Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 19 de abril de 2012 Páx. 14264

III. Outras disposicións

Consello da Cultura Galega

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2012 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2012 figura a convocatoria pública de bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira. Obxecto.

Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

A contía das bolsas será de novecentos dez euros (910,00 euros), coa retención fiscal que corresponda, nos cales van incluídos os custos da cota da Seguridade Social (cota patronal e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 11 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe de trinta e un mil oitocentos cincuenta euros (31.850,00 euros).

Para o gasto que se proxecta existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Terceira. Duración.

A duración das bolsas será de sete (7) meses, iniciaranse previsiblemente o 1 de xuño de 2012 e rematarán o 31 de decembro de 2012. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

As bolseiras e os bolseiros que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais.

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación académica requirida para o proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2006-2007 ou posterior.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.

d) Non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

f) Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Consello da Cultura Galega durante un prazo superior a doce meses.

g) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario ás cales se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes, no modelo que se achega como anexo V, irán dirixidas ao presidente do Consello da Cultura Galega e asinadas polo interesado/a. Os formularios da solicitude estarán dispoñibles na páxina web do Consello da Cultura Galega http://www.consellodacultura.org

A presentación das solicitudes farase nos lugares que se indican:

– No rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2.º andar; Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela).

– No Rexistro Único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

– Nas oficinas de Correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada na cabeceira da primeira folla pola empregada ou polo empregado de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación os servizos de mensaxaría privados. As solicitudes que proveñan do estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de presentar a solicitude nun rexistro que non sexa o do Consello da Cultura Galega ou de remitila por correo, a persoa interesada deberá comunicarlle á institución a dita circunstancia, no mesmo día, a través de fax (ao número 981 95 72 05), e remitirá copia da solicitude co correspondente selo de presentación no prazo establecido nun rexistro válido.

– Por vía electrónica. O acceso dos/as interesados/as ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de utilizar a vía electrónica, os/as interesados/as deberán posuir DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3, recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica@firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia na base sexta da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido, deberán presentarse a través das vías previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación.

Xunto coa solicitude (segundo o modelo que figura como anexo V desta orde) presentarase, ademais, a seguinte documentación en orixinal ou copia:

– Título académico requirido no anexo correspondente ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

– Certificación académica oficial completa en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG n.º 188, do 30 de setembro). Os/as titulados/as que accederon a estudos de 2.º ciclo desde unha titulación de 1.º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1.º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico. Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE n.º 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

– Currículo, acompañado da documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

– Declaración responsable das axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administración públicas competentes, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo IV.

– Declaración responsable de non estar incurso en ningún dos supostos previstos para a obtención de axudas no artigo 10 da vixente Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo VI.

– Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta bolsa (incluída tamén no anexo VI desta convocatoria).

Ao abeiro do establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a presentación da solicitude pola persoa interesada implicará a autorización ao Consello da Cultura Galega para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá entregar a fotocopia do documento de identidade correspondente.

A presentación de solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias coa Administración do Estado e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Xerencia do Consello da Cultura Galega revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompletas as solicitudes, conter erros ou non achegar toda a documentación acreditativa dos requisitos xerais exixidos por medio desta convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición de bolsa e se arquivará o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante a publicación no taboleiro e na páxina web do Consello da Cultura Galega http://www.consellodacultura.org

Sétima. Comisión de avaliación.

A selección e avaliación dos méritos alegados corresponderalles ás comisións de avaliación, que adaptarán o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas comisións serán nomeadas pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega e estarán compostas por:

– Presidente: un membro da Comisión Executiva.

– Vogais: tres persoas especialistas nos proxectos de investigación para os cales se convocan as bolsas.

– Secretario: o secretario do Consello da Cultura Galega.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non poden asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

Oitava. Criterios xerais de selección.

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

A avaliación total de cada expediente de solicitude poderá acadar a puntuación máxima de 24 puntos, tendo en conta o seguinte:

– Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos. A nota media do expediente académico persoal calcularase de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG n.º 188, do 30 de setembro).

– Currículo do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 14 puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Se ningún dos/as candidatos/as presentados/as resulta idóneo/a, a comisión de selección poderá establecelo así no seu informe.

Terase en conta, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda, de acordo co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

Novena. Procedemento.

Unha vez rematado o proceso de avaliación dos méritos das/dos solicitantes, a comisión de avaliación confeccionará unha listaxe coa puntuación provisional dos candidatos e candidatas, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Esta listaxe provisional farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega http://www.consellodacultura.org

Abrirase un prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da data de publicación da listaxe coa puntuación provisional, co fin de que as persoas interesadas poidan realizar as reclamacións sobre esta nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria. Seguidamente, a comisión de avaliación resolverá as reclamacións, e expoñerá a seguir a lista definitiva de posibles bolseiros ou bolseiras, no mesmo lugar citado anteriormente, na cal figurarán os/as candidatos/as propostos/as e 5 suplentes, ordenados/as pola puntuación total, tendo en conta que só se valorarán os méritos alegados ou relacionados co anexo ao cal opte a persoa solicitante. A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a bolseira ou bolseiro seleccionada/o non se incorpore na data establecida, cando manifeste expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renuncie a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

De non presentarse solicitudes, ou se ningún/nha das/dos candidatos/as presentados/as resulta idóneo/a, a comisión de avaliación poderá establecelo así no seu informe.

Décima. Resolución e publicación.

A comisión de avaliación elevará a súa proposta de resolución ao presidente do Consello da Cultura Galega, como órgano resolutorio do expediente, na cal constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión da bolsa publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web do Consello da Cultura Galega, http://www.consellodacultura.org, mediante relación nominal do/a beneficiario/a e suplentes e demais supostos, pola que se entenderán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as interesadas e os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

De acordo co disposto no artigo 23.4.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de seis meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para considerar desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da subvención.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas, para recuperaren a documentación presentada.

Décimo primeira. Aceptación das bolsas.

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa polo/a beneficiario/a, este/a disporá dun prazo de dez (10) días hábiles para comunicarlle ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa polo beneficiario/a, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo unha declaración responsable na cal consten o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control, onde deberá ser aboada a bolsa.

Se nese prazo algún/nha dos/das beneficiarios/as fíxese renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo de 15 días hábiles seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, que deberá ser alegada por escrito no referido prazo. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo segunda. Pagamento e xustificación.

O pagamento da bolsa realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida polo secretario do Consello da Cultura Galega, de acordo co informe emitido polo director do proxecto de investigación a que estea adscrita a bolseira ou bolseiro, sempre que as actividades de formación desta/e se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa. Co último pagamento deberá presentar declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo terceira. Natureza xurídica da relación.

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os bolseiros e bolseiras. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, as bolseiros e os bolseiros quedan asimiladas/os a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo cuarta. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento.

a) Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da bolseira e do bolseiro ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou pola realización de traballo remunerado.

b) O presidente do Consello da Cultura Galega poderá conceder, por unha vez, a interrupción da bolsa por petición razoada do interesado ou interesada, logo do informe do/a coordinador/a científico/a do proxecto. A interrupción non poderá ser nunca superior a 3 meses ao longo da duración da bolsa e non dará lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. A persoa interesada nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa interrupción.

Se algún/algunha dos/as beneficiarios/as destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado/a para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao presidente do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes, sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas.

c) As beneficiarias e os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O incumprimento por parte da bolseira ou bolseiro de calquera das condicións recollidas na presente orde e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Réxime de desenvolvemento.

Primeira. Os/as bolseiros/as seleccionados/as quedarán obrigados/as a:

a) Permanecer na sede do Consello da Cultura Galega, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Seguir as indicacións técnicas dos/as coordinadores/as ou titores/as do proxecto.

d) Entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado desta.

Segunda. Os/as coordinadores/as ou titores/as que dirixan os/as bolseiros/as poderán propoñerlle ao presidente do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización ao Consello da Cultura Galega para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas cando proceda.

b) A reserva que o/a peticionario/a poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que comunicar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Cultura Galega publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

A concesión das bolsas reguladas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta.

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012.

Ramón Villares Paz
Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I
Dúas bolsas para colaborar na Área de Publicacións

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ser licenciado/a en Filoloxía Galega.

Valoraranse como méritos:

– Posuír coñecementos de tradución e corrección.

– Posuír coñecementos de edición de textos.

– Posuír coñecementos de informática.

ANEXO II
Dúas bolsas para colaborar na Área de Documentación

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ser diplomado/a en Biblioteconomía e Documentación ou licenciado/a en Documentación.

Valoraranse como méritos:

– Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc.

– Posuír coñecementos do programa de catalogación AbsysNET.

– Posuír coñecementos de informática.

– Posuír experiencia en xestión documental.

ANEXO III
Unha bolsa para colaborar na Área Técnica

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na Área Técnica do Consello da Cultura Galega.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ter estudos de técnico/a de imaxe e son (grao superior de técnico/a de Son ou Imaxe-FP ou similar ou outra titulación superior).

Valoraranse como méritos:

– Posuír coñecementos de programas de edición e de gravación de audio e vídeo dixitais.

– Posuír experiencia de edición dixital, tanto de audio como de imaxe.

missing image file
missing image file
missing image file