Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15730

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da Dirección do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que se creará o Instituto de Estudos do Territorio coa natureza, fins e medios que se establezan na súa lei reguladora. Consecuencia do mandado legal citado, a través da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, créase o Instituto, e disponse a súa adscrición á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, ao tempo que se regulan os aspectos indicados na Lei 10/1995, do 23 de novembro.

O 2 de xaneiro de 2012 foi publicado no Diario Oficial de Galicia o Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio. Esta entidade instrumental será a responsable de materializar a política en materia de investigación, análise e estudo da ordenación do territorio e o urbanismo no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia e substitúe nestas funcións á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e a Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Segundo o previsto no artigo 12 dos citados estatutos, a presidencia do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio será exercida pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Na actualidade concorren na persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas competencias propias da súa condición de membro do Goberno da Xunta de Galicia e de titular da presidencia do Instituto de Estudos do Territorio. Esta actividade administrativa leva consigo unha concentración de funcións cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal recorrer á delegación de competencias.

Son as competencias propias da persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio as que son obxecto de delegación a través desta resolución, respectando os principios que informan a actividade administrativa, e co fin de ordenar esta co obxecto de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Delégase na persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio o exercicio das seguintes competencias:

1. En materia de comisións de servizo, a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. En materia de xestión patrimonial, o exercicio das facultades que a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa en materia de patrimonio atribúan ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental, en relación aos bens adscritos ou susceptibles de seren adscritos ao Instituto de Estudos do Territorio.

3. En materia de recursos contra actos doutras administracións, resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Segundo. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para resolver os recursos administrativos de alzada interpostos contra actos administrativos ditados polo director do Instituto de Estudos do Territorio no exercicio das súas funcións e, de ser o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

Terceiro. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta resolución teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avocar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan nesta resolución e para, se for o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

4. As competencias que se delegan por esta resolución, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio, e mentres persistan aquelas circunstancias, serán exercidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. No caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as competencias que se delegan por esta resolución serán exercidas de acordo co establecido no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Cuarto. Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Eficacia.

A presente resolución producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto de Estudos do Territorio