Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20015

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 123/2012, do 18 de maio, polo que se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de transporte terrestre e marítimo.

O Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, estableceu un novo modelo organizativo no ámbito da Administración periférica de tal xeito que, en aplicación dos principios de austeridade, eficacia e racionalización da xestión, reformulou a estrutura da organización territorial da administración da Xunta de Galicia.

Na nova estrutura organizativa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas os servizos de mobilidade de cada unha das xefaturas territoriais son as unidades administrativas encargadas de desenvolver as funcións propias da consellería en materia de mobilidade.

No sector dos transportes por estrada, o Decreto 70/1993, do 10 de marzo, determinaba os órganos competentes para a imposición de sancións e, no ámbito da Administración periférica, atribuía ás persoas titulares das delegacións provinciais a competencia para a imposición de sancións derivadas de infraccións leves.

No contexto normativo sinalado, cómpre adaptar a actuación dos órganos con competencia sancionadora en materia de transportes á nova organización da Administración periférica da Xunta de Galicia e substituír esta última norma regulamentaria por unha nova que teña en conta o novo modelo organizativo adoptado.

A este respecto, en relación coa determinación dos órganos competentes para resolver os procedementos sancionadores, máis alá das adaptacións referidas, o presente decreto non supón modificación substantiva ningunha respecto á situación anterior.

Pero, ademais, débese aproveitar a aprobación da nova norma para incluír nela unha atribución expresa de competencias de iniciación e instrución dos procedementos sancionadores a favor ben das persoas titulares dos servizos de mobilidade de cada unha das xefaturas territoriais, respecto de infraccións cometidas no seu respectivo ámbito territorial ben da persoa titular do Servizo de Informes e Recursos da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, respecto daqueles procedementos que se inicien a consecuencia das actas de infracción que formule o persoal inspector adscrito á Dirección Xeral de Mobilidade.

Por último, inclúense no novo decreto as referencias necesarias respecto do ámbito do transporte marítimo en augas interiores de Galicia, sector este en que a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, transferiu á nosa Comunidade Autónoma as competencias correspondentes.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. É obxecto deste decreto determinar os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de transporte terrestre e marítimo.

2. Os órganos previstos neste decreto exercerán as facultades que se lles atribúen tanto en relación cos procedementos sancionadores tramitados no ámbito dos transportes de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia, como respecto dos que o sexan no exercicio de competencias transferidas ou delegadas.

Artigo 2. Órganos competentes para a iniciación e instrución dos procedementos sancionadores.

1. En materia de transporte terrestre e marítimo, corresponderalles ás persoas titulares dos servizos de mobilidade de cada unha das xefaturas territoriais a competencia para iniciar e instruír os procedementos sancionadores incoados en relación coas infraccións cometidas no seu respectivo ámbito territorial.

2. Non obstante, a dita competencia corresponderá á persoa titular do Servizo de Informes e Recursos da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte nos casos de procedementos sancionadores iniciados a consecuencia das actas de infracción que formule o persoal inspector adscrito á Dirección Xeral de Mobilidade.

Artigo 3. Órganos competentes para a resolución dos procedementos sancionadores.

1. En materia de transporte terrestre, os órganos competentes para a resolución dos procedementos sancionadores que se incoen serán os seguintes:

a) A persoa titular das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación cos procedementos sancionadores por infracción leve.

b) A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade, en relación cos procedementos sancionadores por infracción grave.

c) A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, en relación cos procedementos sancionadores por infracción moi grave.

2. Sen prexuízo do anterior, no caso de que nos procedementos sancionadores tramitados no exercicio das competencias previstas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en materia de transporte por estrada e por cable, se propoña a retirada definitiva da autorización administrativa para a prestación do servizo ou a incoación de expediente de caducidade da concesión, a proposta de adopción de tales medidas formularaa a Dirección Xeral de Mobilidade, a cal remitirá o asunto, para os efectos da súa resolución, ao órgano estatal competente.

3. En materia de transporte marítimo, os órganos competentes para resolver os procedementos sancionadores incoados son os que se determinan na Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 70/1993, do 10 de marzo, polo que se regulan os órganos competentes para a imposición de sancións por infraccións cometidas en materia de transportes mecánicos por estrada.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas