Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2012 Páx. 19177

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2012.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e o Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresan a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas como privadas, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos, e concretamente a súa conservación, coidado, promoción e difusión, así como velar pola accesibilidade aos documentos custodiados nos arquivos como garante dos dereitos e deberes dos cidadáns e das administracións públicas.

Un elemento fundamental no funcionamento dos arquivos é a cualificación e formación técnica. A existencia de estudos universitarios dedicados a esta especialidade corrobora a súa importancia. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículum vitae académico. Trátase dunha formación titoriada por profesionais con coñecementos e experiencia neste ámbito. Polo seu carácter formativo é preciso poñer un límite no desfrute das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras das concesións destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e se procede á convocatoria correspondente ao programa 2012 de bolsas de formación en arquivos de Galicia.

2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas coa organización e descrición ou con outros procesos que integran o tratamento técnico dos fondos documentais custodiados nos arquivos municipais de Galicia e outros arquivos de interese galego. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos a que sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprenderá unha parte teórica impartida por persoal técnico designado pola Secretaría Xeral de Cultura.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na que predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Ter acreditado o dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial.

3. Non ter desfrutado con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas dun período de tempo superior a vinte e catro meses (24) en bolsas das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a organización e descrición de arquivos galegos.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas.

1. O número de prazas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 5 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración máxima de seis meses (6), contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.20.432A.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe total de cento once mil setecentos sesenta e dous euros (111.762 €).

4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 3.640,80 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais, a razón de 30,34 € por bolseiro/a e mes.

5. O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos un euros cun céntimo (901,01 €). O importe bruto total de cada bolsa non excederá a cantidade de cinco mil catrocentos seis euros con seis céntimos (5.406,06 €).

6. As bolsas poderán ser prorrogables automaticamente outros seis meses (6) en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria por calquera das seguintes vías:

a) No Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do solicitante. Para isto o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509v3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma

b) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en San Caetano ou nas súas xefaturas territoriais.

c) Nas oficinas de correos, en sobre aberto para a selaxe da solicitude.

d) Por calquera outra das previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O formulario electrónico estará dispoñible no enderezo https://sede.xunta.es/portada Para cubrir correctamente os formularios de solicitude no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Secretaría Xeral de Cultura a través do teléfono 981 95 78 21; do número de fax 881 99 97 40 ou do enderezo de correo electrónico servizodearquivos.cultura@xunta.es

Nestes formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Os/as solicitantes deberán indicar un enderezo de correo electrónico permanente, persoal e intransferible para efectos de notificacións.

As solicitudes poderán presentarse tamén en papel, cubertas a máquina ou á man, pero neste caso deberá facerse en letras maiúsculas e con caracteres lexibles. O modelo de solicitude estará ao dispor dos interesados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nas súas xefaturas territoriais e na páxina web desta consellería: http://culturaeturismo.xunta.es/oficina/ na epígrafe de trámites e axudas.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Documentación que hai que presentar:

a) Solicitude segundo o modelo que figura como anexo na convocatoria.

b) Fotocopia do DNI ou equivalente, só no caso de non autorizar este no anexo I.

c) Fotocopia compulsada do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

d) Fotocopia compulsada da acreditación do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega.

e) Fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

4. A Secretaría Xeral de Cultura poderá exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento.

5. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 5. Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1. Titulación académica:

– Especialidade ou orientación universitaria en Arquivística ou Patrimonio Documental: 2 puntos.

– Master en Arquivística: 2 puntos.

– Cursos de doutoramento en Arquivística: 2 puntos.

2. Expediente:

– Puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 15 puntos.

3. Formación complementaria:

a) Cursos de Arquivística, Diplomática, Paleografía e Historia das Institucións e Informática aplicada aos arquivos organizados por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de arquiveiros:

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 por curso ata un máximo de 0,75 puntos.

b) Cursos de Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións e Informática aplicada aos arquivos impartidos por outros organismos: valoraranse segundo a súa duración cos criterios establecidos no punto anterior, ata un máximo de 0,75 puntos.

c) Congresos, xornadas e seminarios:

– Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de Arquivística, Diplomática, Paleografía ou Historia das Institucións: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50 puntos.

Os cursos e congresos non específicos que se acrediten, deberán ir acompañados do seu correspondente programa.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

4. Formación en lingua galega:

– Curso de perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

5. Experiencia.

– Con acreditación expresa, na realización de tarefas técnicas en arquivos: 0,15 puntos por mes, ata o máximo de 4 puntos.

Artigo 6. Instrución e avaliación.

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselle un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselle que se non o fixer se lle terá por desistido da súa solicitude de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Secretaría Xeral de Cultura, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, e durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 7. Resolución e recursos.

1. A Secretaría Xeral de Cultura elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva a/ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, e poderá designar, ademais, os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se poida formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. Esa resolución, así como os actos que se deban notificar de forma conxunta a todos os interesados, e, en particular, os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais, e nos outros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso; esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.

Artigo 8. Publicidade.

1. A resolución farase pública, para efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais.

Así mesmo, e para efectos meramente informativos, esta resolución publicarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figure na convocatoria.

Artigo 9. Aceptación das bolsas.

1. Os bolseiros que resultasen adxudicatarios dunha das bolsas convocadas, elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan acaecer.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación de resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos das súas xefaturas territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Secretaría Xeral de Cultura a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Secretaría Xeral de Cultura procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 10. Pagamento das bolsas e xustificación.

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en seis (6) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura e unha vez que o beneficiario presentase a documentación fixada no artigo 11.d).

2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11. Obrigas dos bolseiros.

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os bolseiros seleccionados quedan obrigados a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Secretaría Xeral de Cultura. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida. Non obstante, a Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar un aprazamento de ata un máximo de 15 días naturais na incorporación á bolsa, que se concederá, tras a petición expresa do interesado/a e por causas debidamente xustificadas e acreditadas.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente informe da actividade realizada e ao finalizar a bolsa, memoria explicativa de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de desfrute da bolsa.

e) Presentar antes do primeiro pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Así mesmo, antes do primeiro pagamento, deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 12. Carácter das bolsas.

1. A pedimento dos/as interesados/as, ao remate da bolsa a Secretaría Xeral de Cultura, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e da entrega dos informes e memorias da actividade realizada, expedirá certificación acreditativa desta.

2. As bolsas non implicarán relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

3. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, os/as bolseiros/as deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do centro onde estiveron destinados.

Artigo 13. Devolución e expurgo das solicitudes.

Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 14. Renuncias, revogación e reintegros de cantidades.

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Secretaría Xeral de Cultura polo menos con sete días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A renuncia durante o período de desfrute da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario/a para efectos de presentación na seguinte convocatoria, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Secretaría Xeral de Cultura.

Artigo 15. Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Réxime xurídico.

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, e a Lei  30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do rocedemento administrativo común, e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file