Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15774

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal do Grove (Pontevedra), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

A respecto da autorización para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Grove (Pontevedra), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu o 15/11/2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Aínda que o proxecto de autorización administrativa de Gas Galicia SDG, S.A. xa foi sometido ao trámite de información pública, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 8 de febreiro de 2008 (publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de febreiro, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 9 de abril e nos xornais La Voz de Galicia do 23 de febreiro e Faro de Vigo do 29 de febreiro de 2008, e exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Grove do 14 de febreiro ao 7 de marzo de 2008), cómpre realizar novamente este trámite de información pública porque o novo proxecto recolle modificacións substanciais respecto do que foi sometido á devandita información pública.

Por tanto, e para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Grove (Pontevedra), de conformidade co proxecto presentado para o efecto.

Descrición das instalacións:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha instalación de GNL (gas natural licuado) que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como solo non urbanizable común (SNUC) na estrada PO-9102. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións dos núcleos urbanos do Grove e da Illa da Toxa.

– E unha rede secundaria de distribución (en diámetro inferior a 160 mm), en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN160 a DN63, segundo necesidades, e a súa lonxitude será de 24.291 m (5.394 m da rede básica e 18.897 m da rede secundaria).

Termo municipal: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal do Grove, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: un millón cincocentos corenta e oito mil cincuenta e nove euros con vinte e catro céntimos (1.548.059,24 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días, a partir da data de publicación deste anuncio, e poden examinar o proxecto de autorización administrativa na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, bloque 5, 4.º andar - 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, rúa Fernández Ladreda, 43-5.º - 36003 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas