Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15682

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 117/2012, do 20 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial EP-8601 Rúa Deputación en prol do Concello de Pontecesures.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Pontecesures solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade da estrada provincial EP-8601 denominada «Rúa Deputación».

Ao amparo das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, en sesión ordinaria levada a cabo o día 28.10.2011, acordou o cambio de titularidade en prol do Concello de Pontecesures da seguinte estrada: EP-8601 «Rúa Deputación».

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Pontecesures da seguinte estrada: EP-8601 «Rúa Deputación».

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Pontecesures deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía ao que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponden ao Concello de Pontecesures, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas