude.

j) Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior aos 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, deberán achegarse:

– Un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía.

– Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

k) Copia da memoria libre e dos currículos vitae que se xuntaron na aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

l) Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas), de acordo co establecido no artigo 8 do Regulamento (CE) núm. 800/2008.

3. A documentación recollida nas alíneas b), c), d), e) e i) obterase da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria.

Artigo 5. Criterios de valoración.

Na avaliación realizada pola comisión de valoración teranse en conta os criterios seguintes (máximo 100 puntos):

a) O interese, os beneficios e o impacto económico que os investimentos lle proporcionan á empresa, sobre todo cara á diversificación da produción e/ou mellora significativa no proceso global de produción (máximo 22 puntos).

b) O carácter innovador ou emprendedor do proxecto de investimento e/ou dos proxectos de I+D+i coas cales o novo investimento estará vinculado (máximo 14 puntos).

c) Existencia e contido dun plan de actuacións de innovación da empresa (14 puntos).

d) A capacidade de arrastre do proxecto no seu contorno e impacto no conxunto da economía galega (máximo 9 puntos).

e) A capacidade da empresa para desenvolver proxectos innovadores e experiencia previa no desenvolvemento de proxectos de I+D e innovación. Valorarase a presenza de persoal especificamente capacitado e dedicado a actividades de carácter innovador na empresa (máximo 18 puntos).

f) A correcta xustificación e a adecuación do orzamento (máximo 14 puntos).

g) A utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

h) Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (8 puntos).

Artigo 6. Xustificación da subvención.

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar na data límite do 31 de outubro de 2012 a seguinte documentación:

a) A relacionada no artigo 19 da convocatoria.

b) Memoria libre en que se detallen os beneficios obtidos pola empresa co investimento realizado.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades. De ser o caso, copia simple da resolución de concesión doutras axudas distintas das que xustifican a solicitude.

missing image file
missing image file
missing image file