Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 24 de maio de 2012 Páx. 19621

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 21 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2012.

Por medio da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 17 de marzo de 2010, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia. Estas bases consolidaron aínda máis as accións formativas que xa se viñan promovendo con anterioridade pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e serviron para mellorar a capacidade e preparación dos profesionais para actuar no mercado con eficiencia, seguridade e solvencia.

A orde que agora se aproba continúa esa senda de dinamización do sector, simplificando os trámites a través da incorporación das novidades que en materia de administración electrónica establece o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e a redución de cargas administrativas que prevé a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Dáselle así un novo pulo a un programa que se apoia nas entidades que mellor representan as inquedanzas do sector do transporte por estrada, isto é, aquelas que se integran no Comité Galego de Transportes, para facilitar a realización de cursos de interese xeral para o dito sector. Todo iso redunda, como xa teñen demostrado as convocatorias precedentes, nunha mellora da súa competitividade e eficacia que xustifica un novo esforzo neste eido.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Créditos orzamentarios e contía.

1. A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.512A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por importe de cincocentos mil euros (500.000 €).

Non obstante, o importe indicado poderá ser ampliado de concorrer algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas convocadas poderán cubrir ata o 100% do custo total dos cursos ou seminarios incluídos no plan formativo, coas limitacións establecidas no artigo 2 e concordantes das bases reguladoras.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias e solicitudes.

1. Os requisitos que deberán reunir as entidades beneficiarias son os enumerados no artigo 3 das bases reguladoras.

2. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado incluído como anexo III desta orde; con ela achegaranse, ademais, os documentos que se especifican no artigo 4.3 das bases reguladoras, incluída a descrición do plan formativo, que se axustará ao anexo IV desta orde.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Praza de Europa, 5-2.º andar, Área Central-As Fontiñas, Santiago de Compostela). Poderán tamén presentarse mediante os restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, e de conformidade co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, a solicitude e mais a documentación necesaria poderá presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/sede-electronica).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 26 de xuño de 2012, incluído.

Artigo 5. Procedemento de concesión e xustificación.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e valoradas consonte os criterios recollidos no artigo 10 destas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes que se establece no artigo 4.2 desta convocatoria.

3. De acordo co disposto no artigo 15 das bases reguladoras, establécense os seguintes prazos de xustificación:

– O 31 de agosto de 2012 será o último día para presentar a documentación xustificativa de accións formativas que supoñan, como mínimo, o 70% do importe total outorgado.

– O 31 de outubro de 2012 será o último día para presentar a documentación xustificativa das accións formativas restantes, as cales, en ningún caso, suporán máis do 30% do importe total outorgado.

A falta de xustificación, total ou parcial, das accións formativas nos prazos indicados implicará a perda do dereito a cobrar os importes que resten ata completar as porcentaxes do 70 e do 30 por cento do total outorgado, respectivamente.

4. Non obstante o previsto no punto anterior, e atendendo ás ordes de cerramento do exercicio orzamentario que dite a Consellería de Facenda, o prazo indicado poderá ser adiantado mediante resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, á que se lle dará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 6. Órganos competentes e resolución.

1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión destas axudas, e corresponderalle ao director xeral de Mobilidade resolver, por delegación do conselleiro, os procedementos de concesión e aprobación do gasto.

2. As resolucións porán fin á vía administrativa, e contra elas poderán interporse os recursos previstos no artigo 12 das bases reguladoras, así coma calquera outro que as persoas ou entidades interesadas consideren procedente.

3. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada á entidade solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de concorrer os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na sección de Mobilidade.

Artigo 7. Información ás persoas e entidades interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) A súa páxina web oficial (http://www.cmati.xunta.es/portal/).

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.es

Disposición adicional primeira. Actividades formativas previas á resolución de outorgamento.

Consideraranse subvencionables ao abeiro desta convocatoria as actividades formativas que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2012 e antes de que recaia resolución definitiva. Esas actividades deberán incluírse, en todo caso, dentro do plan formativo presentado coa solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nas bases reguladoras e mais nesta convocatoria, sinaladamente as relativas aos importes máximos subvencionables, á comunicación do seu inicio e á subcontratación.

Estas actividades non xerarán dereito a cobrar cantidade ningunha no caso de que a resolución definitiva sexa denegatoria.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias.

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para realizar as sucesivas convocatorias das axudas a que se refire esta orde, de acordo coas bases que se inclúen como anexo I.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación
no ámbito do transporte por estrada en Galicia

Artigo 1. Obxecto.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Plan formativo.

1. Para acceder ás axudas reguladas nestas bases, as entidades ás cales se refire o artigo seguinte deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no período de tempo a que se refira a convocatoria correspondente.

Para estes efectos, como anexo II da orde pola que se aproban estas bases publícase a relación básica de cursos que se considerarán subvencionables, estruturados por área, modalidade e duración. Esta relación poderá ser actualizada pola convocatoria para adecuala ás necesidades formativas que se produzan; nese caso, as referencias que se fagan nestas bases ao contido do anexo II deberán entenderse feitas á nova relación actualizada.

A devandita relación básica de cursos subvencionables será desenvolvida e completada por unha guía de referencia que se publicará para cada convocatoria na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. Nela especificaranse as características básicas que deben reunir os cursos, así como os importes máximos que se outorgarán para cada un deles. As especificacións desa guía de referencia teñen carácter vinculante, de xeito que todos os cursos incluídos no plan formativo deberán axustarse a elas para que este poida ser subvencionable.

2. Para que o plan formativo resulte subvencionable, os cursos que inclúa deberán afectar, cando menos, ao seguinte número mínimo de áreas das recollidas no anexo II, segundo o importe de subvención solicitado:

Porcentaxe que supón o custo do plan formativo
en relación co crédito orzamentario dispoñible

Mínimo de áreas do anexo II a que deberá afectar
o plan formativo

10 - 20%

2

21 - 30%

3

Máis do 30%

4

Non se considerará que existe cambio de área cando unicamente varíe a modalidade de realización do curso (presencial, a distancia ou mixto).

3. As axudas outorgaranse de acordo coas consignacións orzamentarias dispoñibles para cada exercicio, e poderán cubrir ata o 100% do custo total do plan formativo. Non obstante, na correspondente convocatoria poderá preverse unha porcentaxe inferior, caso en que se poderán facer as concrecións que resulten precisas na documentación xustificativa indicada no artigo 15 destas bases.

O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellasen, poderá destinarse a impartir outros cursos relacionados coas materias contidas no plan, ou a incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites máximos establecidos na guía de referencia.

Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, a entidade beneficiaria poderá aplicala a realizar aqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.

En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que os afecten, deberán serlle comunicados á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte nos termos do artigo 17.2 destas bases.

4. As axudas previstas nestas bases serán compatibles con calquera outra outorgada por outros departamentos, administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, mais sen que, en ningún caso, o conxunto de axudas recibidas poida superar nin o custo máximo estimado, nin o real, da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento legalmente establecido.

Artigo 3. Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación da convocatoria correspondente, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.

As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou puidese outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.

2. As entidades indicadas no punto anterior deberán, no momento de presentar a solicitude, non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse, antes de iniciar a actividade, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se incorpora como anexo III da orde pola que se aproban estas bases, ou, de ser o caso, ao modelo que se incorpore á convocatoria das axudas; esta solicitude irá acompañada dos documentos especificados no punto 3 deste artigo.

2. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que, para o efecto, esta Administración considere oportunas, e realice tanto mediante os seus propios medios, como mediante a colaboración de servizos externos.

d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías, ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

f) Veracidade dos datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria na que se efectuará o pagamento das axudas, así como de que a entidade solicitante é a súa titular.

3. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada por funcionario público ou órgano oficial competente:

a) Documentación acreditativa do número de identificación fiscal (NIF) de persoa xurídica da entidade solicitante.

b) Acta de constitución da entidade solicitante.

c) Estatutos da entidade solicitante.

d) De non constar nos documentos anteriores, poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.

e) Descrición do plan formativo en relación co cal se solicita a axuda. Este plan axustarase ao formato normalizado que se publica como anexo IV da orde pola que se aproban estas bases, ou, de ser o caso, que se publique coa correspondente convocatoria, e terá o seguinte contido mínimo:

– Orzamento detallado.

– Temática, duración e número de edicións dos cursos ou seminarios.

– Área formativa e subgrupo ao que corresponden segundo o anexo II da orde pola que se aproban estas bases.

– Orientación xeral do plan e xustificación da conveniencia de cada un dos cursos ou seminarios.

– Colectivo a que vai dirixido o plan formativo no seu conxunto e/ou cada un dos cursos ou seminarios.

Así mesmo, ao plan formativo poderán xuntarse cantos documentos se considere que poden facilitar a valoración dos aspectos indicados no artigo 10 destas bases.

4. Non obstante o disposto no punto anterior, non será preciso presentar a documentación referida nas letras a), b), c) e d) se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude, nos termos do artigo 6.3 destas bases.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Poderán tamén presentarse polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, e de conformidade co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, a solicitude e mais a documentación necesaria poderá presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/sede-electronica).

2. O prazo de presentación de solicitudes virá determinado na convocatoria das axudas.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización da persoa ou entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a correspondente certificación, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesadas xuntaránselles os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Para tal fin, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha epígrafe destinada para que a entidade interesada outorgue a súa autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade deses datos ou documentos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

6. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, polo que se desenvolve aquel, os representantes das entidades solicitantes poderán facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do DNI en vigor.

Artigo 7. Órganos competentes.

1. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto destas bases.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases ou na normativa de aplicación para ser beneficiario ou beneficiaria das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando o cumprimento dos requisitos para ser beneficiarias.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nestas bases ou na convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de declaración da súa inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe no cal figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes que cumpren os requisitos para obter a subvención, e no que se especificará a valoración que lles corresponde segundo os devanditos criterios. Así mesmo, indicarase o importe da axuda para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A comisión de valoración estará composta polos titulares dos seguintes servizos dependentes da Dirección Xeral de Mobilidade:

a) Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

b) Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

c) Servizo de Concesións.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A1 ou A2 da referida dirección xeral.

3. As solicitudes que non puidesen ser atendidas por insuficiencia de crédito quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, subvencionarse ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das entidades beneficiarias, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas. Para estes efectos poderán realizarse sucesivos informes conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10. Criterios de valoración.

1. A valoración das solicitudes formuladas efectuarase para o conxunto do plan formativo que presente cada entidade solicitante, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

i. Representatividade total da asociación ou federación no ámbito profesional, ponderada en atención ao número de vehículos pertencentes ás empresas integradas nela, segundo os datos que constan na Dirección Xeral de Mobilidade para os efectos de renovación da composición e votos do Comité Galego de Transporte por Estrada: ata 20 puntos.

No caso de que para unha mesma convocatoria presentasen solicitude unha federación e unha ou varias das asociacións integradas nela, para ponderar a representatividade daquela non se terán en conta os vehículos que correspondan a estas últimas.

As entidades que poidan ter a condición de beneficiarias por estar integradas no Comité Galego de Transportes, pero non sexan representativas de empresas titulares de vehículos con persoal de condución para o desenvolvemento da actividade ou do sector de actividade que representen, terán cero puntos nesta epígrafe.

ii. Adecuación dos temas obxecto de estudo ao interese público do transporte por estrada e ás necesidades de formación: ata 25 puntos.

Para estes efectos, cada actividade valorarase, atendendo á memoria presentada, de acordo coa puntuación que se indica no anexo II da orde pola que se aproban estas bases (columna Adecuación ao ámbito do transporte).

iii. A correcta execución das actividades que fosen obxecto de axudas outorgadas para a formación en relación co transporte por estrada en Galicia conforme estas bases reguladoras: ata 10 puntos.

iv. Custo do programa formativo, que se ponderará en atención á minoración que a suma do custo de todos os cursos supoña respecto dos importes fixados na guía de referencia. Por este concepto, a minoración máis alta recibirá 25 puntos, e as demais os que proporcionalmente lles correspondan.

v. Compromiso do uso da lingua galega no desenvolvemento da actividade: ata 10 puntos, avaliables segundo os seguintes criterios acumulativos:

– Uso da lingua galega na difusión e publicidade dos cursos: ata 1,5 puntos.

– Uso da lingua galega no material didáctico empregado: ata 3,5 puntos.

– Uso da lingua galega polo persoal encargado de impartir os cursos: ata 5,5 puntos.

vi. Compromiso de destinar unha porcentaxe do custo total do plan formativo para realizar cursos nas provincias de Lugo e/ou Ourense: ata 10 puntos. Para estes efectos, o compromiso do 100% recibirá 10 puntos, e os compromisos inferiores os que proporcionalmente correspondan.

O compromiso a que se refire este punto deberá ser respectado durante a realización da actividade subvencionada, dando lugar, en caso contrario, ás consecuencias que se sinalan no artigo 19 destas bases.

2. As axudas outorgaranse aos que ocupen os primeiros lugares na relación de entidades beneficiarias elaborada consonte os puntos anteriores, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Non obstante, ningún deles poderá recibir unha subvención superior á contía que resulte de aplicar, sobre o total do crédito orzamentario dispoñible, unha porcentaxe igual á da representatividade que teña a asociación ou federación no Comité Galego de Transportes, ponderada en atención ao número de vehículos das empresas nela integradas, incrementada nun 10%. Para facer esta ponderación será aplicable a regra contida no parágrafo segundo do punto i da alínea anterior.

Para estes efectos, as entidades a que se refire o parágrafo terceiro do punto i da alínea anterior terán como límite a mesma contía que lle corresponda á que menos vehículos teña do resto de asociacións ou federacións.

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. Á vista do informe da comisión de valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, para que esta dite a resolución que corresponda para cada entidade solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución, e procederse a resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes que estableza a convocatoria. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada á entidade solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de concorrer os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na sección de Mobilidade.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases e da correspondente convocatoria, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, ben de xeito directo, ben mediante equipos ou persoal externo designado e acreditado para o efecto, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a facer constar na publicidade e difusión dos cursos ou seminarios a lenda: «Curso / seminario / xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia».

3. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a pór á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade un mínimo dun 15% das prazas dispoñibles para cada curso (cun mínimo de 3 prazas por curso), destinadas preferentemente ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, das unidades adscritas a esta Comunidade Autónoma e das policías locais, que faga funcións de colaboración en materia de transporte; estas prazas non se computarán para os efectos de cálculo do número máximo de asistentes por curso, nin se acumularán ás prazas dispoñibles en caso de non ser cubertas por esta Administración.

4. Nos supostos en que os cursos ou seminarios subvencionados non sexan gratuítos para os asistentes, a entidade organizadora unicamente poderá percibir daqueles a cantidade correspondente á parte do custo non subvencionada. Este feito deberá constar documentalmente.

Artigo 15. Xustificación da subvención.

1. Dentro dos prazos que establezan na convocatoria das axudas, que en ningún caso poderán rematar despois do 10 de decembro do ano correspondente, as entidades beneficiarias deberán xustificar a realización das actividades subvencionadas achegando a documentación que se indica no punto seguinte.

Non obstante, e atendendo ás ordes de cerramento do exercicio orzamentario que dite a Consellería de Facenda, o prazo indicado poderá ser adiantado mediante resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, á que se lle dará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A xustificación farase presentando unha conta xustificativa que conterá a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación, na cal se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos. De ser o caso, nesta memoria deberanse especificar claramente as variacións introducidas no plan formativo inicialmente presentado, de acordo co disposto no artigo 2.3, así como aqueles cursos e/ou edicións que non se realizasen, e os motivos desta inexecución.

b) Relación clasificada dos gastos e investimentos que supuxo a execución do plan formativo, desagregada por cursos e edicións. Nesta relación deberase identificar o documento, o acreedor, a data de emisión, o importe e a data de pagamento.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil que estean incorporadas á relación indicada na letra anterior. Estas facturas deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

d) Documentación acreditativa do pagamento das devanditas facturas.

e) De ser o caso, documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.

f) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

g) Relación de alumnos de cada curso ou seminario, na cal figure o seu número de DNI, enderezo completo e teléfono de contacto. No caso dos cursos presenciais ou mixtos, esta relación deberá contar ademais coa sinatura de cada alumno.

h) No caso dos cursos a distancia, exemplares dos manuais e demais material elaborado para impartir o curso.

i) De ser o caso, as ofertas de tres proveedores diferentes e a memoria xustificativa da elección realizada, de acordo co que establece o artigo 18.5.

3. A documentación antedita deberá ser presentada directamente ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade, a cal poderá requirirlles ás entidades beneficiarias a incorporación de calquera outra documentación necesaria para pagar a subvención.

4. Transcorrido o prazo de xustificación que estableza a correspondente convocatoria sen que a entidade interesada achegue a documentación indicada, requiriráselle para que no prazo de dez días emende ese incumprimento.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e a exixencia das responsabilidades que puidesen corresponder segundo a Lei de subvencións de Galicia. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá á entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 16. Pagamento.

1. Unha vez examinada a documentación presentada consonte o artigo anterior aboaranse as cantidades que correspondan ás actividades correctamente realizadas, polos importes xustificados e sen que se poida superar, en ningún caso, a contía máxima concedida. Este pagamento farase mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

2. Poderán realizarse pagamentos fraccionados a conta da liquidación definitiva, que responderán ao ritmo de execución das actividades subvencionadas, cos seguintes requisitos:

a) A periodicidade destes pagamentos será mensual.

b) Únicamente se pagarán as contías correspondentes a cursos completos, nunca a partidas individuais dentro destes.

c) A porcentaxe máxima que se poderá recibir mediante estes pagamentos fraccionados será do 80% da subvención total concedida.

d) Para poder acceder a estes pagamentos a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación indicada no punto 2 do artigo anterior relativa ao curso ou cursos que se pretenden cobrar.

As entidades beneficiarias, como colaboradoras da Administración en representación do sector profesional do transporte por estrada a través do Comité Galego de Transporte por estrada non estarán obrigadas a constituír garantías para acceder a eses pagamentos á conta, de acordo co artigo 65.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias poderán solicitar, así mesmo, o pagamento anticipado de ata o 80% da subvención concedida. Para tal fin deberán presentar unha memoria na cal se especifiquen os gastos que se prevén cubrir co dito adianto, e constituír como garantía un seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou un aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

A dita garantía deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación que sinale a convocatoria, e cubrirá o 110% das cantidades anticipadas.

Artigo 17. Realización das actividades.

1. As actividades obxecto de subvención deberán desenvolverse segundo a planificación proposta na solicitude, concretando as datas exactas de realización unha vez se confirme a asistencia mínima prevista para cada actividade.

Non se poderán realizar as actividades e, por tanto, xustificar o gasto correspondente, de non se confirmar a asistencia mínima prevista para a propia actividade.

2. Para cada curso e, de ser o caso, para cada edición dentro destes, as entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte o seu inicio con non menos de cinco días naturais de antelación. Esta comunicación farase por correo electrónico, ao enderezo que se indique na resolución de outorgamento da axuda, e deberá ter o contido e o formato normalizado que para o efecto estableza a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

Alén do anterior, con non menos de tres días naturais de antelación á data de inicio, as entidades beneficiarias deberán comunicar, polos mesmos medios, a relación de asistentes admitidos á realización da actividade, coa indicación do seu nome e apelidos, documento de identidade, domicilio e teléfono de contacto.

Para garantir a adecuada recepción das comunicacións anteriores, poderáselles exixir ás entidades beneficiarias da axuda, en calquera momento, que aquelas se presenten, neses mesmos prazos, polos medios ordinarios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor poderá acordar, en relación con determinadas actividades, e co fin de garantir o adecuado control, que a entidade beneficiaria remita, por medios telemáticos, ao inicio de cada sesión en que se constitúa a actividade, a relación diaria de asistentes con indicación do seu DNI e sinatura, así como os partes de incidencias que podan resultar procedentes.

Artigo 18. Subcontratación.

1. As entidades beneficiarias das subvencións poderán subcontratar a realización dos cursos ou seminarios ata o total da actividade subvencionada. Non se considerará subcontratación a realización dos cursos por unha asociación profesional integrada na beneficiaria ou polas mesmas entidades que integran a beneficiaria; non obstante, non se poderá subcontratar con estas se teñen tamén a condición de beneficiarias da subvención.

2. De acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se asine por escrito.

b) Que a súa realización a autorice previamente a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade. Esta autorización deberá outorgarse no prazo de quince días desde a data de entrada da solicitude nos servizos centrais deste órgano administrativo, entendéndose outorgada se transcorre o devandito prazo sen notificarse a resolución.

3. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

4. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da citada Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, a menos que o devandito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou os servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, salvo que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e sexa autorizado previa e expresamente pola Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención nesta mesma convocatoria.

5. De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a realización do curso ou seminario, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o poidan realizar.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía. Deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 19. Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases, na convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Singularmente, e consonte o previsto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión da subvención:

a) Anular ou suspender un curso ou edición cuxo inicio xa fose anunciado nos termos do artigo 17.2 destas bases, sen comunicarllo á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte previamente. Porén, non se considerará que existe incumprimento se a anulación ou suspensión se debeu a causas de forza maior debidamente xustificadas, e así se comunica á devandita subdirección dentro das vinte e catro horas posteriores a producírense eses feitos excepcionais.

O incumprimento descrito no parágrafo anterior determinará a imposibilidade de xustificar e cobrar as contías correspondentes ao curso ou edición anulado ou suspendido, incluso se se realiza con posterioridade, e ademais incidirá sobre o importe final de axuda a percibir segundo a seguinte escala:

– A primeira anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 10% da axuda total a percibir pola execución do plan formativo.

– A segunda anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 25% da axuda total a percibir pola execución do plan formativo.

– A terceira anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 50% da axuda total a percibir pola execución do plan formativo.

– De producirse unha cuarta anulación ou suspensión, a subvención concedida será revogada e a entidade beneficiaria deberá reintegrar, de ser o caso, as cantidades xa percibidas.

As reducións indicadas e mais a revogación terán carácter acumulativo e aplicaranse sempre sobre o importe que resulte da documentación achegada na fase de xustificación da axuda.

No caso de que a entidade beneficiaria xa recibise algunha cantidade en concepto de anticipo ou como consecuencia de xustificacións parciais, a aplicación das reducións indicadas dará lugar, de ser necesario, á aplicación dun procedemento de reintegro.

En todo caso, o incumprimento da obriga de comunicar previamente a anulación ou suspensión de cursos ou edicións considerarase unha execución inadecuada das actividades formativas subvencionadas para os efectos do artigo 10.1.iii.

b) Incumprir a porcentaxe mínima do custo total do plan formativo que o beneficiario se comprometeu na descrición daquel a destinar á realización de actividades formativas nas provincias de Lugo e/ou Ourense.

A citada porcentaxe resulta vinculante para a fase de execución das devanditas actividades, de maneira que en ningún caso se aboarán cantidades por actividades formativas que tiveron lugar no resto de Galicia que estean por enriba da que correspondería unha vez descontada a porcentaxe que se comprometeu a destinar ás provincias de Lugo e/ou Ourense.

Se, como consecuencia de anticipos ou xustificacións parciais se incumprise a regra anterior, tramitarase o correspondente procedemento de reintegro pola diferenza.

2. Para facer efectivas as devolucións a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, os incumprimentos previstos no punto 1 deste artigo consideraranse unha execución inadecuada das actividades formativas subvencionadas para os efectos do artigo 10.1.iii.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Control.

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo, directa ou indirectamente, as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Habilitación de melloras ofimáticas.

A Dirección Xeral de Mobilidade poderá habilitar unha aplicación informática que, vía web, permita a transmisión da información referente ás actividades realizadas.

Neste caso, a partir da súa posta en funcionamento, a formalización de modelos, a remisión de datos de actividades, asistencias e incidencias, e demais comunicacións previstas nesta orde e/ou na convocatoria como de transmisión por medios dixitais ou electrónicos, substituirase pola súa carga pola entidade beneficiaria no contorno da indicada aplicación, resultando obrigatoria para este.

Disposición adicional segunda. Renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada.

No caso de que a tramitación de expedientes de subvencións convocadas consonte estas bases coincida cun procedemento de renovación da composición do Comité Galego de Transportes por Estrada, tomarase en consideración, para os efectos de adquirir a condición de entidade beneficiaria e calcular a súa representatividade, a que lle corresponda a cada asociación ou federación no momento de ditar a resolución de outorgamento da subvención.

Disposición transitoria única. Valoración de actividades formativas anteriores.

Na primeira convocatoria que se realice ao abeiro destas bases, para valorar a correcta execución de actividades formativas previas consonte o artigo 10.1.iii, tomarase en consideración a execución de programas subvencionados ao abeiro da Orde do 17 de marzo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e da Resolución do 20 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan para o ano 2010 as devanditas axudas.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 17 de marzo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 7 de abril). Non obstante, mantense en vigor a disposición adicional segunda e mais o anexo V da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 2 de xuño de 2008 (Diario Oficial de Galicia núm. 107, do 4 de xuño), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia que crean e regulan o ficheiro de datos de carácter persoal das persoas ou entidades solicitantes e asistentes ás actividades formativas.

Non obstante, as subvencións concedidas, así como os procedementos subvencionais iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derradeira única. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación destas bases.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file