Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 3 de maio de 2012 Páx. 16125

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de marzo do 2012, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca un concurso de premios para a elaboración de carteis, fotografías, soportes audiovisuais e ilustracións que teñan como tema os dereitos das persoas consumidoras, dirixido ao alumnado de escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos.

O Instituto Galego de Consumo (en adiante, IGC) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta para impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación para o consumo en todos os ámbitos do ensino regrado non universitario.

Como queda reflectido nos distintos textos lexislativos, a educación para o consumo representa un tema relevante no ámbito educativo e desenvolve un papel de mediador entre os intereses e as necesidades da sociedade actual.

Por outra banda, un punto sumamente importante que debe abordar a educación para o consumo é o da publicidade e os medios de comunicación de masas. Resulta imprescindible dotar o alumnado de coñecementos básicos que permitan afrontar con actitude crítica e selectiva a ampla oferta de produtos e servizos, presentada a través das campañas publicitarias.

As manifestacións artísticas constitúen tamén un elemento fundamental para o crecemento económico e social porque este ámbito contribúe á reconversión de sectores produtivos tradicionais, especialmente en aspectos relacionados coa produción cultural, plástica, tecnolóxica, audiovisual e científica.

O Libro Branco da Educación para o Consumo en Galicia (2003), nas súas recomendacións recolle que o labor de difusión dos dereitos dos consumidores, debe ser un obxectivo prioritario na súa política de defensa. Esta necesidade require da concorrencia de múltiples accións informativas e formativas impulsadas desde a propia Administración galega.

Por iso, o coñecemento e reflexión sobre os dereitos das persoas consumidoras desde unha perspectiva artística e visual contribúe, mediante a súa divulgación, á sensibilización das novas xeracións como consumidoras e consumidores responsables, é dicir, como cidadáns preparados para actuar nunha sociedade altamente tecnificada e que se desenvolve a través de relacións económicas complexas e cambiantes, en que a información e formación son a principal arma para a defensa fronte ás desigualdades que presenta o mercado.

O IGC conta cunha escola de formación e o Decreto 184/2011, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo atribúe á Escola Galega de Consumo, entre outras funcións, o deseño e xestión de concursos, certames e exposicións en materia de formación e educación en consumo.

En relación co anterior, o IGC e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conflúen no interese de dirixir as accións formativas no ámbito de consumo a todos os estamentos da educación regrada non universitaria e con este fin convocan para o ano 2012 un concurso de premios dirixido ao alumnado de escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos, para a elaboración de carteis, fotografías, soportes audiovisuais e ilustracións sobre os dereitos das persoas consumidoras interpretados a través dunha perspectiva artística: plástica e audiovisual.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar un concurso de carteis, ilustracións, fotografías, vídeos e cuñas de radio que teñan como tema os dereitos das persoas consumidoras, en xeral ou algún deles en particular, usando como vehículo a creación artística.

Artigo 2. Destinatarios.

Poderá participar neste concurso o alumnado matriculado nos distintos ciclos e especialidades das escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuíndose os participantes nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A: carteis, dirixida ao alumnado das escolas de arte e ciclos superiores de deseño e produción editorial.

2. Modalidade B: fotografías, dirixida ao alumnado das escolas de arte e escolas de imaxe e son.

3. Modalidade C: vídeos, dirixida ao alumnado de ciclos superiores de comunicación, imaxe e son.

4. Modalidade D: cuñas de radio, dirixida ao alumnado de ciclos superiores de comunicación, imaxe e son.

5. Modalidade E: ilustracións, dirixida ao alumnado de bacharelatos artísticos.

Artigo 3. Dotación económica.

Outorgaranse tres premios de 1.400, 900 e 700 euros, respectivamente, para o primeiro, segundo e terceiro clasificado en cada unha das modalidades citadas no artigo anterior.

Os premios, por unha contía total de 15.000 euros, faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2012, en que existe crédito adecuado e suficiente.

Artigo 4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos comezará o día da publicación desta convocatoria no DOG e rematará o día 19 de maio de 2012.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten en cada unha das cinco modalidades, irán acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á presidenta do Instituto Galego de Consumo, identificada como anexo I, en que se indique a modalidade na cal concursa.

b) Un certificado do centro onde os/as participantes efectúe/n os seus estudos, en que consten os datos de cada alumno/a, curso e modalidade educativa que realiza.

c) Fotocopia do NIF en caso de que o interesado non preste expresamente o consentimento para a comprobación dos datos, segundo o establecido no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

En caso de que non sexa posible o acceso electrónico a que fai referencia o artigo 2.2 do citado decreto e nos procedementos en que sexa imprescindible coñecer os datos identificativos do documento nacional de identidade ou tarxeta equivalente dos estranxeiros/as a que se refire o mesmo artigo, os órganos administrativos convocantes deste concurso poderán exixir a achega da fotocopia dos citados documentos.

Os traballos que participen, acompañados da documentación antedita, deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999.

Así mesmo, tamén poderán presentar a solicitude (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

O IGC velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e os que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, o IGC revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao seu caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo (avda. Gonzalo Torrente Ballester, 1-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela) ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Características dos traballos.

Os traballos que concursen nas distintas modalidades presentarán as seguintes características:

Con carácter xeral:

a) Deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) No caso de incluír texto, estará redactado en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

c) Non poderán incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

d) No caso de que aparezan menores, deberá xuntarse obrigatoriamente a correspondente autorización para o uso da súa imaxe asinada polos pais, nais, titores/as ou representantes legais.

e) Eliminaranse os estereotipos sexistas e/ou discriminatorios e fomentarase o igual valor de homes e mulleres.

Con carácter específico para cada modalidade:

Modalidades A e E, carteis e ilustracións: presentarán unhas dimensións máximas de 50×70 centímetros. Estarán montados sobre unha base ríxida, preparados para a súa exposición. A técnica empregada será libre. Estes traballos xuntarán na parte traseira unha nota do autor ou autores explicando brevemente a composición en relación co dereito que se representa.

Modalidade B, fotografías: presentaranse impresas en papel fotográfico, en branco e negro ou cor, cunhas dimensións mínimas de 18 centímetros e máximas de 40 centímetros no seu costado máis longo. Estarán montadas sobre unha base ríxida, preparadas para a súa exposición. A técnica empregada será libre, debendo presentar nunha ficha técnica as características do tratamento fotográfico, se o houbese, acompañado dunha nota do autor/es que explique brevemente a composición en relación co dereito que se representa.

Modalidade C, vídeos: terán unha duración máxima de 3 minutos, incluíndo os títulos de crédito. Presentaranse coa mellor calidade de visionado posible, nalgún dos formatos seguintes: MPG (en calquera das súas versións), WMV, AVI e MOV. O vídeo irá acompañado dunha portada en formato JPG, realizada para presentala, cun peso máximo de 100 K.

Modalidade D, cuñas de radio: Terán unha duración máxima de 30 segundos. Presentarase en formato MP3 e irán gravadas nun disco compacto. Acompañará á cuña unha portada en formato JPG, realizada para presentalo, cun peso máximo de 100 K.

Artigo 7. Xurado.

1. Os traballos que se presenten nas distintas modalidades serán examinados e avaliados por un xurado que presentará a seguinte composición:

• Presidente: o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa que designe.

• Vicepresidenta: a presidenta do Instituto Galego de Consumo ou persoa que designe.

• Vogais:

– Un representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un representante do Instituto Galego de Consumo.

– Un representante das asociacións de consumidores designado polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

• Secretaria:

– A directora técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e as recollidas na sección 3, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, cando as características dos traballos así o permitan.

Artigo 8. Criterios de valoración.

Os traballos presentados nas distintas modalidades serán avaliados cunha puntuación máxima de 10 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Adecuación dos traballos ao tema proposto: ata 4 puntos.

b) Claridade da mensaxe: ata 2 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade: ata 2 puntos.

d) Calidade técnica e artística: ata 2 puntos.

Artigo 9. Incompatibilidade.

A concesión destes premios será incompatible con calquera outro premio concedido ao mesmo traballo con anterioridade á súa presentación ou con calquera axuda ou subvención para a súa realización, outorgada por outras administracións públicas ou por entidades privadas.

Artigo 10. Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 15.000 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2012, en que existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os destinatarios dos premios teñen a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de que calquera das condicións establecidas para a súa concesión fose incumprida, existirá obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 11. Difusión e publicación.

A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos que resulten gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Calquera apropiación indebida de dereitos de autor ou autoría nas fotografías, carteis, soportes audiovisuais e ilustracións que se presenten ao concurso é responsabilidade da persoa que os presenta.

En aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Consumo publicarán na súa páxina web oficial a relación das persoas premiadas e os importes concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 12. Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar os traballos non premiados, no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolvese antes do 31 de decembro de 2012.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á presidenta do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer, se é o caso, calquera outro, que consideren procedente.

Artigo 14. Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira. Delegación de competencias.

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2012.

María Nava Castro Domínguez Jesús Vázquez Abad
Presidenta do Instituto Galego Conselleiro de Cultura, Educación
de Consumo e Ordenación Universitaria

missing image file