Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13821

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2012 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais e se convocan para o ano 2012.

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais artísticos de carácter profesional que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para este ano 2012.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto de calquera organismo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas non pode superar o 100% do custo do evento.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006), a Agadic deberá garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais.

Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Beneficiarios.

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, con establecemento operativo en Galicia, así como nos concellos galegos, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria, e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

3. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) n.º 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Terceira. Modalidades de axuda e imputación de créditos.

1. O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 360.000 euros, dos cales 180.000 euros son para a modalidade de festivais de música, e 180.000 euros para a modalidade de festivais de artes escénicas, das aplicación orzamentarias seguintes: 11.A1.432B.460, 120.000 euros, 11.A1.432B.470, 120.000 euros, e 11.A1.432B.480, 120.000 euros. Ao estar distribuída a contía total máxima das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Contía.

1. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 30% do seu orzamento total.

2. A contía máxima que se poderá outorgar a un festival será de 50.000 euros.

Quedarán excluídos aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 30 puntos nos criterios de valoración. Na programación do festival non poderán incluírse en ningún caso funcións contratadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

3. Entre o total de festivais que teñan dereito á recepción da axuda, por cada modalidade, sumarase o total de puntos obtidos, e dividirase a contía total, por modalidades, entre os puntos obtidos, o que nos dará o valor do punto, que será multiplicado pola puntuación de cada un deles, para obter a contía subvencionada.

Quinta. Requisitos.

Para poder optar ás subvencións, o festival ten que cumprir os requisitos seguintes:

a) Que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2012.

b) O festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións.

c) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística de 15.000 euros e un mínimo de 50.000 euros de orzamento total.

d) O festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías/grupos.

e) As formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas residentes en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20% do orzamento de contratación do festival ou un mínimo do 30% do total das actuacións que se ofrezan.

f) Polo menos un 30% dos espectáculos teñen que ser con entradas de pago.

Sexta. Inicio do procedemento: solicitudes e presentación das instancias.

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao director da Agadic e deberanse axustar ao modelo publicado no anexo I desta resolución. Poderanse presentar nos servizos, rexistros e oficinas correspondentes da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos rexistros doutras administracións públicas, consonte o establecido no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderán presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: http://www.xunta.es/sede-electronica

2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, estarán dispoñibles nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Sétima. Prazos para a instrución e tramitación das solicitudes.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Oitava. Documentación xeral requirida aos solicitantes.

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos no parágrafo seguinte, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, e quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Ademais da solicitude mencionada na base sexta desta resolución, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

1.º Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual, de ser o caso.

2.º Se o solicitante é unha persoa xurídica privada, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda; e documentación que acredite de forma suficiente a representación e identidade de quen asina a solicitude, xunto co certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda, debendo igualmente facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

Así mesmo, deberáselle exixir a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non disolución destas durante todo o tempo que dure a actividade subvencionada, consonte o artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.º Declaración comprensiva de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións (anexo II).

4.º Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) n.º 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

5.º Declaración responsable da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, en que conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

6.º Documentación que se debe incluír sobre o programa de actividades do festival:

– Memoria completa e detallada do proxecto.

– Memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do proxecto no que figuren todos os gastos e a previsión de ingresos.

7.º Documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para acceder á subvención.

8.º Documentación que acredite os distintos criterios de valoración. Non se terán en conta os criterios non acreditados documentalmente.

A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte do interesado comportará a autorización automática á Agadic para que esta poida solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente tal consentimento mediante escrito presentado ante o órgano xestor, debendo presentar neste caso os certificados indicados nos termos previstos regulamentariamente.

4. O/A solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

5. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

Novena. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes.

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.º Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2.º Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3.º Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. A comisión de avaliación elaborará un informe preceptivo, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de avaliación, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décima. Comisión de avaliación e criterios.

1. A comisión de avaliación estará presidida pola persoa titular da Dirección da Agadic, que nomea os seus membros, e que está constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, de entre os grupos I e II.

b) Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito da música e dúas no ámbito das artes escénicas.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal, e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. As solicitudes teñen que ser valoradas de acordo cos criterios seguintes:

A) Traxectoria do festival, 25 puntos.

– Media do número de espectadores nas tres últimas edicións (debidamente xustificados, mediante achega da billeteira, xustificante da policía, etc.), ata 10 puntos.

• Ata 1.500, 2 puntos.

• Entre 1.501 e 3.000, 4 puntos.

• Entre 3.001 e 6.000, 6 puntos.

• Entre 6.001 e 10.000, 8 puntos.

• Máis de 10.000, 10 puntos.

– Porcentaxe de ocupación con respecto á cabida nas tres últimas edicións, 5 puntos.

• Do 81% ao 100%, 5 puntos.

• Do 61% ao 80%, 4 puntos.

• Do 41% ao 60%, 3 puntos.

• Do 21% ao 40%, 2 puntos.

• 20% ou menos, 1 punto.

– Porcentaxe de espectadores das tres últimas edicións con respecto aos habitantes do concello, 5 puntos.

• Máis do 30%, 5 puntos.

• Entre 20% e 30%, incluídos, 3 puntos.

• Menos do 20%, 1 punto.

(Follas de billeteira das tres edicións ou declaración xurada).

– Premios e recoñecementos do festival, máximo 5 puntos (un punto por premio recibido, debidamente acreditado).

B) Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención, 50 puntos.

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da programación, 15 puntos.

– Especialización da programación, 5 puntos.

– Producións, coproducións ou residencias do festival, 7 puntos.

– Estreas ou presentacións de discos no festival, 7 puntos.

– Contribución á captación ou creación de novos públicos, 5 puntos.

– Actividades complementarias, 6 puntos.

– Plan de comunicación, 5 puntos.

C) Viabilidade do proxecto, 25 puntos.

a) Que máis do 30% das actividades do festival sexan de pago, 10 puntos.

– Entre 31% e 50%, 4 puntos.

– Entre 51% e 70%, 6 puntos.

– Máis do 70%, 10 puntos.

b) Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento total do proxecto, máximo 5 puntos.

– Entre o 20% e o 30%, 2 puntos.

– Menos do 20% e ata o 10%, 3 puntos.

– Menos do 10%, 5 puntos.

c) Porcentaxe de achega con fondos propios da entidade organizadora ou patrocinios de entidades privadas, con respecto ao orzamento total do proxecto, máximo 10 puntos.

– 60% ou máis, 10 puntos.

– Menos do 60% e ata o 50%, 8 puntos.

– Entre 50% e 40%, 5 puntos.

– Menos do 40%, 2 puntos.

Décimo primeira. Resolución da convocatoria.

1. A Presidencia da Agadic, como órgano xerárquico superior responsable da resolución definitiva da convocatoria de subvencións, deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de nove meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

2. A súa notificación ás persoas adxudicatarias da subvención cursarase no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo segunda. Pagamento e xustificación. Documentación requirida.

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia– poderá aboar á conta da subvención, ata o máximo do 80% do importe concedido, sempre que se respecten os límites do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á actividade subvencionada e logo da presentación de certificación do inicio dos traballos, e das declaracións de axudas previstas en cada unha das modalidades. O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos á conta, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110% do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen.

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 300 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

5. No suposto de que o beneficiario da subvención sexa unha entidade local, estará obrigada a xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival, e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada:

– Pola certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Pola certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1. O cumprimento da finalidade da subvención.

2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

4. Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, éstas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos da subvencións concedidas. No caso de realizarse pagamentos anticipados considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

6. O prazo de xustificación da subvención percibida rematará o día 20 de decembro de 2012. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

8. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do establecido na base sexta, 2.4.ª, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos.

Décimo terceira. Gastos subvencionables.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto, e se inclúan entre os seguintes:

– Gastos de publicidade e material de edición, en calquera soporte, no que se fará constar o logotipo da Agadic e da Xunta de Galicia.

– Aluguer de espazos e equipamento técnico.

– Cachés dos grupos e compañías.

– Gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Décimo cuarta. Obrigas dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención.

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia en todos os elementos informativos e publicitarios relacionados coa actividade subvencionada, excepto no suposto de que o festival se iniciase antes da presentación da solicitude.

f) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Décimo quinta. Modificación da resolución.

A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

No suposto de que o custo final da actividade sexa inferior ao custo orzado de acordo coa documentación xustificativa presentada, o importe da subvención axustarase do seguinte xeito:

a) Desviacións ata o 5%: non se aplicará ningunha minoración.

b) Desviacións superiores ao 5%: aplicarase unha minoración proporcional.

Décimo sexta. Reintegro.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file