Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18486

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Emalcsa.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Emalcsa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Carlos Negreira Souto, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Emalcsa foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 17 de febreiro de 2012, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, co número de protocolo 284, pola entidade mercantil Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A., que actúa representada polo presidente do seu Consello de Administración, Carlos Negreira Souto.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada tamén na Coruña o 2 de abril de 2012, ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 385.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

a) Deseñar, promover e realizar, de xeito directo ou concertado, programas de integración social, prestacións sociais, promoción económica e fomento do emprego, e todas aquelas actividades de colaboración e apoio ás funcións que o Concello da Coruña leve a cabo, ou teña previsto desenvolver no futuro, no marco da súa política social, de asistencia social e axuda humanitaria, de promoción e desenvolvemento económico e empresarial, e de emprego.

b) A promoción, o desenvolvemento e o fomento da educación e do deporte.

c) O desenvolvemento e impulso de todo tipo de manifestacións culturais na cidade da Coruña e a difusión da cidade no mundo e especialmente no ámbito da Unión Europea.

d) Contribuír á análise, deseño e execución de novas estratexias de funcionamento e desenvolvemento urbanos e de prestación de servizos municipais.

4. Na escritura de constitución constan os extremos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do Padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado polo alcalde presidente do Concello da Coruña, Carlos Negreira Souto, como presidente; o tenente alcalde concelleiro responsable da Área de Seguridade e Mobilidade do Concello da Coruña, Julio Antonio Flores Pérez, como vicepresidente; a tenente alcalde concelleira responsable da Área de Servizos Sociais, Cultura, Deportes e Educación do Concello da Coruña, Ana María Fernández Gómez; e o concelleiro delegado de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Miguel Lorenzo Torres; e o concelleiro delegado de Educación, Deportes e Xuventude do Concello da Coruña, Francisco José Mourelo Barreiro, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural da Fundación Emalcsa, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de abril de 2012, clasificouse como de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural a Fundación Emalcsa, e adscribiuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Emalcsa, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación Emalcsa, polo que:

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Emalcsa.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como da presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2012.

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza