En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e en uso das facultades que teño conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único.
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás empresas xornalísticas radicadas en Galicia.
2. Contra estas bases reguladoras cabe interpor os seguintes recursos:
a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2012.
Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios
ANEXO
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.
1. De acordo co artigo 1 do Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións as empresas xornalísticas radicadas en Galicia que estean debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables.
1. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican:
a) Xornais escritos publicados por empresas xornalísticas.
Poderánselles conceder ás empresas xornalísticas que, cumprindo o resto dos requisitos establecidos nesta resolución, editen, publiquen e distribúan xornais escritos. En todo caso, deberán estar incluídas no informe do estudo xeral de medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
Quedan excluídos da concesión desta axuda as publicacións de distribución gratuíta.
b) Servizos de radiofonía prestados por empresas radiofónicas privadas.
Poderánselles conceder ás empresas radiofónicas privadas que, dispondo de título administrativo habilitante para a explotación do servizo de comunicación audiovisual na Comunidade Autónoma de Galicia e realizando as súas emisións no seu territorio, cumpran cos requisitos establecidos nesta resolución. En todo caso, deberán estar incluídas no informe do estudo xeral de medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
Quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que no momento da solicitude non sexan titulares da correspondente licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual mediante ondas hertzianas terrestres.
c) Servizos de información prestados por empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet.
Poderánselles conceder ás empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet ou calquera outra nova tecnoloxía da comunicación que cumpran cos requisitos establecidos nesta resolución.
En calquera caso, quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que presten o servizo de comunicación audiovisual radiofónica única e exclusivamente a través da internet.
2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.
A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.
En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.
Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que se imputasen polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
Artigo 3. Definicións.
De acordo co artigo 1 do Decreto 71/1999, do 18 de marzo, entenderase:
a) Por empresas xornalísticas, as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva, as empresas radiofónicas privadas que dispoñan de titulo administrativo habilitante para a explotación do servizo de radiodifusión outorgado pola Comunidade Autónoma de Galicia e aquelas que transmitan a súa actividade informativa diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación.
b) Por empresas radicadas en Galicia, aquelas que conten cun cadro de persoal estable de polo menos cinco traballadores que presten os seus servizos no ámbito territorial de Galicia e que elaboren e difundan toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma.
Artigo 4. Beneficiarios.
1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura.
2. Quedan excluídos da concesión de axudas:
a) Os boletíns interiores de institucións. As publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.
b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.
c) As que, ao longo do ano 2011, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.
d) As empresas radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo, nas cales as súas emisións se baseen en contidos musicais.
e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.
Artigo 5. Competencia.
A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular do órgano competente en materia de medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, punto 1.c) do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse nos lugares e prazo que se indican na correspondente convocatoria.
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.
Artigo 7. Autorizacións.
1. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento no anexo I. Daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou de Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.
Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal previstos na lei poderán exercerse dirixindo un escrito ao órgano competente en materia de medios de comunicación.
Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
3. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa solicitante autoriza expresamente ao órgano competente en materia de medios para que, de acordo co establecido no punto 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique relación de beneficiarios, importe das axudas concedidas, finalidade, convocatoria, programa e crédito orzamentario no Diario Oficial de Galicia e na páxina oficial do órgano administrativo, coas exencións previstas no artigo 15.2.c) e d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 8. Documentación.
As solicitudes de axuda (modelo anexo I) deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta resolución, que se actualizarán nas correspondentes convocatorias, xunto coa documentación necesaria.
No caso de presentación de solicitudes en soporte papel deberán ir acompañadas do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada dos documentos solicitados.
Poderán presentarse as solicitudes en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante ou persoa que a represente, que deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3. Neste caso deberán achegarse copias dixitalizadas dos documentos, cuxa fidelidade co orixinal garantirán mediante a utilización da sinatura electrónica avanzada. O órgano competente en materia de medios poderá solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo, e con carácter excepcional, poderase requirir ao interesado a exhibición do documento orixinal. A achega de tales copias implica a autorización da Administración para que acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
De acordo coa Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, non se poderá solicitar ás persoas interesadas a achega dos seguintes documentos:
– Aqueles xerados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais do sector público e os que xa fosen presentados polas persoas interesadas. Para facer efectivo este dereito as persoas interesadas deberán especificar a data en que se presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.
– Aqueles datos, documentos ou certificados dunha Administración pública para os que existan sistemas corporativos de interoperabilidade postos á disposición pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Documentos doutras administracións públicas, se se achegan copias destes que conteñan un código seguro de verificación que cumpra co disposto no artigo 18.1.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
As solicitudes de axuda deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
1. Documentación común:
a) NIF da entidade solicitante.
b) Autorización incluída no anexo I para que o órgano competente en materia de medios proceda a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. No caso de non prestar autorización debe presentarse o DNI do representante legal da empresa.
c) Testemuño auténtico da escritura de poder cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.
d) Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopte.
e) Documento acreditativo do pagamento do imposto sobre actividades económicas (IAE). No caso de que a entidade estea exenta, deberá xustificar a exención mediante certificado expedido pola Administración pública correspondente.
f) Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do número anual medio de traballadores en situación de alta durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
g) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude na cal se faga constar, tanto no que se refire á entidade xurídica como aos seus administradores e/ou representantes legais, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo II.
h) Declaración acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
i) Declaración responsable comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas, segundo o modelo do anexo II.
j) Declaración responsable indicando a porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da identidade e cultura de Galicia segundo o modelo do anexo III.
2. Documentación especifica:
I) Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.
a) Memoria asinada en que se faga constar os números publicados durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.
b) Valorarase a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. No seu defecto, declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, xunto coa documentación que o acredite.
c) Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a que vai manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega en cada cabeceira (anexo IV) ata o 31 de decembro do ano da convocatoria.
II) Axudas a empresas radiofónicas privadas.
a) Memoria asinada en que se faga constar a programación, especificando que parte dela se realiza en lingua galega.
b) Informe do estudo xeral de medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
c) Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a que continuará realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria, no caso de ser beneficiaria da axuda (anexo IV).
III) Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet.
a) Memoria asinada en que se faga constar os números publicados desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.
b) Declaración do número de visitas efectuadas. Valoraranse as certificacións expedidas por unha entidade de control da difusión, referidas ao período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
c) Declaración responsable do representante da empresa, comprometéndose a que vai manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega en cada cabeceira (anexo IV).
Artigo 9. Instrución do procedemento.
1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativos aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.
O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.
2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poidan resultar necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación e informe, regulada no artigo seguinte.
5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións esixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación das súas causas.
Artigo 10. Comisión de valoración.
1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin elaborará un informe no cal se avaliarán as solicitudes presentadas segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como o importe da axuda correspondente a cada un dos solicitantes.
2. A comisión de valoración estará formada polos membros que se determinen na correspondente convocatoria e que, en todo caso, terá a seguinte composición:
a) Presidente: unha persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.
b) Vogais:
– Unha persoa con rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.
– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación con categoría non inferior á de xefe de servizo.
– Unha persoa funcionaria proposta polo órgano competente en materia de política lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.
c) Secretario/a: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación, por proposta do presidente, que actuará con voz pero sen voto.
Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:
I) Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.
a) Criterio referido á difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. A distribución do crédito farase en proporción directa aos exemplares difundidos da publicación obxecto da avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os exemplares difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total difundido por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. Para o cálculo individualizado do importe da cada axuda terase en conta a porcentaxe do uso do galego empregado que declara cada unha das empresas beneficiarias en relación coa súa difusión.
c) Criterio referido á porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda no referido á normalización e difusión da lingua galega teranse en conta os números difundidos da publicación fóra de Galicia, nos cales se promovan os valores, a lingua e a cultura da Comunidade Autónoma de Galicia.
II) Axudas a empresas radiofónicas privadas.
a) Criterio referido ao número de oíntes. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de oíntes do medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de oíntes de cada un dos beneficiarios en relación co número total de oíntes de todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda referido ao emprego regular do galego por parte do medio, terase en conta a parte da programación que cada medio realiza en galego en relación co total da programación emitida.
III) Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet ou calquera outra nova tecnoloxía da comunicación.
a) Criterio referido ao número de visitas. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de visitas que reciba o medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de visitas que reciba cada un dos beneficiarios en relación co número total de visitas que reciben todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003. Distribuirase segundo este criterio a porcentaxe do crédito total que se estableza na correspondente convocatoria. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda no referido ao emprego regular do galego por parte do medio, terase en conta a parte da información que cada medio publica en galego en relación co total da información emitida.
Artigo 12. Resolución e notificación.
1. O órgano instrutor remitirá o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, quen ditará a correspondente resolución, concesoria ou denegatoria, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación, e fará constar, de ser o caso, de maneira expresa a desestimación do resto das solicitudes.
A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Réxime de recursos.
As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios porán fin á vía administrativa, polo que contra elas poderán os interesados interpor os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución obxecto de impugnación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 14. Xustificación e pagamento.
1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto nos artigos 48, 50 e 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela. Utilizaranse os modelos normalizados, que se actualizarán nas correspondentes convocatorias e que figuran como anexos numéricos a esta resolución, incluíndo, en todo caso:
I) Documentación específica. Conta xustificativa.
A) Para as empresas beneficiarias dunha axuda igual o superior a 30.000 euros.
a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto da subvención, que conterá unha relación dos gastos e investimentos correspondentes no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria, así como os custos xerais e/ou indirectos que se asignan á actividade subvencionada.
b) Informe dun auditor de contas, designado polo beneficiario, que revise a conta xustificativa. En todo caso, no informe debe quedar acreditado que o importe da axuda concedida é inferior aos custos xerados pola difusión das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións encamiñadas a defender a identidade de Galicia e dos seus intereses, a promoción dos seus valores, a normalización da súa lingua e o afondamento e difusión da súa cultura no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria.
B) Para as empresas beneficiarias dunha axuda inferior a 30.000 euros.
a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:
– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, e as súas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente xustificantes do gasto e do pagamento.
– Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiaron a actividade subvencionada, con indicación do importe e procedencia.
II) Documentación xeral.
a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas, segundo o modelo do anexo II.
c) Declaración responsable do representante da empresa beneficiaria en que se acredite a realización de actividades orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura, así como o fomento do idioma galego.
d) Para os efectos de xustificar os compromisos que se recollen nos artigos 8.2.I.c) e 8.2.II.c), a empresa beneficiaria presentará declaración responsable do representante da empresa, na cal se certifique que se cumpriron os ditos compromisos ata a data da concesión da axuda, xunto coa documentación que o acredite.
O incumprimento destes compromisos será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 17 destas bases.
e) Declaración responsable en que consten os datos bancarios necesarios para efectuar o pagamento da axuda, incluíndo código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de conta (modelo anexo V).
f) De ser o caso, certificación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
g) Declaración responsable de non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo II).
h) Declaración responsable en que se comprometan a respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, polo menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos, a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada (modelo anexo IV).
i) Escrito de aceptación expresa da axuda.
Transcorrido o prazo concedido para a súa aceptación na resolución de concesión sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:
a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida.
c) A dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.
d) De ser o caso, a acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o cal achegarán a declaración responsable sinalada no artigo 14.2.II.g).
f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.
g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.
h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
i) A dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
k) No caso de empresas radiofónicas privadas, a continuar realizando as emisións en galego na porcentaxe declarada ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria.
Artigo 16. Compatibilidade.
As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.
Artigo 17. Modificación da resolución e reintegro das subvencións.
1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:
a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.
b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou o non xustificado.
4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Artigo 18. Infraccións e sancións.
As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Publicidade.
1. De acordo co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, aplicación orzamentaria, contía e finalidade da subvención.
2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, publicaranse no taboleiro de anuncios do órgano competente en materia de medios.
Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
Artigo 21. Remisión normativa.
Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:
1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
4. Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio.
5. Resto de normativa que resulte de aplicación.